Mostrando entradas con la etiqueta Etnoarqueoloxía. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Etnoarqueoloxía. Mostrar todas las entradas

2/8/12

Shoots from Abyssinia


Hai uns días estivemos na preestrea en Compostela da longametraxe documental de Ovidio Fernández, unha recreación do mito de Ulises na figura do seu fillo abesha-galaico, quen regresa a Etiopía seguindo os pasos do crego portugués Pedro Páez. Toda unha road movie no Corno de África.
Tedes o trailer e información sobre o proxecto en
http://www.ovidiofernandez.com/

5/7/12

Arqueoloxía Agraria


Hai xa algúns anos puidemos comprobar in situ o excelente traballo de investigación en Arqueoloxía da Paisaxe desenvolto por Margarita Fernández Mier  nas terras asturianas de Vigaña. Daquela experiencia xurde agora un proxecto interdisciplinar en Arqueoloxía Agraria no que colaboran a Universidade de León, a Universidade Complutense e o Instituto de Arqueoloxía do University College de Londres. Este proxecto é irmán de Neixón e Torre dos Mouros, e os seus responsables cren e pratican unha verdadeira Arqueoloxía en comunidade.
Toda a información en tempo real en
http://arqueologiaagraria.wordpress.com/

28/5/12

Alacant


Estaremos uns días no congreso que organiza a Universidade de Alacant De la estructura doméstica al espacio social. Lecturas arqueológicas del uso social del espacio, onde presentaremos a ponencia. Todo queda en casa: espacio doméstico, poder y división social en la Edad del Hierro del NW de la Península Ibérica.
Aquí tedes o programa. Informaremos puntualmente.

http://dprha.ua.es/en/documentos/news/triptico-lause.pdf

21/5/12

Tabaco e rúa!



Nestes tempos de crise, e mesmo de testalán enfrontamento, gosto de maxinar esta feira do viño de Vilachá do ano 1900 coma unha herdeira fidel do espírito da Grecia clásica, coma unha réplica viva da animosidade do banquete galaico, coma un remedo do concello baixo o piñeiro de Brollón, coma unha ágora aberta a toda a xente, de aquí e de acolá. Como reza outro refrán: O que non ten casa nin viña, en calquera parte se aveciña.
Libación é liberación, por riba de todas as orixes, de todas as diferenzas, de todas as bandeiras, porque A cuba do bo viño non necesita bandeira. Deste xeito nolo recordan os Yellow Pixoliñas:
E non temos bandeira
nin himno nacional,
pero temos moito viño,
e augardente artesanal.
E falando de música popular, mentres rebule nesta feira o son de Salta no Cribo, dos Cuchufellos, da Cé Orquestra Pantasma e de Aires da Poxa, remato co recordo do meu avó, o Xesús da Corenta, caixista do cuarteto Os Agarimos. O gaiteiro do grupo segue sendo o Rubén de Castelo, o meirande facedor de palletas de Europa. Mentres el dálle ben á palleta o meu avó pegáballe mellor a mollar a palleta. Nas súas xiras musicais sabíase pronto se a parroquia de turno tiña bo viño: só había que escoitar á caixa do Xesús, no pasarrúas do serán. Se o viño era bo, o tambor d’O Corenta repenicaba con forza súpeta, sentíndose a caixa como se se achegase polo val todo un destacamento de húsares napoleónicos posuídos por unha poción máxica.
E antes de mollar a palabra, guímaros e guímaras, recordade esa vella sentenza que tantas veces teño sentido ao Corenta, pai e fillo, fideis amadores do viño de Vilachá:
O queixo cego,
o pan que vexa
e  o viño que eschameza…

E agora berrade todos comigo:
Viva o viño de Vilachá! Viva a Pobra de Brollón!
Saúde e República!

19/4/12

O Elinfante






Como sabedes, nos últimos anos temos traballado na fronteira entre Sudán e Etiopía occidental pescudando no modo de estar no mundo de comunidades étnicas marxinadas, perseguidas e escravizadas, como os gumuz ou os mao. Nestes pobos a Tradición confírelle moita importancia ao consumo ritualizado da cervexa en banquetes colectivos e á caza maior como rito de paso e prática cohesionadora dos varóns do grupo. O espallamento do Islam e dos misioneiros protestantes está rematando coa primera manifestación cultural mentres que o Estado abisinio, na súa angueira civilizatoria de antergos costumes, prohibe a caza a grande escala levada a cabo por estes grupos minoritarios.
En 2010 tivemos ocasión de observar as manobras dos inspectores do goberno para obviar a realidade étnica do grupo mao, minoría que habita os lindeiros occidentais de Oromía (vinte millóns de oromo cirtiáns ortodoxos e/ou musulmáns). O Goberno rexional nega esta realidade, considera os mao coma un clan oromo máis e ve nestas práticas cinexéticas unha inútil cousa do pasado. O bo da Etnoarqueoloxía é que nos permite contrastar a memoria material e a memoria histórica. Nas choupanas dos xefes mao penduran do esteo central os trofeos de caza, entre os que sobrancea a especie maís respectada e temida: o bisonte. Sen embargo, na memoria colectiva prevalece a lembranza do rei indiscutible: o elefante, extinguido nestas terras hai unha recua de tempo. Entre os gumuz de Metekel tamén se conserva o recordo das cacerías de elefante, um animal praticamente sagrado, agora convertido en toda unha metáfora literaria que forma parte da xenealoxía histórica dos gumuz e dos seus mitos fundacionais.
Aquelas cacerías desenvoltas por estes grupos premodernos pouco ou nada tiñan que ver con outro tipo de caza, a desenvolta pola elite que controlaba o poder imperial no Estado etíope. A fins do século XIX, os nobres amhara de Addis Ababa desprazábanse ás terras baixas para cazaren elefantes e gumuz. Como no caso da burguesía chilena da mesma época hai fotos de cazadores pousando o pé na cabeza dun ser humano: mapuches e gumuz como trofeo de caza. Esta é caza moderna, deshumanizada, como símbolo de ostentación social do Poder. Malia todo, a proverbial resistencia dos gumuz fixo que estes sigan existindo, mentres que os elefantes fuxiron definitivamente cara ao S. Doutra volta, o desprazamento de centos de miles de refuxiados sudaneses nas últimas décadas deu lugar a unha sobreexplotación do medio que pouco axudou á preservación desa especie en extinción, recluída neses parques naturais coñecidos por todos, dende Kenia até Sudáfrica.
A cobiza do marfín sempre estivo no maxín de todos os poderes coloniais dende o século XV, no Golfo de Guiné, for portugueses, españois, franceses, británicos ou holandeses. A illa de Mandji (Corisco) na que estivemos traballando o ano pasado, foi o encrave privilexiado para o embarque de escravos, colmillos, pelos e colas de elefante. Mesmo as comunidades locais do continente mercaban escravos aos europeos en troques de marfín. Como sinala o historiador catalán Gustau Nerín, cando os holandeses tomaron momentaneamente a posesión portuguesa de São Tomé en 1599, atoparon nos almacéns a módica cifra de 1.400 colmillos de elefante. O que resulta evidente é que o colonialismo europeo tratou por igual a persoas e elefantes. O incremento do prezo do marfín a partir de 1820 levou a pagar un duro español por 20 libras de colmillo de elefante. Mentres contra 1855 a trata de escravos xa desaparecera “oficialmente” no folgo de Guiné, a caza sistemática de elefantes seguiu sustentando a exportación de marfín, produto seguido moi de lonxe por madeiras exóticas, a cera e o caucho. Esta economía predadora levou á prática desaparación de determinadas árbores e dos elefantes na costa na década de 1890, razón de máis que levou aos franceses, alemáns e españois a encetar a conquista das terras do interior do Continente. Comezaba o século XX das prantacións, as grandes compañías e as explotacións forestais, o arrasamento dunha terra que foi lostregada por xente como Carrero Blanco no franquismo e polos Obiang hoxendía.
Da Guiné colonial contamos cun amplo abano fotográfico das cacerías levadas a cabo polos ricos explotadores españois, que emulaban a eses príncipes etíopes dos que vos falei ao principio. Estes retratos coloniais da década de 1940 para nada se diferencian da estampa do xefe de Estado do Reino de España en Bostwana en 2006. Algo lóxico se temos en conta que estamos a falar dun Borbón, que non fai outra cousa que seguer a tradición da escopeta nacional aprendida do seu pai e de Francisco Franco (de gatillo fácil), e transmitida ao seu neto (con notable éxito como se pode apreciar). Así e todo eu teño a sospeita de que Juanca estaba na sabana africana botando unhas salvas na honra da IIª República española,
Por unha banda, quizabes Juan Carlos de Borbón deba explicarlle ao elinfante Froilán que en certas zonas de África non hai nada máis sagrado ca un camposanto de elefantes e nada máis infame ca disparar a un animal indefenso. E se El-Rei quere botar uns tiros, coma o seu xenro, que lle poñan na Zarzuela unha diana con gallifantes rechamantes, moito máis limpos, baratos, ecolóxicos e divertidos. Ademais, os gallifantes, como os monarcas, non están en vías de extinción, ou si?

Publicado en Galicia Confidencial.

Fotografías: colonos españois liquidando elefantes en Guinea Ecuatorial

18/4/12

O demo anda ceibo


Imos andar unha tempada polas terras do Golfo Ártabro en traballos de prospección arqueolóxica do litoral, zona que coñecemos ben, xa que en 1999 fixemos o control arqueolóxico da construción da rede de gasificación. Polo momento, estamos a desfrutar dos primeiros inventarios e catalogacións feitas a comezos dos anos 80, nesa época esperanzada na que se poñía a andar a autonomía e estaba todo por facer. Daquela época é a Catalogación Artístico-Arqueológica del ayuntamiento de Cabanas (1986), estudo pioneiro feito por C. Toscano, S. Ferrer, J. Luaces e R. Penedo. Froito do enfoque etnoarqueolóxico asumido, inclúense lendas e relatos como o que segue (páxs. 110-111):
Hai uns sesenta anos contábase que o demo andaba ceibo polas fragas do Eume. Polas noites sentíase ruído como se rabanasen árbores e, sen embargo, pola mañá todo estaba igual. Contan que se vía a figura dun cabalo mouro moi grande e que cando os paisanos berraban "ay Jesusiño!" o cabalo trotaba cara a o río e se guindaba á auga deparecendo.
Ultimamente o demo voltou ás fragas do Eume, calcinando carballos centenarios.

11/1/12

Copito de Nieve


Día de feira en San Pedro de Entrambasaugas. Un fato de homes fai a dixestión de cadansúa ración de pulpo cun vasete de licor café. No mostrador da vella taberna pousan as maos un marroquino (café só) vendedor ambulante, un galaicovenezolano que recita decorrido os presidentes da República dende Bolívar, un galego con boina que retruca coa lista dos reis godos, un cubano fuxido do paradiso de Fidel, outro galego que toca a caixa e un mulato de nome Wisconsin, con nacionalidade holandesa, oriundo da illa de Curaçao, metido a ferreiro. Da conversa de sobremesa velaquí vai de proba un botón:
-Que mal vos anda a cousa...
-Si oh! Está morrendo xente que nunca morrera antes...
-A ver cantos quedamos dentro de cen anos…
-Por morrer morreu até a mona Chita, que manda chover na Habana...
-El tamén morreu o King Kong, dixeron na televisión trasantonte.
-King Kong non animal! O que foi para ao ichó éche o fulano ise da guerra de Corea, o Kim Yong il...
-Bueno, entre animales ándavos a cousa...
A leria devalou cara a un afervoado debate no que uns defendían a tese de que Copito de Nieve era un oso e os que xuraban pola botella de auga de San Xoán Bautista con todos os santos dentro e a Virxe de tapón que o Forlepas ese era un mono. Esta última hipótese era secundada con unllas e dentes por un dos galegos que tiña unha irmá casada en Barcelona e que se emperrechaba en afirmar que el vira ao mono ese do carallo e que o tratou de tú a tú, que asomellaba un home. Todo isto o dicía en castelán, claro, non só como concesión aos cascos azuis da barra, senón tamén para darlle solemnidade e garantía de veracidade ás súas verbas.
-E o becho ese comerá pulpo?
-Non sei, pero o parque no que o tiñan semellaba unha feira.
Eu si sei que Copito de Nieve é un gorila, por unha sinxela razón. A primeira imaxe que teño gravada no maxín, a miña primeira lembranza gráfica desta vida resúmese nun inmeso cristal detrás do cal, sen avisar, unha fera xigante adoptou unha postura bípeda mentres oubeaba coma un condanado. Eu, con apenas tres anos, preso do pánico, lisqueime cagando virutas, esbagoando coma unha Magdalena, mentres os visitantes ao zoo de Barcelona escachaban a rir, os moi cabróns. Estes días, máis de trinta anos despois, cando andan a promocionar a película de debuxos animados sobre Copito de Nieve, teño que recoñecer que non me fai graza ningunha. Así e todo, como ser humano que son, malia que non o pareza, fago como calquer neno en todo tempo e lugar: aquilo que che mete medo no corpo tamén che produce unha curiosidade tremenda que non é doado combater. Co paso dos anos seguinlle a pista a este gorila inmaculado, non só por mor da trauma infantil, senón polos camiños da vida. Por unha banda, esculcando sobre a arquitectura doméstica prehistórica din hai anos cun libro clásico titulado Etología de la vivienda humana: de los nidos de gorilas y chimpancés a la vivienda humana, publicado por Jordi Sabater Pi, un investigador catalán residente na Guinea Ecuatorial española entre 1940 e 1968, quen mercara o afamado gorila albino en 1967 a uns cazadores da etnia fang. Anos máis tarde, a Arqueoloxía levoume a Guinea ecuatorial onde puiden coñecer mellor o caso de Copito de Nieve e o devalar histórico da ciencia española na pequena colonia africana. Neste senso, o peso de Catalunya na Guinea colonial foi enorme. Parte da burguesía mercantil catalá investiu en negocios en Río Muni e Fernando Poo, mentres que o traballo suxo o facían misioneiros do tradicionalista Padre Claret. Neste contexto, a investigación científica foi protagonizada tamén por cregos e leigos cataláns que, como Sabater Pi, verquían os seus estudos en revistas coma o Boletín do Instituto de Estudios Africanos. Hoxendía a cousa non trocou moito, pois seguen sendo os cataláns os que controlan o cotarro da cooperación internacional española por alá.
Como dicía, Jordi Sabater, ademais de etólogo e eminencia dentro da primatoloxía internacional, fixo un amplo traballo etnográfico de campo, destacando as súas investigacións sobre a cultura material da principal etnia da parte continental, os fang. En 1967 mercou o Copito de Nieve e contribuiu a proxectar unha imaxe benigna do Rexime; nun intre no que era inminente a independencia da colonia, os "bos españois" salvaban da morte segura un animal único no mundo, que foi portada das máis importantes revistas internacionais. No fondo, Copito de Nieve era o derradeiro trofeo colonial, coma o negro de Banyoles, pero en branco... para moitos non vos habería moita diferenza.
Copito de Nieve morreu en Barcelona o mesmo día do mes de novembro de 2003 en que finou o meu avó, o Antonio de Nogueiras. Ambos os dous foron inmigrantes en Catalunya, fillos das miserias coloniais da España una, grande e libre.

Publicado orixinariamente no Galicia Confidencial

16/11/11

O pedrolo é noso


O panonio Martiño de Dumio, na súa angueira de corrixir a rusticidade galaica, constatou no século VI da nosa era a querencia dos labregos deste país polo culto ás pedras, unha tradición que seica proviña xa dos tempos prehistóricos.
Un sabio arquéologo portugués, Carlos Alberto Ferreira de Almeida, chegou a caracterizar a Idade do Ferro do NW da Península Ibérica coma unha “civilización da pedra”, e non lle faltaba razón. Outros investigadores, coma Carlos Alonso del Real, vían nas comunidades neolíticas artífices das antas e medorras a orixe de parte da cosmovisión campesiña posteriormente cristianizada por Martiño e os seus colegas. Non cabe dúbida que os galegos conservan un certo espírito megalítico, co seu amor polos menhires, mollóns e monolitos. Este cariño medrou coas posibilidades brindadas polos fondos europeos, como se pode ver en calquer rotonda, fonte, muíño, mirador, área recreativa ou aula didáctica deste país.
Chantar unha pedra nesta terra fisterrá non é unha broma. Na bacía media do Miño, o etnoarqueólogo Vázquez Varela ten estudado un curioso fenómeno sociolóxico. As comunidades gandeiras da serra do Suído erguen menhires propiciatorios da chuvia para garantir o verdor dos lameiros e as brañas no verao. Entrementres, os habitantes do Ribeiro, vendimadores sempiternos, pregan para que a auga non estrague os seus acios. Como estratexia contrarrevolucionaria, os homes do viño ruben á serra e deitan os menhires dos señores do gando. Estas pedras fitas posúen o mesmo valor simbólico que os mollóns que delimitan as parroquias, moitos dos cales reaproveitan penas naturais pero tamén ás veces auténticas pedras fincadas prehistóricas ou mesmo miliarios romanos, fitos na paisaxe aos que se vencellaban intimamente as comunidades locais. Un magnífico exemplo foi o acontecido nos anos da IIª República co miliario de Santiaguiño de Antas en Mos (Pontevedra), un marco divisorio entre parroquias empregado como escenario de práticas curandeiras e ritos de fertilidade tradicionais. O arqueólogo Rafael Rodríguez escavou o miliario en 2007 e puido documentar todo o proceso de cristianización da pedra, así como recoller esa vella tradición oral: “ós rapaciños cando tiñan un mal que non daba curado con menciñas traíanos os pais á pedra e sentábanos derriba dela e, días de pois, sandaban do mal”.
Como dicía, en 1932, o erudito Casto Sampedro, presidente da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra tentou levar á capital este mollón romano, solicitando o apoio do gobernador civil da provincia, que non era outro ca o historiador da arte e arqueólogo Ángel del Castillo. Unha comitiva encabezada por estes dous personaxes, máis Filgueira Valverde e a Garda Civil completábase cunha cuadrilla de obreiros coa que se tentaría substituír o orixinal por unha réplica in situ. O pobo reaxiu e a piques estivo de producirse unha carga policial. A resistencia popular fixo que a pedra ficase no seu sitio, acompañada da suposta réplica que a ía reemprazar.
As parroquias galegas non se andan con andrómenas á hora de defender o seu. Outro exemplo antolóxico foi o acontecido durante o reinado de Filipe II nas terras luguesas d’O Incio. Coa invasión musulmá, os mozárabes levaron canda si os restos do varón apostólico San Eufrasio, dende Andúxar até o val do Mao. En plena ofensiva contrarreformista, o xefe daquela da casa dos Austrias decidiu devolver o santo á antiga sé episcopal de Andúxar, o século XVI. Mi madriña! O dono do Imperio no que non se poñía o sol, mazo contra os mouros e os herexes, vencedor en mil batallas, tivo que dar marcha atrás perante a resistencia irmadiña dos parroquianos do val do Mao. É o que en galego se chama un trasacordo. O trasacordo de Filipe II veu dado por uns labregos que berraban, segundo as crónicas, o santo é noso!
Pedrolos e santos son a esencia do patrimonio que os parroquianos sinten como propio. As negociacións sempre son duras. Cómpre lembrar o que aconteceu na organización daquela exposición lexitimadora do fraguismo, Galicia no Tempo. Algunhas das pezas só puideron saír das parroquias por medio da intersección do representante de Deus na Galicia lucense, Rouco Varela, e da palabra de honra do káiser Manuel Fraga Iribarne, auténtico líder carismático para moitos galaicos do ager. Igual cós cascos de cervexa e de Coca-Cola, estes pedrolos e santos eran retornables.
De todos os xeitos, este é un proceso case que universal. A quen pertencen os obxectos? Localismo, política e identidade mistúranse cun aquel postmoderno nas reclamacións dos Papeis de Salamanca, a dama de Elche, as esculturas do Partenón... En Galicia contamos cun recente exemplo, de manual, mais desta volta nun contexto urbano. En 2003 nunhas escavacións arqueolóxicas nun solar da cidade olívica atopouse un ungüentario palestiniano (séculos III-VII d. C.) que foi levado para un Museo de Santiago de Compostela. Cando o caso salta á prensa, iníciase unha longa campaña con plataforma cidadá incluída (El ungüentario es de Vigo, era o lema). Resulta curioso como determinados obxectos invístense de capital simbólico no presente, mentres ninguén reivindica en Vigo, por exemplo, os kilos de ánforas, tégulas e cerámica común romana espalladas polos Museos de Galicia e recuperadas en xacementos vigueses.
O caso do ungüentario de Vigo resúmese nunha maxistral fotografía de Lalo R. Villar (El País, martes 8 de abril de 2008, Edición Galicia, páx. 12) tirada na inauguración da sala na que se expón a cobizada peza, un cacharriño minúsculo, dentro dunha pequena vitrina: tralo cristal vemos reflectidas as facianas cos ollos miopes, forzados para ver ben de cerca, da conselleira de Cultura e o alcalde de Vigo. Pequenos políticos localistas manipulando cultura material diminuta. Este é o modelo de xestión do Patrimonio Cultural neste país de xente menuda chamado Galicia.

Publicado orixinariamente en Galicia Confidencial.

Fotografía de Rafael Rodríguez: escavación arqueolóxica do miliario de Santiaguiño de Antas, en 2007.

14/11/11

Vuelve el tío de la bota


Luis Ayllón no seu blogue Terminal Cero:
Obiang: antes de votar, ni bebes ni conduces
Teodoro Obiang es una fuente de sorpresas. Su última ocurrencia ha sido cerrar los bares del país y no permitir la circulación de vehículos en vísperas de las votaciones del referéndum sobre la reforma constitucional en Guinea Ecuatorial, convocado para el 13 de noviembre.
El presidente ecuatoguineano, a través de su ministro del Interior, Clemente Engonga, que es también presidente de la Junta Electoral Nacional, ha anunciado que para garantizar el buen desarrollo de la jornada, desde el viernes día 11, los bares tendrán que permanecer cerrados y no se podrá vender bebidas alcohólicas en todo el ámbito nacional.
O sea que, nada de beber, pero tampoco de conducir. También se ha prohibido circular a los vehículos y demás medios de locomoción motorizada. Eso sí, se excluyen los vehículos de los miembros de la Junta Electoral Nacional, debidamente acreditados, así como “los vehículos de las fuerzas armadas y de la seguridad del Estado, los de los presidentes de órganos constitucionales, miembros del Gobierno, jefes de misiones diplomáticas; y los de organismos internacionales, ambulancias, bomberos, medios de comunicación social, servicios de aeropuerto y del personal religioso".
Más allá de la anécdota, el referéndum es una clara maniobra de Obiang para reforzar su poder, como han denunciado organizaciones de Derechos Humanos. Así, por ejemplo, aunque se limita por vez primera el mandato del presidente a dos periodos consecutivos de siete años, elimina el máximo de edad para ocupar el puesto. De esta forma, Teodoro Obiang, que tiene 69 años, podría ser elegido después de los 75.
Además, se crea el cargo de vicepresidente, a quien nombrará el propio presidente, y que asumiría automáticamente el cargo si Obiang muere o es declarado incapaz. Todo el mundo presume en Guinea Ecuatorial que el vicepresidente será su hijo Teodoro Nguema Obiang Mangué, popularmente conocido como “Teodorín”.
“Teodorín”, que ya es ministro de Agricultura y Bosques, es un personaje que está siendo investigado por corrupción en varios países y por lavado de dinero en Francia, España y los Estados Unidos.
En Estados Unidos, en concreto, el “caso Teodorín” se ha convertido en la estrella de una unidad del Departamento de Justicia dedicada a investigar la cleptocracia, los casos de enriquecimiento fraudulento por parte de altos dignatarios extranjeros, que atesores su bienes en Estados Unidos.
A “Teodorín” se le investiga, entre otras cosas, la posesión de numerosas cuentas y activos financieros, varias mansiones en Washington y California, una de ellas valorada en 30 millones de dólares; un avión Gulfstream G-V (38 millones de dólares); una colección de discos de oro y pertenencias personales varias de Michael Jackson; dos lanchas de recreo; y una impresionante colección de automóviles de lujo (siete Rolls-Royce, dos Bentley, un Maseratti, un Porsche, dos Lamborghini, cuatro Mercedes Benz, un Aston Martin y ocho Ferrari).


http://www.abc.es/blogs/luis-ayllon/public/post/obiang-antes-de-votar-ni-bebes-ni-conduces-10478.asp

8/11/11

A pedra de Rufino


Non sei se estivestes algunha vez visitando unha escavación arqueolóxica. Poucos sitios hai que posúan tal atración para concentrar tal riqueza e variedade de especimes humanos, comezando polos propios arqueólogos. Os castros de Neixón son un destes referentes topográficos para a análise sociolóxica e o desfrute antropolóxico. Un día de agosto de 2007 foi antóloxico neste sentido. Na mesma xornada pasaron por alí un emigrante boirense a Buenos Aires que non voltara en cincuenta anos e aínda non se cría o da ponte da Illa de Arousa, un mangallón californiano que veu ex profeso ao Barbanza a ver dólmenes e castros, un iluminado que vendía reloxos coa estampa da Virxe María, un ex-director de recoñecida revista madrileña nos anos 70, tarado e pretendido especialista no 23-F, un alto cargo militar que estudaba supostamente Historia na UNED e quería coñecer o castro prerrománico de Neixón... todos estes personaxes eran ben recibidos mentres escavabamos o recheo dun dos foxos que cingue a entrada SE ao recinto superior do Castro Grande de Neixón. Tras un día ricaz en achados materiais, espirituais e antropolóxicos, no serán, cando xa o sol se debruzaba sobre a serra do Barbanza, apareceu o último visitante do día. Un rapaz lanzal e alto coma un alcipreste. Dende alá no fondo do túnel dos mouros decatámonos da súa presenza aos dez minutos de chegar el. Hai xente, sobre todo a galega, que adoita ser silandeira, por precaución e respecto ao traballo. O rapaz, parco en palabras, chamábase Miguel Fungairiño, e estaba casado na parroquia de Cespón malia que el era de Taragoña, de alén ría, ao carón como quen di xa que un pode ir andando pola seca, como se facía antigamente para ir ás verbenas. Despois destes breves apuntes biográficos voltou o silenzo, unicamente se escoitaba o chofchofchof do paletín empurrando as cunchas protohistóricas de navallas, longueiróns, ostras e mexillóns. O vento mareiro agarimaba os piñeiros mentres os cantos d’O Charro arribando ao porto de Vidres se escoitaban en toda a contorna. Miguel Fungairiño semellaba un xigante chantado ao pé do foxo coma un estatua de guerreiro galaico. Finalmente, crebou o silenzo e preguntou cun aquel despistado: E atopades pedras con letras? O paletín, como se tivese vida propia, deixou de remexer... Cando un galego se pon tan misterioso só se poden agardar tres cousas: ou que agocha algo, ou que quere algo, ou que sabe algo. Neste caso venceu a terceira opción. Todo o mundo sabe o esforzo que ten que facer un mozo de fóra para pretender e casar nunha parroquia que non é a súa. Até hai ben pouco en moitas partes do país aínda se conservaba a tradición de pagar o piso e o tabaco, é dicir convidar aos rapaces da parroquia na que vivía a rapariga en cuestión. Viña sendo un rapto das sabinas civilizado, con compesacións algo máis ca simbólicas. Iso para comezar, porque despois está o amplo período no que se ten que amosar implicación coa parroquia de acollida. Quizabes Miguel Fungairiño, aproveitando o tirón mediático do proxecto arqueolóxico de Neixón, viu unha boa oportunidade para vencer aos puntos. Non sabemos. A cuestión é que o mozo desvelou o segredo; había moitos anos o seu pai, escañando para alicerzar a adega da casa, no lugar da Igrexa, en Taragoña, deu cun pedrolo ben feitiño de pedra de gra. Vendo a disposición do bloque granítico, o vello da casa tiña a intención de deitar a pedra no patio. Sen embargo, a muller da casa paralizou o empedrado proxectado cun argumento de peso: a pedra ten letras, hom! E este gusto pola grafoloxía fixo que a pedra acabase de banco ao carón do galiñeiro.
Con estes datos, a cousa prometía. Ao día seguinte marchamos para Taragoña, coa curiosidade tinguida pola auga entre doce e salgada da bacía de Beluso. Ao entrarmos no patio da casa topamos cun neno duns sete ou oito anos boureando coma un exorcista ás galiñas posuídas. A dona da casa, mariscadora curtida en miles de mareas, desculpou ao neno cun lacónico: Non fala, vén de Nova Iorque. Os berros en inglés de Queens semella que non contan como idioma nesta terra debruzada cara a todas as Américas. Á dereita do patio empedrado, contra un valado metálico, alí estaba a pedra, María Soliña. Unha abraiante estela galaicorromana, nun estado de conservación bastante bo, malia ter crebado o remate do campo epigráfico. En latín, con gueada das Rías Baixas dos séculos II-III d. C., pódese ler o que segue:

D(is) M(anibus) • Pos(uit)
Ursus
ingenu-
o suo • Ru-
fino • Pin-
[ta?]ni (filio?)

Que en romance vén sendo algo así como: “Aos deuses Manes. Púxo (o) Urso, para o seu (¿amigo?) Rufino, (fillo?) de Pin [ta?]no, de nacemento libre”. E coma no chiste, o final cómpre inventalo. Comprobado o alcance do achado, aparece o cabo da casa, mariñeiro en porto seco. Ao comentar o procedemento administrativo usual nestes casos, o vello, impasible, limítase a comentar cun xesto inequívoco coas dedas da man dereita: “o peixe, pescado, hai que cobralo”, deu media volta e perdeuse entre os viñedos. A mariscadora, completou a escena cunha frase definitiva: “Esta pedra naceu na casa, e aquí ha morrer”.
Ata aquí unha fermosa historia que podería formar parte dos Tesouros novos e vellos de Cunqueiro e que define moi ben a relación apaixoada da xente galega non só coa terra, senón co que sae dela. Pero agora vén a segunda parte, cando entra en acción a Xunta. O proceso foi como segue. A noticia aparece na prensa, sen cita algunha aos verdadeiros descubridores da peza, que non son outros que a familia Fungairiño. O titular, en perfecto castelán que é o idioma que se emprega na ciencia en Galicia, comentaba: Arqueólogos descubren en Rianxo una estela romana. Para certo xornalismo, falar de arqueólogos sempre dá un empaque entre misterioso e científico, que vende máis que falar duns paisanos de aldea. O impacto mediático desencadeou dous procesos bastante predecibéis: por unha banda, a marxinación dos lexítimos descubridores e a apropiación da noticia pola ciencia, e doutra banda, un certo nerviosismo na administración autonómica do Patrimonio que de seguida enviou un inspector para valorar que facer coa pedra de Rufino. Previa peritaxe e pagamento da peza, a estela de Taragoña, nunha operación audaz propia do comando que secuestrou a Eichmann na Arxentina, foi metida nunha camioneta e trasladada a outro concello: de Rianxo pasou ao concello de Boiro, ás dependencias do Centro Arqueolóxico de Barbanza. Alí repousa a estela de Rufino, cun pequeno cartel ao carón no que, por suposto, non aparece referencia algunha á familia Fungairiño que adoptou a pedra durante anos. Cando vexo a peza, orfa e soa, coma un moble máis, na fría Aula Didáctica, máis convencido estou de que o lugar do que nunca debeu saír é precisamente o patio da casa da Igrexa, coa dona da casa agarimando a pedra que naceu da terra, coma unha zarrota. Sempre é mellor un fogar ca un museo, para que os obxectos non morran e a memoria permaneza. Sit tibi terra levis no mundo da Museística, caro Rufino.

En homenaxe ao insigne epigrafista húngaro Géza Aldölfy (1935-2011), fidel garante do espírito maxiar de 1956.

7/11/11

De medorra en medorra


Cómopre subliñar un aspecto básico da relación dos galegos coa materialidade do pasado: a meirande parte da poboación deste país comeza a valorar algo o Patrimonio arqueolóxico cando pode fornecer un beneficio económico. Esta realidade poucas veces é tida en conta por eses fenómenos do Progreso e da Modernidade que son os técnicos comarcais de desenvolvemento local. Defenderemos a nosa tese cun exemplo, ao noso modo de ver, paradigmático desta actitude colectiva. Un par de parroquias lindeiras da terra de Lemos viven en paz até que chegan rumores dun suposto proxecto de construción dunha autovía. Malia que ninguén viu os planos e ningún topógrafo da Xunta, a Deputación ou o Estado pisou esas terras, os consellos de anciáns das parroquias X e Y comezan a maquinar. Cómpre maximizar o beneficio que conlevan as expropiacións. Supostamente a vía de alta capacidade vai ir pola aba dunha dorsal inzada de piñeiros dende hai corenta anos. O problema xorde cando se poñen en dúbida os límites entre ambas as dúas parroquias e a súa plasmación gráfica sobre o papel. Os ferrados en disputa, aparte de seren capital simbólico da dignidade e orgullo parroquial, tradúcense en moitos cartos de Deus. Até ese intre ninguén reparara nos mollóns e nas medorras, eses túmulos megalíticos neolíticos coñecidos noutras terras como mámoas, modias, arcas ou mamoelas. É o tempo dos avogados e dos peritos. Todos sabemos que os pleitos por lindes son un clásico do imaxinario colectivo deste país. O Arquivo do Reino de Galicia está cheo de expedientes interminábeis sobre currunchos milimétricos, sobre tesouro agochados e mollóns removidos. Nada novo nun país minifundista atlántico. Évos o mesmo Coristanco que Connemara, como ten dito Quico Cadaval, con moita razón.
O galego fetén, como diría Manuel Rivas, ten auténtica reverencia pola escrita. Quizabes sexa un recordo do analfabetismo endémico, un trauma da emigración, non sabemos. O que si é certo é que o pequeno propietario deste país garda coma o maior tesouro os documentos das leiras que lles leigaron as xeracións precedentes. Este devezo pola escrita debeu ser tan evidente que así se explica que durante a francesada, tanto soldados coma paisanos queimasen os arquivos onde se gardaban rendas e foros, coma unha ilusoria liberación revolucionaria dos servos da gleba. “Ante papeles calan barbas” é un coñecido dito que se repite a cotío para zanxar debates de cantina. Este apego documental do galego fetén fai que nos pleitos por lindes comecen a ser contratados non só peritos agrícolas e avogados, senón tamén historiadores e documentalistas, especialistas que saiban transcribir os vellos pergameos escritos na ilexible cursiva castelá. Nunca se cotizou tanto no agro galego o Catastro de Ensenada de mediados do século XVIII.
Voltando ao litixio lemavo que vos comentabamos, a cuestión non era doada, xa que os lindes entre parroquias defínense de xeito definitivo en época altomedieval, contra os séculos XI e XII, e daquela apenas contamos con documentación ao respecto. Perante esa ausencia de vellos papeis, os galegos xóganse todo coas pedras chantadas dende sempre. E aquí hai categorías. Non é o mesmo unha pedra con letras ca unha pedra sen nada ou unha pedra con debuxos. Esta é unha diferenza básica que define o ethos galaico e explica, entre outras cousas, o pouco aprecio que lle tiveron as comunidades locais aos petróglifos. Xa Buenaventura Aparicio Casado amosou hai tempo a prática ausencia de referencias folklóricas referidas á arte rupestre en comparanza coas medorras e os castros. Os debuxos dos petróglifos non poden competir coas letras dos mollóns de término, tan ben estudados polo ourensán Xesús Ferro Couselo. Neste caso da terra de Lemos os marcos correspóndense con grandes blocos de xisto cuarcítico chantados, seguindo unha prática tradicional na zona. Na meirande parte dos casos, obsérvanse rebaixes intencionais a xeito de sucos que semellan marcar o xiro e a orientación do límite cara aos outros dous límites máis próximos. A tradición oral, a antigüidade dos marcos e a súa constatación documental no século XVIII son probas que sancionan no século XXI os límites medievais entre as parroquias X e Y. Outra cousa é convencer a un xuíz que prefire un mapa falso do século XIX, porque é un documento, ao Patrimonio arqueolóxico. Nesta loita in extremis, chegou un momento no que a localización dos túmulos megalíticos, das medorras, resultaba fundamental para a resolución do conflito e para a definición dun linde formado por microtopónimos fermosos e suxerentes, como se cinguisen a Terra Media: A Pena da Burra, A Lomba, o Muíño de Cornide, a Fonte de Chandoiro, o Marco do Val, a Casa da Serra, a Casa da Compañía, a Medorra, a Retorta, Montemiau e a Medorra do Real. A esas alturas a xente das parroquias comezou a preguntar aos vellos, a facer auténtica prospección arqueolóxica, a localizar e limpar os vellóns mollóns, a balizar as medorras neolíticas. Estabamos sendo testemuña de toda unha estratexia de recuperación do Patrimonio arqueolóxico da man das propias comunidades locais, non por amor á arte nin por concienciación patrimonial, senón por interese económico e orgullo identitario. Chegou un intre no que os parroquianos actuaban como auténticos neoarqueólogos, definindo modelos locacionais dos túmulos megalíticos e trazando fronteiras imaxinarias. Cando se atopou a última medorra, que rachaba a hipótese mantida polos da parroquia veciña, un vello da parroquia X exclamou entre aliviado e enchido de razón: Que se crían estes listos da parroquia Y, que ía ser a cousa de medorra en medorra e tiro porque me toca, polo carallo arriba! Isto é o que os especialistas chamamos Posta en Valor.

14/10/11

Inauguración



Este 12 de outubro, festa nacional en Guinea Ecuatorial, o ditador Obiang aterrou na illa de Corisco para inaugurar o aeroporto internacional, unhas obras que coñecedes benos que seguides arqueoneixon. Para ver como funciona este rexime demencial guindamos aquí uns extractos da versión propagandística oficial:

El alcalde de Corisco dio la bienvenida a todos los presentes y recordó que el Presidente Obiang era el primer y único mandatario del país que había llegado hasta allí, porque ningún otro, ni durante la época de la colonia, ni durante el periodo de posterior dictadura, lo había hecho [o golpe de Estado deste fulano foi en 1979].
Por su parte, el responsable de la empresa Somagec –encargada de la construcción del proyecto- ambién habló del proyecto del nuevo puerto que próximamente se comenzará a construir y que servirá para recibir barcos de mercancías y deportivos. Será un puerto cuyo diseño respete el medio ambiente y la peculiar configuración que caracteriza a la isla, con su característica “estela” de arena. Por ello, esta infraestructura estará construida a 250 metros en el interior del mar y conectado por un puente sobre pilotes.
El Viceprimer Ministro Segundo Encargado del Sector Político y la Democracia y Ministro de Obras Públicas e Infraestructuras, Demetrio Elo Ndong Nsefumu, añadió datos sobre las nuevas infraestructuras de Corisco y recordó que todas ellas serían acometidas por el Gobierno con el fin de impulsar a la isla hacia un próspero futuro económico por medio del turismo; por eso, también mencionó que, junto con el aeropuerto y el puerto, se construirá un atractivo complejo turístico con bungalows de lujo. Asimismo, Demetrio Elo Ndong Nsefumu indicó que éste es un buen momento para que las iniciativas y los inversores privados presenten proyectos de este tipo.
Antes de que hablase el Presidente, tuvieron su turno los ancianos de la isla, quienes recordaron cómo, antaño, en las tierras del aeropuerto se cazaba y se pescaba y cómo esperaban que de nuevo estas tierras trajeran alimento a su pueblo, pero ahora por medio de una forma de vida actual. Los ancianos también mostraron su agradecimiento por la llegada a Corisco de todas estas innovadoras obras.
“Ya desde hace años, algunos turistas venían a Corisco arriesgando su vida en cayuco, lo que demuestra que es un lugar para el turismo”, dijo el Presidente, al inicio de su discurso ante la población de Corisco, a la que agradeció su masiva presencia.
Dirigiéndose a los corisqueños, el Presidente les invitó a realizar el cambio de mentalidad oportuno para recibir a todos los visitantes que llegarán a la isla. “Hacemos esto porque nos consideramos hijos de Corisco. Somos hijos de Corisco. Si ayer Corisco era un lugar olvidado, a partir de ahora será un lugar que frecuentarán todos los compatriotas de Guinea Ecuatorial”.

Oficina de Información y Prensa de Guinea Ecuatorial.
Fotografía de Fernando el Africano.

http://www.guineaecuatorialpress.com/noticia.php?id=1972#

12/7/11

Os camiños da vida


Na ría de Arousa, como en Galicia en xeral, experiméntase un conflicto entre a Tradición e a Modernidade, entre a vella cosmovisión das comunidades rurais e mariñeiras e un novo modelo de implantación no territorio no que prima o tempo sobre o espazo, a explotación económica acelerada sobre o sostenemento sostible. Un bo exemplo son as dúas pontes da vía rápida do Barbanza entre Taragoña e Cespón erguidas nos últimos 15 anos. Trazadas dacordo cun proxecto racional e moderno, estas obras de enxeñería constitúen unha obra pública de interese estratéxico para a Comunidade Autónoma, que permite á cidadanía percorrer o Barbanza a unha velocidade impensable décadas atrás. No que non repara ninguén é que esta infraestrutura se sobreimpuxo sobre os intereses da comunidade local, a xente que reside nese espazo e que queda fóra do valado da autovía, e polo tanto, fóra da realidade, do interese común, do presente urbano e cosmopolita da Galicia atlántica. Esas pontes conlevaron un impacto crítico sobre o espazo natural, trocaron as dinámicas deposicionais naturais, fixeron esmorecer unha das zonas máis férteis en capturas marisqueiras de toda a ría de Arousa. Estes danos colaterais son solucionados pola Administración pagando ás mariscadoras por non iren mariscar e erguendo peiraos e pequenos portos cos refugallos dos materiais sobrantes da obra.
Estas pontes son unha metáfora arquitectónica da carta de defunción dun mundo que marcha definitivamente. A lóxica capitalista que preside o presente non se decatará xamais que sobre este espazo para explotar e interconectar se estende outro espazo simbólico, imaxinario (Ayán e Arizaga 2005) no que os camiños da vida xogan un papel fundamental: os túneis dos mouros por debaixo da ría, as corredoiras efémeras na area polas que andaba a xentiña durante a seca para cruzar a outra beira, as congostras onde moceaban os nosos vellos camiño das festas noitaregas como marabillosamente amosou Toño Chouza na súa curta documental O Camiño da Loureira .
No noso traballo coa Asociación de Veciños Neixón de Cespón no marco do proxecto arqueolóxico dos castros de Neixón recopilamos fotografías dos vellos arquivos familiares (Dabezies 2009). Unha delas era un retrato dos anos 50 dos escolares do colexio da parroquia; ao ver esta fotografía, un veciño sinalounos que dúas das nenas eran da aldea de Nine, porque levaban postas senllas botas enlamadas. Daquela a congostra dende a igrexa a Nine e a Neixón era un camiño enlamado no inverno, un punto negro nas procesións fúnebres. A través da metahistoria dese camiño fomos reconstruíndo a historia da parroquia na segunda metade do século XX. Por ese mesmo camiño os mozos de Cespón levaban a ombreiros as imaxes cara aos castros de Neixón, na primeira edición da fanmosa Romería, en 1978. Hoxendía os santos van empoleirados sobre dous coches engalanados que ceremonialmente discorren polo camiño embreado e cinguido polos postes da luz.
A isto nos referimos cando falamos da necesidade de levar a cabo unha etnoarqueoloxía da paisaxe tradicional galega, unha paisaxe vertebrada polos camiños antigos, que sempre nos levan ao pasado, pero que tamén nos conducen, mal que ben, ao futuro.

Do noso artigo Entre ambas as dúas rías.

Fotografías: procesión da Romaría de Neixón en 1978 e 2009. Relixiosidade popular e vías de tránsito.

14/1/11

España' 82


O curso escolar 1981-1982 podemos consideralo, tralo tempo transcorrido, coma un previo intenso do Mundial de Fútbol España’82. A miña mai non daba abasto, coa manchea de consignas futbolísticas coas que partía a facer a compra. O éxito das súas xestións, e das súas dotes no mercado, permitiume completar a colección Fútbol en Acción, colección de 98 cromos sobre a Historia dos Mundiais, que viñan cos produtos Danone, ter a fotografía de cada un dos xogadores de España, que viñan por debaixo das chapas das botellas de Coca-Cola (eu sempre xogaba ás chapas no colexio coas facianas de López Ufarte e Arkonada), acadar en tempo récord o campo de xogo para o Sub-buteo, despois de almorzar litros e litros de Cola-Cao.
Eran os tempos de Naranjito e do coleccionable de Figurini Panini España’82, o tesouro máis preciado nos colexios da cidade, cos seus cromos adhesivos de última xeración. Ao remata-la escola, agardábanos a experiencia inédita de vivir un Mundial, en directo, alí perto de casa. En Vigo xogaban a primeira fase os equipos do grupo 1: Italia, Camerún, Polonia e Perú. O meu pai, bo extremo dereito nos seus anos mozos no equipo da editorial Bruguera de Barcelona, levoume ver o partido entre a Italia de Paolo Rossi e o Camerún de N’Kono e Roger Milla, o 23 de xuño de 1982. Daquela os negros, como se lles chamaba, resultaban simpáticos, por aquilo de ser un equipo humilde nun mundo de grandes potencias occidentais, pero ese agarimo non chegaba para que a xente non se volcase cos italianos (en Vigo máis de un e de unha se revolcou cos italianos). Eu mesmo non dubidei en elixir a bandeira de Italia nun dos postos ergueitos ao carón do estadio Balaídos. O partido rematara 1 a 1 e deulle o pase a Italia para a seguinte fase, quedando finalmente campeona contra Alemaña.
As estatísticas, as alineacións, os penalties quedarían para a historia, para as antoloxías do fútbol mundial, pero a meirande parte dos nomes, das persoas, dos xogadores da plantilla de equipos como Polonia ou Camerún, alonxáronse no tempo, esquencidos por todos nós. Que historia habería detrás de cada un? Lembremos a situación da selección polaca.
Un país do outro lado do telón de aceiro, mobilizado contra a ocupación soviética da man do sindicato Solidariedade, botándolle un pulso a unha superpotencia, incentivado por un Papa nacionalcatólico, enviaba os seus mellores xogadores a España, controlados por unha manchea de comisarios políticos. A imaxe dos futbolistas polacos quedou gravada na retina dos afeccionados, xa que moitos deles levaban mostacho, resaltado polo branco das camisolas e o remate vermello do pescozo. A meirande parte deles xogaba en equipos do país, coma o Widzew Lodz, o Wisla Krakow, o Legia Warszawa ou o Lech Poznan. Só algúns xogaban en Occidente (que lonxe queda esa dicotomía Este-Oeste) coma Andrzej Szarmach, no Auxerre francés ou Grzegorz Lato, no Lokeren belga. A conexión galo-polaca seguía funcionando na Guerra Fría.
Pola súa banda, Camerún era un grande descoñecido para todos. Era o único equipo africano no Mundial, xunto con Alxeria. A descolonización apenas supuxo unha potenciación do fútbol nacional nos países independizados, xa que os mellores xogadores marchaban a xogar ás grandes cidades das antigas metrópoles, adquirindo a nacionalidade dos países de acollida. En Mozambique e Angola, por exemplo, había unha canteira boa, con xogadores de talento, rematando todos defendendo a camisola portuguesa. Camerún de seguido se gañou o cariño da xente, que se mantivo ao longo da década de 1980, así coma o respecto futbolístico, constituíndo o precedente inmediato do boom do fútbol africano nos anos 90.
Pero en 1982 xa era un símbolo africanista para os poucos inmigrantes que daquela vivían en Ponte Vetera. De feito, había algúns pequenos comerciantes subsaharianos que vendían nas feiras da comarca, e que compartían piso nos arredores do Mercado municipal, perto do río. No noso barrio, contabamos cunha tenda de comestibles rexentada por Macumba, unha muller de Guinea Ecuatorial, da etnia bubi, casada cun ex colono español, en Río Muni. Tralo vidro da porta exhibía xa polo mes de maio, un póster xigante, escrito en francés, coas fotos dos xogadores de Camerún. Eu pasaba por alí tódolos días cando voltaba do colexio, e pegaba o fuciño á porta para tentar ler os nomes e apelidos daquela xente tan exótica: Thomas N’Kono (posteriormente porteiro do Español de Barcelona), Michel Kaham, François Dumbé Lea, Ibrahim Aoudou, Ephraim M’Bom, Edmond Enoka, Emmanuel Kundé, Theophile Abega, Joseph Kanga, Jean-Pierre Tokoto, Paul Bahoken, Ernest-Lottin Ebongue, Roger Milla (que aínda xogaría o Mundial de 1994 en Estados Unidos), Martin Maya, Jacques N’Guea, Antoine Bell… Todos xogaban en equipos da capital, Yaoundé, en Douala, ou en humildes equipos franceses, coma o Bastia, o Cannes ou o Quimper. Os goles de Roger Milla fixeron que o meu tío lle puxese o nome de Milla ao seu novo can. Até aquel momento botara man da tradición, poñéndolle aos cadelos os nomes dos xenerais franceses derrotados na Guerra da Independencia, como Ney ou Soult, de fonda raigame en Quiroga e na Terra de Lemos. Pero dende aquela gustoulle o resabio internacional, e a Milla seguiulle un Gadaffi, un Mitterrand, un Gorby e un Boris.
Cousas da antroponimia, mellor dito, da cánidonomia.
Co paso do tempo, de tanto fitar para o póster, a Macumba rematou por saudarme cariñosamente cada vez que pasaba pola tenda de ultramarinos (aínda que de ultra tiña pouco, porque os produtos viñan da mesma beira do océano que a nosa). Era unha muller obesa, cunha faciana fermosa, de beizos grosos e sorriso fácil. Seica coñecera ao seu marido, galego, nos anos 50. O franquismo, a contracorrente, mentres o resto de países preparaban o proceso descolonizador, incrementou o investimento en Guinea Ecuatorial, potenciou a chegada de novos colonos e espallou pola rexión á Guardia Civil, substituíndo aos indíxenas da Guardia Colonial. A brutalidade estendérase dende a década de 1910 como ferramenta útil para doblegar a resistencia do pobo fang a convertérense en braceiros das ricas explotacións de cacao na illa de Fernando Poo (hoxe, ou de sempre, Bioko). Seica o traballo da Guardia civil chegou ao exterminio xenocida dun clan enteiro, os osumu.
Yo soy aquel negrito del África tropical que cultivando cantaba la canción del Cola Cao. Es el Cola Cao desayuno y merienda...ideal
Este apoio inicial da metrópole crebaría posteriormente as esperanzas destes colonos afincados en Río Muni e en Fernando Poo; moitos deles sentiríanse traizoados polo Estado Español, cando a Dirección General de Plazas y Provincias Africanas comezou en 1967 a preparar a independencia definitiva. Un irmao de Macumba estaba vencellado ao Movemento Nacional de Liberación de Guinea Ecuatorial, liderado por Atanasio Ndongo, mentres o seu marido, pequeno empresario adicado á exportación de cacao, non vía con malos ollos o movemento nacionalista bubi, por cuestións afectivas e tamén por cuestións económicas; a independencia consolidaría o papel dos pequenos negocios na reconstrución da nova economía nacional.
O día 12 de outubro de 1968, paradoxicamente o Día de la Raza, Manuel Fraga, cunha garavata azul inzada de bandas coa bandeira española, a xeito de piloto de Iberia, recoñecía en Santa Isabel a separación da colonia, co líder local Francisco Macías. As expectativas da parella galaico-bubi derrubáronse deseguida, coas medidas antiespañolas tomadas polo novo Goberno, e a imposición da maioría fang sobre os bubi. Tras unha tentativa de golpe de Estado por parte de Atanasio Ndongo, parte da familia de Macumba foi represaliada salvaxemente, caíndo o país nunha ditadura brutal. Os dous voltaron a España en 1969, nunha tensa operación de repatriación, en buques de guerra da Armada.
A miña nai nunca entrou na tenda de Macumba a mercar nada. Había outras tendas perto de casa, dicía ela… e era certo. Pero esa explicación nunca me convenceu de todo. Nunha sociedade labrega tradicional como a galega, a percepción das outras razas e relixións exemplificaba o medo á diferenza. De pequeno miña mai contaba que cando chegaban os xitanos á aldea non podían montar o acampamento perto da casas. Trátabase dun imperativo consuetudinario que viña da noite dos tempos e que os propios xitanos asumían de contado, ocupando un espazo periférico da parroquia, o altiño do Cachón, lonxe de calquer núcleo habitado. Este espazo liminal, natural, oposto á paisaxe humanizada da aldea estaba cheo de perigos para os nenos e nenas da aldea. A miña bisavoa seica advertía á miña mai de que non se achegase polo Cachón, que os xitanos comían carne de cristián, e se pasaba un onda eles escoitaba afiar os coitelos. A antropofaxia considerábase unha prática propia da raza dos xitanos, aplicándose directamente unha propiedade característica doutra raza, non humana, senón mítica, como era a dos mouros que vivían nos castros e nas modorras. Maxino á miña bisavoa (sempre son as mulleres as garantes e transmisoras da tradición oral, da vida) a unha nena loira ao carón da lareira:
Este conto contáramo a miña mai cando era pequena; a miña mai era do Pireiro, indo para Domiz; a historia era dun señor do Mazo que fóra á feira á Puebla i elí encontrouse cun mouro que vivía no Pireiro, porque elí había unha mina e elí vivían os mouros; entonces os dous de volta seguiron subindo cada un prá súa casa, pero claro, chovía moito, e díxolle o mouro:

-¡Oes!, chove moito, quédaste eiquí.
E el foi e quedouse; e aló de noite decíanlle os fillos:
- ¡Papá, me ole cristianillo! ¡Me ole cristianillo!.
E dícelles:
-¡Pero si aquí no hay cristianillo!.
-¡Si papá, me ole cristianillo!;
E íbase facer de día e díxolle o mouro, ‘pois mira, marcha’; foi e doulle un saco cunha bóla de carbón e o home agarrou e marchouse; e en chegando xa ó pueblo dil, dixo ‘¡pero pra que levo esto eiquí! e tirouno no camiño e cando chegou alí quedáralle un cachiño e era ouro; voltou atrás pero ¡eí che vai!, non o encontrou.
A xente de Cerasia diferenciaba moi ben os xitanos dos húngaros. Estes últimos levaban carromatos diferentes e era xente adicada ao circo, á música e ao baile; e falaban diferente. Sexa como for, praticábase con todos eles unha política de exclusión espacial e cultural que foi finalmente recoñecida pola lexislación fascista da postguerra proibíndolle afincarse máis de tres días seguidos na mesma localidade. Igual que os mouros, detentadores de ouro e riquezas, para os paisanos a xente doutras razas compartían esa mesma característica: a improductividade, a xenreira ao traballo, a vagancia. Os cregos levaban esa vida na prática e non formaban parte, na mente dos labregos, dese grupo marxinal de vagos e maleantes.
Que curiosas opinións sobre as persoas, os pobos e as culturas alleas.
Entre 1904 e 1913 morreron na construción da Canle de Panamá uns 27.500 traballadores (segundo as curtas cifras oficiais). O gobernador ianqui da zona, Charles M. Magno, era da idea de que os chineses nunca sobrevivirían a tan duro traballo. En cambio, segundo deixou escrito un xefe de enxeñeiros das obras en 1906, a eficacia dos galegos non é só máis do doble cá dos negros, senón que resisten mellor o clima2. Nese ano quedaban vivos 40 dos 332 galegos que alá foran traballar.
Non recordo mercar nunca nada na tenda de Macumba. Hoxe, o baixo que ocupaba está compartido a medias por un Todo a Cen chinés e un chiringuito kurdo de kebabs.
O fillo de Macumba, galaico-guineano, que animaba a Camerún no 82, chegou a ser unha estrela do balonmán nacional, xogando moitos anos en División de Honra coas cores do equipo da cidade. Xa se sabe. O Cola Cao é o alimento dos deportistas. E el tomara dende pequeno o mellor cacao do mundo, mentres a súa mai o acariciaba cos cóbados chantados no mostrador, mirando como chuviñaba trala cristaleira da tenda.

España'82 é o capítulo 3 de Faranji.
En http://certo.es/index.php?page=espana-82

Fotografía: Manuel Fraga firmando a independencia de Guinea Ecuatorial en 1968.

6/1/11

Tincho



Juan Martín Dabezies, arqueólogo uruguaio compañeiro do Instituto de Ciencias dos Patrimonio (CSIC) volta á súa terra como docente e investigador tras gañar unha praza na Universidade de allá. Tincho redimensionou o noso proxecto arqueolóxico dos castros de Neixón abrindo novas liñas de traballo no eido da investigación audiovisual aplicada ao Patrimonio. O seu traballo de campo na campaña de 2008 forneceu horas de gravación que son un auténtico tesouro dese Patrimonio inmaterial que son os castros de Neixón. Pola súa vez serviu de rexistro empírico para a súa tese de mestrado que podedes descargarvos en http://www.eumed.net/libros/2009c/590/DIMENSION%20INMATERIAL%20DEL%20PAISAJE%20EN%20NEIXON%20GALICIA.htm
Recentemente vén de publicar "La fotografía como fuente de investigación histórico-antropológica. El caso del proyecto “Campo de traballo arqueolóxico no Castro Grande do Neixón” (Boiro, A Coruña)". Cuadernos de Estudios Gallegos, 123: 9-23.
En breve teredes unha versión en PDF deste artigo no apartado de produción científica.
Gracias Tincho polo teu traballo e a túa forma de estar no mundo.

31/12/10

Novos folgos





Estes días estamos argallando novas falcatruadas arqueolóxicas para o 2011, descansando por terras lemavas,entre a matanza do marrao e a poda na Ribeira d'O Eivedo, sobre o Sil. Tarefas étnicas que recordan o carácter cíclico da vida, a remanencia dun mundo que se resiste a desaparecer.

28/12/10

Arqueoloxía do colonialismo



Unha ollada etnoarqueolóxica da illa de Madeira dá para moito, detrás da faciana turística e cristianoronaldesca. Aínda se conservan paisaxes fosilizadas, como as antigas divisións entre as parroquias establecidas polos colonizadores, aldeas abandonadas, terrazas arqueolóxicas a mercede do vento, do salitre e da especulación urbanística. O noso paso por Madeira vennos moi ben para encetar a noso vindiero proxecto en Guinea Ecuatorial que dará inicio o 15 de xaneiro. Os portugueses achegáronse ao Golfo de Guinea tentando seguir o modelo de explotación e implantación no territorio levado a cabo na illa de Madeira. O problema é que nesas terras africanas contaron con máis competencia.

11/11/10

Pobra do Caramiñal


Este contedor de lixo atópase en pleno uso. En Guinea Ecuatorial? Non. Na Pobra do Caramiñal. Xa podedes xogar a interpretar por que este contedor de lixo de Malabo se atopa no Barbanza. Este pequeno detalle material pode dar lUgar a toda unha reflexión sobre a cooperación internacional. O caso é que nos serve para introducir en Arqueoneixon un país ao que iremos traballar entre os meses de xaneiro e febreiro de 2011, nun proxecto moi chulo que combina Arqueoloxía Histórica, Arqueoloxía do Pasado contemporáneo, Corrección de Impacto Arqueolóxico e formación dentro dun proxecto de ccoperación dirixido polo noso compañeiro Alfredo González Ruibal (INCIPIT, CSIC).

27/6/10

Ai dos korowai!


Fíxose eco a prensa nacional e internacional do censo dunha nova tribo ignota en Indonesia, unha xente que vive en cabanotes erguidos sobre as árbores da selva en Papúa. Fixádevos no discurso que reproduce a noticia de prensa:

Indonesia localiza y censa en Papúa una tribu perdida que vive en los árboles. Los misioneros pusieron al Gobierno sobre la pista de los korowai, anclados en la Edad de Piedra.

Hacía una década que el Gobierno de Indonesia recababa informes sobre la tribu korowai, suministrados por los pocos privilegiados que los habían visto: los misioneros cristianos de la región de Papúa, una provincia indonesia que ocupa la parte occidental de la isla de Nueva Guinea.
Indonesia, con 240 millones de ciudadanos repartidos entre 17.000 islas, realiza un censo de población cada década y, como tocaba este año, funcionarios del Centro Nacional de Estadística (BPS) decidieron seguir las pistas de los misioneros. El objetivo, localizar y censar una supuesta tribu nómada que construía cabañas en las copas de los árboles para evitar a los depredadores y cuyos individuos vivían desnudos, tapándose apenas con hojas de plátano y las pocas prendas que los propios misioneros habían logrado entregar a los niños.
Dispuestos a localizar a los korowai, embarcaron en rudimentarios botes con los que remontaron varios ríos hacia el corazón de la selva. Tras dos semanas de viaje en las que siguieron al dedillo las indicaciones de los misioneros, lograron alcanzar a pie una aldea de esta tribu nómada, de la que censaron finalmente a 2.868 individuos. Al igual que los sacerdotes, utilizaron un lenguaje gestual para comunicarse con ellos.
Los korowai habitan en la zona oriental de la provincia de Papúa, una zona semimontañosa y pantanosa situada a pie de bosque. La localidad más cercana es Merauke, que atrae a inversores interesados en el negocio de la caña de azúcar.
Los korowai son recolectores y cazadores, pues se alimentan tanto de hojas como de los animales que capturan. Sobre ellos pesa además una leyenda de canibalismo no constatada.
«Sus casas están en los árboles y su vida sigue anclada en la edad de piedra, pero ahora que sabemos quiénes son, su número y sus características, ya nunca estarán perdidos y aislados. Podremos darles acceso a la educación y a la atención sanitaria como a cualquier otro ciudadano de Indonesia», dijo a AFP el oficial Suntono, máximo responsable de la BPS en Papúa.

Eu de ser un korowai iría facendo as cabanas aínda máis arriba, vendo o que lle ven enriba, nunca mellor dito.

Texto de La Voz de Galicia. Fotografía AFP.
http://www.lavozdegalicia.com/sociedad/2010/06/25/0003_8571548.htm