19/5/09

II Maio Solidario

A exposición fotográfica Onde as rúas non teñen nome comisariada por Sonia García Rodríguez (LAPA, IEGPS - CSIC) estará no Cárcere Vello de Corcubión do 22 de maio até o 30 de xuño de 2009. Asemade, dentro do Maio solidario daremos a charla Xentes de aquí e de acolá: galaicos, castrexos e abisinios sobre o noso traballo etnoarqueolóxico na fronteira entre Etiopía e Sudán en 2006 e 2009.

Arrecendos púnicos



Na Festa celta de Santa Comba contamos coa presenza dun artesán de València especializado na realización de réplicas de cacharros cerámicos íbero-púnicos. A súa fermosa tenda-obradoiro permite recoñece-los tipos dos cacharros que nos aparecen esnaquizados no Castro Grande de Neixón, procedentes de Túnez, deIbiza ou de Cerdeña: kalathoi, askoi, ánforas do século III a. C. aparecen revividas perante os nosos ollos das mans deste artista.

Los Tres Supertamaricos


Esculcar como debeu ter sido a música na época dos castros non resulta nada doado, de aí que se bote man dun remix no que se misturan Assuranceturix, o bardo da mítica aldea gala, Brave Heart, o ciclo artúrico, a gaita galega das cantigas de Santa María con máis peluxe do normal... Daquela non había cassettes nin cintas limpadoras para o Seat Panda, e os discos habían ser de lousa. Quen falou dos Tamara? Velaí tedes o precedente castrexo: os Tres Supertamaricos.

15/5/09

Satisfaction

Os políticos unicamente valoran o presente. Así lles vai. Os arqueólogos e historiadores en xeral sabemos que cómpre un pouco de perspectiva para valorar o que pasou. Co paso do tempo un dáse conta do valor de Neixón. O sábado pola mañá, unha compañeira levou a cabo unha visita guiada polo casco histórico de Compostela dirixida a nenos da Asociación de Altas Capacidades de Galicia. A nai dun dos nenos comentou que o seu fillo fora de visita ás escavacións de Neixón hai dous anos e que desde aquela quedou prendado da cultura castrexa e da Arqueoloxía, e que lles obriga a visitar tódolos castros escavados do NW. Onte mesmo, outro compañeiro que veu onte de Sevilla de dar clases nun máster de Arqueoloxía, mandounos recordos dunha rapaza francesa que estivo no campo de traballo de Neixón en 2006 e que lle recoñeceu que esa experiencia foi o que a levou a voltar a España e estudar Arqueoloxía. Dúas simples anécdotas, pero que enchen de contido, valor e razón o noso traballo como arqueólogos.

12/5/09

Concelleiros de Cultura


Por fin temos unha evidencia do que moitos sabiamos dende hai tempo, que moitos concelleiros e concelleiras de Cultura dos concellos galegos son trasgos disfrazados de humanos, coma os lagartos da mítica serie V. Paseniñamente estes trasgos estragan as cousas que están ben feitas, adícanse a maltratar o Patrimonio Cultural no territorio que dominan, empecínanse en desfacer os proxectos e as iniciativas dos humanos. Loxicamente os trasgos loitan pola súa supervivencia, cada catro anos. Xa queda menos.

Nenos galaicos


Por suposto a Arqueoloxía pouco ten que dicir ao respecto. Semella que non fai falla. A xente desfruta e os nenos divírtense xogando a seren máis galaicos do normal. O trasfondo destes eventos de Historia Viva non é baladí. Aconsello vivamente a leitura do libro de Ana Ibarra Da Arqueoloxía ao soño popular: a deconstrucción da paixón céltica (Toxosoutos, 2007). Tedes unha recensión nosa en http://culturagalega.org/lg3/extra_recension.php?Cod_extrs=1450&Cod_prdccn=1032

Symbols in action


Pendóns ao vento con emblemas heráldicos (torques, trisqueis, dragóns), tríos musicais céltigos, tiro con arco, petroglifos celtas con significado, tendas de campaña a xeito de xusta medieval, druidas, guerreiros, falcóns, xogos de mesa, labirintos... toda unha escenografía que se vai creando e amoldando ao calendario festivo, retomando anacos de diferentes realidades imaxinadas. E a Arqueoloxía?

Poboado xalleiro

Velaí tedes 2000 anos de involución urbanística. Non sabedes o difícil que é explicar a uns amigos uruguaios a arquitectura vernácula moderna galega, pasando por Santa Comba, Vimianzo, Baio, Laxe... pero podería ser Verín, Chantada ou A Cañiza. Doutra volta, resulta interesante como a poboación deste país ten asumido un modelo icónico do que era unha cabana celta, modelo baseado na reconstrucción de dúas choupanas do castro de Santa Trega levada a cabo pola Sociedade pro-monte en 1965 e 1972.

Santa Comba


Esta fin de semana tivo lugar a celebración do Beltaine en pleno centro urbano de Santa Comba. A festa converteuse nunha exaltación gastronómica do porco celta, animal que, alomenos, non fornece ácido úrico. O bonito destas romaxes e recreacións é que pasan olimpicamente dos arqueólogos; como me dicía un contacontos-titiriteiro: es que los arqueólogos cortáis mogollón el rollo. Todo un alegato contra o purismo cientificista.

8/5/09

Volksgeist

Centroeuropa está presente nesta aldea postmoderna. Os emigrados no seu día a Suíza e Alemaña recrean unha escenografía alpina con tellados en caída libre, cartelería en alemán e bávara terraza-cervexería. Todo vale para a decoración enxebrista. Curiosa combinación de trisquel céltico e tradicional remate de hórreo ou panteón, reminiscencia do barroco rural galego. Mentres as rosáceas (carro, leito, cabazo) decoran ruínas, os trisqueis emerxen coma o símbolo do futuro, como petroglifo celta con significado que coroa a resurreccion dunha aldea antano morta.

Pedra e tempo


Aldea en Pontecaldelas. Terra de canteiros, de emigrantes a Lisboa e a Río de Janeiro. Unha esquela adorna a porta dunha capela: Mario de Souza Vázquez, nacido en Río hai 90 anos. R.I.P. Historias de ida e volta. Chalets indianos de comezos de século, casiñas labregas abandonadas. Hoxendía, este curioso hinterland de Pontevedra e Vigo acolle segundas residencias de médicos, avogados, neohippies, neorrurais... a aldea revive con novas e vellas arquitecturas, mentres segue esmorecendo a ruína etnoarqueolóxica dunha sociedade campesiña que xa non é.

7/5/09

Viriato en Manteigas


Un bautizo na Serra da Estrela é todo un espectáculo emocionante. O vermouth acompáñase de historias de colonos en Angola, enchoupadas en ollos morriñentos e desleigados. A sobremesa estírase con fados e cancións da serra como aquela que canta ao San Lourenço, no alto, ao sopé do campo dos romanos, onde Viriato derrotou os exércitos enviados pola Urbs para vencer os lusitanos. Cristianización, Historia Oficial e historia popular entretecen todo un imaxinario colectivo modulado polo conflicto, a emigración, o contrabando, a industria téxtil, a fronteira. Unha casa grande de 1913 dános unha lección maxistral do século XX luso, co protagonismo dunha fidalguía adaptada aos novos tempos, fidel protagonista do Estado Novo durante décadas, presente na desfeita colonial e na Administración do Estado. Unha clase social que, coma os obreiros e camponeses, seguen a ver en Viriato un referente identitario e simbólico, un incentivo emocional para vivir o presente e encarar un futuro, cando menos, incerto, na vila de Portugal con meirande qualidade de vida.

6/5/09

Serra da Estrela

A paisaxe glaciar máis meridional de Europa, a serra da Estrela na Beira interior, a montaña de Portugal. Novamente, os vértices xeodésicos emerxen apropiándose do espazo, xenerando un territorio cartografiado, medido, controlado. Veñen substituír aos petroglifos, ás cruces, ás capelas que coroan batolitos e espazos simbólicos, lugares onde pasaban cousas, por veces, inexplicables. A domesticación moderna dunha paisaxe salvaxe, de toda unha cartografía da saudade.

4/5/09

A fronteira

A fronteira entre Galicia e Portugal, no Baixo Miño, non só é unha construción política, senón tamén material. O sistema de fortificacións que conforman as fortalezas dámbalasdúas beiras do río crea unha nova paisaxe, e sanciona un novo espazo, o territorio político da Modernidade. Non protexen unha fronteira: crean esa fronteira. A monarquía portuguesa aprópiase do territorio como así fan todos os Estados. No fondo, o vértice xeodésico do século XX e a garita do XVII que vedes na fotografía respostan á mesma dinámica, a dinámica do poder: cartografía e control do espazo en distintos tempos. As nosas compañeiras Rebeca Blanco e Sonia García levan tempo estudando esta Arquitectura dende a Arqueoloxía. Más información no artigo de Arqueoweb:

http://www.ucm.es/info/arqueoweb/numero7_2/conjunto7_2.htm

Fotografía: fortaleza de Lovelhe en Vilanova da Cerveira.