Alobre: unha oportunidade perdida
O castro de San Cristovo, de Vistalegre ou de Alobre é o sitio arqueolóxico máis emblemático da ría de Arousa. Este poboado fortificado é un referente para reconstruír a evolución histórica da bisbarra dende a orixe do castros até os trocos acontecidos durante a romanización. Aquí se atoparon as primeiras evidencias do intercambio castrexo co Mediterráneo (fíbula de navicella dos séculos VIII-VII a. C.), proceso no cal este castro vai xogar un papel importante. De Alobre partían os barcos cargados de ánforas de viño e aceite, para deseguido remontar o río Ulla cara ao interior de Galicia. Pola súa vez, este castro forma parte da propia historia da Arqueoloxía galega, sendo obxecto de estudo no pasado século por eruditos locais como Fernández Gil y Casal ou polo intelectual galeguista Fermín Bouza Brey, compañeiro de fatigas arqueolóxicas de Cuevillas nos anos 1920 por estes recantos da ría de Arousa. Asemade, tamén é un ben patrimonial que cómpre xestionar no presente, sobre todo nunha cidade, Vilagarcía de Arousa, que medrou dende a chegada do tren destruíndo grande parte do seu Patrimonio Cultural. A este respecto, estamos diante dunha problemática tamén vivida por outras urbes galegas e que se tentou xestionar na pasada década. Así pois, en Vigo, a través do Plan E encetouse un proceso de musealización da área escavada no castro emprazado en pleno centro, mentres que en A Coruña contamos co exemplo do proxecto Artabria que puxo en valor o castro de Elviña. Estes tres xacementos, Elviña, Vigo e Alobre comparten as mesmas características: grandes poboados que medran vencellados ao comercio nos séculos II-I d. C. e que na segunda metade do século XX se convertiron en espazos degradados, marxinais e abandonados por todos. Non obstante, constátase unha notable diferenza no caso de Alobre. Así pois, na última década, mesmo antes da crise, desenvolveuse aquí un proxecto de recuperación do xacemento arqueolóxico con grandes investimentos. Malia o impacto mediático das sucesivas campañas de intervención, os resultados das mesmas non revertiron na comunidade científica (non hai publicacións nin en papel nin dixitais) nin na sociedade en xeral. Ese ambicioso proxecto (que custou uns cartos que agora non se teñen) tampouco mellorou a situación dun espazo no que únicamente se ven uns muros descontextualizados con paneis explicativos desactualizados. O castro de Alobre merece unha segunda oportunidade, no marco dun novo proxecto de xestión patrimonial levado a cabo por profesionais serios e políticos honestos e que conte coa participación activa da comunidade local.
http://www.lavozdegalicia.es/noticia/arousa/2012/02/29/unha-oportunidade-perdida/0003_201202A29C3993.htm