29/5/12

O tesouro dos bárbaros


Esta magnífica exposición ilustra unha historia que sempre se queda nas fontes clásicas, nos mapas de distribución dos pobos xermánicos durante as invasións, en fríos relatos históricos... cando foi un tempo de trauma, violencia e destrución. Úrsula Heimberg ten estudado a fondo as invasións xermánicas do século III en Xermania inferior. Por ela coñecemos o espeluznante caso do campamento auxiliar de Krefeld-Gellep, onde se escavou todo un campo de batalla. Os esqueletos de 124 persoas, incluíndo mulleres e nenos e de 23 cabalos, o que corresponde, aprox. a unha centuria de soldados de a pé, algúns civís e un escadrón de cabaleiría. Os caídos ou asasinados xacían no espazo de culto refundido dun antigo templo a Mitra, que serviu de foxa común, e nos seus arredores. Os corpos foron soterrados a toda présa, uns sobre doutros, e foron cubertas con cal como medida de desinfección. Catro moedas de prata acuñadas en 258/59 atopadas no moedeiro dunha muller datan a catástrofe.
Esta anovada Arqueoloxía Clásica infunde esperanzas para relanzar o estudo dos mal chamados séculos escuros na Gallaecia. O impresionante Cronicón de Hidacio está a agardar unha contrastación arqueolóxica, cando menos.

O botín dos Alamanes sen Merkel



A composición deste tipo de depósitos extraídos pola draga entre Seltz e Mannheim (a mellor área para cruzar o Rhin para os xermanos), a concentración nesta zona, o seren coetáneos... exclúen que o conxunto de achados fose consecuencia de accidentes de botes ou de barcos máis grandes, así como que se tratase de ofrendas. Xa as incursións de 259-260 d. C. actuaran como detonantes dunha crise do Imperio que levou á fundación dun segundo Imperio romano que duraría 14 anos (260-274 d. C.), o alcumado Imperio galo. Esta entidade naceu como consecuencia, precisamente, dun botín xermano recuperado polo Exército romano. o xeneral de turno (Póstumo) repartiuno entre os soldados e o emperador de Roma reclamouno. Este asunto rematou coa proclamación de Póstumo como emperador alternativo e coa independencia de facto das terras de Britania, Hispania, Galia e Xermania.As incursións xermánicas mantivéronse deica o ano 278, ano en que o emperador Probo voltou asegurar as fronteiras.
A realidade amosada por este depósito compleméntase co abraiante depósito de Hagenbach, onde se localizou un peculiar conxunto de adornos e grande cantidade de placas metálicas votivas porcedentes de santuarios rurais romanos do Sur de Aquitania. Esta é unha proba irrefutable do amplo espazo de actuación dos saqueadores xermanos, neste caso, sen dúbida, alamáns, contra o 259-260 d. C.

Fotografía: pezas de prata do depósito de Neupotz, esnaquizadas para o reparto do botín.

Na procura do botín



Testemuños de antigos autores, evidencias epigráficas e nomeadamente o crecente número de restos arqueolóxicos, fan que xurda paseniñamente de entre a néboa da historia unha época movida e sinistra para os habitantes das provincias romanas como foi a do segundo terzo do século III d. C. A relativa calma das provincias do norte chegou á súa fin a partir do ano 233 d. C. coa incursión de continxentes xermanos en Raetia. Os xermanos dectáronse moi tarde neste intre, de que o limes, podía ser acadado e ultrapasado de xeito doado, especialmente nos intres en que a vixiancia esmorecera por mor da retirada de tropas cara o limes oriental. O punto culminante deste proceso deuse a fins de 259 d. C. Os xutungos xermánicos atacaron Raetia e o norde de Italia; os alamáns penetraron na Xermania Superior e as provincias do Sur da Galia, mentres que os francos avanzaron pola Xermania inferior e o norde da Galia. As pegadas da devastación e os saqueos foron marcando o camiño destas tribos. Incursións por todo o territorio conduciron ao saqueo de asentamentos, fincas e santuarios. O reparto do botín realizábase no camiño de volta (polas propias vías romanas) ás súas áreas de orixe, antes de levar a cabo o perigoso cruce do Rhin. Por este motivo abundan as pezas esnaquizadas tencionalmente para seren repartidas. Non importaba a función e utilidade do obxecto romano de turno, senón que o valor viña dado polo propio material (ferro, prata, bronce).
Neste camiño de volta a casa resultaban perigosas as emboscadas levadas a cabo pola rápida frota romana do Rhin. Probablemente moitos alcanzaron a súa patria sen sufriren dano algún, pero outros non tiveron tanta sorte e caíron en mans da frota romana, ou alomenos perderon o seu botín durante a loita. Este foi o caso do depósito de Neupotz, que remaneceu no fondo do Rhin até 1980.

Fotografía: decantador de viño romano con decoración nielada, formando parte do depósito de Neupotz. Tipoloxicamente, en castelán, é un cuenco con pitorro y cubierta parcial. Viña sendo un recipiente multifuncional na mesa e servía tanto para verquer o viño como para coar as herbas e especias aromáticas.

O depósito de Neupotz


Vou seguer o texto do especialista Richard Petrovsky para tentar transmitirvos a importancia histórica destes tesouros do Rhin.
O achado de Neupotz, Kreis Gemersheim, en Renania-Palatinado, é o meirande e máis amplo depósito de época romana xamais descuberto. O achado saiu á luz en 1980 de xeito accidental durante unhas obras de dragado nun antigo brazo do Rhin (non vos recorda ao noso Ulla?). Componse de bastante máis de mil obxectos de ferro, bronce, latón e prata. Nin sequera os achados de Pompeia e Herculano fornecen algo comparable. O depósito de Neupotz constitúe, xunto con outros depósitos da mesma zona (Hagenbach. Liegenfeld ou Otterstadt), unha excepción: son os botíns reunidos polos saqueadores xermánicos nas súas incursións de pillaxe polas provincias romanas. Durante a retirada, afundiu nas augas do Rhin e preservouse durante séculos na húmida area do leito fluvial. Este depósito ten un potencial informativo extraordinario, xa que está composto de vaixela de mesa e de cociña, de ferramentas, de utensilios para a agricultura e de partes de carros, todos, de época romana, e abre unha fiestra á vida cotiá das provincias do NW galo-xermánico ao longo da primeira metade do sécul III d. C. Con todo, non se conservaron os materiais inorgánicos do botín, comida, gando e textís. Este depósito confirma de xeito abraiante como aínda restan momentos estelares para a arqueoloxía.

O MARQ


Cando Vargas Llosa critica a trivialización da cultura e mesmo en Galicia bourean voces como a do catedrático Bermejo Barrera (Os señores da mentira, Lóstrego editorial, 2012), quen nega que a cultura e a xestión do Patrimonio (a Historia-lixo) incidan no PIB dun país, vai o Museo Arqueolóxico de Alacante e cumpre dez anos. Nesta década pasaron por alí 1.600.000 cidadáns. A entrada custa unicamente (en relación calidade-prezo) 3 euros. O impacto no desenvolvemento da cidade de Alacant é obvio, basta con visitar o Museo e falar con veciños e comerciantes da contorna, pero claro, para facer iso cómpre abandonar as catros paredes das Facultades. En todo caso, fálovos deste Museo, inaugurado en 2002 trala rehabilitación do antigo Hospital Provincial, para tentar transmitirvos esa marabilla que é a exposición El tesoro de los bárbaros, coorganizada polo MARQ e mailo Historische Museum der Pfalz, Speyer, Alemaña).

28/5/12

Alacant


Estaremos uns días no congreso que organiza a Universidade de Alacant De la estructura doméstica al espacio social. Lecturas arqueológicas del uso social del espacio, onde presentaremos a ponencia. Todo queda en casa: espacio doméstico, poder y división social en la Edad del Hierro del NW de la Península Ibérica.
Aquí tedes o programa. Informaremos puntualmente.

http://dprha.ua.es/en/documentos/news/triptico-lause.pdf

23/5/12

Mar de Arousa!


¡Mar de Arousa, Mar de Arousa! ¿Non dis que es noso? E se es noso, se te-lo noso espírito, ¿como non te sentes magoado por ter que reflexar, un día e outro día, este sol que nos trae a fame, que nos pode trae-la peste? ¿Non gustas mellor de ollar no teu espello, aqueles ceos cheos de nubes tan fermosas e tan cambiantes? ¿Lembráste delas? Eran ás vegadas rizosas e bucólicas, dispúñanse outras en sucos dereitos e paralelos, imitantes ás que se fan na túa forxa cando sopra o vento. ¿Lémbraste? ¿Non gustabas ti daqueles ceos cincentos, que te enchían a ti de doce melancolía? ¿E daqueles outros mouros, amoreados, roxos de lóstregos que tanto prestixiaban a túa sona temerosa? E se amas eses ceos, Mar de Arousa, ¿que fas que non mandas ás túas augas encol dos nosos eidos?; ¿que fas que non baleira-la túa fartura para acorre-la nosa necesidade?
Mar de Arousa, ¿é que xa non e-lo noso irmán? ¿É que es xa un mar doméstico, preocupado do turismo coma un hoteleiro? ¿É que queres imitarte ó teu curmán o Mediterráneo, e gabacheas coma el de cor azul, de brillo e de sol?

Florentino López Cuevillas: paragrafo de O Poema da seca (1926).

22/5/12

Só dunha vez

Só dunha vez, e por un breve intre, estiven en Rianxo; mais quedoume para sempre na lembranza unha imaxe súa, composta por anacos de cousas desordenadas, anque nidias nos seus perfís individuais. E cos ollos interiores, con eses ollos que non se abren nin se pechan cando un quere, vexo a torre dunha igrexa, o balcón de pedra dun pazo, os brasóns das fachadas fidalgas; e logo, a  gracia recollida dunha casa mariñeira, un peirao e un mar azul.
Rianxo non ten, de seguro, prehistoria. Vila da beiramar, debeu nacer nos tempos da romanización, baixo o patronato dun "dominus"; ou na Idade Media, dun golpe autoritario dun báculo fundador; mais a prehistoria anda derredor dela. Anda na Barbanza, onde pacen ceibes, privados da presencia de xinetes e de pegoreiros, as vacas e os cabalos de que se ocupou o amasiano ó falar das fuxitivas Casitérides; e anda, asimesmo, na Punta do Neixón, naquel Castro Pequeno, morea de cunchas, de pedras e de terra, que garda o segredo da xuntanza dos vellos fundidores de machados de bronce, e dos primeiros forxadores das espadas de ferro.
Mais a Rianxo non lle importa a prehistoria, non lle interesan os comenzos e as orixes, porque sabe ben que ten unha alma galega, veña de onde veña.
Ten unha alma e ten un mar; un cachiño de mar no fondo dunha ría, mais tan soado, tan ben louvado, cantado con tanto xeito que non o hai igual en toda a nosa terra.
O mar de Rianxo foi o que meteu dentro do espírito de Castelao o grande amor que encheu a súa vida. O mar de Rianxo guiou a Manoel Antonio polos seus roteiros líricos, e formou a personalidade de Rafael Dieste. E alá nos séculos longanos, cando aínda os mouros estaban nas terras hispánicas, o almirante do mar Paio Gomes Chariño, debeu lembra-lo mar de Rianxo, o mesmo cando estaba en Sevilla que cando prisioneiro dos enemigos en Alxeciras laiaba a súa dor:
Dixéronme hoxe, ai amiga, que non
é meu amigo almirante do mar.
Estiven en Rianxo cando aínda era mozo: e agora que xa vou vello, quero mandarlle o meu saúdo, porque sei que é un dos poucos lugares en que Galicia se resiste a deixar de ser.

Florentino López Cuevillas, 1952. 
En Prosas Galegas.

21/5/12

Herdeiros pola Forza en Ribeira




Este xoves ás 20:30 do serán un fillo do Barbanza e un adoptado presentamos Herdeiros pola Forza, no Ateneo Valle-Inclán. Alí vos agardamos.

Tabaco e rúa!



Nestes tempos de crise, e mesmo de testalán enfrontamento, gosto de maxinar esta feira do viño de Vilachá do ano 1900 coma unha herdeira fidel do espírito da Grecia clásica, coma unha réplica viva da animosidade do banquete galaico, coma un remedo do concello baixo o piñeiro de Brollón, coma unha ágora aberta a toda a xente, de aquí e de acolá. Como reza outro refrán: O que non ten casa nin viña, en calquera parte se aveciña.
Libación é liberación, por riba de todas as orixes, de todas as diferenzas, de todas as bandeiras, porque A cuba do bo viño non necesita bandeira. Deste xeito nolo recordan os Yellow Pixoliñas:
E non temos bandeira
nin himno nacional,
pero temos moito viño,
e augardente artesanal.
E falando de música popular, mentres rebule nesta feira o son de Salta no Cribo, dos Cuchufellos, da Cé Orquestra Pantasma e de Aires da Poxa, remato co recordo do meu avó, o Xesús da Corenta, caixista do cuarteto Os Agarimos. O gaiteiro do grupo segue sendo o Rubén de Castelo, o meirande facedor de palletas de Europa. Mentres el dálle ben á palleta o meu avó pegáballe mellor a mollar a palleta. Nas súas xiras musicais sabíase pronto se a parroquia de turno tiña bo viño: só había que escoitar á caixa do Xesús, no pasarrúas do serán. Se o viño era bo, o tambor d’O Corenta repenicaba con forza súpeta, sentíndose a caixa como se se achegase polo val todo un destacamento de húsares napoleónicos posuídos por unha poción máxica.
E antes de mollar a palabra, guímaros e guímaras, recordade esa vella sentenza que tantas veces teño sentido ao Corenta, pai e fillo, fideis amadores do viño de Vilachá:
O queixo cego,
o pan que vexa
e  o viño que eschameza…

E agora berrade todos comigo:
Viva o viño de Vilachá! Viva a Pobra de Brollón!
Saúde e República!

18/5/12

Ryvoira Sacrata


 Existe un vencello estreito entre as cóbregas, os castros e as vides. Todos tres procuran o sol con teimosía. Os nosos castros, como o Castro de Piño, Castrosante e Castroncelos, A Coroa do Castro e o San Lourenzo en Cereixa, a Eira dos Mouros da Brence, a Roda do Castro de Salcedo ou o castro da Lama en Barxa de Lor son verdadeiras solainas prehistóricas que como xirasois envorcan o seu corpo cara ao sol. As abas dos nosos castros serían despois o solar propicio para as mellores cepas das parroquias que non contaban co tesouro da Ribeira. Nesas viñas vellas, hoxe esmorecidas, convivía a area sedimentaria depositada polo escoar lene de ríos pleistocénicos, coas camisas das serpes e coas cepas vellas, esas cepas que trouxeron de Franza os monxes bieitos na Idade Media.
A milagre da Rivoyra Sacrata foi obra de xeracións antergas, de homes, mulleres e nenos que escacharon a lousa, ergueron as adegas, os cómaros, os socalcos e os pataos, que pagaron as rendas aos señores da terra e do ceo co suor da súa pel, que apenas sabían a onde ía o viño ribeirán, durante séculos cobizado nas Illas Británicas e no Norde de Europa. Este labrado de xentes traballou arreo para que herdaramos unha paisaxe monumental que xa non é patrimonio de frades, cregos, mosteiros ou condes, senón de toda a humana xente. Esta masa anónima de canteiros do pobo foi a que ergueu tamén estas adegas de Vilachá que veñen sendo unha pétrea versión de xisto, seixo e lousa do Monte Testaccio de Roma, erguido durante séculos polo verquido a rentes do porto de Ostia de millóns de ánforas de viño.
Ao longo da historia o viño foi ferramenta do colonialismo, excusa para a explotación social do campesiñado, mecanismo de ostentación da riqueza, pero nunca deixou de ser un vencello de unión, unha ferramenta para o diálogo, o goce e o lecer. Na sociedade grega o acontecemento social máis importante era o alcumado symposium, un encontro no que comensalidade, banquete e viño servían de chanzos para soster a escada do diálogo e o divertimento.  
O viño acompaña dende sempre ao concilio, ao consello, ao consenso. Como os vascóns coa súa árbore de Guernika, as xentes da nosa terra contaban co lanzal e rumoroso piñeiro de Brollón, á sombra do cal se reunía a asemblea do pobo. Este esteo da liberdade quedou para sempre reflectido no emblema heráldico do concello da Pobra de Brollón. Este escudo podería amosar unha serpe enroscada na cortiza do piñeiro, como símbolo da opresión feudal dos condes de Lemos. Mais non. No brasón a que agarima o piñeiro centenario é unha fermosa cepa de vide.

16/5/12

ólas do mar de Vigo, se vistes meu amigo



Por iso recuperamos estas vellas adegas de Vilachá, aquelas ruínas do pasado que hoxe son para todos nós bens patrimoniais e símbolo material da nosa identidade. Porque bebemos para lembrar, vivimos para non esquencer. Tal facían hai máis de dous mil anos todos os pobos galaicos. Estes antergos habitantes dos castros non tiñan vides pero coñecían o viño grazas aos navegantes mediterráneos. Os barcos cartaxineses chegaban ás Rías Baixas cangados de perfumes, aceite e, sobre todo, anforiñas de viño.
Segundo Strabon as xentes dos castros embriagábanse en bebedelas nas que rulaban as xerras en rolda seguindo a orde da idade e mailo rango. A obra de arte máis fermosa e acabada feita polas maos das alfareiras dos castros é a alcumada xerra Toralla, chamada deste xeito porque foi descuberta por primeira vez no castro da illa de Toralla, nesa portela natural aberta ao mundo que é a ría de Vigo. Ólas do mar de Vigo, se vistes meu amigo… Esta xerra que vedes ten dous mil cincocentos anos de antigüidade, e nela quedaron estampadas as ondas do mar, os parrulos das xunqueiras, lagoas e gándaras da costa. É aquí onde se rexistra por vez primeira a querencia polo naturalismo da arte galega. O mesmo amor pola natureza que agroma en cada patao da Ribeira.
Os barcos procedentes do Sur rubiron tamén polo Miño arriba pousando o viño nos castros do interior. Así coñeceron por vez primeira os lemavos o sacro líquido de Baco. No século I a. C. a burguesía mercantil de Gadir, a mesma que financiou a campaña militar galaica de Xulio César inzou o noso país de viño de purrela. Quizabes por iso, por moito Medulio que mediase, Roma conqueriu grande parte de Galicia sen necesidade de batallar. Co viño chegou a pax romana. Daquela o río Sil servía de limíte entre a Galicia romana do Sur, máis desenvolta, e a Galicia lucense, seica máis tradicional e arcaica. Atrasados serían, pero os pícaros lemavos quedaron coa ribeira boa, coa aba quente do canón do Sil. Os lemavos non elaboraban viño antes da chegada de Roma, mais soñaban con el. Velaquí novamente o poder creativo da imaxinación e a forza dos soños no devalar histórico do noso país.

15/5/12

O viño chispeiro non precisa de pregoeiro



En Vilachá de Salvadur évos ben certo aquel refrán que di: O viño chispeiro non precisa de pregoeiro… Así e todo velaquí van estas verbas dun guímaro arqueólogo  de Cereixa que gosta de mollar a palabra. A xenial novelista de misterio Agatha Christie sempre aconsellaba ás súas amizades casar cun arqueólogo ou arqueóloga porque canto máis envelleces máis atención che presta. Por iso eu son máis de viño vello ca de viño novo. O viño vello axuda a vencer as saudades entre a vendima e a castañeira. Xa se sabe, ao vello, o viño, faino mociño. E viños e amores, os vellos son os mellores.
Os arqueólogos esculcamos as pedras, as ruínas e as cousas de antes. Unha adega abandoada é a imaxe máis tristeira da morte dunha casa. Como reza aquel verso da poetisa Xiana Arias: as casas morren máis cando non se derruban. Pola contra, unha viña coidada na Ribeira é símbolo máxico do rexurdimento cíclico da vida. O petrucio das Letras Galegas, don Ramón Otero Pedrayo, xeógrafo que definiu como ninguén a paisaxe da bocarribeira, escribiu en 1929 unha obra de teatro popular alcumada A Lagarada. Nesta farsa tráxica, un arqueólogo arriba na época da vendima a unha parroquia a rentes do Miño co gallo de encetar unha escavación no mouro e enfeitizado monte Medelo. Nestas páxinas, don Ramón de Trasalba fai un canto á tradición, facendo falar ós vellos trebellos abandonados, dende unha pipa arcada de carballo até unha vella alquitara que se queixa magoada do seu pasado glorioso:
Son un chisme doutro tempo, astrolóxico, noxento, pantasmal. Coma o vello Ciprianillo viñen no tempo de millo, pra iste chan. Sei segredos de licores, sei de cencia, sei de amores, que sei eu! Mais no tempo que corremos só fago medo aos nenos. Vou morrer! Ese mozo de alambique falangueiro e atolado fai esa podre augardente que lle gosta á parva xente...
Don Ramón tiña razón. As paisaxes teñen vida, as cousas falan e a terra ten memoria. O alcumado Patrimonio Cultural non é outra cousa que o resultado da loita entre o esquencemento e a memoria. O mestre Álvaro Cunqueiro, deixou escrito en La cocina cristiana de Occidente: El vino hace siempre un gran esfuerzo por hacerse amigo del hombre, por habitarle los sueños, por despertarle la memoria. Se bebe para recordar, que no para olvidar.