30/11/10
29/11/10
Xeira
Gracias ao entusiasmo de Manuel Gago (emparapetado nunha das fotos) tivemos ocasión de participar nunha fermosa xeira por terras barbanzonas e aledaños co gallo de visitar eses castelos cos que anda enleado ultimamente. Temos andado moitas dorsais e cordais deste país pero xúrovos que patear polas terras míticas e certas de Luania, polo castelo de Fruime ou polo coto da Moureira son experiencias fermosas, sobre todo en días como o pasado domingo, con esa luz preciosa e a neve empoleirada na Serra do Barbanza.
Publicado por El Ayán o 29.11.10 2 comentarios
Categorías: Arqueoloxía e sociedade, Teoría arqueolóxica
25/11/10
Mafiosos do pasado
Fructíferas foron as Xornadas de Xoves Investigadores organizadas polo Laboratorio de Arqueoloxía da Universidade de Vigo na Facultade de Historia a pasada semana. Este Laboratorio está a facer un moi bo labor de divulgación a través, entre outras cousas, do blogue http://lauv-web.blogspot.com/ De aquí tomamos a fotografía que vedes: unha reunión de arqueólogos no Alcapone, os mafiosos do pasado. Gracias, Martín.
Publicado por El Ayán o 25.11.10 1 comentarios
Categorías: Arqueoloxía e sociedade, Teoría arqueolóxica
23/11/10
Neixón n'A Lanzada
Mañá mércores ás 19:30 na Casa das Canteiras de Noalla exhibirase o documental O'Neixón: historia viva dun castro, producido polo Laboratorio de Patrimonio (CSIC) e dirixido por Lukas Santiago. Esta foi a primeira longametraxe documental da Arqueoloxía galega (2008) e reflicte o proxecto de Arqueoloxía social desenvolto na área arqueolóxica de Neixón (Boiro, A Coruña) entre 2003-2008 co gallo da celebración dun campo de traballo arqueolóxico internacional. O proxecto d'A Lanzada 2010 bebe directamente do aprendido nesa experiencia.
Publicado por El Ayán o 23.11.10 0 comentarios
Categorías: Arqueoloxía e sociedade, Teoría arqueolóxica
Existimos
A nosa traxedia é que somos unha minoría étnica no noso propio país. Négasenos a fala, a dignidade da nosa tradición. Por riba a Administración trátanos como asturtzales, como radicais que vivimos nun universo paralelo, como fósiles que reinventamos un pasado. Aquí, esta noite de foliada, neste bar de Puela d'Allande, aquí, existimos.
Os fascinantes discursos identitarios. Os de fóra damos tabaco, aínda así temos a nosa opinión. En Astúries convive a dereita covadonguista de toda a vida cun rexime político dominado por un socialismo institucionalizado. O nacionalismo asturiano divídese en grupos e grupúsculos sen opción algunha. Este panorama político define unha sociedade na que se deu un paso brusco, traumático e definitivo dunha sociedade campesiña a unha sociedade industrializada. A revolución de 1934 nunca tería acontecido en Galicia daquela, por exemplo. O pseudofracaso da industtrialización de Galicia conlevou unha permanencia máis lonxeva das formas campesiñas e mesmo do idioma. En Asturies non. Aconsello vivamente ler o libro de Xuan Bello Historia Universal de Paniceiros, un alegato lírico a prol da microhistoria da man dun escritor minorizado que escribe nunha lingua minorizada, non recoñecida como oficial no Estatuto de Autonomía. Canto tempo lle queda ao asturiano?
Fotografía: reloxo da Casa do Concello de Puela d'Allande e participante na foliada nouturna do XI Seminariu d'Estudios Asturianos.
Publicado por El Ayán o 23.11.10 0 comentarios
Categorías: Arqueoloxía e sociedade
Patrimonio intanxible
Vénse de considerar a dieta mediterránea como Patrimonio intanxible da Humanidade. A dieta atlántica da Nova Allandesa con pote asturiano, repolo recheo, truitas e demáis non lle anda á zaga. O verdadeiro Patrimonio inmaterial é contar con individuos como Ástur Paredes que leva máis de trinta anos rexistrando, debuxando e fotografando a arquitectura rural tradicional asturiana. A súa ponencia é emocionante. A dixitalización do seu arquivo permite coñecer como eran dormitorios tradicionais aínda a comezos dos anos 80, como eran as máis variadas pallozas, como eran paneras con gravados do século XVI e XVII. Si, dicimos ERAN, porque xa non están. Nós en Galicia temos o Museo do Pobo Galego, pero pouca xente como Ástur Paredes, verdadeira memoria viva do seu pobo, a memoria encesa d'un país.
Nas fotos podedes ver ao etnógrqafo Astur Paredes facendo bo uso do cachu, un cunco de madeira onde se bota o viño e que vai pasando de man en man entre os comensais, e bailando unha danza prima na xoldra nouturna do sábado pola noite. Se Strabon erguese a cabeza...
Publicado por El Ayán o 23.11.10 0 comentarios
Categorías: Arquitecturas
Cultura e democracia
Máis de corenta persoas procedentes de toda Asturies achéganse a Puela d'Allande para falar unha fin de semana sobre a arquitectura castrexa e a arquitectura tradicional asturiana. Xente que paga unha matrícula e se despraza. Homes e mulleres que traballan nos curres máis dispares pero que comparten todos o amor pola cultura do seu país. Todos falan asturiano e saben moito. A diferenza da cultura totalmente subvencionada, aquí se respira un aire de liberdade e independencia onde se rachan os lindeiros entre Academia e sociedade. Todo un exemplo de xeración de espírito crítico na cidadanía e do poder do asociacionismo cultural de base.
Publicado por El Ayán o 23.11.10 0 comentarios
Categorías: Arqueoloxía e sociedade
A memoria dun país
A Fundación Belenos leva publicando dende 1996 a revista semestral Asturies. Memoria encesa d'un país. Sinxelamente é unha obra de arte editorial. A maquetación e o deseño gráfico veñen da man do etnógrafo Ástur Paredes. Toda a colección da revista é un monumento nacional, con traballos antropolóxicos, etnográficos e arqueolóxicos enfocados á recuperación do Patrimonio Cultural. Vén sendo unha Gran Enciclopedia Gallega coa grande diferenza de que a meirande parte dos contidos non proceden do stablishment intelectual, senón que son froito do traballo do asociacionismo de base, do traballo de campo levado a cabo por amos e amas de casa, psiquiatras, enfermeiros, gandeiros, enxeñeiros forestais, estudantes... reconvertidos no seu tempo libre en excelentes etnógrafos. Todo un exemplo de resistencia cultural que, en ocasións, cobre o baldeiro da Administración autonómica.
Publicado por El Ayán o 23.11.10 0 comentarios
Categorías: Arqueoloxía e sociedade, Teoría arqueolóxica
Experiencia allandesa
Voltamos abraiados da Puela d'Allande, do XI Seminariu d'Estudios Asturianos organizado pola Fundación Belenos. Dende 1999, cada mes de Santos, esta pequena vila acolle este evento ao que acoden unhas cincuenta persoas procedentes de toda Astúries, para aprender, ensinar e falar sobre o Patrimonio material e inmaterial deste pequeno país. Poderemos estar ou non dacordo coa visión maioritaria que os belenenses teñen do pasado protohistórico asturiano, pero o que está fóra de toda dúbida é o excelente traballo que están a facer dende hai moito tempo na difusión e divulgación dese Patrimonio.
Viñeta: La Nueva Allandesa é unha fonda fundada a comezos dos anos 1950 en Puela de Allande, onde se come moi ben.
Publicado por El Ayán o 23.11.10 3 comentarios
Categorías: Arqueoloxía e sociedade
16/11/10
Unha marabilla
Tedes que visitalo. O pazo de Muíños de Antero, nos arrabaldos da cidade de Monforte de Lemos. Un lugar imprescindible para comprener o mundo da fidalguía galega na transición do Antigo Rexime ao Estado Liberal. Unha impagable hora de visita guiada polo dono da casa, un home que fala co agarimo de cada sala, de cada peza, que coñece a microhistoria do edificio como ninguén. O fundador do pazo estaba vencellado á Orde do Hospital e cobraba as rendas reais do imposto do tabaco. Foi condecorado por Fernando VII trala Francesada. O edificio é impresionante porque quedou fosilizado tal cual, coas pinturas murais realizadas polos Castinande, con mobiliario napolitano, con habitacións que quedaron incólumes, con todo un repertorio de estratexias de control visual dos accesos e das estancias, como se de un pequeno Versalles se tratase, ca capela onde están soterrados os devanceiros, cunha mapa británico de África no século XVIII, coa sala do arquivo perfectamente preservada... Unha marabilla.
Ademais a familia mantén unha páxina web onde van poñendo á disposición do público documentos gardados no seu vizoso arquivo, aberto a investigadores interesados. E todo isto sen un can de subvención pública.
http://antero.atspace.com/
Publicado por El Ayán o 16.11.10 1 comentarios
Categorías: Arquitecturas
15/11/10
Neixón na Puela d'Allande
A Fundación Belenos organiza o 20 e 21 de novembro o XI Seminariu d'Estudios Asturianos en La Puela d'Allande baixo o título Asturies un espaciu atlánticu: del castru a l'aldea. Alí falaremos da arquitectura doméstica dos castros do NW, exposición na que os castros de Neixón ocuparán un lugar sobranceiro como exemplo de arquitectura multimensional e polisémica, reinterpretada non só pola comunidade científica senón tamén pola comunidade local e diferentes axentes sociais (touroperadores turísticos, políticos, etc...).
http://infoasturies.net/index.php?view=article&catid=37%3Acultura&id=9078%3Axi-seminariu-destudios-asturianos-de-la-fundacion-belenos&tmpl=component&print=1&page=&option=com_content&Itemid=53
Publicado por El Ayán o 15.11.10 2 comentarios
Categorías: Arqueoloxía e sociedade
11/11/10
Pobra do Caramiñal
Este contedor de lixo atópase en pleno uso. En Guinea Ecuatorial? Non. Na Pobra do Caramiñal. Xa podedes xogar a interpretar por que este contedor de lixo de Malabo se atopa no Barbanza. Este pequeno detalle material pode dar lUgar a toda unha reflexión sobre a cooperación internacional. O caso é que nos serve para introducir en Arqueoneixon un país ao que iremos traballar entre os meses de xaneiro e febreiro de 2011, nun proxecto moi chulo que combina Arqueoloxía Histórica, Arqueoloxía do Pasado contemporáneo, Corrección de Impacto Arqueolóxico e formación dentro dun proxecto de ccoperación dirixido polo noso compañeiro Alfredo González Ruibal (INCIPIT, CSIC).
Publicado por El Ayán o 11.11.10 2 comentarios
Categorías: Etnoarqueoloxía
La historia y la amenaza del olvido
Ver para crer. Xa sabedes que se atoparon restos dun esqueleto galaicorromano no casco vello de Rianxo. A Voz de Galicia, edición Barbanza leva feito un seguimento exhaustivo deste achádego. A última nova critica duramente a decisión da Direción Xeral de Patrimonio de tapar o atopado para preservalo en in situ, nestes termos:
Patrimonio ha dado su veredicto y no parece que a estas alturas haya nadie dispuesto a evitarlo, al menos ninguna de las Administraciones con competencia en este asunto. Dice la Xunta que los restos romanos hallados en Rianxo, y que datan de entre los siglos III y V después de Cristo, podrán conservase in situ una vez protegidos convenientemente y enterrados bajo el suelo de la vivienda en la que aparecieron, una decisión que muchos en la villa de Castelao no acaban de entender teniendo en cuenta la importancia que los expertos dan al descubrimiento y a sabiendas de que existe la alternativa de retirar las estructuras encontradas y dejarlas a buen recaudo en un museo, con lo que se evitaría, al menos, que ese trozo de la historia rianxeira acabase olvidada bajo una placa de cemento. [...]
Sin embargo, parece que el interés también es mínimo, lo que lleva a más de uno a preguntarse para qué demonios sirve Patrimonio si no garantiza que se preserve un descubrimiento arqueológico como el de Rianxo. Se trata además de un departamento que no cuenta con demasiadas simpatías entre los ciudadanos que se ven sometidos a sus directrices a la hora de rehabilitar sus viviendas y que se cuestionan si a la Administración solo le preocupará que las casas del casco viejo rianxeiro estén todas pintadas de color blanco.
Aquí tedes a un militante xornalismo por parte da Edición Barbanza, o mesmo xornalismo que non dixo aínda nada a día de hoxe sobre o lamentable estado de Neixón e a desfeita que se fixo alí. Por que este trato tan diferente dos dous casos? Sinxelamente porque o amigo arqueólogo do CAB Víctor Barbeito Pose ten moito que ver coa intervención de Rianxo (de feito as novas de prensa aparecen na sección Novas do Centro, el mesmo tenta que os restos vaia ao CAB, etc...). O problema é que tamén el é o responsable da desfeita de Neixón e, aquí, que saibamos, este xornalismo tan concienciado e responsable aínda non dixo nin pío. Profesional, moi profesional.
Fotografía: escavacións na necrópole galaicorromana d'A Lanzada nos anos 60, (Arquivo do Museo de Pontevedra).
Publicado por El Ayán o 11.11.10 0 comentarios
Categorías: Arqueoloxía e sociedade, Persoeiros neixonenses
9/11/10
Neixón en Ourense
O vindeiro xoves 18 de novembro impartiremos nas I Xornadas de Xoves Investigadores do Noroeste a ponencia titulada: Os castros de Neixón: paisaxe, sociedade e territorio ao longo da Idade do Ferro . Será na Facultade de Historia de Ourense ás 18:45.
Toda a información no útil e interesante blog do Laboratorio de Arqueoloxía da Universidade de Vigo
http://lauv-web.blogspot.com/
Publicado por El Ayán o 9.11.10 0 comentarios
Categorías: Escavación arqueolóxica, Teoría arqueolóxica
Nova publicación
Falando, como estamos, de publicacións, xa está dispoñible o volume de Actuacións arqueolóxicas 2008 editado pola Xunta de Galicia. Nesta publicación atoparedes unha síntese breve da campaña de escavación no Castro Pequeno de Neixón:
Ayán Vila, X. M. e Franco Fernández, M. A. 2010. Escavación do Castro Pequeno de Neixón (Boiro, A Coruña). Actuacións arqueolóxicas. Ano 2008: 46-8. Santiago: Xunta de Galicia.
Esta pequena reseña sae publicada máis de dous anos despois de terse feito a intervención. Prevendo isto, publicamos aquí en Arqueoneixon, xa hai uns cantos meses, os resultados da nosa escavación, con abundante aparato gráfico, e sen solicitar paciencia a ninguén. Obviamente, isto non é importante porque o fixeramos nós. Do mesmo xeito que os Castros de Neixón non son importantes gracias a nós. O realmente importante é que a información verquida neste blog é o primeiro que se sabe sobre o Castro Pequeno de Neixón dende 1976, data das tres páxinas publicadas sobre a escavación de 1973. Nese artigo díse a pé de páxina que se está ultimando unha memoria. Levamos agardando 35 anos por esa memoria. Por iso é tan importante divulgar a tempo intervencións financiadas con fondos públicos. Por ética profesional.
http://www.patrimonio.org/media/Web_Actuacions_arqueoloxicas_2008.pdf
Publicado por El Ayán o 9.11.10 0 comentarios
Categorías: Arqueoloxía e sociedade, Escavación arqueolóxica, Teoría arqueolóxica
De Memoria
Hai que ser un pouco paciente con respecto a elaboración da memoria, que a finais de ano ten que estar entregada, sempre e cando toda esta polémica non trastorne todos os plans, porque eu teño que preocuparme de realizar a memoria, e non doutros asuntos. Estas declaracións do arqueólogo Juan Antonio Cano Pan son un perfecto exemplo do modelo de xestión da información arqueolóxica vixente en España. A este respecto, a nosa hipótese é a seguinte: o gremio arqueolóxico segue empregando un modelo franquista, anquilosado e superado noutras latitudes.
A instauración do Rexime franquista conlevou a aparición dun sistema centralizado de xestión da Arqueoloxía, baseado nunha estrutura xerárquica na que uns Comisarios Provinciais rendían contas á Comisaría General de Excavaciones Arqueológicas. As intervencións autorizadas e, por veces, subvencionadas por este organismo, conlevaban a entrega dunha memoria que se editaría nas series de publicación estatais, como a que vedes na fotografía de arriba. Aquí se atopan as orixes dese compoñente mítico que ten a memoria como documento definitivo, no que se deposita a Verdade sobre un xacemento, no que o director ou directora da escavación se xoga o seu prestixio. Por suposto, este documento era unicamente compartido e debatido coa comunidade científica e se consideraba mostra de respecto non comentar nada en público sobre o que se vira nunha escavación até que o director/a publicase a súa memoria.
A transición democrática e os cambios posteriores nada trocaron esta actitude no control da información arqueolóxica. As autonomías comezaron a editar noticiarios para dar conta de xeito breve os resultados das intervencións arqueolóxicas máis salientables, en coleccións dirixidas tamén ao público xeral (Arqueoloxía/Informes, Actuacións Arqueolóxicas para o caso galego). Sen embargo, os arqueólogos, os científicos seguiron manexando este concepto de memoria, unha memoria que entregaban na Dirección Xeral de turno por obriga legal, pero que na meirande parte das ocasións non publicaban nin daban a coñecer. No mellor dos casos, a estratexia de publicación era e é a seguinte: partillar o rexistro arqueolóxico exhumado e ir publicando por partes, a metalurxia nun congreso, a cerámica noutro, un artigo de síntese para unha revista tipo A... guiándose por criterios curriculares ou veleidades de prestixio científico. No vos sona de nada isto?
Loxicamente, este modelo premoderno de xestión da información arqueolóxica non ten nada que facer no ano 2010. Non se pode solicitar paciencia para a publicación dunha memoria, cando en Europa se actualizan bases de datos de acceso público con todos os reports. Esta solicitude de paciencia obedece tamén a un segundo aspecto teórico: a investigación arqueolóxica faise, refaise, modifícase a cada intre. Nas visitas guiadas ás nosas escavacións o público pode seguir como cambian as hipóteses, como nos confundimos, como acertamos, etc., etc... Dende o minuto 1 se pode transmitir información sobre unha intervención, sen ter que agardar por unha memoria que fosiliza unha suposta interpretación sólida, fundamentada, case definitiva. Velaí o éxito da serie Actuacións arqueolóxicas, iniciada coas campañas de 2006; lamentablemente a intervención do castro do Cociñadoiro foi levada a cabo en 2005, motivo polo que non soubemos nada dese castro até esta semana.
En definitiva, a vixencia dese anticuado modelo de xestión explica por que non se divulga en tempo real, por que o arqueólgoo de turno agarda anos para publicar as datacións de Carbono-14 en vez de colgalas na Rede ipso facto, etc., etc., etc. Isto é o que se discute na Rede estes días, no mundo real dos blogs, as bitácoras, as páxinas web, o facebook, e non no mundo virtual de arqueólogos que aínda pensan que o Patrimonio arqueolóxico e os datos son deles e só deles.
Publicado por El Ayán o 9.11.10 1 comentarios
Categorías: Memoria histórica, Teoría arqueolóxica
8/11/10
Outros asuntos
Aquí radica o cerne da cuestión. A meirande parte da Arqueoloxía galega presenta unha eiva democrática tremenda, impensable nos países civilizados onde se empregan códigos éticos, onde a Arqueoloxía social é unha ferramenta crítica e democrática. Aquí en Galicia moito galeguismo cultural e político, moita ideoloxía de esquerda maioritaria no gremio de arqueólogos e moita vaina, pero á fin e ao cabo se reproduce unha maneira de estar e de facer que marxinaliza ás comunidades locais e afeccionados dos procesos de valoración do Patrimonio. Esta xente que non sabe é vista sempre coma unha problema, uns indocumentados perniciosos para o labor científico. Cando esta xente fala crea problemas, asuntos nos que perde o tempo o arqueólogo. A este respecto, esta declaración é inadmisible:
Hai que ser un pouco paciente con respecto a elaboración da memoria, que a finais de ano ten que estar entregada, sempre e cando toda esta polémica non trastorne todos os plans, porque eu teño que preocuparme de realizar a memoria, e non doutros asuntos.
Pois claro que o arqueólogo debe adicarse a outros asuntos é non só en gañar cartos, destruír e secuestrar xacementos ou concentrarse en facer unha memoria na que leva xa cinco anos (ou sexa que si que se debe adicar a outros asuntos, porque senón non se entende). Entre eses asuntos atópase un que non é menor: a transparencia e non tratar á xente como se fose idiota. Na costa galega hai bastantes castros escavados cuxas estruturas consolidadas aturan dous invernos e bastantes máis, que temos traballado en Neixón, en Punta dos Prados, en A Lanzada. Velaí está Baroña. Non se trataba dunha cuestión de se compensaba preservar os restos, senón dunha acuciante necesidade de liberación dos terreos polos intereses políticos verquidos nunha obra. Nesta liña se sitúa tamén esa esperpéntica declaración da Autoridade Portuaria: o castro nin se destruiu nin se fulminou. Que é como dicir que a cidadanía é idiota.
Foto: escavación arqueolóxica en Asosa, Etiopía occidental. Fotografia de Cristina Charro.
Publicado por El Ayán o 8.11.10 0 comentarios
Categorías: Arqueoloxía e sociedade, Teoría arqueolóxica
Información exhaustiva
A xente que non sabe pensa que apareceu un castro na Coruña que vai cambiar a prehistoria de Galicia, e posiblemente de Europa, e a ninguén lle importa nada máis, pero se isto se sabe é polo traballo que fixemos. Entón, que esperen un pouco, porque van ter unha información súper exhaustiva conclúe Cano Pan no Xornal de Galicia. Este non é o tema. O que se pregunta e se denuncia na Rede é por que unha escavación que se fixo en 2005 fornece as súas primeiras pílulas de coñecemento en 2010 nun congreso gaditano sobre o Cuaternario. O que se cuestiona a xente (á marxe da lexitimidade ou non da destrución do castro) é o hermetismo, o secretismo e o control da información nunha obra pública que afecta a un Patrimonio que é de todos. O que non se entende é que ninguén, non só a xente que non sabe, tivese acceso a esa escavación. Así de sinxelo. Cal é entón o problema para adoptar unha actitude á defensiva? Quizabes o problema radica nun obsesivo control informativo que non serve para nada. por que? Porque o informe valorativo ao que tivo acceso Galicia Confidencial anda rulando polo país dende o outono de 2005, porque está permitido o acceso píublico na Dirección General de Bellas Artes. Porque tanto hermetismo, tanto control de visitas no seu día, tanta exclusión social non vale absolutamente de nada, por moitas cancelas que se lle poñan ao monte. Esta é outra característica do arqueólgo galego: o valado que cinga a escavación ou o castro de turno, non vaia ser. Hoxendía é inadmisible esa actitude, cando por ética e por sentido democrático, as intervencións feitas con fondos públicos han estar abertas a todos. A Lanzada 2010 e Neixón (2003-2008) son exemplos disto.
Publicado por El Ayán o 8.11.10 0 comentarios
Categorías: Arqueoloxía e sociedade, Teoría arqueolóxica
A procesión dos caladiños
Dixemos que a calada é a estratexia da maioría da Arqueoloxía galega. A Academia e a Administración evitan problemas deste xeito. As empresas de Arqueoloxía repártense como taifas o territorio nun equilibrio que custa manter. Quen se move non sae na foto. Moito que gañar e moito que perder. En casos como o recente de Cociñadoiro os arqueólogos galegos adoptan dúas medidas: calar ou participar anonima e covardemente en foros de Internet ou poñendo comentarios en bitácoras de xente que si da a cara, desa xente que non sabe, como Manuel Gago. Esta é a realidade da Arqueoloxía deste país. Pero iso si, malia a calada, a oralidade é o medio de transmisión propio desta Arqueoloxía tan científica. Os susurros, os cotilleos nas escavacións e nos Congresos, toda a Arqueoloxía galega está a comentar este Arqueogate, reencarnados nunha procesión de falsos caladiños. Polo tanto, que ninguén se estrane do silenzo da Arqueoloxía galega. Pola súa vez, este silenzo vai acompañado doutra actitude clásica: confundir a crítica e a libre información con ataques persoais. Velaí temos novamente a Juan Antonio Cano Pan no Xornal de Galicia: son eu o que lle deu importancia ao xacemento, eu teño que preocuparme de realizar a memoria, e non doutros asuntos.
Calquer persoa que lea as entradas de Manuel Gago e as reportaxes de prensa recentes non verá por ningures un ataque directo á profesionalidade do director da intervención, por ningures. Non obstante, o que queda claro é que as súas declaracións amosan outra vertente clásica da Arqueoloxía galega: o personalismo que leva aos arqueólogos a apropiarse dos xacementos, a consideralos nalgunha medida como algo de seu.
Publicado por El Ayán o 8.11.10 0 comentarios
Categorías: Arqueoloxía e sociedade, Teoría arqueolóxica
A xente que non sabe
Tras facerse público o extrano caso do castro do Cociñadoiro en Punta Langosteira, só houbo, que saibamos, dous arqueólogos que publicamente falaron do asunto: Xosé Gago no seu blog Delorean de Bois e nós mesmos aquí en Arqueoneixon. É isto normal? Para contestar esta pregunta cómpre saber como se comporta o gremio arqueolóxico (se é que existe neste país):
1. A diferenza doutros gremios, o corporativismo da Arqueoloxía galega non atopou unha canle axeitada. Unha Asociación Profesional de Arqueológos de Galicia non chegou nunca a nada neste senso, non existe Colexio ou algo semellante, e unicamente contamos cunha recente acordo sindical, do que falaremos outro día. Polo tanto, non contamos cunha plataforma que se poda manifestar en representación dun ente que se puidese definir como a Arqueoloxía galega. Esta ausencia explica o mutis por el forro dos profesionais da Arqueoloxía en Galicia, ou hai outros factores?
2. Claro que os hai. Perante a ausencia de estruturas corporativistas, a maioría dos arqueólogos e arqueólogas de Galicia adoptan a calada (tan galaica) como estratexia de adaptación e reproducen unha actitude sectaria, é dicir, escíndense do todo social e se reafirman como científicos profesionais garantes da Verdade. Nesta liña van as declaracións do arqueólogo Juan Antonio Cano Pan (Arqueoloxía do Noroetse) no Xornal de Galicia: A xente que non sabe pensa que apareceu un castro na Coruña que vai cambiar a prehistoria de Galicia
3. Os arqueólogos diferéncianse da xente que non sabe, esa mesma xente que non ten dereito para opinar sobre o patrimonio nin para visitar as escavacións, nin para esixir información. Porque esta é outra característica esencial do gremio de arqueólogos galegos: o control obsesivo da información, o secretismo e a apropiación indebida dos xacementos.
4. Todo o mundo sabe que as escavacións en Galicia están en mans de directores-dictadores que conceden as venias das visitas. Todo o mundo sabe que, en moitos casos, só arqueólogos amigos teñen acceso á escavación de turno. Todo o mundo coñece casos de xente que deixou de traballar nunha escavación porque convidou inoportunamente a determinados colegas a visitar a intervención. Todo o mundo coñece a prohibición expresa por parte de determinados empresarios da arqueoloxía de atender á prensa ou filtrar información ao público.
Poderiamos seguir así até o infinito, pero estes catro puntos abondan para defender a nosa hipótese: o gremio da Arqueoloxía galega caracterízase por unha ausencia de estrutura corporativa, polo rigoroso hermetismo e por un notable complexo de inferioridade que a leva a diferenciarse da xente que non sabe, dos afeccionados e da sociedade en xeral.
Publicado por El Ayán o 8.11.10 0 comentarios
Categorías: Arqueoloxía e sociedade, Teoría arqueolóxica
4/11/10
Destrución por coñecemento
Hoxe sae en El País (Edición Galicia)unha noticia sobre o castro de Punta dos Muros, a raíz da entrada de Manuel Gago no seu blog.
http://www.elpais.com/articulo/Galicia/nuevo/puerto/corunes/arraso/castro/singular/elpepiautgal/20101104elpgal_4/Tes?print=1
No artigo de X. M. Pereiro aparecen unhas declaracións de quen isto escribe das que cómpre unha contextualización para non inducir a equívocos: Los especialistas no se sorprenden de que las características del castro hayan permanecido ocultas desde que el cemento lo sepultó, con autorización del Ministerio de Cultura (a quien le correspondía). "Eso es un clásico. Ya pasó con el Castro de Laias que sepultó en O Ribeiro la autovía de las Rías Baixas", dice Ayán.
O debate xurdido leva na Rede a algunhas persoas a unha lexítima oposición de cheo á destrución de xacementos arqueolóxicos co gallo da construción de obras públicas malia que teña lugar unha correción de impacto arqueolóxico (ben feita, claro está). Obviamente, estamos en desacordo. O noso Laboratorio leva dende o ano 1991 traballando no eido da Avaliación e Correción de Impacto arqueolóxico cando ninguén en España se atrevía a adentrarse nese traballo dende a Academia ou a Universidade. Moitos dos que viven hoxe dese tipo de traballos criticábannos hai 10 e 15 anos alegando cousas como que iso non era investigación, que era información que se perdía, que a Arqueoloxía non tiña nada que ver co Mercado, etc... O tempo, á fin, pon a cada quen no seu lugar. Nesta ampla traxectoria nós tivemos unha cousa clara: unha obra necesaria e de interese estratéxico para a comunidade (é certo que non sabemos se o Porto Exterior da Coruña o é) que supoña a destrución dun castro, compensa sempre que se faga unha escavación minuciosa en área e se publiquen e difundan os resultados. Este tipo de intervencións son moi custosas e dificilmente teñen lugar; neste contexto, as grandes obras públicas brindan unha oportunidade excelente para ampliar o noso coñecemento sobre o pasado deste país. Hai miles de castros en Galicia; o 99 % non vai ser sondeado nin escavado na vida. Sobre este tema podedes consultar a ampla serie TAPA e CAPA editadas polo noso Laboratorio.
http://www.iegps.csic.es/lapa/Publicaciones.htm
Polo tanto, non estamos en contra da intervención de arqueólogos en proxectos coma o de Punta dos Muros, pero si queremos remarcar unha eiva fundamental neste tipo de traballos. Todo se deslexitima se non se revirte á sociedade ese investimento e a potencialidade científica desa destrución. E aquí é onde se contextualiza o que comentamos ao xornalista de El País. No NO da Península Ibérica contamos con tres exemplos de castros escavados en área co gallo da construción de infraestruturas:
- O castro das Laias, no Ribeiro, afectado pola autovía Sur na primeira metade dos 90 e escavado en 1997. Un xacemento espectacular do que hai publicado un pequeno artigo nas actas dun congreso celebrado en 1999. A monografía aínda non se deu a coñecer a día de hoxe.
- O castro de Punta dos Muros: escavado en 2005; cinco anos despois aparece un artigo sobre un aspecto parcial do rexistro (paleometalurxia). Nunca se fixo público o que alí apareceu.
-O castro do Vieto na desembocadura do Lima, escavado en extensión en 2004-2005 co gallo da construción da autoestrada A28/I-C1 Viana do Castelo-Caminha. A empresa construtora financiou a memoria e toda a investigación sobre o rexistro, a partir da cal o director presentou a súa tese de doutoramento en Coimbra en 2008, dispoñible xa daquela en formato PDF nun blog do proxecto http://www.castrodovieito.co.cc/
Como vedes, son diferentes modelos de xestión da información. Loxicamente, a situación dos anos 90 non é a mesma ca na actualidade. O que pasa é que hoxe resulta inadmisible que intervencións desenvoltas hai cinco e seis anos remanezan inéditas. Tárdase cinco minutos en facer un PDF dun informe valorativo e penduralo na Rede. Así de doado. Cal é o problema? Que premer ese click conleva cambiar moitas cousas na cabeza dos arqueólogos e arqueólogas deste país.
Fotografía de Xurxo Ayán: obras de construción dunha estrada por unha empresa chinesa en Etiopía occidental (febreiro de 2006).
Publicado por El Ayán o 4.11.10 1 comentarios
Categorías: Arqueoloxía e sociedade, Teoría arqueolóxica
3/11/10
O castro de Punta dos Muros
Se ben levamos un tempo reflexionando sobre a Arqueoloxía e a comunicación, cómpre recoñecer que estes posts veñen dados pola entrada editada por Manuel Gago no seu blog capítulo 0: O drama (histórico) do Porto Exterior da Coruña. Esta obra conlevou a escavación en área dun castro en 2005. Desde aquela, non se publicou nin divulgou ningún dato até a aparición estes días das actas dun congreso en Andalucía nas que se inclúe o artigo de A. Cano Pan (Arqueología del Noroeste, S.L.) e o profesor da UDC Fernan Gómez Filgueiras de Brage: La Paleometalurgia del Poblado de Punta de Muros (Arteixo, A Coruña) en el contexto de la transición Bronce Final – Primera Edad del Hierro. Non imos abordar aquí o trasfondo científico desta publicación (interesante para contextualizar por exemplo o que atopamos no Castro Pequeno de Neixón), senón outras consecuencias que son esmiuzadas con bo criterio por Manuel Gago. Aconséllovos a leitura do seu post. O asunto presenta alomenos, ao noso modo de ver, tres facianas:
1. A faciana política: a autorización e seguimento deste proxecto de corrección de impacto arqueolóxico foi levada a cabo directamente pola Dirección General de Bellas Artes y Bienes Culturales de Madrid, sen pasar pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia. Por que? Neste contexto, a ninguén se lle escapa o contexto político e as presións para levar a cabo a obra do Porto Exterior da Coruña, a toda costa.
2. A faciana de difusión científica: até o día de hoxe nin a comunidade científica nin a sociedade en xeral recibiron unha soa noticia do que se atopou nesa escavación en área, cinco anos despois. Nada novo no modelo de xestión de información que se segue na Arqueoloxía galega. Todos temos a obriga por Lei de entregar unha memoria técnica na DXPC aos seis meses de rematada a intervención. Ninguén, praticamente, cumpre ese prazo. A memoria, cando se entrega, non chega á sociedade, agás se se publica en papel. Os directores da intervención controlan a información, se queren, até que morran, ao mellor polo camiño conceden o privilexio a outros investigadores para publicar o que eles fixeron décadas antes. A oralidade segue sendo o fío transmisor da Arqueoloxía galega, fóra de calqueira canle científica. Como no caso d'A Lanzada ou Neixón, Punta Langosteira convertiuse nun mito que se reactualizaba en cada congreso, en cada reunión de arqueólogos. Poucos viron o que alí apareceu, pero todo o mundo era consciente da súa suposta importancia. Iso si, como cabaleiros, os arqueólogos sempre conceden aos seus colegas o beneplácito da memoria. Levamos trinta anos agardando pola memoria de Neixón e outros 30 pola memoria d'A Lanzada. A perda de memoria tamén caracteriza á Arqueoloxía galega.
3. A faciana da divulgación social. Aquí suscribo punto por punto o defendido por Manuel Gago, profesor de Ciencias da Comunicación da USC e unha persoa que ten feito máis pola divulgación da Arqueoloxía e o Patrimonio deste país que todos os arqueólogos galegos xuntos. Quen somos para controlar esa información, ese rexistro que xeneramos? por que somos tan ridículos de secuestrar eses datos na era do facebook, nun intre no que a cidadanía demanda Patrimonio e reflexiona criticamente sobre el? para que seguir con práticas escurantistas e ocultistas nas escavacións arqueolóxicas, á marxe das comunidades locais?
http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2010/11/03/o-drama-historico-do-porto-exterior-da-coruna/
Figura: Cano Pan e Gómez Filgueiras 2010.
Publicado por El Ayán o 3.11.10 0 comentarios
Categorías: Arqueoloxía e sociedade, Teoría arqueolóxica
Dereito á información
Un cambio de goberno que vén dado, supostamente, pola necesidade de comunicar mellor. O impacto dos librepensadores e popes do software libre. As redes sociais. A liberdade de información e a libre circulación de ideas. Eses conceptos xa manexados polos Ateneos libertarios dentreséculos que tanto pánico causaron na Igrexa, e seguen a causar, como estamos a ver hoxendía coa visita do pastor alemán a Compostela. No ano 2010 guíndase información á Rede dende unha escvación arqueolóxica en tempo real, e se non o fan os arqueólogos e arqueólogas, xa haberá alguén que o faga coa cámara dun teléfono móbil conectado á Rede. Os tempos mudaron, pero hai gremios que seguen empecinados en manter modelos de xestión premodernos en tempos paramodernos. Quen non coñece ao típico arquiveiro que se permite poñer trabas ou non á consulta de determinada información, pensando que o arquivo é seu? Quen non coñece ao arqueólogo de turno que pensa que o xacemento no que está intervindo é seu? Quen non coñece á típica Administración que pon trabas para a consulta de documentación supostamente pública? Controlar a información é unha obsesión fascista de sempre. A Arqueoloxía segue estando chea de cláusulas de confidencialidade, de supervisións, de censuras, de perdas irreparables de información, de solicitudes de permisos de publicación, de fatuos intereses curriculares, de veleidades personalistas...
Fotografía: cartel libertario na Haia, setembro de 2010.
Publicado por El Ayán o 3.11.10 4 comentarios
Categorías: Arqueoloxía e sociedade, Teoría arqueolóxica
Sempe comunicando
Sempre comunicando. Así poderïamos definir a relación existente entre Arqueoloxía e medios de comunicación. No pasado encontro da Asociación Europea de Arqueólogos na Haia tivemos ocasión de participar nun workshop titulado How communicate the Past to Mass Media? organizada por Diane Scherzler. Alí fomos testemuñas dos desencontros habituais entre prensa e gremio arqueolóxico, pero tamén de dúas realidades ben clarificadoras:
1. O pasotismo da grande maioría dos colegas con respecto á comunicación e divulgación social do seu traballo.
2. A idea que leva a pensar na Comunicación coma un eido especializado á marxe da profesión arqueolóxica, coma un eido a maiores que se ubica ao final do traballo arqueolóxico. Esta actitude leva a contratar consultoras (como foi no caso desta sesión) que lles din aos profesionais da Arqueoloxía o que teñen que dicir, como vender o seu produto, etc...
Loxicamente, os que seguides Aarqueoneixon e o blog da Lanzada xa sabedes o que pensamos ao respecto da comunicación da Arqueoloxía e da necesaria imbricación do traballo de xornalistas e arqueólogos. Esta relación interdisciplinar está a ser debatida decote nos últimos anos. Para unha boa aproximación aconsellámosvos o libro editado en 2007 por Timothy Clack e Marcus brittain: Archaeology and the Media (Left Coast Press, California).
Da propia Diane Scherzler podedes consultar o seu artigo: Journalists and Archaeologists: notes on dealing constructively with the mass media. Journal of European Archaeology, 10(2-3): 185-206. En http://www.diane-scherzler.de/downloads/EJA_10_Scherzler.pdf
Fotografía: apuntamentos no marco da sesión de traballo How communicate the Past to Mass Media? no Congreso da EAA 2010 na Haia.
Publicado por El Ayán o 3.11.10 1 comentarios
Categorías: Arqueoloxía e sociedade, Teoría arqueolóxica