Mostrando entradas con la etiqueta Arqueoloxía e sociedade. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Arqueoloxía e sociedade. Mostrar todas las entradas

29/10/12

Rachel Ceasar



Como Ruth Matilda Anderson nos anos 20, a antropóloga da universidade de Berkeley (California, U.S.A.) Rachel Ceasar leva todo un ano percorrendo Galicia e España analisando o fenómeno das exhumacións da represión franquista. Ela foi unha peza chave no proxecto arqueolóxico que levamos a cabo recentemente en Castuera (Badaxoz) e Abánades (Guadalaxara). Mañá martes imparte en Compostela unha conferencia cos resultados da súa investigación.



Tipo de evento: Charla de investigación
Título: Nuestros Muertos: La Cosmología de las Exhumaciones en la España Contemporánea
Fecha: Martes 30 de octubre de 2012
Hora: De 16:00 a 18:00
Lugar: Salón de actos, San Roque 2
Idioma: Castellano
Resumen: En un mundo donde el ADN es un objeto y los cuerpos asesinados forman parte del patrimonio, me pregunto, ¿qué nuevas criaturas bio-sociales se están creando vía las exhumaciones? ¿Qué revelan las exhumaciones actuales de la guerra civil y la dictadura acerca de la política y sociedad españolas? Esta presentación exploratoria es la culminación de un año de trabajo de campo de entrevistas, observaciones, excavaciones, y teorías potenciales recopiladas en Galicia así como en otras regiones de España, y Marruecos. Basándome en antropología medica, arqueología del conflicto, y estudios de ciencia, tecnología, y sociedad, me acerco a las exhumaciones como un proceso científico que hace presente otra historia a través de objetos. Estos "objetos" -huesos, artículos personales, ideología política, identidad, religión- se interpretan en el momento de su exposición, en los medios de comunicación, por la ley, en memorias científicas, por los familiares de los muertos, etc. con a menudo riesgos muy personales y políticos. Aunque las exhumaciones tratan de desempaquetar las distintas capas de una reciente historia represiva, yo propongo que las exhumaciones y sus hallazgos residen en una especie de purgatorio, una presencia de "todavía no" que, aún expuesta, existe al margen de la sociedad.

25/10/12

Conferencia



Mañá ás 20:00 do serán no Art Café de A Guarda impartiremos unha charla sobre o papel do castro de Santa Trega na historia da Arqueoloxía galega., nun ciclo de conferencias co que se conmemora o centenario da Sociedade pro-Monte.
Máis información en

http://www.aguarda.es/index.php?option=com_content&task=view&id=1741&Itemid=275

3/10/12

Viaje a la Alcarria

Esta fin de semana que vén rematamos o proxecto arqueolóxico da guerra civil en Abánades, dirixido por Alfredo González Ruibal, cunha fin de semana inzada de actividades, dende visita ás escavacións, exposición de materiais, conferencias e recreacións históricas. Se vos cadra pasar pola Alcarria podedes viaxar no tempo e achegarvos ao ano 1938 nun santiamén. Alí vos agardamos.

Que sabemos dos castros?


Vimos de participar nas xornadas Que sabemos dos castros? celebradas a pasada fin de semana en Vimianzo co apoio do concello e baixo a encomiable iniciativa do arqueólogo Ángel Concheiro. Esta actividade de divulgación e comunicación supón, ao meu modo de ver, un punto de inflexión no modelo de encontros arqueolóxicos no noso país. E son varias as razóns que podemos esgrimir tras ter vivido a experiencia, como lle gosta dicir aos californianos hippies (que ficarían abraiados, por certo, coa perfomance noitarega do sábado pola noite no castro das Barreiras):
1.       En primeiro lugar chama a atención a franxa de idade dos ponentes, grosso modo entre os 27 e os 45 anos. Non estamos diante do típico congreso, xerárquico e xerontocrático, cos popes clásicos, senón perante un encontro no que conflúen recentes xeracións de arqueólogos e arqueólogas do NW con experiencias no eido da investigación básica, a docencia, a Arqueoloxía profesional e a xestión do Patrimonio. Unha xente que ten ampliado estudos máis alá do tradicional encadramento galaico-minhoto, con estadías de investigación por Europa adiante, cun enfoque claro de Arqueoloxía social e pública. Non se ven esas estampas tan propias dos ritos de paso, co arqueólogo petrucio falando e o bolseiro ou bolseira pasando o powerpoint. Non. Os ponentes contan cunha traxectoria ampla asumindo responsabilidades en xestión de proxectos dende ben novos. Constátase aquí unha creba xeracional co modelo tradicional de xestión da produción do coñecemento, ao meu modo de ver.
2.       En segundo lugar, cómpre sinalar a naturalidade coa que se asume a interdiscipinariedade, fuxindo de torpes plantexamentos gremialistas que sancionan os compartimentos estancos na investigación. Por Vimianzo pasaron antracólogas, xeomorfólogas, malacólogos, especialistas en arqueometalurxia e Arqueoloxía Pública... E pasaron por alí non para demostrar nada, para medrar curricularmente, para emular aos seus Mestres, para autoafirmarse, non, falaron para compartir co público (cos públicos, máis ben) as súas experiencias arqueolóxicas, as súas inquedanzas e os seus anceios á hora de facer Arqueoloxía nestes tempos de incertidume e de crise.
3.       A superación dos enfoques parciais e sectarios tan propios das correntes academicistas. Neste senso chama a atención como os ponentes recollen as principais aportacións das diferentes escolas (histórico-cultural, funcionalista, teorías críticas) e rachan cos modelos interpretativos pechados, procurando sempre unha leitura social do rexistro arqueolóxico. O medo ao mundo simbólico e ritual, a leitura política das comunidades da Idade do Ferro semella cousa doutros tempos.
4.       O compromiso tácito coa Arqueoloxía Pública, asumindo a divulgación, formación e comunicación como chanzos básicos na investigación sobre o pasado.
5.       Todas as ponencias amosaron un necesario espírito de autocrítica e, sobre todo, un retranqueiro e moi galaico sentido do humor que racha con esa idea aburrida do Patrimonio como algo moi serio que non se pode deixar en mans de calqueira. Con ironía fundamentada deconstruíronse os tópicos desa cultura castrexa, co seu centro e a súa periferia, deses históricos arqueólogos galeguistas sempre bos e xenerosos, desa suposta ciencia arqueolóxica á marxe da ideoloxía, a política e o mercado.
6.       Houbo verdadeiros debates, e alí todos puideron exponer o seu punto de vista, o profesor de secundaria, o arqueólogo retirado, o paisano de Vimianzo, o erudito local, o activista, o escéptico. Como no anuncio aquel de Coca Cola, foi un congreso para todos.

2/8/12

Ebook á venda


Para os interesados, que saibades que a ligazón para facerse coa nosa tese de doutoramento atópase  nun banner xeitoso que encabeza o estupendo portal do GC tendencias.

http://tendencias.galiciaconfidencial.com/

31/7/12

Fozando nos castros


Hoxe falaremos do mundo dos castros nas XVII Xornadas de Historia Local de Foz organizadas pola Asociación Pomba do Arco. Alí vos agardamos, na Casa de Cultura Manuel María, ás 20:30 do serán.

30/7/12

Errantes, Atlantes e xentes de antes



No bar Louro de Lira, onde se gardan as chaves da igrexa parroquial, tivera lugar a primeira barferencia do proxecto da Torre dos Mouros. O que todo o mundo sabe é que dende moi cedo, os petrucios do lugar imparten barferencias as vintecatro horas. Este domingo pasado, mentres damos conta do primeiro café da mañanciña, os paisanos tertulianos interésanse polo que está a acontecer estes días por alá arriba. Un señor xubilado, emigrado no seu día nun cantón suízo, ten moi claro que os mouros nada teñen que ver cos moros. Outro home, que leva  a voz cantante dentro e fóra da barra, expón a súa versión da historia da humanidade. Segundo el hai tres fases principiais no devalar histórico; o primeiro período sería a época na que a xente andaba errante polo mundo. Aquí sitúa o noso interlocutor o sitio arqueolóxico da Torre dos Mouros. Despois da agricultura e a gandería chegaría a revolución da máquina de vapor, até chegar a hoxendía coa informática e a tecnoloxía, a un novo tempo no cal os pícaros aprenden aos maiores.
Da historiografía a conversa vai derivando cara á introdución da cocaína nestas terras, a mediados da década de 1970. Emigrantes en Venezuela traían pola festa kilos de café e de algo máis, pós branqueciños que nin na alfándega do aeroporto de Barajas sabían moi ben que era. Moi sonado era o caso dunha vella emigrante a Caracas que levaba canda si unha imaxe da Virxe da que non se desprendía durante o voo, para curar o pánico. Esta devota enchía a virxe de porcelana de farlopa colombiana. Historias trasatlánticas.
-“Antón que queres ser de maior?”
-“Mouro”.
Así comeza unha nova mañá de encontros e experiencias coa xente que se achega á Torre dos Mouros, a eterna vixía dos aconteceres da terra de Lira. Unha señora xubilada oriúnda de Madrid achégase para preguntar pola existenza de auga na Torre do Mouros. A pregunta é acaída; sen embargo, a curiosa señora non quere que lle falemos de mananciais nin de posíbeis alxibes. Ela ten clara a súa hipótese: “Este es un sitio de los antiguos, con una fuerza y energía que todo el mundo conoce. Recinto circular y agua en medio, no hay duda, esto es muy anterior a los castros y los castillos, esto es obra de… los Atlantes”. Para chegar a este discurso cómpre ler bastante, a Platón,a esgrevios representantes da literatura paracientífica como Sánchez Dragó ou J. J. Benítez. Un exemplo máis da pluralidade de visións que conflúen no Patrimonio arqueolóxico. No Curro do Medio da Torre dos Mouros lidiamos con distintos enfoques que compiten nun mesmo mercado. Mais que criminalizar aos seguidores da Atlántida cómpre escoitalos e amosarlles outros discursos, máis alicerzados. Non serei eu quen lle quite o soño dos mouros ou dos atlantes a ninguén.
Pola noite, a barferencia no bar Illa no peirao de Lira dá paso a un debate que deriva na existenza ou non da Galiza celta. Xente do público equipara a literatos e científicos, ten tanta validez o que di Suso de Toro có que di un especialista na Idade do Ferro. Mesmo parte do público arríncase con bravos e ovacións cando alguén reafirma a identidade celta galaica. Toda una leción que amosa de novo como a etnicidade e a identidade se construén nunha democracia participativa. Durante a barferencia un borrachín que non gosta do silenzo amosa o seu disgusto, érguese e cando cruza a soleira da porta do bar, abaneándose, co mapa da Rioxa na faciana, berra cun aquel de wester: “Eu aquí non aprendo nada”.
Un rapaz novo, camareiro  en Louro e comuneiro en Lira, cóntanos como o seu avó o levaba de pequeno á Torre dos Mouros. Hoxe el ten una concesión para reutilizar o Curro do Medio para gardar cabras e ovellas. Expectante co que poida pasar trala escavación arqueolóxica, pregúntanos polo futuro. Sen dúbida, o futuro será diferente, porque a Torre dos Mouros é agora un sitio arqueolóxico que será catalogado e protexido. Loxicamente o Patrimonio non conleva sempre historias apaixoadas senón que tamén xenera conflictos en países tan apegados á terra como a vella Galicia. Así e todo, as cabras son un magnífico remedio para manter limpa a Torre dos Mouros.
Estrella, una moura de Lira de 53 anos, cóntanos como evoluciona o cadeliño Caravel, que sufriu o outro día un accidente de tráfico. Como recordo inesquencible da Torre dos Mouros, pídenos que lle regalemos nós unha pedriña, “un símbolo”, como a pedra que pousan os xudeus nas tumbas ou os pelegríns nos milladoiros a rentes dos camiños xacobeos. Como Estrella, vagalume de ilusión e de esperanza, todos fomos adoradores e  carretadores) de pedra este mes nas terras de Lira.
Moncho, o pai de Simón, xove promesa arqueolóxica deste país, cóntanos o abraio que lle causara a súa primeira participación como voluntario nunha escavación arqueolóxica., sendo el mociño. Un equipo do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento traballara na Cova de Moura en Argalo (Noia). “Dende a cova da Moura ata a Ponte de Argalo hai os saberes de sete reinados”, dicían os vellos do lugar. Moncho atopou  no corredor do dolmen un dos afamados idoliños de pedra de Argalo e lembra o achado como se os anos non borraran a súa paixón xuvenil polas cousas e as pedras de antes. Coméntolle que parte deses idoliños se expoñen na exhibición “Gallaecia Petrea” na Cidade (baldeira) da Cultura. A última vez que el os vira fóra nos baixos do local antigo do IEGPS, entre San Xerome e Fonseca, gardados en caixas de froitas. Pouco ou nada sabemos dos resultados daquela intervención arqueolóxica, seguindo esta vesánica alerxia á palabra escrita por parte da Arqueoloxía galega. Moncho fálame da atracción que se sinte polo contacto físico co pasado, exhumando obxectos antigos e remexendo na terra. Esta sensación non pode ser substituída nin por centros de interpretación, nin por aulas didácticas, nin por reconstrucións virtuais.
Mentres escribo isto coas mans aínda enzoufadas na terra moura da Torre dos Mouros, lembro a frase lapidaria guindada ao aire por un señor cando marchaba tras participar na última visita guiada á escavación arqueolóxica: “Os galegos miramos coas mans”. Fermoso e certo.

24/7/12

O'Pirata



Simón achégase á escavación arqueolóxica de Torre dos Mouros, en Lira, Carnota, acompañado de seu pai, amador e amante do Patrimonio Cultural deste país noso. Simón quere ser arqueólogo, e cunha mistura de timidez, curiosidade e sabedoría pregunta polos cadrados marcados no chao, co gallo de coñecer a metodoloxía do traballo arqueolóxico. Eu tamén fun Simón. Con doce anos, meu pai conseguirá levarme a ver a  escavación do castro de Penalba en Campolameiro no que traballaba o equipo dirixido polo malogrado Antonio Álvarez. E alí tamén preguntei polas cadrículas Wheeler e o sistema de rexistro arqueolóxico. “De aquellos polvos vienen estos lodos”. Naquela época e na nosa non resulta tan doado atopar intervencións arqueolóxicas abertas a unha sociedade que é a lexítima propietaria dese Patrimonio. Abrir á xente unha escavación arqueolóxica é garantir a preservación do sitio, fomentar a concienciación patrimonial e mesmo facer canteira arqueolóxica, estimulando ou consolidando vocacións.
Unha señora duns sesenta anos arriba á Torre dos Mouros acompañada de seu irmao poeta e do seu cadeliño victoriano, alcumado Caravel.
A señora, coma unha moura renacida, esparexe bicos, retrata os compañeiros, canta garimosa e ofrécese a subirnos a vindeira fin de semana cafeliño rico e biscoitos caseiros. Exconcelleira de Xuventude nunha importante vila galega amósase orgullosa da mocedade galega que adica o seu tempo voluntariamente a recuperar o vello monte chantado a rentes da casa da súa mai. De cando en vez bérrale ao cadeliño: “caravel, escarva, caravel!”

Caravel, caraveliño,
caravel, caraviñol,
o día que non te vexo,
para min non raia o sol.

Helena vén dunha familia de canteiros de Cuntis, descendente do arredista Xoán Xesús González asesinado vilmente en 1936. Dende o comezo traballou con paixón e entrega na recuperación e investigación arqueolóxica do castro de Castrolandín. Helena converteuse nunha das mellores arqueólogas de campo que coñezo, é unha desas voluntarias que semellan preocupar a uns cantos arqueólogos supercientíficos preocupados pola profesión. O comentario de Helena, trala visita guiada a Torre dos Mouros ofrecida polo Xosé Gago de Cool-Touring, foi: “Desgraciadamente hai xente que non comprende, nin comprenderá nunca, a tremenda xenerosidade de todos os que estades aquí”.
Un hosteleiro de Lira con restaurante cabo da praia queda abraiado cos metros cúbicos de terra negra que inzan os pantalóns raídos do equipo de arqueólogos. Emigrado toda a vida a Nova Iorque, coma moita xente de Muros e Carnota, retornou hai catro anos á terra. Así e todo quedoulle un aquel ianqui na xestión do negocio. En cinco minutos ofrécese a colaborar co proxecto e ofrece unha churrascada a todos os voluntarios para o vindeiro sábado, de balde. Para el é unha honra que xente de fóra se preocupe polas pedras de Lira. Este home ten outro irmao en Nova Iorque, latinista investigador nunha Universidade da cidade: “Ti non sabes o que é estar aquí comendo o día da festa con toda a familia, e que che veña o irmán e che diga ‘por certo, non sei se sabes algo moi curioso, resulta que Carnota vén de Carnotum…’, pero vai ao carallo hom, que estamos comendo déixate de latines e andrómenas…”
“Castelao predicou en Lira cun espigón na mao”, iso sentínllo á miña avoa moitas veces antes de morrer. Quen nolo conta é un rapaz novo que traballa nos parques eólicos e mesmo ten viaxado á India coa empresa. Fala dos avós xa mortos co mar de Lira envorcado nos seus ollos, e non cansa de repetir que facemos ben, que sempre lle dixera o avó que alí arriba había un cabaliño de ouro e outro de veleno, que había que dar ben co bo que senón estouraba todo. Dicímoslle que polo momento só contamos cun cadeliño chamado Caravel.
O canteiro Cernadas leva máis de dúas décadas turrando da arte rupestre de Carnota, denunciando agresións, recuperando petróglifos, publicando as estacións rupestres. A súa barferencia no Rúa da zona vella de Carnota é o mellor exemplo para termos un chisco de confianza no futuro. Acosado pola Administración no seu día, Cernadas deixou un testemuño inesquencible do amor que un canteiro sinte polas pedras e as cousas de antes. Nunha visita a un petróglifo parcialmente destrozado por unha obra realizada pola administración, Cernadas chegou a pegar con loctite os anacos esparexidos para que se preservase un motivo decorativo. Todo un delincuente.
A excelente biblioteca da Casa de Cultura de Carnota serve para desenvolver actividades cos nenos. O obradoiro de arenoglifos organizado pola restauradora Yolanda Porto é todo un éxito. Os pícaros desbarallan sobre os cervos, os barcos da Laxe Escrita e a Arqueoloxía. Unha nena ergue a mao e afirma fachendosa: “Pois unha vez o meu pai atopou na leira unha moeda de cen pesetas”, pois que a garde muller, que deseguro coa que está caíndo igual aínda a vai ter que usar.
Jordi ten un pub en Caldebarcos, O’Pirata, unha casa de pedra restaurada con cheminea monumental e boa música pop-rock. Jordi é un pirata bo. Traballa até ben entrada a madrugada, durme case nada e alí está a primeira hora na Torre dos Mouros, movendo pedra, e orientándonos no traballo coa súa intelixencia natural e o seu amor pola terra dos seus avós. Baixa para xogar un campionato de fútbol-sala a golpe de domingo, e aínda volta a seguir traballando, cargado de cervexas para os voluntarios. Coleccionista de antigüidades, coñece palmo a palmo Carnota, sabe dos achados que se gardan dentro das casas e empotrados nas paredes, dende canóns a Virxes de pedra, pasando por botóns de uniformes napoleónicos que agroman co paso do arado nun curuto no que houbo un enfrontamento cos franceses. Outro delincuente máis.
Tatuaxe, mirada de fronte e pinta de pirata malote ligón, Jordi ten o corazón máis grande có hórreo de Carnota.                                                

Geronimo Stilton





Este venres pasado rematamos o ciclo de obradoiros para nenos do campamento organizado polo Concello de Carnota no marco do proxecto arqueolóxico de Torre dos Mouros. A actividade consistiu nun obradoiro de arenoglifos e no modelado de potes semellantes aos dos castros. Unha experiencia marabillosa para coñecer a percepción do mundo que teñen os pícaros desta terra e doutras, coma o Sahara occidental. Obviamente, sen o agarimo e bo facer de Yolanda Porto, a restauradora do INCIPIT, todo sería moi diferente. O anecdotario é variado:
"A miña avoa ten un diamante"
"O meu pai atopou unha vez na leira unha moeda de cen pesetas"
"Pois a min non me gustan os petroglíficos"...
Así e todo, eu quedo co caso de Xián,. un neno entusiasta e retranqueiro que se alcumaba a si mesmo Xián "o artístico". Quedou tan fascinado do primeiro obradoiro que debeu dar a vara na casa coa Arqueoloxía toda a semana, tanto que lle caiu un dente e o ratonciño Pérez tróuxolle como agasallo un libro ambientado no Neolítico protagonizado por outro rato detectivesco, Geronimo Stilton. Con esta bibliografía Xián chegou sobrado á Torre dos Mouros na visita-contacontos que levou a cabo Soledad Felloza o pasado sábado.
Hai canteira.

19/7/12

Herdeiros pola Forza en Carnota


Tralos paso por Ponteceso este venres, o sábado presentaremos o libro ás 20:30 na Casa de Cultura de Carnota. O poxecto de Torre dos Mouros non é outra cousa cá materialización do modelo de xestión do Patrimonio Arqueolóxico que defendemos en Herdeiros pola Forza. Alí vos agardamos, alumando entre a néboa.

Fotografía de Andrea Lozano.

11/7/12

Castiltejón, again



Velaquí tedes aos nosos compañeiros Eduardo González e Víctor Bejega socializando os resultados do proxecto arqueolóxico Castiltejón 2011 no marco do Curso de Verano en Cistierna 2012 Historia y Memoria: La España de los años sesenta organizado pola Universidade de León. A visita guiada ao fortín de Arboleya e á posición de Castiltejón é unha das mellores maneiras de explicar o que alí aconteceu en setembro de 1937. Os obxectos e os edificios falan.

 http://fgulem.unileon.es/euniversitaria/curso.aspx?id=5

A Druidesa

Os arqueólogos e as arqueólogas gozamos dunha cómoda posición, adicámonos a investigar o pasado e contamos cun material potentísimo para elaborar relatos suxerentes sobre o pasado. A priori, existe unha forte atración cara ao traballo arqueolóxico por parte do público xeral. Sen embargo, moitísima xente prefire achegarse ao pasado coa axuda de novelas, películas, vídeos e cómics antes que poñerse a ler esa inmensa literatura gris conformada por memorias de escavación e ensaios inintelixibles. A este respecto, as novelas históricas e os filmes teñen unha audiencia coa que xamais poderá competir a literatura arqueolóxica tradicional.
A xente non quere que lle falen de fíbulas, querer ultrapasar os obxectos, o que queren é poñerlle faciana ao pasado. A xente quere que lle falen de persoas.
Así comezaba a súa intervención en Frankfurt Birgit Jaeckel, arqueóloga con doutorado na Universidade de Erlangen-Nürnberg. En 2007 publicou unha novela, A Druidesa, que se convertiu nun best seller e que conlevou a fin da súa carreira académica, como ela mesma comentaba con retranca. A ese libro seguíronlle outros como Der Fluch der Druidin (2009). Estamos falando de obras perfeitamente documentadas, de boa literatura que concilia rigor histórico e boa escrita. Velaí están os resultados. Pouco ten que ver con ese xénero cultivado en España por revisionistas e xente que desbaralla sobre os astures, os druidas na Reconquista ou vai saber ti que. De todo isto falamos nas presentacións de Herdeiros pola Forza e mesmo o tema xurdiu na presentación do libro xuvenil de María Solar As meigas de Lupa (Xerais) hai pouco en Compostela. O peso da Autorictas academicista segue impedindo o desenvolvemento destas achegas suxerentes, divertidas e gozosas. Porque o pasado é un país extrano, pero ninguén dixo que foxe aburrido. As barferencias de Lira e Carnota, no marco do proxecto A Torre dos Mouros van por aí. Se queredes contrastar in situ se é certa esa mistura de rigor-humor-relato non tedes máis que ir alá e mandarvos unha cervexa.

10/7/12

Arqueólogo en Galicia


Coma outros seres humanos, levamos padecendo dende hai moitos anos a Arqueoloxía galega. Neste contexto de crise e pauperización profesional, o que máis medo nos daba era que a situación arrastrase a xente que temos por intelixentes e boas persoas. E os nosos temores, lamentablemente, vanse confirmando cada día que pasa. O que está a acontecer co arqueólogo da Deputación de Pontevedra, Rafael Rodríguez, é de xente miserable e indecente, moi na liña destrutiva destes bos e xenerosos que velan polos intereses da Arqueoloxía galega, que guindan a pedra e agochan a mano, que destrúen en vez de construír, que non manipulados coma monicreques por outros que gardan a roupa moi ben. Que todo o mundo saiba que a min, alomenos, pero a moita máis xente. esta xentalla con nomes e apelidos non nos representa en absoluto, por moito que pensen que si. É lamentable o cinismo que se agocha detrás de toda esta merda, estrada por xentalla que non sabe o dano persoal e laboral que está xerando, de xeito totalmente gratuíto, seguindo a vella consigna de quítate tú que me pongo yo. Nestes días dáme vergoña ser un arqueólogo galego. Xa non o son. Son un arqueólogo en Galicia.

Fotografía: visita guiada ao castro de Besomaño, na primeira fase de intervención no xacemento. Todo un exemplo modélico de Arqueoloxía Pública e social, dirixido nesta segunda fase polo arqueólogo Rafael Rodríguez, o tipo máis conciliador da arqueoloxía galega, o fulano que prestou máis facilidades para a investigación neste país, o individuo que ten levado o nome deste país a congresos internacionais, a persoa que máis ten feito pola dignificación e  aproxección social desta profesión Transparencia informativa, actividades formativas, inserción laboral, colaboración coa comunidade, resultados en tempo real... para que veñan uns mangantes. ignorantes e cínicos a dicir algo así como que o Patrimonio está en perigo neste tipo de proxectos, a calidade do rexistro arqueolóxico, etc., etc... Por favor, un pouquiño de vergonza e de seriedade.

http://ccaa.elpais.com/ccaa/2012/07/09/galicia/1341861401_912054.html