Mostrando entradas con la etiqueta Cultura material. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Cultura material. Mostrar todas las entradas

5/7/12

Barferencia en Lira


Este sábado ás 20:00 horas no bar Louro de Lira (Carnota) impartiremos a primeira barferencia organizada polo equipo técnico do proxecto A Torre dos Mouros. Neste caso somos Rafael Rodríguez, arqueólogo da Deputación de Pontevedra e Xurxo Ayán os que tentaremos desmontar ideas coma o atraso da xente dos castros ou o seu carácter periférico e fisterrá (no mal sentido isto último), centrado a nosa atención nos intercambios comerciais cos navegantes mediterráneos. Alí vos agardamos, cunha Estrella na mao.


http://torredosmouros.net/index.php/2012/07/03/navegantes-prehistoricos-fenicios-nas-costas-galegas/

4/7/12

Habemus Codex


Grandioso. Ánxel Fole ou Álvaro Cunqueiro tiñan que estar vivos para comentar a reaparición do Códice Calixtino. Temos un personaxe que podía camiñar perfeitamente polas páxinas de Terra Brava ou Xente de aquí e de acolá. Segundo El País:

Fernández Castiñeiras era un virtuoso del disimulo. Habitualmente participaba en debates de bar con personas próximas a la catedral y daba sus opiniones respecto al paradero y las posibles causas del robo de la joya perdida. Por riba ía todos os días á misa á catedral, con dous collóns. Por favor, que lle concedan a Medalla Castelao a este home, por representar o carácter suíña e rancoroso do home galego. Marabilloso. O dito: este electricista modernizou A lus do candil de Fole.

2/7/12

Do obradoiro ó corpo


O Instituto de Ciencias do Patrimonio, da man do noso compañeiro Xosé Lois Armada, organiza esta reunión científica na que participamos coa comunicación: Fundir en tiempos revueltos: actividade metalúrxica da 1ª Idade do Ferro no Castro Pequeno de Neixón (Boiro, A Coruña).
O programa en  http://digital.csic.es/handle/10261/51493

25/6/12

A tese, á venda


Un aviso a todos aqueles que amosastes interés en adquirir a nosa tese de doutoramento, defendida en xaneiro pasado na USC, Casa, familia e comunidade na Idade do Ferro do NW. Como xa sabedes, neste traballo deféndese unha Arqueoloxía Pública que chegue á sociedade rompendo os vellos prexuízos academicistas e cientificistas. Neste sentido, a propia publicación electrónica da obra (versión en castelán), da man de Xurimaru comunicación, resposta a este enfoque, superando o modelo de custosa publicación en papel, de prezo prohibitivo e dirixida a un público erudito e especializado. O libro estará dividido en tres partes que se poderán adquirir na tenda electrónica de Xurimaru na editorial online www.redelibros.com  ao prezo de 3,99 euros cada volume. Se se mercan os tres libros, o prezo será de 9,99 euros.

29/5/12

O tesouro dos bárbaros


Esta magnífica exposición ilustra unha historia que sempre se queda nas fontes clásicas, nos mapas de distribución dos pobos xermánicos durante as invasións, en fríos relatos históricos... cando foi un tempo de trauma, violencia e destrución. Úrsula Heimberg ten estudado a fondo as invasións xermánicas do século III en Xermania inferior. Por ela coñecemos o espeluznante caso do campamento auxiliar de Krefeld-Gellep, onde se escavou todo un campo de batalla. Os esqueletos de 124 persoas, incluíndo mulleres e nenos e de 23 cabalos, o que corresponde, aprox. a unha centuria de soldados de a pé, algúns civís e un escadrón de cabaleiría. Os caídos ou asasinados xacían no espazo de culto refundido dun antigo templo a Mitra, que serviu de foxa común, e nos seus arredores. Os corpos foron soterrados a toda présa, uns sobre doutros, e foron cubertas con cal como medida de desinfección. Catro moedas de prata acuñadas en 258/59 atopadas no moedeiro dunha muller datan a catástrofe.
Esta anovada Arqueoloxía Clásica infunde esperanzas para relanzar o estudo dos mal chamados séculos escuros na Gallaecia. O impresionante Cronicón de Hidacio está a agardar unha contrastación arqueolóxica, cando menos.

O botín dos Alamanes sen Merkel



A composición deste tipo de depósitos extraídos pola draga entre Seltz e Mannheim (a mellor área para cruzar o Rhin para os xermanos), a concentración nesta zona, o seren coetáneos... exclúen que o conxunto de achados fose consecuencia de accidentes de botes ou de barcos máis grandes, así como que se tratase de ofrendas. Xa as incursións de 259-260 d. C. actuaran como detonantes dunha crise do Imperio que levou á fundación dun segundo Imperio romano que duraría 14 anos (260-274 d. C.), o alcumado Imperio galo. Esta entidade naceu como consecuencia, precisamente, dun botín xermano recuperado polo Exército romano. o xeneral de turno (Póstumo) repartiuno entre os soldados e o emperador de Roma reclamouno. Este asunto rematou coa proclamación de Póstumo como emperador alternativo e coa independencia de facto das terras de Britania, Hispania, Galia e Xermania.As incursións xermánicas mantivéronse deica o ano 278, ano en que o emperador Probo voltou asegurar as fronteiras.
A realidade amosada por este depósito compleméntase co abraiante depósito de Hagenbach, onde se localizou un peculiar conxunto de adornos e grande cantidade de placas metálicas votivas porcedentes de santuarios rurais romanos do Sur de Aquitania. Esta é unha proba irrefutable do amplo espazo de actuación dos saqueadores xermanos, neste caso, sen dúbida, alamáns, contra o 259-260 d. C.

Fotografía: pezas de prata do depósito de Neupotz, esnaquizadas para o reparto do botín.

Na procura do botín



Testemuños de antigos autores, evidencias epigráficas e nomeadamente o crecente número de restos arqueolóxicos, fan que xurda paseniñamente de entre a néboa da historia unha época movida e sinistra para os habitantes das provincias romanas como foi a do segundo terzo do século III d. C. A relativa calma das provincias do norte chegou á súa fin a partir do ano 233 d. C. coa incursión de continxentes xermanos en Raetia. Os xermanos dectáronse moi tarde neste intre, de que o limes, podía ser acadado e ultrapasado de xeito doado, especialmente nos intres en que a vixiancia esmorecera por mor da retirada de tropas cara o limes oriental. O punto culminante deste proceso deuse a fins de 259 d. C. Os xutungos xermánicos atacaron Raetia e o norde de Italia; os alamáns penetraron na Xermania Superior e as provincias do Sur da Galia, mentres que os francos avanzaron pola Xermania inferior e o norde da Galia. As pegadas da devastación e os saqueos foron marcando o camiño destas tribos. Incursións por todo o territorio conduciron ao saqueo de asentamentos, fincas e santuarios. O reparto do botín realizábase no camiño de volta (polas propias vías romanas) ás súas áreas de orixe, antes de levar a cabo o perigoso cruce do Rhin. Por este motivo abundan as pezas esnaquizadas tencionalmente para seren repartidas. Non importaba a función e utilidade do obxecto romano de turno, senón que o valor viña dado polo propio material (ferro, prata, bronce).
Neste camiño de volta a casa resultaban perigosas as emboscadas levadas a cabo pola rápida frota romana do Rhin. Probablemente moitos alcanzaron a súa patria sen sufriren dano algún, pero outros non tiveron tanta sorte e caíron en mans da frota romana, ou alomenos perderon o seu botín durante a loita. Este foi o caso do depósito de Neupotz, que remaneceu no fondo do Rhin até 1980.

Fotografía: decantador de viño romano con decoración nielada, formando parte do depósito de Neupotz. Tipoloxicamente, en castelán, é un cuenco con pitorro y cubierta parcial. Viña sendo un recipiente multifuncional na mesa e servía tanto para verquer o viño como para coar as herbas e especias aromáticas.

O depósito de Neupotz


Vou seguer o texto do especialista Richard Petrovsky para tentar transmitirvos a importancia histórica destes tesouros do Rhin.
O achado de Neupotz, Kreis Gemersheim, en Renania-Palatinado, é o meirande e máis amplo depósito de época romana xamais descuberto. O achado saiu á luz en 1980 de xeito accidental durante unhas obras de dragado nun antigo brazo do Rhin (non vos recorda ao noso Ulla?). Componse de bastante máis de mil obxectos de ferro, bronce, latón e prata. Nin sequera os achados de Pompeia e Herculano fornecen algo comparable. O depósito de Neupotz constitúe, xunto con outros depósitos da mesma zona (Hagenbach. Liegenfeld ou Otterstadt), unha excepción: son os botíns reunidos polos saqueadores xermánicos nas súas incursións de pillaxe polas provincias romanas. Durante a retirada, afundiu nas augas do Rhin e preservouse durante séculos na húmida area do leito fluvial. Este depósito ten un potencial informativo extraordinario, xa que está composto de vaixela de mesa e de cociña, de ferramentas, de utensilios para a agricultura e de partes de carros, todos, de época romana, e abre unha fiestra á vida cotiá das provincias do NW galo-xermánico ao longo da primeira metade do sécul III d. C. Con todo, non se conservaron os materiais inorgánicos do botín, comida, gando e textís. Este depósito confirma de xeito abraiante como aínda restan momentos estelares para a arqueoloxía.

16/5/12

ólas do mar de Vigo, se vistes meu amigo



Por iso recuperamos estas vellas adegas de Vilachá, aquelas ruínas do pasado que hoxe son para todos nós bens patrimoniais e símbolo material da nosa identidade. Porque bebemos para lembrar, vivimos para non esquencer. Tal facían hai máis de dous mil anos todos os pobos galaicos. Estes antergos habitantes dos castros non tiñan vides pero coñecían o viño grazas aos navegantes mediterráneos. Os barcos cartaxineses chegaban ás Rías Baixas cangados de perfumes, aceite e, sobre todo, anforiñas de viño.
Segundo Strabon as xentes dos castros embriagábanse en bebedelas nas que rulaban as xerras en rolda seguindo a orde da idade e mailo rango. A obra de arte máis fermosa e acabada feita polas maos das alfareiras dos castros é a alcumada xerra Toralla, chamada deste xeito porque foi descuberta por primeira vez no castro da illa de Toralla, nesa portela natural aberta ao mundo que é a ría de Vigo. Ólas do mar de Vigo, se vistes meu amigo… Esta xerra que vedes ten dous mil cincocentos anos de antigüidade, e nela quedaron estampadas as ondas do mar, os parrulos das xunqueiras, lagoas e gándaras da costa. É aquí onde se rexistra por vez primeira a querencia polo naturalismo da arte galega. O mesmo amor pola natureza que agroma en cada patao da Ribeira.
Os barcos procedentes do Sur rubiron tamén polo Miño arriba pousando o viño nos castros do interior. Así coñeceron por vez primeira os lemavos o sacro líquido de Baco. No século I a. C. a burguesía mercantil de Gadir, a mesma que financiou a campaña militar galaica de Xulio César inzou o noso país de viño de purrela. Quizabes por iso, por moito Medulio que mediase, Roma conqueriu grande parte de Galicia sen necesidade de batallar. Co viño chegou a pax romana. Daquela o río Sil servía de limíte entre a Galicia romana do Sur, máis desenvolta, e a Galicia lucense, seica máis tradicional e arcaica. Atrasados serían, pero os pícaros lemavos quedaron coa ribeira boa, coa aba quente do canón do Sil. Os lemavos non elaboraban viño antes da chegada de Roma, mais soñaban con el. Velaquí novamente o poder creativo da imaxinación e a forza dos soños no devalar histórico do noso país.

9/2/12

O Pazo da Golpelleira



O camposanto de VilAgarcía de Arousa brindounos hoxe toda unha lección sobre a Historia social e cultural deste país. Estamos a falar da fidalguía galega como clase social, daqueles señores da terra que tan ben retratou Otero Pedrayo, que seguían mantendo a cosmovisión do Antigo Rexime en pleno Estado liberal. Os fidalgos renunciaron ao idioma local, seguiron mantendo toda a mitoloxía do solar pacego como referente identitario e pasaron a engrosar as filas da Administración e do Exército. Neste contexto, a guerra colonial de Marrocos igualou polo baixo a campesiños e fidalgos. Os primeiros como carne de canón, sen cartos para pagaren a exención do servizo militar (cousa que si facían os burgueses), e os segundos como mandos do glorioso Exército español, todos masacrados polos rifeños. O capital, sen embargo, non tivo que tomar cotas con baioneta. Velaquí tedes unha tumba que resume toda esta historia:

Miguel Remírez Esparza y García-Ponte,
capitán de caballería
murió heroicamente
el 18 de octubre de 1924
en el Fondak (Áfrika)
al frente de su sección
a los 29 años de edad
y su hijo
José Luis Ramírez de Esparza
y López-Ballesteros,
falleció en el Pazo de la Golpelleira
el 5 de abril de 1931
a los 10 años de edad
D.E.P.

Curiosamente a cita expresa ao pazo da Golpelleira esténdese a todos os membros da familia, algún deles soterrado en época recente (ano 2000). O pazo como imago mundi, como topos, como referente material do status, a clase, o pretixio social e a identidade familiar. Nesa familia e nese pazo naceu o ilustre devanceiro Luis López Ballesteros (1782-1853), ministro de Facenda na Década Ominosa con Fernando VII e que rematou os seus días como presidente da Real Academia da Historia.

30/1/12

Cunqueiro en Ortigueira


Yo había leído a D. Federico Maciñeira, había leído su "Crónicas" y sus estudios de Prehistoria. Allá por el año 32, cuando yo leía mi Pomponio Mela, ir a Ortigueira sería para mi ir al país de los arrotrebas, una gens céltica y marinera, de la estirpe de Mill. Maciñeira, retratado y junto a un dolmen o a la cabeza de la fila india de un cromlech, me era una estampa familiar en libros y revistas de arqueología prehistórica. Las cosas se le montan a uno de endiablada manera en la cabeza y así, Ortigueira fue, para mí, antes de conocerla, una especie de exposición permanente de la prehistoria gallega. La comarca ortegana es sin duda una de las tierras más entrañables y significativas del país gallego; es una tierra antigua, de facies profundamente masculina, extendiéndose ante el mar desde el costado de altas sierras y desde el borde de dilatadas brañas. Pero Maciñeira y sus hallazgos prehistóricos le daban a su antigüedad y a la problemática de su paisaje un tono especial; porque al Maciñeira historiadorr más que Fajardos y Villarnovos, Saavedras y Pardos de Lama y el señorío del de Astorga y las viejas infantas góticas de las crónicas de los tiempos de hierro, lo que le iba era el celta, y el que le apasionaba era el hombre enterrado en el dolmen y el que oficiaba los ritos druidas en el cromlech propiciador. Mi primer encuentro con él, paseando en Ortigueira por la carretera, fue una larga disertación sobre el vaso campaniforme. Lo dibujaba, boschgimperianamente, en el aire, y yo me ponía a imaginar, siempre que recordaba a Maciñeira en su villa, una Ortigueira llena de vasos campaniformes, ella misma un enorme vaso campaniforme con el labio roto por el lado de la ría. Y en el fondo del vaso las campanas de la iglesia haciéndole vibrar. Un vaso de claro color, transparente y tibio.

Álvaro Cunqueiro: Mi Ortigueira. En Programa de festas Ortigueira 1951. In Álvaro Cunqueiro en Ortigueira. Santiago: Consello da Cultura Galega. 2011, páxs. 47-48.

28/12/11

O caldeiro máxico


Os galegos teñen un aquel calcolítico na súa alma, quizabes como contraposición á case total ausencia do mineral de cobre na nosa terra. Esta eiva trae de cabeza dende hai décadas á investigación prehistórica galega. A evidencia cuprífera máis antiga atopada deica o momento seguen a ser os afamados machados planos de mediados do IIIº milenio antes da nosa era.
Nestes inicios da metalurxia en Galicia, estudados brillantemente pola profesora Beatriz Comendador, cómpre subliñar os restos asoellados nun illote da ría de Arousa que de cando en vez asoma nas cabeceiras de prensa por servir de camposanto a planeadoras queimadas polos narcotraficantes autóctonos. Estamos a falar do Guidoiro Areoso, onde apareceu nunha escavación arqueolóxica dirixida por Manuel Rey unha estrutura ritual sobre a praia con diferentes ofrendas, entre elas os obxectos de bronce máis antigos do NW, unhas variñas feitas coa innovadora aleación de cobre e estaño. Como acontecería daquela en adiante, as Rías Baixas serían o porto de entrada natural a todas as innovacións tecnolóxicas foráneas. E o bronce era unha delas. Todos coñecemos a querencia do galego polo alóctono, ao que confire sempre máis prestixio, por defecto. A riqueza estannífera das nosas costas daría pé, por unha banda, ao mundo case lendario das Illas Cassitérides e, por outra banda, ao desenvolvemento da alcumada orfebrería do Bronce Atlántico, unha arte que compartía estilo propio nas fisterras da Europa occidental. Os habitantes dos primeiros poboados fortificados do NW da Península Ibérica, a comezos do 1º milenio antes da nosa era eran uns artistas nisto da ferralla, a chatarra e o bronce. Un dos obxectos de moda daquel tempo, cangado dun fondo trasfondo simbólico -como ten amosado o noso colega Xosé Lois Armada- é o alcumado caldeiro de bronce tipo Hío, chamado así por aparecer un exemplar ben conservado nun acubillo nun penedo desta localidade do Morrazo. Este tipo de caldeiro con remaches era unha virguería tecnolóxica, un elemento esgrevio do enxoval que se empregaba en cerimonias de banquetes, comensalidade e mesmo funerarias. Estes primeiros castrexos eran moi dados a esnaquizar de xeito ritual estes caldeiros e agochalos intencionalmente en covas, regatos, foxas ou cabanas sobranceiras dentro dos asentamentos. Os investigadores dubidan da súa funcionalidade no marco do xantar, pero semella que se empregaban para cociñar grandes pezas de carne. Pode ser, malia que ten moito máis morbo pensar na posibilidade de que nos atopemos diante da orixe primixenia dun elemento chave do ethnos galaico: o polbo cocido. O problema radica aquí nun dato que os malacólogos leoneses Víctor Bejega e Eduardo Gómez sinalan sempre no seu excelente labor divulgativo: este cefalópodo non deixa ningún rastro no rexistro arqueolóxico. Porén, a súa ausencia non ten por que respostar necesariamente á súa inutilización polos castrexos costeiros. O mesmo acontece coa ameixa nalgún concheiro da época; unha hipótese para explicar esta ausencia obedecería, como apuntaba o meu curmán Iván, a que esas xentes non sabían facer a salsa, polo que non mariscarían a patella vulgata…
En todo caso, daqueles polbos vienen estos lodos. Maxinemos ao estilo cunqueirán que o caldeiro máxico da Galicia céltica protohistórica derivou co paso do tempo no pote galego, nese trebello esencial do noso lar tradicional, na pota para facer o cocido e para cocer o polbo. Recipientes todos que serven para trascender a realidade e adentrarse nunha nova dimensión, nun novo estado psicofísico a través do cobre: a caldeirada. O ilustrado marqués de Sargadelos non era idiota e na súa afamada fábrica produciu centos e centos de potas de rancho de batallón para os Reais Exércitos da Súa Maxestade EL-Rei das Españas, cobre moitas veces, non cobrado. A importancia dos caldeiros na Galicia premoderna vén dada polo feito de seren reparados incluso con parches metálicos feitos con moedas, perras chicas, perras gordas, amadeos e afonsos. Eu recordo na casa do meu avó en Cerasia estes remendos a base de vellos patacóns de Afonso XII. Os vellos dicían que lle daba un aire cortesán ao cocido e ao polbo, porque xantar, xantabas coma un rei, aínda que fose só no día da festa do Santo Patrón.
Nestes comezos do século XXI Galicia está tomada por esgrevis garantes da saúde pública, por unha comisión anónima de civilización dos costumes que me recorda moito a unha entidade semellante promocionada polo Estado etíope. Empregando como excusa a hixiene, estes funcionarios africanos obrigan ás comunidades tribais a abandoar os seus costumes tradicionais, procurando a uniformización dos cidadáns e a anulación de toda diferenza cultural. En Galicia primeiro viñeron a polos que facían a augardente na casa, pero non me importou porque eu non bebía. Deseguido multaron a aqueles que sangaban con coitelo ao marrao, pero tampouco me importou porque son vexetariano e antitaurino. Asemade, lograron acabar coas cortes e liscar das feiras galegas o gando, a súa verdadeira razón de ser, pero tampouco ía comigo, que pensaba que o leite viña da neveira. Logo deulles polas cubas, as amboas e as pezas de barro de Gundivós sen esmaltar, pero a min tanto me tiña porque bebía Fanta e mercaba nos chinos. Agora perseguen os caldeiros de cobre, pero xa me é tarde, que o médico me quitou o pementón. Se é por hixiene, estes sabios deberían prohibir os billetes, cheos de merda, farlopa e virus transmisores de enfermidades, entre elas a idiotez.
En vez de declarar Ben de Interese Cultural a obra de Castelao (sic), o surrealista goberno galego do ga-soso (e supostamente conservador) Feijoo, debería declarar BIC os caldeiros máxicos das nosas pulpeiras. Como non o fará, os insumisos e insumisas cupríferos seguiremos guindando á pota moedas ou anacos de cobre mentres se coce, ou cocemos, un bo polbo calcolítico. Unha maneira coma outra calquera de facer país.

9/12/11

O remuíño da Historia



Curioso o destino dos muíños xiratorios dos castros. Ao longo de Portugal temos visto uns cantos destes Museus Arqueológicos, acopio de materiais labrados en pedra ao estilo decimonónico das sociedades arqueolóxicas como a de Pontevedra, con esas ruínas de Santo Domingo inzadas de escudos nobiliares, sartegos, capiteis, inscricións... Os muíños dos castros invístense de certo marchamo, de certa soleira, e son dignos de compartir espazo cos tempos medievais e modernos. Nos nosos tempos as cousas trocaron un chisco. Podedes maxinar a faciana dun director ou directora de Museo arqueolóxico galego perante a ameaza de que o enésimo muíño acabe coas súas micas, seixos e feldespatos nas súas dependencias. Pola contra, cando un arqueólogo inicia un proxecto, sobre todo se se trata de sondaxes, atopar un muíño xa é algo: ocupa espazo, é chamativo, enche unha lámina da memoria e xustifica en parte a intervención: Había algo. No mundo castrexólogo do NW o muíño é un aténtico fetiche.

Muíños castrexos na citania de Briteiros e na Sé Episcopal de Braga.

16/11/11

O pedrolo é noso


O panonio Martiño de Dumio, na súa angueira de corrixir a rusticidade galaica, constatou no século VI da nosa era a querencia dos labregos deste país polo culto ás pedras, unha tradición que seica proviña xa dos tempos prehistóricos.
Un sabio arquéologo portugués, Carlos Alberto Ferreira de Almeida, chegou a caracterizar a Idade do Ferro do NW da Península Ibérica coma unha “civilización da pedra”, e non lle faltaba razón. Outros investigadores, coma Carlos Alonso del Real, vían nas comunidades neolíticas artífices das antas e medorras a orixe de parte da cosmovisión campesiña posteriormente cristianizada por Martiño e os seus colegas. Non cabe dúbida que os galegos conservan un certo espírito megalítico, co seu amor polos menhires, mollóns e monolitos. Este cariño medrou coas posibilidades brindadas polos fondos europeos, como se pode ver en calquer rotonda, fonte, muíño, mirador, área recreativa ou aula didáctica deste país.
Chantar unha pedra nesta terra fisterrá non é unha broma. Na bacía media do Miño, o etnoarqueólogo Vázquez Varela ten estudado un curioso fenómeno sociolóxico. As comunidades gandeiras da serra do Suído erguen menhires propiciatorios da chuvia para garantir o verdor dos lameiros e as brañas no verao. Entrementres, os habitantes do Ribeiro, vendimadores sempiternos, pregan para que a auga non estrague os seus acios. Como estratexia contrarrevolucionaria, os homes do viño ruben á serra e deitan os menhires dos señores do gando. Estas pedras fitas posúen o mesmo valor simbólico que os mollóns que delimitan as parroquias, moitos dos cales reaproveitan penas naturais pero tamén ás veces auténticas pedras fincadas prehistóricas ou mesmo miliarios romanos, fitos na paisaxe aos que se vencellaban intimamente as comunidades locais. Un magnífico exemplo foi o acontecido nos anos da IIª República co miliario de Santiaguiño de Antas en Mos (Pontevedra), un marco divisorio entre parroquias empregado como escenario de práticas curandeiras e ritos de fertilidade tradicionais. O arqueólogo Rafael Rodríguez escavou o miliario en 2007 e puido documentar todo o proceso de cristianización da pedra, así como recoller esa vella tradición oral: “ós rapaciños cando tiñan un mal que non daba curado con menciñas traíanos os pais á pedra e sentábanos derriba dela e, días de pois, sandaban do mal”.
Como dicía, en 1932, o erudito Casto Sampedro, presidente da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra tentou levar á capital este mollón romano, solicitando o apoio do gobernador civil da provincia, que non era outro ca o historiador da arte e arqueólogo Ángel del Castillo. Unha comitiva encabezada por estes dous personaxes, máis Filgueira Valverde e a Garda Civil completábase cunha cuadrilla de obreiros coa que se tentaría substituír o orixinal por unha réplica in situ. O pobo reaxiu e a piques estivo de producirse unha carga policial. A resistencia popular fixo que a pedra ficase no seu sitio, acompañada da suposta réplica que a ía reemprazar.
As parroquias galegas non se andan con andrómenas á hora de defender o seu. Outro exemplo antolóxico foi o acontecido durante o reinado de Filipe II nas terras luguesas d’O Incio. Coa invasión musulmá, os mozárabes levaron canda si os restos do varón apostólico San Eufrasio, dende Andúxar até o val do Mao. En plena ofensiva contrarreformista, o xefe daquela da casa dos Austrias decidiu devolver o santo á antiga sé episcopal de Andúxar, o século XVI. Mi madriña! O dono do Imperio no que non se poñía o sol, mazo contra os mouros e os herexes, vencedor en mil batallas, tivo que dar marcha atrás perante a resistencia irmadiña dos parroquianos do val do Mao. É o que en galego se chama un trasacordo. O trasacordo de Filipe II veu dado por uns labregos que berraban, segundo as crónicas, o santo é noso!
Pedrolos e santos son a esencia do patrimonio que os parroquianos sinten como propio. As negociacións sempre son duras. Cómpre lembrar o que aconteceu na organización daquela exposición lexitimadora do fraguismo, Galicia no Tempo. Algunhas das pezas só puideron saír das parroquias por medio da intersección do representante de Deus na Galicia lucense, Rouco Varela, e da palabra de honra do káiser Manuel Fraga Iribarne, auténtico líder carismático para moitos galaicos do ager. Igual cós cascos de cervexa e de Coca-Cola, estes pedrolos e santos eran retornables.
De todos os xeitos, este é un proceso case que universal. A quen pertencen os obxectos? Localismo, política e identidade mistúranse cun aquel postmoderno nas reclamacións dos Papeis de Salamanca, a dama de Elche, as esculturas do Partenón... En Galicia contamos cun recente exemplo, de manual, mais desta volta nun contexto urbano. En 2003 nunhas escavacións arqueolóxicas nun solar da cidade olívica atopouse un ungüentario palestiniano (séculos III-VII d. C.) que foi levado para un Museo de Santiago de Compostela. Cando o caso salta á prensa, iníciase unha longa campaña con plataforma cidadá incluída (El ungüentario es de Vigo, era o lema). Resulta curioso como determinados obxectos invístense de capital simbólico no presente, mentres ninguén reivindica en Vigo, por exemplo, os kilos de ánforas, tégulas e cerámica común romana espalladas polos Museos de Galicia e recuperadas en xacementos vigueses.
O caso do ungüentario de Vigo resúmese nunha maxistral fotografía de Lalo R. Villar (El País, martes 8 de abril de 2008, Edición Galicia, páx. 12) tirada na inauguración da sala na que se expón a cobizada peza, un cacharriño minúsculo, dentro dunha pequena vitrina: tralo cristal vemos reflectidas as facianas cos ollos miopes, forzados para ver ben de cerca, da conselleira de Cultura e o alcalde de Vigo. Pequenos políticos localistas manipulando cultura material diminuta. Este é o modelo de xestión do Patrimonio Cultural neste país de xente menuda chamado Galicia.

Publicado orixinariamente en Galicia Confidencial.

Fotografía de Rafael Rodríguez: escavación arqueolóxica do miliario de Santiaguiño de Antas, en 2007.

25/9/11

115 días




Unha vez levantado o cadavre de Charly, a base da trincheira amosa o seu último intre con vida. Unha recua de casquillos fálanos das últimas ráfagas disparadas a discreción contra os atacantes. Dous peines enteiros amosan que Charly ía armado até os dentes para o combate final. Non tivo tempo de utilizalos. O mesmo aconteceu coas dúas granadas de man, unha ebaixo do seu cranio. A distribución dos caquillos evidencia que estes homes da mítica brigada Lincoln foron copados nunha manobra envolvente. Charly disparaba cara atrás, de aí que os casquillos e a súa propia posición se ubiquen contra o perfil exterior da trincheira. Unha bomba de man posiblemente acabou coa súa vida e cos seus 115 días de loita ininterrumpida no Ebro.

3/8/11

Arte castrexa cntemporánea


Para moitos, a Arqueoloxía científica remata no estadio anterior. Para nós, non. O labor de socialización do Patrimonio arqueolóxico leva a divulgar e difundir esta cultura material máis alá dos museos e das aulas didácticas. Neste caso, as alfareiras da Fundación Terra Termarum de Cuntis fixeron unha réplica exacta que comeza a estenderse polo país, acadando novas funcionalidades e significados no presente. A arte castrexa convértese en arte contemporánea. Velaquí tedes unha fotografía de Soledad Felloza duns mirabeis do Rosal, que agroman da xerra Toralla neixonense.

http://www.manuelgago.org/blog/index.php/page/3/

Xerrando representacións 3D






Aqui tedes a famosa xerra Toralla inzada de ornitomorfos tras pasar polo modelado 3D da nosa compañeira Patricia Mañana (Incipit, CSIC). Unha excelente ferramenta para a investigación sobre a cultura material da Idade do Ferro.

http://csic.academia.edu/PatriciaMananaBorrazas

Debuxo arqueolóxico


A xerra Toralla profusamente decorada exhumada por nós nas escavacións arqueolóxicas no Castro Grande de Neixón en 2007 serviranos para amosar a variabilidade actual na representación arqueolóxica e artística da cultura material protohistórica. Na figura vedes o debuxo arqueolóxico 2D, feito con mestría polo noso debuxante Anxo Rodríguez Paz. Esta é a forma clásica que tan ben queda nas publicacións en papel de artigos e memorias científicas.

28/7/11

Potes 3D






Dunha tempada a esta parte estamos inmersos no proceso de inventario de todos os materiais localizados nas campañas 2003-2008 nos castros de Neixón. Este traballo permite abordar estudos integrais sobre a cultura material exhumada, incluíndo a aplicación de novas tecnoloxías. Neste senso contamos coa colaboración da nosa compañeira Patricia Mañana Borrazás (INCIPI, CSIC) especialista na aplicación arqueolóxica de 3D. Enriba podedes ver o procesado do afamado cunco de TSH do Castro Grande.

27/7/11

Can-ibalismo


Tampouco ten desperdicio a interpretación dos restos atopados do can de Neixón nas nosas escavacións de 2004:
Los primeros años en los que se comenzaron los trabajos arqueológicos se hallaron en Neixón restos de los huesos de un perro, que datan de hace más de dos mil años y que se encuentran en buen estado de conservación. Al parecer, el animal pudo ser enterrado por sus dueños en la zona poco después de fallecer.

Citamos de novo a Carlos Fernández:
Os nove restos de can identificados reflicten a presenza dun exemplar que non parece ter sido consumido, como viñemos constatando de forma habitual con respecto a esta especie nos xacementos deste período do noroeste. As partes anatómicas representadas correspóndense coa parte final do lombo (últimas cinco vértebras lumbares e mailo sacro) e a cintura pelviana dun único exemplar. As fracturas presentes nestes restos non son resultado de ningunha actividade de procesado antrópico nin de actividade de preeiros, senón que reflicten procesos de presión postdeposicional e roturas durante a fase de recuperación. En referencia á idade deste cánido, e ademais da fusión dos centros vertebrais, a presenza dunha pequena exóstose en dúas vértebras lumbares, afectando á parte distal da terceira e da proximal da cuarta, suxire que tería acadado claramente a fase adulta no momento da súa morte.

A escavación integral e detallada do tramo de foxo en 2005 evidenciou un feito interesante: a fragmentación do cadavre, xa que non apareceron máis restos do can, e os atopados están en conexión anatómica. Isto sitúanos nun contexto ritual propio da tradición atlántica da Idade do Ferro como é a fragmentación dos cadavres e da cultura material. Por non falar da presenza de cánidos en enterramentos fenopúnicos do S peninsular.