O pedrolo é noso
O panonio Martiño de Dumio, na súa angueira de corrixir a rusticidade galaica, constatou no século VI da nosa era a querencia dos labregos deste país polo culto ás pedras, unha tradición que seica proviña xa dos tempos prehistóricos.
Un sabio arquéologo portugués, Carlos Alberto Ferreira de Almeida, chegou a caracterizar a Idade do Ferro do NW da Península Ibérica coma unha “civilización da pedra”, e non lle faltaba razón. Outros investigadores, coma Carlos Alonso del Real, vían nas comunidades neolíticas artífices das antas e medorras a orixe de parte da cosmovisión campesiña posteriormente cristianizada por Martiño e os seus colegas. Non cabe dúbida que os galegos conservan un certo espírito megalítico, co seu amor polos menhires, mollóns e monolitos. Este cariño medrou coas posibilidades brindadas polos fondos europeos, como se pode ver en calquer rotonda, fonte, muíño, mirador, área recreativa ou aula didáctica deste país.
Chantar unha pedra nesta terra fisterrá non é unha broma. Na bacía media do Miño, o etnoarqueólogo Vázquez Varela ten estudado un curioso fenómeno sociolóxico. As comunidades gandeiras da serra do Suído erguen menhires propiciatorios da chuvia para garantir o verdor dos lameiros e as brañas no verao. Entrementres, os habitantes do Ribeiro, vendimadores sempiternos, pregan para que a auga non estrague os seus acios. Como estratexia contrarrevolucionaria, os homes do viño ruben á serra e deitan os menhires dos señores do gando. Estas pedras fitas posúen o mesmo valor simbólico que os mollóns que delimitan as parroquias, moitos dos cales reaproveitan penas naturais pero tamén ás veces auténticas pedras fincadas prehistóricas ou mesmo miliarios romanos, fitos na paisaxe aos que se vencellaban intimamente as comunidades locais. Un magnífico exemplo foi o acontecido nos anos da IIª República co miliario de Santiaguiño de Antas en Mos (Pontevedra), un marco divisorio entre parroquias empregado como escenario de práticas curandeiras e ritos de fertilidade tradicionais. O arqueólogo Rafael Rodríguez escavou o miliario en 2007 e puido documentar todo o proceso de cristianización da pedra, así como recoller esa vella tradición oral: “ós rapaciños cando tiñan un mal que non daba curado con menciñas traíanos os pais á pedra e sentábanos derriba dela e, días de pois, sandaban do mal”.
Como dicía, en 1932, o erudito Casto Sampedro, presidente da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra tentou levar á capital este mollón romano, solicitando o apoio do gobernador civil da provincia, que non era outro ca o historiador da arte e arqueólogo Ángel del Castillo. Unha comitiva encabezada por estes dous personaxes, máis Filgueira Valverde e a Garda Civil completábase cunha cuadrilla de obreiros coa que se tentaría substituír o orixinal por unha réplica in situ. O pobo reaxiu e a piques estivo de producirse unha carga policial. A resistencia popular fixo que a pedra ficase no seu sitio, acompañada da suposta réplica que a ía reemprazar.
As parroquias galegas non se andan con andrómenas á hora de defender o seu. Outro exemplo antolóxico foi o acontecido durante o reinado de Filipe II nas terras luguesas d’O Incio. Coa invasión musulmá, os mozárabes levaron canda si os restos do varón apostólico San Eufrasio, dende Andúxar até o val do Mao. En plena ofensiva contrarreformista, o xefe daquela da casa dos Austrias decidiu devolver o santo á antiga sé episcopal de Andúxar, o século XVI. Mi madriña! O dono do Imperio no que non se poñía o sol, mazo contra os mouros e os herexes, vencedor en mil batallas, tivo que dar marcha atrás perante a resistencia irmadiña dos parroquianos do val do Mao. É o que en galego se chama un trasacordo. O trasacordo de Filipe II veu dado por uns labregos que berraban, segundo as crónicas, o santo é noso!
Pedrolos e santos son a esencia do patrimonio que os parroquianos sinten como propio. As negociacións sempre son duras. Cómpre lembrar o que aconteceu na organización daquela exposición lexitimadora do fraguismo, Galicia no Tempo. Algunhas das pezas só puideron saír das parroquias por medio da intersección do representante de Deus na Galicia lucense, Rouco Varela, e da palabra de honra do káiser Manuel Fraga Iribarne, auténtico líder carismático para moitos galaicos do ager. Igual cós cascos de cervexa e de Coca-Cola, estes pedrolos e santos eran retornables.
De todos os xeitos, este é un proceso case que universal. A quen pertencen os obxectos? Localismo, política e identidade mistúranse cun aquel postmoderno nas reclamacións dos Papeis de Salamanca, a dama de Elche, as esculturas do Partenón... En Galicia contamos cun recente exemplo, de manual, mais desta volta nun contexto urbano. En 2003 nunhas escavacións arqueolóxicas nun solar da cidade olívica atopouse un ungüentario palestiniano (séculos III-VII d. C.) que foi levado para un Museo de Santiago de Compostela. Cando o caso salta á prensa, iníciase unha longa campaña con plataforma cidadá incluída (El ungüentario es de Vigo, era o lema). Resulta curioso como determinados obxectos invístense de capital simbólico no presente, mentres ninguén reivindica en Vigo, por exemplo, os kilos de ánforas, tégulas e cerámica común romana espalladas polos Museos de Galicia e recuperadas en xacementos vigueses.
O caso do ungüentario de Vigo resúmese nunha maxistral fotografía de Lalo R. Villar (El País, martes 8 de abril de 2008, Edición Galicia, páx. 12) tirada na inauguración da sala na que se expón a cobizada peza, un cacharriño minúsculo, dentro dunha pequena vitrina: tralo cristal vemos reflectidas as facianas cos ollos miopes, forzados para ver ben de cerca, da conselleira de Cultura e o alcalde de Vigo. Pequenos políticos localistas manipulando cultura material diminuta. Este é o modelo de xestión do Patrimonio Cultural neste país de xente menuda chamado Galicia.
Publicado orixinariamente en Galicia Confidencial.
Fotografía de Rafael Rodríguez: escavación arqueolóxica do miliario de Santiaguiño de Antas, en 2007.
1 comentario:
Será mi impresión, pero algo del tono suena contradictorio con http://neixon.blogspot.com/2011/11/pedra-de-rufino.html
???
Publicar un comentario