Mostrando entradas con la etiqueta archaeological camp. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta archaeological camp. Mostrar todas las entradas

27/4/12

Publicacións dixitais


Como colofón desta política de divulgación en tempo real e total trasparencia a cidadanía deste país (non só os especialistas) xa pode descargarse desde hoxe a totalidade das memorias técnicas das nosas escavacións (2003-2008) no portal digital CSIC.


Cómpre lembrar que en 2003 contabamos unicamente cun artigo dos anos 1920 e tres páxinas publicadas en 1976 para sabermos algo do que se escavou en Neixón durante décadas. Asemade, os materiais arqueolóxicos asoellados e os informes estaban literalmente secuestrados seguindo a actitude maioritaria vixente na Arqueoloxía galega de hermetismo e infame (e ilegal) control da información. Pola súa vez, o proceso de expropiación da Punta de Neixón conlevou daquela unha creba entre Administración, Ciencia e comunidade local moi difícil de reverter.
Coa colaboración de todos acadouse poñer verdadeiramente en valor de novo os castros de Neixón. Con isto nos quedamos e coa satisfacción do traballo feito. Ante papeis, calan barbas.

Arqueoloxía en Comunidade


O proxecto de Neixón contou con tres grandes activos: a motivación do traballo voluntario, a interdisciplinariedade e a participación activa e maila integración da comunidade local. Como froito derivado deste traballo de implicación cómpre subliñar a colaboración mantida coa Asociación de Veciños Neixón de Cespón e a comisión de festas da Romaría de Neixón, entidades coas que compartimos o interese en respectar os diferentes usos desta paisaxe cultural. Desta colaboración xurdiu unha monografía sobre a historia da parroquia de San Vicenzo de Cespón (Cadernos Culturais de Boiro, 2007). Esta vertente de Arqueoloxía en comunidade ten sido obxecto de estudo como exemplo de boas práticas nas Universidades de Pennsylvania e Stanford (USA) e ten sido recoñecido como un referente no eido da Arqueoloxía Pública por Universidades e asociacións arqueolóxicas europeas. De feito, este vindeiro xuño a nosa experiencia neixonense foi seleccionada para ser presentada no encontro Integrating Archaeology a celebrar en Frankfurt (13-14 de xuño de 2012) no marco do proxecto Archaeology in Contemporary Europe.

Arqueoloxía Pública


Asemade, este proxecto arqueolóxico revertiu a situación precedente de ausencia total de información sobre esta área arqueolóxica, malia ter sido un campo de experimentación da Arqueoloxía galega ao longo do século XX. O traballo de voluntarios e especialistas acadou converter os castros de Neixón no espazo arqueolóxico máis publicado e divulgado de Galicia, dando como froito 1 tese de doutoramento (Universidade de Santiago de Compostela), 3 memorias de licenciatura (Universidad de León, Universitat Pompeu Fabra, Universidade Católica de Río Grande do Sul), 3 monografías, 24 ponencias en congresos nacionais e internacionais (Cork, Lyon, Zadar, Dublín, Cracovia, Roma, A Haia, Frankfurt), 21 artículos científicos en revistas nacionais e internacionais, 83 actividades de divulgación e difusión (entre ciclos de conferencias, charlas e visitas guiadas) así como a primeira longametraxe documental da Arqueoloxía galega (O’Neixón: historia viva dun castro, de Lukas Santiago, 2008). Pola súa vez, é un proxecto pioneiro na Arqueoloxía española ao verquer en tempo real os achados e experiencias vividas nas escavacións neste mesmo blogue.

Neixón: Just do it


Despois de case nove anos de traballo por parte dun amplo equipo de investigadores e profesionais hoxe culmina o proxecto arqueolóxico dos castros de Neixón levado a cabo polo CSIC (147.000 euros investidos na investigación) co depósito definitivo no Centro Arqueolóxico de Barbanza dos materiais asoellados nas nosas escavacións (2003-2008). Cómpre facer balance. Dos erros cometidos (nosos e doutros) e peripecias experimentadas xa demos boa conta na serie Neixón: A Nosa Torre no Xornal Certo. Polo tanto aquí falaremos dos obxectivos acadados. 
Dende o comezo do noso compromiso con esta área arqueolóxica aceptamos e aplicamos o Código de Práctica da European Association of Archeologists aprobado en Ravenna o 27 de setembro de 1997. Seguindo ese código de conducta asumimos a obriga de encetar os pasos necesarios para informar ao público xeral de todos os obxectivos e métodos da nosa prática arqueolóxica, empregando todos os medios de comunicación dispoñibles. Doutra volta, asumimos a obriga de preparar e facer accesible á comunidade arqueolóxica (e non arqueolóxica) as nosas investigacións co mínimo retraso posible, a través de publicacións e/ou medios electrónicos. Asemade, tanto o rexistro arqueolóxico exhumado coma as nosas investigacións quedaron sempre á libre disposición de estudosos, estudantes e especialistas, seguindo a lexislación vixente na materia.
A este respecto, no noso equipo de investigación teñen participado 32 investigadores e especialistas de diferentes disciplinas e institucións (CSIC, Universidade de Santiago, Universidade de Vigo, Universidade de A Coruña, Universitat Pompeu Fabra, Universidad de León, Universidade de Río Grande do Sul, Universitat Pompeu Fabra de Barcelona, Universidad Complutense de Madrid, Universidad de la República del Uruguay, Universidad Católica de Santiago de Chile, universidad sueca de Uppsala…).
Deste proceso de construción do coñecemento científico sobre os castros de Neixón participaron de cheo os 320 voluntarios procedentes de todo o mundo que gozaron deste campo de traballo arqueolóxico.

8/4/11

Listillos


A forma de proceder do Concello de Boiro é lamentable. Montan un cristo e depois procuran axuda para desfacer o entuerto. Un novo exemplo. Organizan un campo de prácticas para estudantes de Arqueoloxía, firman un convenio con ianquies e despois lles buscan aloxamento pretendendo que a Administración autonómica se faga cargo, tentando poñer á súa disposición o campamento de Espiñeira. O argumento é o seguinte:

Al parecer, no hay problema en que los estudiantes ocupen las instalaciones en agosto, pero en julio la Administración autonómica suele hacer uso del recinto organizando programación propia. Con todo, el regidor se mostraba ayer optimista y confía en poder utilizar el campamento para dar alojamiento a los jóvenes que trabajarán en Neixón. Esto ahorraría una suma importante al Concello en la organización de la campaña de este verano, una iniciativa que no cuenta con demasiado apoyo por parte de las Administraciones pese a que se trata de un campo de trabajo consolidado. De hecho, este año solo la Diputación ha hecho una aportación para que se celebre.

Entre 2003-2008 levouse a cabo un verdadeiro campo de traballo en Neixón para xoves voluntarios de todo o mundo, dentro do programa verán da Xunta de Galicia que aloxaba aos participantes no campamento de Espiñeira. En 2009 Víctor Barbeito acabou con ese modelo, botou ao CSIC de alí e apostou por un campo de prácticas para estudantes de Arqueoloxía, poñéndollo en bandexa aos seus colegas dunha Universidade e dunha empresa de Arqueoloxía. Por que? Entre outras cousas por que non cren no voluntariado e na Arqueoloxía social, tan científicos eles. Acaban co campo de traballo de Neixón e agora utilizan ese nome para referirse a unha cousa moi diferente. E por riba reprochan ás administracións que non os apoien, manda truco. E para máis INRI din que o campo de traballo está consolidado cando o mandaron á merda en 2008. Sonche ben mentireiros.

http://www.lavozdegalicia.es/barbanza/2011/04/06/0003_201104B6C9995.htm

Fotografía: campo de traballo internacional de Neixón, agosto de 2008.

22/4/08

Campo de traballo 2008


Xa está aberta a convocatoria pública para participar como voluntari@ no campo de traballo arqueolóxico internacional dos castros de Neixón. Podedes apuntarvos en www.xuventude.net
Hai dúas quendas: 16-30 de xullo (para xoves de18-24 anos) e do 1-15 de agosto (para xoves de 25-30 anos). Alí vos agardamos.

5/12/07

ACE Project


O 23 e 24 de novembro de 2007 participamos na primeira reunión do proxecto Archaeology in Contemporary Europe aprobado pola Comisión Europea dentro do Programme Culture (2007-2013). O meeting celebrouse no Collège de France a instancias do I.N.R.AP. francés e nel se deron cita as institucións implicadas, entre as que se atopa o Laboratorio de Arqueoloxía do IEGPS (CSIC-Xunta). Os tres obxectivos principais do proxecto son:

a) analisa-la significación da arqueoloxía na construción da identidade local, rexional e transnacional así como promover a Arqueoloxía na Europa de hoxe tentando achegarse a tódolos públicos.

b) avaliar convencións, metodoloxías e procedementos no eido da profesión arqueolóxica a escala transeuropea.

c) comprende-la percepción da Arqueoloxía contemporánea por parte da sociedade europea, as comunidades locais, os planificadores rexionais, as administracións e mailo público xeral.

A filosofía de traballo resúmese na seguinte declaración de intencións:

Developments across Europe pose severe threats to archaeological remains, but also provide opportunities to enhance sustainable archaeological heritage management for the benefit of Europe's citizens as a whole.

Dentro deste proxecto elixiránse unha serie de xacementos arqueolóxicos que sirvan de model sites, isto é, de campos de experimentación desta Arqueoloxía social que combina a investigación básica e maila difusión e divulgación do coñecemento e da prática arqueolóxica. Os Castros de Neixón e mailo seu campo de traballo internacional aspiran a converterse nun destes xacementos modélicos nos que se materializa unha forma determinada de ver a Arqueoloxía como prática social no presente.

29/7/07

Skin Art


Entre os Gumuz de Etiopía consérvase o rito de paso que leva ao bruxo a facer escarificacións nas meixelas e nas costas dos mozos e mozas da aldea. Símbolo da identidade da comunidade.
No Hermitage de San Petersburgo expónse a pel dos brazos de guerreiros escitas, coas súas tatuaxes monumentais.
A Laxe das Rodas nas costas dunha arqueológa en Neixón. Símbolo da identidade do individuo posmoderno.

29/6/07

Petroglifeiros


A adopción de motivos decorativos da arte prehistórica é xa un clásico dentro da estratexia de márketing da Galicia celta, Galicia meiga, Galicia verde, Galicia a celtic window on Atlantic sea e todo iso. Petroglifos da Idade do Bronce véndense como arte celta nas tendas de Compostela. Invencións, reinterpretacións, ensoñacións. Á fin e ao cabo, a propia cidade é unha invención. No campo de traballo poderás face-lo teu propio arenoglifo, orixinal e personalizado. Aforrarás cartos e de paso, aprenderás bastante sobre a arte rupestre en Galicia.

Laxe das Rodas


No campo de traballo coñeceredes o Patrimonio arqueolóxico e etnográfico da serra de Barbanza e doutras zonas de Galicia. Dende a Arqueoloxía da Paisaxe podemos tentar comprende-lo sentido das manifestacións materiais das sociedades prehistóricas, coma a necrópole megalítica da Serra de Barbanza, a arte rupestre da Idade do Bronce de Campo Lameiro, o poboamento castrexo, ou a arquitectura dos castros a través da visita ao castro de Baroña (Porto do Son) e Castrolandín (Cuntis).

19/6/07

Obradoiro


A Arqueoloxía permite o contacto directo cos materiais. A Arqueoloxía experimental permite contrastar na prática hipóteses sobre os materiais e maila técnica empregadas polas comunidades do pasado á hora de elabora-la súa cultura material. Neste obradoiros de cerámica catrexa poderedes modelar e decorar coas vosas mans tipos de cacharros aparecidos nas escavacións dos Castros de Neixón e ser alfareir@s da Idade do Ferro por un día.

Puzzle


A Arqueoloxía vén sendo unha reconstrución do pasado a partir dos restos da cultura material. No Laboratorio todos poderedes traballar no puzzle da interpretación, no que teñen cabida tódalas opinións e suxerencias. Non somos científicos; somos compañeiros.

Hai pote


Atopar unha peza cerámica de hai 2500 anos fai ilusión. Permite apreixala autenticidade do pasado no presente. O anaco dun cacharro fornece moita información, se aplicamos unha axeitada metodoloxía de escavación. Pero atopar un pote non supón coñecelo. Comeza un longo e interesante camiño: o que vai da terra ao Museo.

Topoloxía comparada


Representa-lo espazo é unha das angueiras da Modernidade. Só se explota aquilo que se coñece, aquilo que se domina. Os mapas, o GPS, a estación total, as coordenadas, X, Y, Z. Todo moi científico. Todo un alarde tecnolóxico. En Neixón poderedes coñece-los segredos da Topografía aplicada á Arqueoloxía, pero tamén coñecer outras formas de representa-lo espazo, máis antigas, pero igual de válidas e lexítimas. Na Punta de Neixón sobreimpónse toda unha cartografía mítica, simbólica, froito dunha paisaxe agraria e mariñeira tradicional. Veredes que O Neixón non é só un espazo que se poda medir, senón, ante todo, un espazo económico, social e simbólico. Unha paisaxe cultural, en definitiva.

Arqueoloxía de campo


A palabra traballo procede do latín tripalium, que era unha sorte de cadea que se lle poñía no pescozo aos bois para os labores de campo. Como vedes, a palabriña connota de todo menos liberdade. Aínda que o tempo pasou, este concepto de traballo forzado, no que se explota ao voluntario sen explicarlle absolutamente nada, segue vixente en moitas destas actividades. Pola contra, en Neixón veredes que a vosa implicación na escavación arqueolóxica é o cerne do proxecto, facilitando a consecución dos tres obxectivos fundamentais de todo isto: satisface-las vosas demandas, contribuír á vosa formación e axudar dende a Arqueoloxía ao desenvolvemento local.

Voluntari@s


Os principais activos do proxecto arqueolóxico dos Castros de Neixón son a interdisciplinariedade, a motivación do traballo voluntario e a implicación da comunidade local.