29/9/10

Os potes dos castros




Velaquí tedes un detalle do obradoiro de cerámica castrexa na sé da Fundación Terra Termarum de Castrolandín (Cuntis, Pontevedra). O mellor sitio do NW da Península Ibérica onde atopar e mercar boas e fermosas réplicas de cacharros da Idade do Ferro. Ao seu catálogo inicial baseado nas formas cerámicas atopadas nas nosas escavacións no castro de Castrolandín (2004-2009), Sandra e Laura engadiron algúns dos tipos documentados no Castro Grande de Neixón, destacando a fermosa xerra Toralla con decoración de ornitomorfos que todos coñecedes e podedes ver na exposición do Centro Arqueolóxico de Barbanza. Doutra volta, este obradoiro cerámico está a facer moito pola divulgación do mundo dos castros, cunha manchea de actividades orientadas a nenos. Xa sabedes, pasádevos por Cuntis, non vos arrepentiredes.

Nova publicación neixonense


Os organizadores da Iª Reunión Científica de Arqueomalacología de la Península Ibérica anuncian a recente publicación das actas nun monográfico da Revista Férvedes do Museo de Arqueoloxía e Prehistoria de Vilalba. En breve dispoñeredes aquí do PDF dos artigos neixonenses:

Bejega García, V.; González Gómez de Agüero, E.; Ayán Vila, X. M. et al. 2010. "Paisaje, Arqueología y Sociedad: experiencias arqueomalacológicas en el campo de trabajo de los castros de Neixón (Boiro, A Coruña) (2005-2008)". En E. González Gómez de Agüero; Bejega García, V.; Fernández Rodríguez, C. e N. Fuertes Prieto (eds.): Iª Reunión de Arqueomalacología de la Península Ibérica. Férvedes, 6: 9-16. Vilalba.

Bejega García, V.;González Gómez de Agüero, E.; Fernández Rodríguez, C. et al. 2010. "Los concheros de O Neixón (Boiro, A Coruña) y Punta Atalaia (San Cibrao, Cervo, Lugo): una propuesta de muestreo y excavación de depósitos de la Edad del Hierro y Época Romana en Galicia". En E. González Gómez de Agüero; Bejega García, V.; Fernández Rodríguez, C. e N. Fuertes Prieto (eds.): Iª Reunión de Arqueomalacología de la Península Ibérica. Férvedes, 6: 33-42. Vilalba.

http://arqueomalacologia.blogspot.com/
http://www.museovilalba.org/
https://sites.google.com/site/reunionarqueomalacologia/home

Neixón na Noite dos investigadores






O venres pasado organizamos un stand arqueolóxico no IES Rosalía de Castro no marco da Noite dos investigadores co tema xeral da cociña castrexa. Os asistentes puideron tocar e coñecer de primeira man materiais arqueolóxicos orixinais dos xacementos de Montealegre, A Lanzada e Neixón. Asemade, o presente blog Arqueoneixon serviu de ferramenta de divulgación arqueolóxica entre os escolares.

21/9/10

Como maxinamos o pasado?





Durante a gravación onte pola tarde fomos testemuñas directas desta confluencia de imaxinación arqueolóxica, debates científicos, desta dicotomía Arqueoloxía científica-sociedade. Un alcalde e un concelleiro defendendo as teses anticeltistas, baseándose no que hai publicado en Youtube. Figurantes actuando seguindo o que eles pensan que debía de ser o comportamento castrexo. A imaxinación materializada. No congreso da EAA do que xa vos falamos, houbo unha sesión organizada polo noso colega Dragos Gheorghiu titulada: How we imagine the past? On metaphorical thought, experientiality and imagination in archaeology. A partir dela estamos elaborando o traballo Imagine all the (past) people: experientiality and imagination in the Iron Age Archaeology of Galicia (Spain) O poboado recreado de Punta Couso é un excelente exemplo a este respecto.

Tikismikis




Debe a Arqueoloxía adentrarse de cheo no mundo do cinema e da divulgación?
Como sinalaba Cornelius Holtorf, ningunha ciencia ou saber conta cun icono mundial facilmente recoñecible como a Arqueoloxía: Indiana Jones ten feito moito máis pola divulgación da Arqueoloxía (a escala mundial) que millóns de cursos de extensión universitaria. Doutra volta, a sociedade aprópiase á súa maneira do pasado: velaí están as festas de temática prehistórica e histórica en Galicia, con familias enteiras facendo de romano, de castrexo, de neolítico ou do que se preste, ou as páxinas webs e blogs de xente que reinterpreta á súa maneira o Patrimonio arqueolóxico. A día de hoxe, a Arqueoloxía oficial ou se mete de cheo nesta realidade ou queda marxinada. Ninguén nos necesita, porque aparte de non ter respostas sobre o pasado, somos uns tikismikis que cortamos mogollón o rollo, como me dixeron a min na Feira celta de Santa Comba.

Arqueoloxía retranqueira




Levamos trinta anos reproducindo o mesmo discurso sobre as comunidades dos castros. Resulta abraiante analisar o enfoque verquido nos manuais escolares nas últimas tres décadas, ou nas grandes obras de divulgación. Nada cambiou. A Arqueoloxía vai polo seu lado e o mundo vai por outro: redes sociais, tecnoloxías 3D, novos medios de divulgación, demandas de contacto físico e virtual co pasado, unha sociedade multicultural, información en tempo real... todo iso lla sopla a grande parte do gremio, que prefire a típica solución galaica para estes casos: escarallarse da risa (3ª actitude). O sentido do humor e a retranca son básicos e tiñan que vir de serie. O que pasa é que en moitos casos a ignorancia é moi atrevida e ridiculizamos experiencias antes que poñernos a matinar: como facer atrativo o discurso arqueolóxico á sociedade? como recrear relativamente ben un castro? En vez diso seguimos coas nosas estratigrafías, tipoloxías e camadas 3db. Como se fosen spaguetti western ou romanadas cutres pasámolo ben sinalando en trailers, documentais e películas os anacronismos, as cafradas de atrezzo e ambientación, reseñando os prexuízos verquidos nas ambientacións (de xénero, por exemplo), ou regodeándonos no noso saber hiperespecializado. O problema é que non adoitamos facer o mesmo coa nosa produción científica, tamén inzada de apriorismos, marxinacións herdadas e ideas preconcebidas.

Dúbida metódica



A segunda actitude denota medo ao descoñecido. Algúns arqueólogos e arqueólogas recoñecen valor a estas iniciativas audiovisuais, sempre que teñan unha total rigurosidade científica e conten con asesoría de especialistas. Nada que obxectar ao respecto. O que pasa é que moitas veces se agocha un sentimento de autoafirmación gremial, algo do que facemos gala acotío (non temos colexio pero si un vesánico complexo de inferioridade). Ademais, obviamos algo básico: a Arqueoloxía ten as súas reglas e o cinema, o discurso audiovisual, as súas. E os arqueólogos non adoitamos flexibilizar e relativizar os nosos presupostos tentando comprender outras realidades alleas á nosa. Por que? Porque cremos que somos os únicos detentadores da verdade sobre o pasado.

Arqueoprexuízos



As persoas desapareceron durante moitos anos da historia da Idade do Ferro como consecuencia destas actitudes tan científicas. Este xeito de pensar inflúe notablemente nas reacións arqueolóxicas perante o cine, que se poden resumir basicamente en tres: rexeitamento total, medo/incertidume e ironía retranqueira. A primeira delas apela á seriedade da disciplina arqueolóxica, á súa natureza científica, ao método. A mesma excusa que lexitima o secuestro dos xacementos, o control da información, a prohibición expresa de que nenos e xente non formada poida escavar ou ter experiencias didácticas nunha intervención arqueolóxica, etc., etc., etc...

Un castro de película




Na Museística e en boa parte da Arqueoloxía galega segue vixente o patrón de racionalidade positivista dos anos 70. Eu só creo o que escavo é a falacia que rixe esta forma de re-pensar o pasado. Os restos materiais conservados son os que nos permiten coñecer algo as sociedades do pasado, pero nada podemos dicir da sociedade, a relixiosidade, etc... E como non hai esqueletos castrexos, non sabemos como eran esas persoas. A consecuencia lóxcica é presentar maniquíes ou figuracións en museos e unidades didácticas nas que os homes, mulleres e nenos dos castros non teñen faciana. Vendo isto, dan gañas de facer como na película Airbag, e poñer un lehendakari castrexo negro coma o pez.

Revivindo castros


O anuncio da realización dunha película titulada Galaicus desatou todo un debate na Rede que exemplifica perfectamente o tipo de Arqueoloxía que se concibe e fai neste país. Podemos facer toda unha análise psicoanalítica do noso gremio fixándonos nas reaccións dos arqueólogos e arqueólogas perante este tipo de recreacións.
Onte estivemos toda a tarde e serán no castro recreado en Punta Couso (Ribeira) como ambientación de escenas que formarán parte dun documental de Prehistoria Recente e Protohistoria de Galicia dirixido por José Manuel Novoa. Neste proxecto adoptamos o título grandilocuente de asesor científico, un título que enche de orgullo a moitos académicos que sofren de angueira porque o seu nome apareza en comités científicos, comités editoriais, comités honoríficos e demais galóns. Loxicamente a nosa asesoría é moi sui generis, pero contesta de facto á primeira pregunta que vos lanzamos:
Debe a Arqueoloxía entrar no mundo da recreación, da imaxinación, do pouco fundamentado empiricamente, do indemostrable?

13/9/10

Cambio Arqueoloxía por un Ikea?


Unha reportaxe recente no Xornal de Galicia analisa a situación da Arqueoloxía profesional no mercado empregando fundamentalmente os datos do traballo desenvolto pola nosa compañeira Eva Parga Dans. Algunhas das cuestións plantexadas na noticia son claramente discutibles ou cando menos matizables. Para contextualizar mellor esta realidade aconsellamos vivamente a leitura do volume Archaeology and the global economic crisis. Multiple impacts, possible solutions editada por ACE and Culture Lab Editions. Podedes baixarvos o libro en http://ace-archaeology.eu/fichiers/25Archaeology-and-the-crisis.pdf.
Doutra volta, segue a ter plena vixencia a análise en clave marxista do mercado da Arqueoloxía levada a cabo polo noso colega do CSIC Pedro Díaz del Río: Arqueología Comercial y Estructura de Clase no volume CAPA 12, coordenado por Mª. Mar Bóveda López: Gestión patrimonial y desarrollo social: 7-18. http://digital.csic.es/bitstream/10261/5636/1/CAPA12.pdf

Noticia orixinal en http://www.xornal.com/artigo/2010/08/31/cultura/cambio-escavacion-ikea/2010083100194600320.html

Neixón en culturagalega.org


No portal don Consello da Cultura Galega publicouse a primeira entrega dos achados máis senlleiros atopados nas escavacións desenvoltas en Galicia durante estes meses de verán. Aquí fálase das nosas escavacións no Campo d'A Lanzada e da intervención nos castros de Neixón dirixida por Andrés Bonilla.

Secadeiros de polbo e peixe en Neixón

Os Castros de Neixón son clásicos da arqueoloxía galega, con numerosas intervencións no pasado e nos últimos anos, por parte da USC, o Laboratorio de Patrimonio do CSIC e agora de novo a USC. Nesta segunda campaña que dirixe Andrés Bonilla no castro de Neixón continuou a prospección do foxo do Castro Grande que iniciaran o ano anterior e abriu dúas áreas no espazo intermedio entre os dous castros desta pequena península da parroquia de Cespón (Boiro). En Neixón o Castro Pequeno, situado na punta, corresponde ao Ferro inicial, século VI ou V a.C. e o Castro Grande encrávase na segunda Idade do Ferro.

O equipo abriu dúas áreas, unha próxima ao Castro Pequeno e outra próxima ao grande. “Na área do Castro Pequeno”, sinala Bonilla, “apareceron cimentacións de terra e pedra xunto a buratos de poste. Eran moitísimos, máis de 60 buratos nun espazo moi reducido. A interpretación preliminar é que sería unha zona de traballo, como un secadoiro de peixe ou polvo, ou unha zona para tratar os produtos do marisqueo. O que si se pode dicir é que non sería un lugar de habitación, senón un espazo estacional, no que cada tempada os habitantes do castro irían facer os seus traballos. Esa estrutura perecedoira non aguantaría dun ano para outro, e de aí o feito de que nun espazo tan pequeno haxa tantos buratos”. O achado, aínda que non se traduza en pezas espectaculares, é moi relevante, porque a penas sabemos nada sobre que había alén das murallas dos castros, e da organización do traballo e dos recursos destas xentes.

A segunda área escavada, máis próxima ao Castro Grande, abunda nas funcionalidades agropecuarias ata agora pouco coñecidas na Idade do Ferro. “Na zona intermedia entre o castro grande e pequeño apareceu unha superficie de uso”, indica Bonilla, “unha plataforma artificial. Escavámola parcialmente porque ten unha superficie considerable. Estaba cercada por unha empalizada, e podería ser algún tipo de estábulo do gando, pero non temos paralelos para nada disto noutros lugares.


Fotografía en http://www.lavozdegalicia.es/barbanza/2010/08/18/0003_8674664.htm

8/9/10

Arqueoneixon en Guadalaxara


Entre o 30 de agosto e o 16 de setembro un equipo dirixido polo noso compañeiro Alfredo González Ruibal (LAPA, CSIC) está a escavar na localidade de Abánades (Guadalaxara), ubicada en primeira liña de fronte dende a batalla de Guadalaxara(8-23 de marzo de 1937). O obxectivo da intervención é prospectar e sondear un espectacular conxunto de fortificacións franquistas que defenden o curuto do Castillo. Podedes seguir a escavación día a día en http://guerraenlauniversidad.blogspot.com/
Nese equipo atopamos comapañeiros e amigos de United Neixons que forman parte do equipo técnico do noso proxecto neixonense como Alejandro Laíño, Manoel Antonio Fernández ou Iria Fernández, todos tres formados na escola de Arqueoloxía de campo de Neixón. Como non podía ser doutra forma, o éxito da escavación de Abánades está garantido, basta con ver as entradas do antedito blog. E todo grazas a Alfredo Gozález Ruibal, pioneiro da Arqueoloxía do pasado contemporáneo. Xa estades tardando en entrar no blog http://guerraenlauniversidad.blogspot.com/

Fotografía: Peine de Máuser de 7.92 mm con guía en ferro pulido e garfo sobre o rebordo de cemento do solo suelo da Estrutura 2 http://guerraenlauniversidad.blogspot.com

Arqueoloxía e crise


No proxecto ACE a nosa compañeira Eva Parga Dans desenvolveu a primeira análise sociolóxica sobre a Arqueoloxía profesional en España no contexto dos últimos anos marcados pola crise económica. A súa aportación inclúese na publicación Archaeology and the global economic crisis. Multiple impacts, possible solutions editada por ACE and Culture Lab Editions. Podedes baixarvos o libro en http://ace-archaeology.eu/fichiers/25Archaeology-and-the-crisis.pdf.

6/9/10

Conferencia de Richard Hingley


Richard Hingley é Catedrático de Arqueoloxía na Universidade de Durham (Reino Unido). Os seus intereses de investigación abranguen temas coma o imperialismo romano, a historia da arqueoloxía ou os aspectos teóricos e práticos da xestión do Patrimonio. Entre os seus proxectos máis recentes destacan Tales of the Frontier: political representations and practices inspired by Hadrian’s Wall ou Binchester Roman Fort, en colaboración coa Universidade de Stanford (California). Mañá pola mañá fará unha visita á escavación d’A Lanzada que sen dúbida fornecerá reflexións interesantes sobre tan complexo xacemento. Pola tarde, Richard Hingley dará unha charla no Salón de Actos do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (Rúa de San Roque, 2 en Compostela) baixo o título Memories of the Past? Bronze Age Objects from Iron Age Contexts baseada no seu recente traballo R. Hingley (2009) “Esoteric Knowledge? Ancient Bronze Artefacts from Iron Age Contexts”. Proceedings of the Prehistoric Society, 75: 143-165.

A web persoal de Richard Hingley está en
http://www.dur.ac.uk/archaeology/staff/?id=155.

European Archaeology abroad


Este 6º ACE Meeting tamén abrangueu a organización dunha sesión no congreso da EAA sobre a Arqueoloxía europea no exterior e os distintos modelos de cooperación internacional en materia de Patrimonio desenvoltos polos Estados europeos nas súas ex-colonias. Coordenada por Sjoerd van der Linde (Universidade de Leiden)e Sonia Lévin (INRAP) aquí presentamos a comunicación dos nosos compañeiros Camila Gianotti, David Barreiro, Felipe Criado e José Mª. López Mazz: Constructing from the South. A post-colonial perspective on scientific cooperation. Nela faise unha síntese do marco teórico e un balance do proxecto desenvolto dende 1999 entre o noso Laboratorio e a Universidade de la República que conduciu á recente creación do Laboratorio de Arqueología del Paisaje y Patrimonio de Uruguay (LAPPU).

ACE project




No Congreso da Haia participamos tamén nunha nova reunión de traballo do proxecto Archaeology in Contemporary Europe aprobado pola Comisión Europea dentro do Programme Culture (2007-2013)e no que participa o noso Laboratorio de Patrimonio (CSIC). Aquí tedes o link para consultar a páxina web do proxecto.

http://www.ace-archaeology.eu/index.php?EZFO_lang=_SP&EZFO_switchlanguage=1&page=2

Arqueoloxía subacuática







O 40 % dos Países Baixos é auga. Os campos de cultivo nos que comparten espazo tractor e embarcación. Labregos anfibios, ollando cara a un mar que escoa polo corazón da terra polas fírgoas convertidas en canles. Esta paisaxe explica a importancia da Arqueoloxía subacuática neste país que semella afundirse coma unha ilustración de 20 mil leguas de viaxe submarina. Os arqueólogos holandeses contan con retranca as tiranteces gremiais entre os subacuáticos e os terrestres, dous gremios que por non compartir non comarten nin o mesmo medio. Alomenos a separación de disciplinas semella bastante clara. Unha rapaza bromeaba dicindo que a comunicación, a relación cos medios era moi importante para os arqueológos holandeses, afeitos a traballar en moitas canles diferentes. Humor neerlandés.

Arqueoloxía Transfronteiriza



Na mesma sesión de European Communities: Models for Participation in Archaeology in Europe Sophie Hueglin, da Universidade de Basel, fixo unha reflexión sobre os proxectos arqueolóxicos de cooperación transfronteiriza nos límites de Austria, Suíza, Alemaña, Francia e Liechstenstein. No noso país adoitan existir proxectos transfronteirizos deseñados para captar fondos de cohesión europeos, tipo INTERREG; unha vez apañados os cartos, pásase olimpicamente da vertente social e comunitaria do proxecto, centrándose unicamente na escavación de turno seguindo os parámetros da Arqueoloxía máis tradicional. E todo isto co placet dalgúns técnicos de xestión de fondos europeos que mi madriña!. O lamentable é que despois de dilapidar cartos xa é tarde para aprender o que se fai por aí fóra, porque a galiña dos ovos de ouro marcha para o Leste.

Arqueoloxía do Pasado Rural



Pero non todo foi festa en Den Haag. Poucas veces un congreso resultou tan proveitoso. Na sesión onde presentamos o noso traballo en Neixón e A Lanzada puidemos escoitar a Andrew Dutton, da Royal Comission on the Ancient and Historic Monuments (UK) quen no falou do abraiante Proxecto do Pasado Rural de Escocia. Esta iniciativa conta co apoio económico da Lotería Nacional, dunha petroleira e de varios Bancos escoceses. O grande capital investindo non xa en investigación, senón en divulgación e formación patrimonial sobre a paisaxe rural tradicional. Cuspidiño ca no noso país, verdade? Dende Outubro de 2006 esta xente fornece cursos de Arqueoloxía de campo a todo o público, dende escolares até xubilados, que participan nos labores de prospeción, catalogación e investigación histórica dos asentamentos rurais abandonados. A todo isto engándese exposicións intinerantes, visitas guiadas, escavacións abertas a todos, etc... Como sinalou o propio Andrew: "Este proxecto amosa claramente que as comunidades locais teñen unha inmensa capacidade non só para contribuír á xeración do coñecemento sobre o pasado, mais tamén para convertérense en adalides da xestión do Patrimonio arqueolóxico local. Pola súa vez, demostra como as comunidades toman a iniciativa para promoveren e investigaren o seu Patrimonio Cultural".
Os que levamos anos traballando en Arqueoloxía da Paisaxe e Arqueoloxía rural en Galicia botamos en falta iniciativas como esta. Vendo isto, outros modelos democráticos e participativos de Xestión Integral do Patrimonio Arqueolóxico de Galicia, son posibles.

3/9/10

Mi rollo es el Arqueorock






Xa comeza a ser tradición organizar un concerto no Annual Meeting da man de bandas de música formadas por arqueólogos e arqueólogas de profesión. Aquí tedes en rigoroso directo ao afamado investigador escandinavo Kristian Kristiansen nos teclados do grupo Hazenberg Archeologie (Leiden, Holanda), onte pola noite.
E por suposto non podía faltar o hevay metal, que converteu a sala nun mar de cornos grazas ao bo facer da banda arqueolóxica Diggeth.

Arqueoloxía do Pasado Contemporáneo


Foi un placer falar con Francis, vello arqueólogo holandés que con oitenta anos segue prospectando e estudando o mundo das necrópoles neolíticas e da Idade do Bronce. Este home ofreceunos unha lección maxistral da Historia moderna dos Países Baixos. Cando lle preguntamos polos tempos da ocupación nazi, respostounos que claro que se acordaba, pero que fora unha época moi dura, que compría superar o recordo dese tempo para seguir adiante. A faciana cambioulle de socate, amosando na mirada toda a trauma da violencia e do medo. Deseguido continuou a falar das Provincias Unidas no século XVII. Holanda, como acontece noutros países como Francia, aínda non pechou páxina de 1940-1945 e segue presente a ignominia do colaboracionismo dalgúns e a pasividade de moitos durante a ocupación nazi e o exterminio dos xudeus. Toda esta realidade refléxase de diferente xeito nas películas O soldado de Orange (1977)e O Libro Negro (2006) ámbalasdúas de Paul Verhoeven, e O Asalto (1980) de Fons Rademakers.