18/2/10

Faccetta Nera


Porque este ano tamén retomamos a liña de traballo en Arqueoloxía do Fascismo, tema do que xa temos falado nas nosas colaboracións no Xornal Certo http://certo.es/index.php?page=arqueoloxia_do_fascismo. Esta zona fronteiriza xogou un papel crucial no trunfo da invasión e ocupación italiana de Abisinia, mais tamén despois como escenario bélico da primeira derrota do Eixo na 2ª Guerra Mundial en 1941.
Na fotografía podedes ver unha ilustración fascista que amosa o solemne izado da bandeira italiana no Aeroporto de Gambela (impreso por E. Mainetti).
Voltamos falarnos a finais de marzo.
Saúde e República

Marchamos a Abisinia


Amigos e amigas de Arqueoneixon, marchamos de novo a Etiopía para participarmos no proxecto dirixido polo noso compañeiro e membro do proxecto arqueolóxico dos castros de Neixón, Alfredo González Ruibal. Voltamos ás zonas baixas de Gambela na fronteira con Sudán cun amplo equipo etío-español que conta con estudantes de posgrado da Universidade de Addis Ababa. No marco da cooperación internacional, formaremos a esta xente (Arqueoloxía de campo, GIS, GPS, rexistro arqueolóxico, etnoarqueoloxía) e esta xente ensinaranos moitas cousas a nós. Levaremos a cabo un par de escavacións en sitios abraiantes, un conxunto de abrigos rochosos no val do río Baro e un monumental poboado fortificado correspondenete á expansión oroma na rexión de Anfillo. Estas intervencións irán acompañadas de novas investigacións etnoarqueolóxicas con minorias étnicas da área, das que xa vos iremos informando, se podemos, antes do regreso o 24 de marzo.
Reproducimos arriba un mapa desta zona fronteiriza e que forma parte da obra clásica dun etnógrafo italiano que non perdeu o tempo durante a ocupación fascista de Abisinia (1936-1941).

Vinigi L. Grotanelli. 1940. Missione Etnografica nel Uollega Occidentale. Volume Primo. Roma: Reale Academia d'Italia.

17/2/10

Consecuencias




1. A día de hoxe a información arqueolóxica pode estar dispoñible en tempo real en diferentes formatos. En Arqueoneixon rachamos con ese delictivo comportamento dos especialistas que secuestran materiais e saberes até cando consideren convinte, agardando a publicar en revistas científicas tipo A os seus traballos, cun sempiterno medo a que lles pisen o material inédito. Esta é a liña do noso blog, que fuxe de falsos academicismos e dubidosos intereses corporativistas.
2. O Castro Pequeno de Neixón é un xacemento clave para comprendermos a emerxencia da paisaxe fortificada no NW. O proxecto en curso permitirá ampliar o noso coñecemento e actualizar un discurso anquilosado como se pode comprobar na sinaléctica da área arqueolóxica de Neixón, segundo a cal o Castro Grande segue a ser un sitio romano. Por non falar do que se conta ao visitante no CAB.
3. A finais de 2010 o traballo do amplo grupo de investigadores e investigadoras que estamos a traballar co rexistro arqueolóxico exhumado en 2008 verá a luz nunha serie de monografías e publicacións de carácter científico e divulgativo, cubrindo así un baldeiro notable para comprender o paso de Neixón de espazo natural a paisaxe cultural na primeira metade do primeiro milenio a.n.e.
Como dixemos, estas breves notas son un pequeno avance de todo este traballo. E agora xa podedes ir tranquilos aos IV Encontros Arqueolóxicos de Barbanza e, incluso, explicarlle ao suposto técnico do CAB que é o Castro Pequeno de Neixón, aínda que só se preocupe de que vos apuntedes no libro de visitas.

Fotografías: a Arqueoloxía é unha porta aberta ao pasado, que nos fornece por veces unha imaxe difuminada do que foi un castro, mentres outras veces acada que case apalpemos esa realidade perdida, como se os castrexos do Castro Pequeno nos saudasen alá ao lonxe. Hai alguén aí?

Gracias


Por iso a comunidade local é para nós unha fonte de coñecemento básico do espazo no que traballamos. A Asociación de Veciños Neixón de Cespón é para nós tan importante como o Laboratorio de datacións de C-14 de Uppsala en Suecia, os especialistas en paleometalurxia ou os investigadores pre e postdoutorais implicados no proxecto. A campaña de 2008 materializou a Arqueoloxía social que predicamos. Gracias a todos.

Espazo vivido



No discurso arqueolóxico falta a xente do pasado. Podemos facer memorias de escavación con datos, materiais, táboas, estatísticas e demais, pero corremos o risco de quedar reducidos a un metadiscurso científico, a unha narrativa aséptica que non chega á sociedade. No noso proxecto pretendemos achegarnos e achegar ao público xeral ao que puido ter sido vivir no Castro Pequeno de Neixón hai 2500 anos. Por iso nos interesa Neixón como espazo vivido, no pasado e no presente.

Fotografías: fusaiolas recuperadas na campaña de 2008 no Castro Pequeno e a súa utilización por mulleres agaw en Etiopía occidental en marzo de 2006.

Etnoarqueoloxía do Castro Pequeno


Estas pequenas pinceladas que vimos de esbozar sobre o Castro Pequeno de Neixón conformarán un grande mural ao longo deste ano, por tres motivos:
1. As analíticas edafolóxicas, sedimentolóxicas e datacións radiométricas que se realizarán nos próximos meses no marco dun interesante proxecto do Plan Galego dirixido pola nosa compañeira Manuela Costa Casais.
2. A fundamentación dunha hipótese integral do xacemento no capítulo 7 da tese de doutoramento en vías de finalización: Casa, familia e comunidade na Idade do Ferro do NW de quen isto escribe.
3. O coñecemento xerado por unha estratexia de investigación etnoarqueolóxica interdisciplinar aplicada ao rexistro arqueolóxico exhumado.
O noso traballo en Etiopía fornece datos interesantes para comprender como funciona a comensalidade, os banquetes, a metalurxia e a tecnoloxía en comunidades premodernas. Na foto podedes ver o local de traballo dun ferreiro nun poboado gumuz en Etiopía occidental e o escaso ou nulo rexistro arqueolóxico que restará desa actividade. Así podemos maxinar o obradoiro metalúrxico do Castro Pequeno, por exemplo.

Líticos



A campaña de 2008 forneceu asemade unha mostra ampla de úteis líticos (62 pezas) que permite coñecer mellor o instrumental empregado polos habitantes do Castro Pequeno para diferentes actividades. Neste senso, compróbase unha vez máis, a utilización sistemática das materias primas locais (xisto, seixo, cuarcita) propias do sustrato rochoso da Punta de Neixón, complementada coa amortización de coios procedentes das praias anexas. Só para a fabricación de determinados úteis, como poden ser os muíños barquiformes, empregouse granito, non presente na zona onde se empraza o asentamento. Tambén cómpre destacar a presenza de pequenos úteis tallados en cristal de rocha.
Entre o material lítico destaca a localización de muíños barquiformes no espazo doméstico conformado pola cabana 1, así como a concentración de anacos de turmalina na metade E do interior da cabana de pedra 3. Asemade, un muíño barquiforme fragmentado en dous anacos apareceu cinguindo a porta desta estrutura. Especial interés amosan os fragmentos de grella de forno decorada con incisións, realizada en esteatita, materia prima non local que se ubica nas terras interiores do Deza. Fragmentos semellantes téñense localizado en xacementos galegos do Ferro I coma o Castro Leboreiro na península de O Morrazo.

Arqueoloxía do Misterio


Agardando polas análises edafolóxicas da mostra extraída do interior da foxa non estamos en condicións nin sequera de plantexar un uso funerario desta estrutura. Non obstante, sí semella clara a súa relación cun rito fundacional que con variantes vai ter éxito ao longo da Idade do Ferro con depósitos de cacharros cerámicos baixo o pavimento das vivendas en castros como Castromao ou Castrolandín. En definitiva, esta cabana do Castro Pequeno de Neixón non é un espazo doméstico ao uso, senón unha construción de carácter cultual, ben definida arquitectonicamente, e que posúe notables paralelos noutros poboados fortificados do NW como A Santinha, Torroso, Punta dos Muros ou Chao Sanmartín, reflectindo un tipo de prática social levada a cabo por estas comunidades do Ferro I.

Fragmentos de realidade



A fragmentación de elementos da cultura material é un proceso cultural documentado na área atlántica xa ao longo da Prehistoria Reciente; recordemos o exemplo das necrópoles de cistas, a deposición de anacos cerámicos nos buratos de poste nas cabanas na Idade do Bronce e Idade do Ferro de amplas zonas das Illas Británicas, ou a manipulación de cadavres animais e humanos en rituais funerarios que supoñían o desmembramento dos corpos e a creba de obxectos en espazos liminais como os foxos dos poboados e en estruturas sancionadas simbolicamente como foxas de almacenamento de cereal. O Castro Grande de Neixón é un bo exemplo destas prácticas na 2ª Idade do Ferro como sabedes os e as seguidoras de Arqueoneixon.

Un depósito ritual


En conxunto, toda unha serie de evidencias fannos sinalar este espazo coma unha arquitectura singular claramente ritualizada mediante deposicións tencionadas de obxectos metálicos nos muros, de materiais significativos como anacos de turmalina ao carón dunha estrutura delimitada por un bloque de pegmatita, de dous fragmentos dun mesmo muíño barquiforme a ámbolosdous lados da porta, dun pote depositado no exterior do muro e coa presenza dunha estrutura a xeito de foxa fundacional da cabana.
Esta foxa con cinzas e anacos dun caldeiro de bronce de chapas con remaches de tradición atlántica, preséntase coma un caso máis dun tipo de depósitos comúns en castros antigos anteriores a fins do s. VII a. C. como Torroso, Coto da Pena, A Lanzada, Chao Sanmartín, Campa Torres, La Mazada de fins do s. VIII (Armada Pita 2008: 130-1, tabla 1). Dentro deste marco xeral, esta estrutura do Castro Pequeno constitúe un exemplo ben contextualizado dunha prática ritualizada semellante á documentada no sector necrópole do cacemento abulense de Sanchorreja (González-Tablas 1990; Armada 2008: 138). Aquí caldeiros de bronce de semellantes características foron obxecto dun ritual de cremación que implicou a súa fragmentación intencional, o seu paso polo lume e a súa deposición final en buratos coas cinzas do defunto.

Un contexto pechado



No interior da cabana, fronte á porta, atopamos un depósito circular de pedras (UENEI06011) dentro do cal se rexistrou a metade dun cacharro de bordo protoarestado cunha espiga ungulada como único motivo decorativo no ombro, e anacos de bronce, algún probablemente pertencente a un caldeiro. Retiradas as pedras, documentamos pegadas do pavimento de xabre e por debaixo unha foxa escavada no sustrato rochoso (60 x 40 cm) enchida de cinzas (UENEI06040) e fragmentos con remaches da placa dun caldeiro de bronce.

Un sitio especial


Este muro semella definir unha cabana circular da que só se conserva o paramento da metade W sendo probable que o resto fose desmantelado tralo seu abandono. No interior desta cabana 3 documentamos restos do seu nivel de ocupación (UENEI06009) unha terra marrón clara con algúns pegotes de pavimento de abre malamente conservados. Neste solo rexistramos algúns elementos construtivos interesantes coma un calzo de poste (UENEI06012) ou unha peculiar estrutura de combustión (UENEI06017), de arxila compactada e forma ovoide en pranta, con restos de ocre, ao carón de dous bloques de pegmatita asentados alí tencionadamente (fotografía).

A cabana de pedra


Os dous tramos conservados do paramento murario (UENEI06008) da cabana 3 apareceron directamente por debaixo da capa vexetal (UENEI06001). O tramo setentrional mide 1.40 m de lonxitude, ten unha anchura media de 50 cm e presenta en pranta unha forma curva. No extremo NE atópase esborrallado identificándose algunhas pedras que orixinariamente formarían parte del. Nesta zona aparece unha veta de xisto na que aínda se indentifica o nivel de roza para asenta-lo muro. Entre este tramo e o seguinte disponse claramente a porta de entrada, de 1.20 de longo, e orientada cara ao W. O outro tramo do muro UENEI06008 consérvase bastante mellor, até chegar aos 2.30 m. A técnica construtiva é cachotería que emprega blocos de xisto recuperado do pé dos cantís da Punta de Neixón.

"El Templo del Metal"



Un fenómeno íntimamente vencellado cos primeiros poboados fortificados é a persistencia dunha actividade metalúrxica importante de tradición atlántica. A presenza de obradoiros e obxectos metálicos como caldeiros de bronce, puñais de antenas ou machados de tubo ten sido posta de manifesto por un sector amplo da investigación que plantexa unha especialización artesanal de determinados asentamentos, residencia dunhas elites que controlarían a produción e os intercambios comerciais a media e longa distancia na transición do Bronce Final ao Ferro 1. Dentro destes parámetros, o control fenicio do comercio do estaño é visto coma un verdadeiro acicate para o desenvolvemento das comunidades castrexas do litoral e o seu vencello coas áreas de extración de mineral. No caso do Castro Pequeno de Neixón, os seus escavadores aplicaron de maneira acrítica este modelo, utilizando as innegables evidencias localizadas (machado de tope de dous aneis, caldeiro tipo Hío, en Acuña 1977: 250) coma unha proba dunha puxante metalurxia e como exemplo dos intercambios comerciais cos fenicios. Ungüentarios fenicios en troques de estaño é a idea promovida por eses traballos de escavación, sancionando unha visión que permaneceu até hoxendía, se ben retrasando un pouco a cronoloxía deses intercambios.
Pouco ou nada se ten feito para profundizar neste papel do Castro Pequeno como centro metalúrxico do Ferro 1. Nin se teñen levado a cabo (e/ou publicado) análises metalográficas, nin se ten profundizado nesta posible relación entre recursos estanníferos e asentamento. Nestas estamos.

Debuxo de anacos de crisois cerámicos de fundición de bronce e fotografía dun deles con restos solidificados da colada metálica (cor verdosa).

Bronce


Os achados metálicos da campaña 2008 no Castro Pequeno de Neixón veñen corroborar a importancia da actividade broncista no asentamento durante a 1ª Idade do Ferro, pero cunha diferencia fundamental: por primeira vez contamos cunha secuencia estratigráfica ben documentada e con estruturas relacionadas con eses restos metálicos que fornecen datos sobre o seu contexto de uso, tanto primario como secundario. A este respecto, contamos con evidencias que remiten a toda a cadea técnico-operativa da metalurxia do bronce: anacos de mineral, moldes de fundición, crisois cerámicos, pingueiras de fundición, fragmentos de grella de forno así como obxectos acabados: regatóns, fragmentos de fíbulas, agullas, varillas, aro, etc...
Asemade, constatamos unha concentración de restos na metade W do sector escavado, relacionados con catro construcións definidas claramente en pranta:

Debuxo dalgúns dos materiais de bronce exhumaos na campaña de 2008.

Obradoiro metalúrxico



En uso tamén durante esta fase de ocupación estivo o conxunto de estruturas documentado no N da área escavada e que interpretamos coma un obradoiro metalúrxico cinguido por calzos de poste que protexerían unha área de actividade arredor dunha estrutura de combustión (UENEI06033) conformada por pedras e xisto e de cuarcita, a xeito de caixa de forma circular en pranta, de 90 x 75 cm. A rentes da cara oriental da estrutura espállase un depósito de queimado (UENEI06034). Documentáronse un anaco de molde de fundición e máis un anaco de bronce. Retiradas as pedras da lareira apareceu unha pedra labrada de forma circular como asento da antedita estrutura. Ao NW esténdese un grande bloque plano de xisto probablemente empregado nos labores metalúrxicos. Nesta área documéntase unha grande cantidade de materiais vencellados á metalurxia do bronce (escouras, anacos de moldes de arxila, goteiras...).

Fornos


Estas dúas cabanas delimitan un espazo aberto no que documentamos evidencias vencelladas coa actividade metalúrxica de bronce. Un sedimento apelmazado de cor parduzca cobría tres estruturas térreas rubefactadas de 30 x 60 cm e forma aproximadamente circular, con pequenas pedras de xisto asociadas e unha grande cantidade de coios e seixos(UENEI06019) esparexidos por toda a superficie. Tres bloques de xisto de tamaño medio delimitan polo W dúas das estruturas, dando paso a un burato de poste con calzos de pedra (UENEI06021, UENEI06022).
Destaca a presenza de goteiras de fundición de bronce e algúns pequenos pegotes de ocre. A morfoloxía destas estruturas comparte características formais con pequenos fornos vencellados á metalurxia do cobre e do bronce documentados noutros xacementos castrexos.

Cabana 2



Pola súa vez a cabana 2 non puido ser identificada a súa forma en pranta, conservándose unicamente un conxunto disperso de calzos de poste e un depósito amarelento con abundantes restos de combustión (UENEI06036) adscribible ao pavimento da estrutura. O avance do mar destruiu parte do xacemento nesta zona, algo común nos castros do litoral, malia que non se atopen en áreas a mar aberto. Un fogar cun amplo depósito de queimado adentrábase no perfil NW da cata. Este tipo de construcións obedecen a un modelo arquitectónico de meirande entidade ca no Bronce Final malia que segue empregando materiais perecedoiros. A este respecto, constátase unha vontade de individualización dunhas cabanas cuxa estrutura se basa en grandes postes de madeira; a meirande entidade e visibilización destas edificacións reflíctese tamén na construción de estruturas de combustión que semellann servir de eixo vertebrador do espazo doméstico.

Foto: restos do pavimento da cabana 2. Vista cara a o SW.

16/2/10

A cabana 1


Na metade meridional da área escavada documentamos restos vencellados a unha cabana erguida con materiais perecedoiros (cabana 1), cuxa forma en pranta non é doada de reconstruír mais semella fose oblonga. Un aliñamento de calzos de pedra parecen definir o contorno SW-SE da estrutura, destacando un bloque de xisto plano que orixinariamente puido estar vencellado co acceso ao interior da construción. No interior desta edificación destaca a lareira UENEI06004, con placa de arxila rufrefactada sobre unha camada de xistos, cuarcitas e seixos. Ao carón desta estrutura de combustión consérvanse os calzos de pedra (UENEI06006) dun burato de poste relacionable co sistema de suxeción da cabana. Nesta zona do interior da estrutura, contra o perfil W do sector de escavación, rexistramos varios materiais do enxoval doméstico como utensilios líticos entre os que cómpre subliña-la presenza dun muíño barquiforme. Salientable é tamén a concentración nesta área de materiais relacionables coa actividade metalúrxica de bronce (moldes e crisois nomeadamente).

Foto: vista da cabana 1 en pranta durante o proceso de escavación.

Segundo nivel de ocupación


Selando a impronta desa arquitectura en negativo exténdese unha segunda ocupación materializada nun conxunto de estruturas que se espallan por toda a superficie da área escavada, malia que concentradas na metade occidental do sector. Estas constucións e áreas de actividade son a consecuencia dunha ocupación intensiva do espazo e dunha reordeación e complexización notable do espazo doméstico, fenómeno que poñemos en relación coa construción efectiva do poboado fortificado.

Plano: Ditribución de estruturas da segunda fase de ocupación no Castro Pequeno.

De aldea aberta a poboado fortificado


A delimitación espacial deste tipo de asentamentos viría dada polo sistema defensivo, iniciándose a contrución do foxo, do que se extraía a materia prima empregada no levantamento de parapetos e murallas. Posteriormente, a arquitectura doméstica utilizaba como referente espacial a cara interna do recinto amurallado, carecendo de cimentación. Este modelo constátase no Castro Pequeno na área escavada nos anos 70 e rehabilitada hai escasos anos. Outro aspecto interesante documentado este ano é o tremendo traballo de aterrazamento levado a cabo polos habitantes do castro ao traballar as cristas rochosas do afloramento de xisto que conforma a Punta de Neixón, habilitando unha superficie plana para asenta-las estruturas.
Outro aspecto que pon de manifesto o Castro Pequeno é o proceso de petrificación da arquitectura doméstica que se dá nos castros do litoral das Rías Baixas, como Torroso (Peña Santos 1992: 93, fig. 21), As Croas (Peña Santos 2000: 155-60), Pena Redonda (González Ruibal 2004, 2005), Penalba (Álvarez Núñez 1986; 1989: 38), Alto do Castro (Parcero 2000: 64-5) ou A Lanzada (Acuña 1976, 1977; Calo e Sierra 1983: 35; Fariña 1983: 34)
Así pois, no Castro Pequeno constátase unha sucesión de espazos habitacionais, pasando dunha arquitectura feita con materiais perecedoiros a outra constituída por cabanas de pranta circular con zócalo de pedra de xisto, paramentos de adobe e palla e cuberta de colmo, que se enmarcan nos séculos VII-VI a. C. (Rey 1992: 167; Álvarez et. al. 2005; Ayán 2005: 67). A escavación deste ano fornece novos datos sobre este proceso de petrificación na zona meridional do asentamento, evidenciando o paso dunha arquitectura de cabanas feitas en material perecedoiro á construción dunha estrutura circular en pedra adscribible aos séculos VI-V a. C. e vencellada a unha zona de actividades metalúrxicas.

Unha vella arquitectura


En liñas xerais, podemos plantexa-la hipótese de que a arquitectura doméstica desta Fase I resposta ao patrón cultural preexistente (Bronce Final Atlántico), cun predominio de cabanas circulares erguidas con materiales perecedoiros en moitos casos. A campaña de 2008 no Castro Pequeno de Neixón constata unha vez máis, cos seus dous primeiros niveis de ocupación o notable continuismo entre a tradición da Idade do Bronce e a primeira Idade do Ferro (Bettencourt 2000: 84.5), constatado tamén no eido da cerámica (Cobas e Prieto 1998: 161; Cobas e Parcero, 2006: 79-85) ou na proximidade no emprazamento dos novos poboados con respecto ás antigas aldeas abertas (Parcero 2003: 276). A ruptura fundamental reside no xurdimento da fortificación, que afecta ao poboado, á colectividade, mentres que o eido doméstico das unidades familiares segue reproducindo o patrón arquitectónico e espacial anterior.
A este respecto, semella bastante probable que o Castro Pequeno de Neixón fose no seu inicio unha aldea aberta que se fortifica no Ferro I, como parece evidencia-lo corte estratigráfico no parapeto efectuado nas escavacións dos anos 70 (Acuña Castroviejo 2008). Doutra volta, este asentamento exemplifica moi ben as características dos poboados fortificados galegos desta época: predominio claro de asentamentos fortificados de pequenas dimensións (menos de 1 Ha), cun único recinto que soe aproveita-las condicións naturais do seu emprazamento como dispositivo de formalización e monumentalización arquitectónica. Asemade, existe unha clara planificación arquitectónica á hora de aborda-la construción dos poboados como ten amosado a escavación do castro pontevedrés de As Croas (Peña Santos 2000: 154-5) abandonado durante a súa fase de construción.

Foto: detalle da gabia de cimentación da cabana do nivel antigo de ocupación.

Primeiro nivel de ocupación


Na área intervida rexistramos evidencias dunha primeira ocupación da que apenas quedan vestixios polas reformas posteriores, pero que remiten a unha arquitectura de carácter doméstico erguida con materiais perecedoiros seguindo a tradición da Prehistoria Recente. Aparte dalgúns buracos de poste aparentemente descontextualizados, destaca unha gabia escavada no sustrato rochoso de forma semicircular en pranta (UENEI06028), unha lonxitude de 4.20 m e unha anchura que devala entre os 12-15 cm. Esta zanxa corta o sustrato rochoso en diferentes puntos, conservándose incluso un calzo de pedra e un burato de poste que nos remiten ao entramado vexetal que constituiría a parede da estrutura. Pola metade occidental da área escavada rexistramos varios buratos de poste dispersos que tamén se corresponden con este nivel antigo de ocupación.

Plano: restos documentados do primeiro nivel de ocupación.

Ricaz panorama


En liñas xerais, sintetizaremos a continuación a secuencia estratigráfica documentada e as principais estruturas exhumadas. Rexistramos dous niveis claros de ocupación, destacando o complexo panorama da fase máis recente, con dous obradoiros metalúrxicos de bronce, dúas cabanas feitas con materiais perecedoiros e unha cabana de cachotería de pedra de posible uso ritual adscribible por cronoloxía relativa aos séculos VI-V a. n.e.
Figura: croquis da área escavada no Castro Pequeno coa distribución dos achados vencellados coa actividade metalúrxica do bronce e principais estruturas documentadas.

Ampliando horizontes



Esta circunstancia levounos a proceder a unha ampliación cara ao N da área escavada coa apertura de novas UR de 4 x 4 que deron como resultado o descubrimento dun paramento murario semicircular e dunha grande concentración de materiais na metade W, nomeadamente contra o perfil que antecede ao cantil occidental do Castro Pequeno. A escavación en área de todo este sector acompañouse da xeorreferenciación de todo o material exhumado, con vistas á reconstrucción de áreas de actividade, visto o bo grao de conservación dos niveis de ocupación. Asemade rexistrouse a área de escavación cun scáner 3D.

Foto: Panorámica da ampliación do sector de escavación coa estrutura semicircular e pedra en primeiro termo. Vista ao SW.

A xénese da escavación


Iniciamo-la intervención coa apertura de catro UR de 4 x 4 (UR 1000, 1001, 1100 e 1101) a xeito de sondaxes valorativas. O decapado do horizonte vexetal (UENEI06001) deixou bastante clara a potencia estratigráfica da zona. A metade E non contaba con niveis arqueolóxicos aparecendo directamente a laxe de xisto que conforma o sustrato rochoso, presentando abundantes diaclasas, cunha disposición liñal e orientación clara N-S. Sen embargo, a metade máis occidental, e nomeadamente a UR1100, forneceu unha concentración significativa de material arqueolóxico, destacando a documentación dalgúns fragmentos de bronce e de anacos de moldes cerámicos para fundición de bronce. Pola súa vez, o rexistro en pranta dunha estrutura de combustión tipo lareira e de calzos de poste apuntaban á existenza dunha estrutura de carácter doméstico.

Foto: lareira e restos dunha cabana erguida con materiais perecedoiros nas sondaxes iniciais.

Área fértil


Nos meses de xullo e agosto de 2008 levamos a cabo unha campaña de escavación no Castro Pequeno de Neixón no seo do proxecto arqueolóxico dos castros de Neixón iniciado en 2003 e dirixido polo Laboratorio de Parimonio do CSIC. Durante os anos precedentes fixeramos unha investigación interdisciplinar sobre as intervencións antigas no sitio (Ayán 2005, 2008) contando coa memoria colectiva da comunidade local, con referencias orais, coa fotointerpretación de tomas aéreas e antigas fotografías. Toda esta información apuntaba cara á existencia dunha área no Castro Pequeno de Neixón que puidese non ser tido afectada polas escavacións precedentes contando con certa potencialidade arqueolóxica. Unha sondaxe inicial permitiu contrastar esta hipótese, ampliando a superficie escavada até os 180 m2 A escavación arqueolóxica levouse a cabo totalmente a man, dende o decapado do horizonte vexetal até o sustrato mineral.

Figura: foto aérea anterior á rehabilitación do Castro Pequeno en 2001, na que se sinala a área potencialmente fértil que identificamos na fase previa aos traballos de escavación de 2008.

Ferro I


O prometido é débeda. Como xa vos comentamos, grazas ao Centro Arqueolóxico de Barbanza podedes saber cousas de El Argar e de Pompeia pero non do Castro Pequeno de Neixón nos vindeiros IV Encontros Arqueolóxicos. Antes de marcharmos a Abisinia a semana próxima guindaremos aquí un pequeno resumo dos resultados provisionais da nosa escavación de 2008 nun dos xacementos máis interesantes de Galicia para coñecer a fase antiga dos castros. Se vos fixades na imaxe de arriba fixarédesvos que non son tantos os castros da 1ª Idade do Ferro escavados ou sondeados no NW da Península Ibérica.
Figura: C. Parcero, X. Ayán, P. Fábrega e A. Teira. 2007. Arqueología, Paisaje y Sociedad. En F. J. González García (coord.): Los Pueblos de la Galicia céltica: 131-258. páx. 155, fig. 9.

Cigarróns galácticos


O dito.

Cigarrón alternativo


Pero o que fai especial o Antroido de Verín é a mistura entre Tradición e Modernidade, o remexido etnocultural que dá lugar a unha graciosa paisaxe efémera, supermoderna, na que os cigarróns de antano comparten escenario cos superheroes de hogano.

Cigarróns


Coma nunha película do oeste... os cigarróns máis rápidos ao oeste do Támega. Todo un espectáculo dese Antroido tradicional que tanto trataron os enxebristas etnógrafos galegos e portugueses. Ritos de paso, de fertilidade, festas de tolos, dicotomía cultura popular-cultura de elites, reivindicación do ethos comunitario, bla, bla, bla...

15/2/10

Represión trasatlántica


Mañá martes ás 18:00 horas no IEGPS de Compostela o membro do equipo arqueolóxico do proxecto dos castros de Neixón Gonzalo Compañy impartirá a conferencia Tras las Huellas de la Represión: Arqueología del Pasado Reciente en el Proceso de Recuperación de las Memorias Históricas. Dende 2002 Gonzalo forma parte do Equipo de Investigación pola Memoria Político-Cultural (Universidad Nacional de Rosario, Argentina), equipo interdisciplinario conformado para abordar o rexistro material e simbólico dun dos Centros Clandestinos de Detención máis importantes de Rosario que funcionara durante a primeira parte da última Dictadura Arxentina (1976-1983) coñecido como “El Pozo” ou “Servicio de Informaciones” (1976-1979).
Gonzalo realiza no noso Laboratorio unha estancia investigación como Bolseiro de Cooperación Internacional, desenvolvendo unha investigación que procura o intercambio de experiencias de traballo no eido da recuperación da Memoria Histórica. Partindo das semellanzas presentadas polo contexto do Rexime Franquista e o caso arxentino, pretende profundizar en aspectos de actual relevancia: de que
falamos cando falamos de "recuperación"? que implica unha "recuperación
da memoria histórica" a partir de lugares emblemáticos da represión
estatal? que rol están cumplindo as Ciencias Sociais e a
Arqueoloxía en particular no proceso de “recuperación”?

14/2/10

Chiringuito en obras



http://www.lavozdegalicia.es/barbanza/2010/02/12/0003_8289655.htm

Durante aproximadamente un mes, los operarios estarán en el entorno del inmueble realizando las excavaciones y poniendo los cimientos de lo que será la ampliación del recinto. Esta primera parte de los trabajos incluye además la construcción de un muro. En total, se invertirán más de 80.000 euros aportados por el Ministerio de Cultura.
Aunque el ruido de las máquinas interrumpirá la tranquilidad que reina en Neixón habitualmente apenas por unos días, la intención del gobierno local es que las obras se retomen pronto para empezar a dar forma al nuevo edificio, en el que, además de habilitarse un auditorio y más espacio para exposiciones, habrá sitio para instalar un un área experimental en la que se llevarán a cabo talleres.
Según explicaron desde el centro, son diversos los objetivos que se persiguen con la ampliación. Por un lado, se pretende mitigar la reducida capacidad del inmueble dotándolo de espacio para dar cabida a los vestigios recuperados en el yacimiento boirense y, por otra parte, se busca diferenciar a este recinto de otros similares ofreciendo un proyecto museológico singular, de ahí que se dé prioridad a la zona experimental.
Las obras que ayer echaron a andar constituyen tan solo la primera fase de un ambicioso proyecto valorado en un millón de euros. Por el momento, está disponible una partida de 75.000 euros incluida en los presupuestos generales del Estado para este año que se destinará a una segunda parte de las actuaciones, pero será necesario recabar el apoyo de otras Administraciones para continuar con el proyecto.
Plurianual
Lo que se pretende desde el Concello de Boiro es lograr un compromiso plurianual que garantice que habrá fondos en futuros ejercicios para rematar los trabajos de ampliación.
Desde la Diputación se mostraron dispuestos a colaborar, aunque todavía no hay un compromiso firme, mientras que la Xunta tampoco ha dado forma a las buenas intenciones en forma partida presupuestaria.


Isto é o que acontece no Antroido, que se aproveita para facer trasnadas de todo tipo. Aproveitando o ambiente festivo, faremos unhas pequenas consideracións sobre esta nova fase do churinguito de Neixón (da redada antidroga faremos outro día):
1. Como era previsible, o Concello de Boiro comeza a afuracar a contorna do CAB esta semana para que durante a celebración dos IV Encontros Arqueolóxicos de Barbanza os asistentes vexan a implicación patrimonial do Concello e de paso para presionar ás Administracións para que financien unha obra que non poden pagar Xerardo Piñeiro e compañía.
2. Estamos diante dun flagrante exemplo da actitude galaica do ti vai facendo. A noticia deixa ben ás claras esta perogrullada: comezamos unha obra que sabemos que só daremos iniciado (un mes) e deixarémola paralizada culpabilizando a outras Administracións como as responsables da situación. Nada novo por parte dun Concello en bancarrota sen ética ningunha.
3. Todo isto faise nun espazo en proceso de declaración de BIC e nun contexto no que se tenta loitar contra o feísmo, e a prol da recuperación dos espazos do litoral.
4. Novamente en vez de recoñecer unha obviedade (non é necesaria a ampliación dun edificio infrautilizado),o xenial técnico do CAB emprega novos argumentos, aparte do consabido auditorio. Agora resulta que cómpre construír salas para facer obradoiros de Arqueoloxía Experimental.
Agora, en serio, ninguén se decata deste despropósito? Ninguén se decata de que o Concello de Boiro leva xa demasiado tempo facendo Arqueoloxía Experimental no CAB con experimentos demenciais que saen mal, creando enxendros de toda clase e condición?
Rematamos cunhas declaracións do egrexio alcalde de Boiro, Xosé Deira Triñanes, entrevistado na Edición Barbanza de La Voz de Galicia http://www.lavozdegalicia.com/barbanza/2010/02/14/0003_8293910.htm

-Descúlpeme, pero, ¿como entende vostede nos días de hoxe o caciquismo? -Para min é utilizar o poder e os recursos públicos en querer cumprir os teus desexos favorecendo aos teus.
Sabendo isto a cidadanía xa comprende todo o que acontece coa xestión de Neixón e a ampliación do seu centro.

12/2/10

Historias do mar


Lukas Santiago, director de O'Neixón: historia viva dun castro presenta o seu novo documental Galeg@s Universais. Historias do mar. A estrea será o día 20 de febreiro, ás 20:30 horas, no Teatro Principal de Pontevedra. Un acto organizado pola Asociación Pola Defensa da Ría, coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Pontevedra. O filme inclúe entrevistas a María Miranda García, María de las Nieves García Cid e Manuel López Souto todas gravadas no contexto do proxecto arqueolóxico dos castros de Neixón nos anos 2006 e 2007.

9/2/10

Conferencia


Este xoves 11 de febreiro ás 11:00 no IEGPS de Compostela a arqueóloga Lynn Meskell impartirá unha conferencia sobre os conflitos entre patrimonio cultural e natureza no Kruger National Park de Sudáfrica. Lynn Meskell é profesora de Antropoloxía na Universidade de Stanford (California) e un referente con traballos sobranceiros nos eidos da Arqueoloxía de xénero, a Arqueoloxía poscolonial e a Arqueoloxía do Antigo Exipto. Velaquí algunhas publicacións da autora:

• Cosmopolitan Archaeologies. Editor. Duke University Press, in press.
• Archaeologies of Materiality. Blackwell Publishers, 2005.
• Embedding Ethics. Co-edited with Peter Pels. Berg Publishing, 2005.
• Object Worlds in Ancient Egypt: Material Biographies Past and Present. Berg Publishers, 2004.
• Companion to Social Archaeology. Co-edited with Robert Preucel. Blackwell Publishers, 2004.
• Embodied Lives: Figuring Ancient Maya and Egyptian Experience. With Rosemary Joyce. Routledge Publishers, 2003.
• Private Life in New Kingdom Egypt. Princeton University Press, 2002.
• Archaeologies of Social Life: Age, Sex, Class Etcetera in Ancient Egypt. Social Archaeology Series. Blackwell Publishers, 1999.
• Archaeology under Fire: Nationalism, Politics and Heritage in the Eastern Mediterranean and Middle East. Routledge Publishers, 1998.

Non dá o perfil para uns encontros de Arqueoloxía do misterio nin de Exiptoloxía esotérica, pero cremos que paga a pena escoitar a esta muller que practica unha verdadeira Arqueoloxía Social.

5/2/10

Torre do homenaxe


O emprazamento do castelo da Rocha alá no fondo, cun círculo de visibilidade pechado resalta a monumentalidade desta arquitectura que contrasta coa aquitectura vernácula degradada da contorna. Aquí vemos un dos torreóns da fortaleza medieval, coa cara externa do paramento en cantería e, detrás, toda unha torre de homenaxe moderna que ben podería estar instalada no Saraxevo bombardeado de 1994. Queda moito por facer para recuperar esta vella paisaxe que paga a pena redescubrir.

A Rocha


Unha nova xeira comeza para o castelo baixomedieval da Rocha a rentes de Compostela. Unha fortaleza que en calquer país europeo sería todo un recurso turístico de primeira orde e un espazo lúdico para a cidadanía. Agardemos que se enmenden os erros do pasado e a dinámica comunidade local teña algo que dicir neste novo proceso de patrimonialización.

Fotografía: corte estratigráfico no castelo da Rocha, con aerobolos de catapulta en primeiro termo.

4/2/10

As actas escuras


No Salón Teatro de Compostela podedes ver até o 7 de febreiro a obra de Roberto Vidal Bolaño As actas escuras representada polo Centro Dramático Galego. Gañadora en 1992 do Premio Xacobeo de Textos Teatrais nunca fora representada nin publicada oficialmente malia que así parecía consignado nas bases do premio antedito. Unha vez a vexades comprenderedes doadamente por que tal ocurriu en pleno fraguismo. As Actas escuras ambienta de xeito soberbio a Compostela do cardeal Payá e o momento no que se redescobren os restos do Apóstolo. Unha lección xenial sobre a relación entre política, poder, relixión e ciencia. O mozo krausista Casiano representa á ciencia histórica española nun momento no que acadaba institucionalizarse academicamente. Os debates entre este personaxe e o coengo López Ferreiro fálannos da Arqueoloxía anticuarista pero tamén do tradicionalismo do Cabido compostelán da época. O conflicto entre Fe e Razón, entre relixión e ciencia é maxistralmente posto en escena polo xenio dramático do malogrado Vidal Bolaño. Paga a pena ir ao teatro.

Tres últimas funcións. Venres 5 e sábado 6 ás 20.30 h; domingo 7 ás 18.00 h
http://www.centrodramatico.org/cdg/

2/2/10

Narcotráfico en Neixón

1/2/10

Ao pé do lar


Este venres inaugúrase no Museo do Pobo Galego a exposición interactiva Ao pé do lar (5 de febreiro- 7 de marzo) comisariada polo polifacético Manuel Gago. Unha boa oportunidade para gozar da materialidade vencellada ao espazo doméstico dende a Idade do Ferro até o presente. O enfoque asumido é quen de misturar microhistorias de vida, a vida social dos obxectos e as arquitecturas, o saber tecnolóxico dos antergos, o fuxidío recordo de modos de vida dos que só restan ruínas arqueolóxicas, as vellas receitas revividas... É dicir, todo iso do que adoecen os manuais de Prehistoria e Arqueoloxía deste país, incapaces de achegar ao público as práticas do banquete e da comensalidade nas comunidades do pasado lonxano e cercano.
Marabillosa fotografía de Soledad Felloza.
Toda a información en www.aopedolar.com

Apoio arqueolóxico???


Os comentarios verquidos no anterior post dan pé a un debate que é ben interesante malia que devala cara a unha falsa dicotomía entre Arqueoloxía científica e Arqueoloxía mistérica. Unhas puntualizacións ao respecto:
1. Arqueoneixon é un blog relativista que pouco ten que ver con ese saber académico que pensa que a Arqueoloxía é patrimonio duns científicos parvos, segundo di Anónimo (mola escudarse no anonimato para insultar).
2. Arqueoneixón é un dos poucos portais que divulga esas Xornadas de Misterio, porque é unha actividade realizada no Barbanza que pode interesar a máis de un, pero iso non significa que esteamos dacordo con esa liña editorial, igual que moita xente lle ten xenreira á nosa liña editorial. Algo normal nunha sociedade democrática.
3. Na Revista de Arqueología temos publicado hai anos máis dun artigo, xusto cando esa publicación señeira na España dos 80 e 90 apañou un xiro ridículo cara á Exiptoloxía sui generis e o mistérico que obedece a unha determinada política de vendas pero que pouco ten que ver coa liña editorial precedente, modélica ao noso modesto modo de ver. Iso si, se a revista segue a publicar artigos de refutados arqueológos, benvida sexa.
4. O que non nos parece de recibo é que fondos públicos revirtan en actividades New Age e en iniciativas privadas deste estilo, cando a administración local non verque un só can na protección e divulgación do Patrimonio barbanzónico. A este paso tamén poden organizar unhas xornadas sobre a chegada de Hercólubus o Planeta vermello da man dalgún gurú cun curriculum tamén espectacular.
5. E o máis grave de todo é que unha entidade como o Centro Arqueolóxico de Barbanza guinde un manifesto de apoio arqueolóxico (sic) que é para escachar a rir. Que é un apoio arqueolóxico? Que pensará a Asociación de amigos do Centro Arqueolóxico? E os científicos que acoden aos IV Encontros Arqueolóxicos? Loxicamente, con ver a traxectoria do suposto técnico arqueológo do CAB un atopará a resposta. Alguén que colaborou con Cuarto Milenio nunha patética reportaxe mistérica sobre a aldea maldita, é normal que continúe a súa traxectoria modélica promocionando a ciencia e o coñecemento arqueolóxico con apoios arqueolóxicos a iniciativas coma esta. Que triste que o CAB, convertido nun chiringuito, acade que Neixón estea abonado ao bochorno e ao esperpento. Porque unha cousa é o realismo máxico e outra a fogueira das vaidades.
http://jornadamisteriobarbanza.blogspot.com/