24/11/08

Noticias de allá


O noso colega José María López Mazz é un arqueológo uruguaio que leva anos traballando no seu país na recuperación da memoria histórica dende a Arqueoloxía, contribuíndo á exhumación e documentación das vítimas da ditadura militar. Mañá martes ás 19:00 horas na aula 10 da Facultade de Historia de Santiago impartirá unha conferencia sobre este tema. Aconsellámosvos ir.

Medalla de bronce


Pois si amigos, o documental de Neixón gustou ao público e quedou de terceiro nas votacións, de entre 37 producións de todo o mundo, no Festival de Cinema Arqueolóxico do Bidasoa. Os documentais gañadores xogan noutra liga, xa que son superproducións sobre o desciframento da escritura maya e a arte rupestre de Lascaux, coa canle Arte polo medio. Só queda felicitar a Lukas Santiago quen soubo defende-la nosa proposta audiovisual sobre o que é (para nós) a Arqueoloxía polas queridas terras irundarras. Unha gloriosa medalla de bronce.

Fotografía: algúns dos obxectos de bronce asoellados na escavación arqueolóxica deste ano no Castro Pequeno de Neixón (Fotografía de Yolanda Porto).

18/11/08

Tarde de cinema


Este vindeiro domingo, 23 de novembro, ás 19:00 horas na Casa de Cultura da Cachada en Boiro, proxectarase o documental O'Neixón: historia viva dun castro como colofón ás actividades do festival En acción. Unha nova oportunidade para aquela xente que devece por mira-la primeira longametraxe documental da Arqueoloxía galega.

14/11/08

Alfombra roja


O mércores da semana que vén proxéctase o documental O' Neixón: historia viva dun castro na VIII Edición do Festival Internacional de Cine del Bidasoa en Irún. Os premios coñeceránse o sábado 22. Se queredes ve-lo programa do festival, se tedes a sorte de pasar por alí ou vai ti saber que, podedes entrar na páxina http://www.irun.org/oiasso/home.aspx?tabid=142

11/11/08

A graneira

A graneira foi feita en 1911 polo canteiro da casa Benito Manuel Torres, un home dacabalo entre Arxentina e Gontade; no reverso dunha vella carte postale de 1932 que recolle un retrato seu, vemos escrito do seu puño e letra: Esta te la remito para que cuando yo llegue alla me conoscas y me abras la puerta que estoy porparando el viage para esa y muy pronto nos beremos. Toda unha metáfora da emigración transoceánica.

A terra dos prodixios


A terra dos prodixios é o nome dun programa surrealista, dirixido polo gurú Gayoso, para elixi-la xoia do patrimonio cultural galego. Radio Estrada informaba onte sobre a iniciativa de fletar buses dende a capital taberiola para apoia-la candidatura do pazo de Oca... O que si é certo é que este vello país é unha terra prodixiosa, ao estilo de Cunqueiro ou de Fole. Nestes últimos días andamos detrás da memoria dos canteiros de Cuntis, debullando conversas, recordos, ferramentas, verbos e cantares. Na aldea cuntena de Gontade demos cun tipo de hórreo peculiar dunhas poucas parroquias: a graneira, de pranta cadrada e tres andares, que imita en parte a arquitectura de prestixio das igrexas e mosteiros. No baixo, dentro dunha artesa, a familia Torres conserva toda a ferramenta dos canteiros devanceiros. Como complemento de punteiros, acodadeiras, pinchotes e ferros do monte topamos cun sable agochado durante décadas enriba do forno da casa e que fóra empregado como aguillada para leva-las vacas ao monte. Todo semella indicar que este sable é un recordo da francesada, que tanto se fixo notar nestas terras, con emboscadas, atropelos e incendios. Un sable da Grande Arméé dentro dunha artesa, dentro dunha graneira. Bonecas rusas desta terra dos prodixios. Por suposto, o cadelo da casa chámase Ney.

5/11/08

Guerra na universidade


Este sábado dará inicio un proxecto arqueolóxico pioneiro en España: o rexistro arqueolóxico da fronte da guerra civil española na Cidade Universitaria de Madrid. Dirixido por Alfredo González Ruibal, conta co apoio da Universidade Complutense e nel conflúen diferentes axentes: arqueólogos de empresa, de Universidade, historiadores militares, afeccionados, os TEDAX, documentalistas de sindicatos, asociacións... todo un exemplo da Arqueoloxía do presente defendida polo propio Alfredo hoxe na oposición á praza de científico titular do CSIC no Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento de Santiago. Paga a pena entrar no blog do proxecto
http://guerraenlauniversidad.blogspot.com/

Fotografía: Brigadas Internacionales en Madrid, novembro de 1936 (blog antedito)