12/9/07

Alfredo González Ruibal


Alfredo González Ruibal (1976) é un dos máis brillantes e prestixiosos investigadores xurdidos das novas xeracións da Arqueoloxía española e galega. Na súa longa traxectoria ten participado como codirector nas escavacións do Castro Grande en 2004 e, dende aquela, mantén unha colaboración estreita co proxecto de Neixón. A súa intelixente ollada sobre a práctica arqueolóxica, o seu espírito crítico e o seu talante respectuoso inza o enfoque asumido neste blog desde o seu inicio.
Como responsable desta iniciativa solidarízome con Alfredo González Ruibal e con Dionisio Pereira, profesionais honestos que levan á practican unha ética da que carecen moitos.

Finalmente, só sinalar que os que foron asasinados en 1936 en adiante tamén foran denunciados por alguén no seu día. As denuncias, as de onte e as de hoxe, nunca poderán agochar a verdade.

Xurxo M. Ayán Vila.

Empanada mental


1. Hai escasos días a polícia israelí detiña a un grupúsculo de neonazis xudeus de orixe rusa.
2. O historiador Dionisio Pereira e mailo arqueólogo Alfredo González Ruibal foron demandados pola familia do xefe da Falange en Cerdedo nos anos 40, denunciando os seus traballos sobre a represión franquista nesa zona da Terra de Montes.
3. Nos anos 30, antes da guerra, a organización xuvenil Ultreia, liderada polo profesor de Noia Álvaro de las Casas, xa facía gala de brazais co trisquel a xeito de swásticas. Cousas daquel tempo.
4. Atopámonos agora con este lema de Gallaecia aos Galaicos, unha proba máis da mala utilización (manipulación) política do pasado protohistórico do país.
5. O M.R.A. nacionalsocialista non merece nin condenas, nin críticas nin parabéns, o que merece é un sketch dos Tonechos ou unha improvisación do entrañable John Balan.

[Figura tomada de http://www.my-forum.org/descripcion.php?numero=153648&nforo=73809]

5/9/07

Testaccio


O Testaccio é un outeiro artificial do S da cidade de Roma, formado por toneladas dos anacos das ánforas chegadas á capital do Imperio entre os séculos I-III d. C. Un verquedoiro monumental que comezou a ser estudado a finais do século XIX por eruditos coma o padre L. Bruzza ou H. Dressel, investigadores que sistematizaron os diferentes tipos e ánfora e maila súa cronoloxía. No Castro Grande de Neixón atopamos sobre todo ánforas Haltern 70, procedentes de Andalucía, se ben tamén rexistramos Dressel 2-4, Dressel 20, Lomba do Canho e ánforas tardías palestinianas, entre outras.

Este puzzle de cerámica fornece informacións abraiantes. Por exemplo, sabemos que algunhas delas veñen de Campania, da rexión do Vesubio porque se empregaron como desgraxantes areas volcánicas.

Ecos de cidades perdidas, feitas barro.

Ronsel do Neixón


Na fasquía dos barcos anónimos
postos a flote pola madrugada
extraviados no roteiro do serán
persistiron sempre
a mesma foula e o mesmo ronsel


[Manoel Antonio.
Extracto do poema Travesía,
en De catro a catro
]

Terra Sigillata


Un fondo dun prato de Terra Sigillata. Catro anacos recollidos no sector 01 en 2004, 2006 e 2007 voltaron xuntarse para reconstruír parte dun cacharro esquencido. As vieiras, se ben eran motivos decorativos que se facían daquela a escala industrial, anticipáronse ao boom xacobeo medieval da ría de Arousa.

Descoberta


QUEN fechou esta noite
a fenestra azul do Mar?
Este Mar fuxitivo
de tódalas ribeiras
Náufrago do neboeiro
que desviou o rumbo
dos puntos cardinaes

Ficaron as gavotas
tres singladuras a sotavento
Desourentáronse os arroaces
intrusos e impunes

Hoxe ninguén dá ca relinga
pra aferrar panos do horizonte
E este serán tampouco
engaiolarémo-lo Sol

O Sol era un paxaro triste
que se pousaba no penol.


(Manoel Antonio, De catro a catro)

Que nivel!


Perfil estratigráfico no sector 01. Como dirían os xornalistas con olfato, aquí hai unha historia. Os arqueólogos traballamos con refugallos, con camadas de terra e pedras. Interpretamos as capas da cebola, no dicir de Günter Grass. Podemos viaxar no tempo, do máis antigo ao máis recente, ou viceversa, do máis novo cara ao máis vello.
Flashbacks, dejá vú, revivals.
Arriba de todo vedes unha camada de cachotes e terra de cor clara. Isto correspóndese coa muralla do Castro Grande, disposta sobre un depósito de cunchas. Este concheiro atópase por riba dunha terra negra moi orgánica, que vén sendo a pegada que deixaron os primeiros habitantes do Castro Grande de Neixón. Consecuencias: o recinto superior do Castro Grande, nun primeiro momento, non estivo amurallado. Alí vivía xente que empregou esa zona como verquedoiro das mariscadas que se metían e, posterirormente, construíron a muralla de terra.
Microhistoria fosilizada na terra que pisamos.

Brindis ao sol


No foxo S da entra SE ao recinto superior do Castro Grande localizamos novamente outro depósito de cacharros cerámicos. Esta xerra Toralla é un exemplo. Unha das pezas máis fermosas das coñecidas até o momento, feita no seu día polas maos das alfareiras castrexas das rías Baixas.

O cartafol do vento



O VENTO perdeu as follas
do seu cartafol
-esas que os chuvascos
mecanógrafos
tecolean no manual dos mastros?

As gavotas non teñen quitasol
pero fan raudos equilibrios
polo aramio transparente
de tódalas ortodrómicas do ceo

O pailebote sin velas
-Serán esas que o vento
levou no seu cartafol?
Tamén fai equilibrios no ronsel

Ca boca aberta
-caille a baba-
está mirándonos o babión do Sol.


(Manoel Antonio, De catro a catro)

Ostras!


O Castro Pequeno de Neixón debrúzase sobre o mar, ollando cara a Rianxo, no centro da chamada, polos pedantes de inicio de século, la Concha de Rianjo. Independentemente dos límites artificiais dos concellos, manténse toda unha cartografía simbólica chantada dende o mar por séculos e séculos. A Procesión marítima da Guadalupe diríxese cada ano cara aos castros. Neixón é área de explotación económica da Confraría de Rianxo. Mariscadoras e gardas xurados vixian a área arqueolóxica.
Se os prestamarcos do Castro Pequeno de Neixón, amantes das ostras, visen este cartel, escacharían da risa.

Sector 01 (2)


tentamos reconstrui-la vida cotiá nesa zona do poboado do Castro Grande. Alí atopamos anacos de dolia, de ánfora, fusaiolas, muíños xiratorios, tégulas, escouras de ferro... obxectos que cobran sentido da man dos seus antigos habitantes.

Acuarela do artista galego Antonio Ayán Váquez (agosto de 2007)

3/9/07

Sector 01


A primeira hora da mañá o sector 01 do Castro Grande, recén consolidado, desperézase ollando cara ao mar. Dúas casas galaicorromanas /(séculos I-II d. C.) compartían espazo. O traballo conxunto de arqueólogos e restauradores permitiu ofrecer ao visitante unha estampa fermosa. Con todo, moitos e moitas seguen pensando que nós escarallamos o monte e que esas pedras nuca estiveron alí, que as puxemos nós. Estas polémicas ruínas arqueolóxicas, testemuñas mudas dun pasado que se foi, poden aínda revivir se...

Parada de autobús


Finalmente a Arqueoloxía vai ocupando paseniñamente o seu oco na parroquia. Xa entra a formar parte das redes de comunicación tradicionais da parroquia, compartindo banquillo nas paradas de autobús coas necrolóxicas, os anuncios de mobles e os avisos de FENOSA.
Arqueoloxía, comunidade local, presente, vida cotiá.

Fin de campaña


Este sábado día 1 finalizou a campaña 2007 no Castro Grande de Neixón coa presentación dun novo volume da serie Cadernos Culturais de Boiro: De Sancti Vicentii de Sispalona a San Vicenzo de Cespón. Este libro recolle a liña de investigación interdisciplinar desenvolta no último ano polo equipo arqueolóxico, contando con aportacións do medievalista Xosé Manoel Sánchez Sánchez (Arquivo-Biblioteca da Catedral de Santiago), da modernista Elena Novás Pérez (Arquivo-Biblioteca da Catedral de Santiago), da especialista en Arqueoloxía da Arquitectura Sonia García Rodríguez (IEGPS, CSIC-XuGa) e dos arqueólogos Xurxo M. Ayán Vila (IEGPS, CSIC-XuGa), Leonardo González Pérez (Alicerce, S.L.) e Alejandro Laíño Piñeiro (equipo arqueolóxico dos Castros de Neixón).
En breve poderedes baixarvos a versión PDF desta publicación no presente blog.