Mostrando entradas con la etiqueta Paisaxe. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Paisaxe. Mostrar todas las entradas

5/7/12

Arqueoloxía Agraria


Hai xa algúns anos puidemos comprobar in situ o excelente traballo de investigación en Arqueoloxía da Paisaxe desenvolto por Margarita Fernández Mier  nas terras asturianas de Vigaña. Daquela experiencia xurde agora un proxecto interdisciplinar en Arqueoloxía Agraria no que colaboran a Universidade de León, a Universidade Complutense e o Instituto de Arqueoloxía do University College de Londres. Este proxecto é irmán de Neixón e Torre dos Mouros, e os seus responsables cren e pratican unha verdadeira Arqueoloxía en comunidade.
Toda a información en tempo real en
http://arqueologiaagraria.wordpress.com/

13/6/12

En construción




En Alemaña tamén o ladrillo forma parte do tecido produtivo do país. Frankfurt é o mellor exemplo, cos seus rañaceos e torres financeiras de deseño, arquitectura monumental que espanta o trauma da destrución ocasionada pola 2ª Guerra Mundial. Así é todo, a diferenza co Reino de España é absoluta. Quizabes podamos entender o contraste atendendo a dous detalles. Alguén maxina ao típico broker-tiburón-político-Gürtel-Deputación desbotando o AUDI, BMW oficial e o chófer? No barrio financeiro de Frankfurt a xente do business vai en bicicleta ao seu posto de traballo. O segundo detalle atópase nos Museos, que é o que acontece nos países civilizados. Onte saímos ás doce da noite do FilmMuseum, un martes. E todo isto nunha das zonas máis industrializadas do planeta.

23/5/12

Mar de Arousa!


¡Mar de Arousa, Mar de Arousa! ¿Non dis que es noso? E se es noso, se te-lo noso espírito, ¿como non te sentes magoado por ter que reflexar, un día e outro día, este sol que nos trae a fame, que nos pode trae-la peste? ¿Non gustas mellor de ollar no teu espello, aqueles ceos cheos de nubes tan fermosas e tan cambiantes? ¿Lembráste delas? Eran ás vegadas rizosas e bucólicas, dispúñanse outras en sucos dereitos e paralelos, imitantes ás que se fan na túa forxa cando sopra o vento. ¿Lémbraste? ¿Non gustabas ti daqueles ceos cincentos, que te enchían a ti de doce melancolía? ¿E daqueles outros mouros, amoreados, roxos de lóstregos que tanto prestixiaban a túa sona temerosa? E se amas eses ceos, Mar de Arousa, ¿que fas que non mandas ás túas augas encol dos nosos eidos?; ¿que fas que non baleira-la túa fartura para acorre-la nosa necesidade?
Mar de Arousa, ¿é que xa non e-lo noso irmán? ¿É que es xa un mar doméstico, preocupado do turismo coma un hoteleiro? ¿É que queres imitarte ó teu curmán o Mediterráneo, e gabacheas coma el de cor azul, de brillo e de sol?

Florentino López Cuevillas: paragrafo de O Poema da seca (1926).

18/5/12

Ryvoira Sacrata


 Existe un vencello estreito entre as cóbregas, os castros e as vides. Todos tres procuran o sol con teimosía. Os nosos castros, como o Castro de Piño, Castrosante e Castroncelos, A Coroa do Castro e o San Lourenzo en Cereixa, a Eira dos Mouros da Brence, a Roda do Castro de Salcedo ou o castro da Lama en Barxa de Lor son verdadeiras solainas prehistóricas que como xirasois envorcan o seu corpo cara ao sol. As abas dos nosos castros serían despois o solar propicio para as mellores cepas das parroquias que non contaban co tesouro da Ribeira. Nesas viñas vellas, hoxe esmorecidas, convivía a area sedimentaria depositada polo escoar lene de ríos pleistocénicos, coas camisas das serpes e coas cepas vellas, esas cepas que trouxeron de Franza os monxes bieitos na Idade Media.
A milagre da Rivoyra Sacrata foi obra de xeracións antergas, de homes, mulleres e nenos que escacharon a lousa, ergueron as adegas, os cómaros, os socalcos e os pataos, que pagaron as rendas aos señores da terra e do ceo co suor da súa pel, que apenas sabían a onde ía o viño ribeirán, durante séculos cobizado nas Illas Británicas e no Norde de Europa. Este labrado de xentes traballou arreo para que herdaramos unha paisaxe monumental que xa non é patrimonio de frades, cregos, mosteiros ou condes, senón de toda a humana xente. Esta masa anónima de canteiros do pobo foi a que ergueu tamén estas adegas de Vilachá que veñen sendo unha pétrea versión de xisto, seixo e lousa do Monte Testaccio de Roma, erguido durante séculos polo verquido a rentes do porto de Ostia de millóns de ánforas de viño.
Ao longo da historia o viño foi ferramenta do colonialismo, excusa para a explotación social do campesiñado, mecanismo de ostentación da riqueza, pero nunca deixou de ser un vencello de unión, unha ferramenta para o diálogo, o goce e o lecer. Na sociedade grega o acontecemento social máis importante era o alcumado symposium, un encontro no que comensalidade, banquete e viño servían de chanzos para soster a escada do diálogo e o divertimento.  
O viño acompaña dende sempre ao concilio, ao consello, ao consenso. Como os vascóns coa súa árbore de Guernika, as xentes da nosa terra contaban co lanzal e rumoroso piñeiro de Brollón, á sombra do cal se reunía a asemblea do pobo. Este esteo da liberdade quedou para sempre reflectido no emblema heráldico do concello da Pobra de Brollón. Este escudo podería amosar unha serpe enroscada na cortiza do piñeiro, como símbolo da opresión feudal dos condes de Lemos. Mais non. No brasón a que agarima o piñeiro centenario é unha fermosa cepa de vide.

15/5/12

O viño chispeiro non precisa de pregoeiro



En Vilachá de Salvadur évos ben certo aquel refrán que di: O viño chispeiro non precisa de pregoeiro… Así e todo velaquí van estas verbas dun guímaro arqueólogo  de Cereixa que gosta de mollar a palabra. A xenial novelista de misterio Agatha Christie sempre aconsellaba ás súas amizades casar cun arqueólogo ou arqueóloga porque canto máis envelleces máis atención che presta. Por iso eu son máis de viño vello ca de viño novo. O viño vello axuda a vencer as saudades entre a vendima e a castañeira. Xa se sabe, ao vello, o viño, faino mociño. E viños e amores, os vellos son os mellores.
Os arqueólogos esculcamos as pedras, as ruínas e as cousas de antes. Unha adega abandoada é a imaxe máis tristeira da morte dunha casa. Como reza aquel verso da poetisa Xiana Arias: as casas morren máis cando non se derruban. Pola contra, unha viña coidada na Ribeira é símbolo máxico do rexurdimento cíclico da vida. O petrucio das Letras Galegas, don Ramón Otero Pedrayo, xeógrafo que definiu como ninguén a paisaxe da bocarribeira, escribiu en 1929 unha obra de teatro popular alcumada A Lagarada. Nesta farsa tráxica, un arqueólogo arriba na época da vendima a unha parroquia a rentes do Miño co gallo de encetar unha escavación no mouro e enfeitizado monte Medelo. Nestas páxinas, don Ramón de Trasalba fai un canto á tradición, facendo falar ós vellos trebellos abandonados, dende unha pipa arcada de carballo até unha vella alquitara que se queixa magoada do seu pasado glorioso:
Son un chisme doutro tempo, astrolóxico, noxento, pantasmal. Coma o vello Ciprianillo viñen no tempo de millo, pra iste chan. Sei segredos de licores, sei de cencia, sei de amores, que sei eu! Mais no tempo que corremos só fago medo aos nenos. Vou morrer! Ese mozo de alambique falangueiro e atolado fai esa podre augardente que lle gosta á parva xente...
Don Ramón tiña razón. As paisaxes teñen vida, as cousas falan e a terra ten memoria. O alcumado Patrimonio Cultural non é outra cousa que o resultado da loita entre o esquencemento e a memoria. O mestre Álvaro Cunqueiro, deixou escrito en La cocina cristiana de Occidente: El vino hace siempre un gran esfuerzo por hacerse amigo del hombre, por habitarle los sueños, por despertarle la memoria. Se bebe para recordar, que no para olvidar.

14/5/12

Coimbra

 
 
 
 Había tempo que non pasabamos por Coimbra. O ciclo de charlas que impartimos recentemente no Instituto de Arqueologia permitiunos apalpar o estado de ánimo dunha sociedade indignada coa troika. A preocupación enche os ollos dos habitantes da vella Aeminium. Así e todo, nesta cidade universitaria segue a persistir o resabio do pasado e unha retranca a proba de bombas. Poucos sitios hai nos que a Tradición da vella Universidade se manteña con esta forza. A previa á festa da Queima das Fitas xa anunciaba unha troula que dura unha semana. Fermosa a marea de capas pretas na Praza da Sé, a rentes da casa de José Afonso, entre as casas das Repúblicas de estudantes.

30/4/12

Mariña D'Or

Durante moitas décadas a Arqueoloxía galega andivo á procura do ouro da Mariña. A presenza de abondosos recursos mineiros, o achado de abraiantes torques en castros da zona e a toponimia levou a indagar sobre a paleometalurxia desta fermosa rexión galega. Anos despois das primeiras escavacións no castro de Fazouro, xa temos a resposta a este misterio. O verdadeiro ouro da Mariña é a xente que turra deste inxente e ameazado patrimonio, como os amigos de Pomba no Arco e Mariña Patrimonio. A xeira arqueolóxica deste pasado sábado amosa que neste país si existe unha vizosa e activa sociedade civil que está a facer o traballo doutros de xeito voluntario e comprometido. Vendo isto, dámoslle a razón a Álvaro Cunqueiro cando afirmaba que mentres a xente nosa siga soñando con tesouros, na nosa pobreza, aínda seremos ricos. Moitas grazas a todos.

 http://www.galiciaconfidencial.com/nova/10354.html
 http://certo.posterous.com/cultura-un-exemplo-de-divulgacion-do-patrimon

Fotografías de Xurxo Mariño.

24/4/12

Vémonos en Foz


ACTO ORGANIZADO POLAS ASOCIACIÓNS:
A POMBA DO ARCO E MARIÑAPATRIMONIO.

28 de abril na praza do porto de Foz, inicio do roteiro polos castros costeiros de Foz ás 16:00 e presentación do libro Herdeiros pola forza dos autores Manuel Gago e Xurxo Ayán ás 19:00 na Casa de Cultura.
 

As Asociacións culturais A Pomba do Arco e Mariña Patrimonio queren invitar ao público en xeral a participar nun roteiro polos castros marítimos do concello de Foz.
Recentemente a Asociación cultural MariñaPatrimonio descubría restos arqueolóxicos no lugar do Carreiro de Foz. Restos que foron amosados ao servizo de Patrimonio da Consellería de Cultura que recoñeceu a existencia dun asentamento arqueolóxico. Este feito moveu á Asociación A Pomba do Arco, en unión con Mariña Patrimonio, a organizar un acto no que se poña en valor o noso patrimonio, en concreto os castros marítimos do concello de Foz, organizando para iso un roteiro polos citados castros.
O acto terá comezo o día 28 de abril, sábado, ás 16:00 na praza do porto de Foz, no que un autobús recollerá a todos os que queiran participar, para levalos polo citado roteiro.
Comezará a visita no xacemento arqueolóxico do Carreiro de Foz, onde se nos amosarán os restos que alí apareceron. Continuará polo Cu do Castro, na praia de Llas, e polo castro de Fazouro, no que se nos vai falar da súa estrutura e das relacións sociais do mundo castrexo. Explicación que levarán a cabo Manuel Gago e Xurxo Ayán. Continuaremos coa visita a outro castro da parroquia de Nois e rematarémola no Pico da Lebre, no que se nos amosarán os restos da fortaleza que alí existira.
O roteiro rematará na Casa da Cultura do Concello de Foz, na que ás 19:00 Manuel Gago e Xurxo Ayán comezarán a presentación do seu derradeiro libro Herdeiros pola forza, un achegamento á situación actual do patrimonio arqueolóxico e cultural galego.
Os asistentes poderán mercar o libro, se o desexan, no propio acto e pedirlle aos autores que o asinen.
Agardamos que todo aquel que queira pasar un sábado dunha maneira distinta e ao tempo aprender sobre a nosa historia e sobre o noso pasado que se acheguen este sábado 28 ao porto de Foz e a Casa da Cultura.

18/4/12

O demo anda ceibo


Imos andar unha tempada polas terras do Golfo Ártabro en traballos de prospección arqueolóxica do litoral, zona que coñecemos ben, xa que en 1999 fixemos o control arqueolóxico da construción da rede de gasificación. Polo momento, estamos a desfrutar dos primeiros inventarios e catalogacións feitas a comezos dos anos 80, nesa época esperanzada na que se poñía a andar a autonomía e estaba todo por facer. Daquela época é a Catalogación Artístico-Arqueológica del ayuntamiento de Cabanas (1986), estudo pioneiro feito por C. Toscano, S. Ferrer, J. Luaces e R. Penedo. Froito do enfoque etnoarqueolóxico asumido, inclúense lendas e relatos como o que segue (páxs. 110-111):
Hai uns sesenta anos contábase que o demo andaba ceibo polas fragas do Eume. Polas noites sentíase ruído como se rabanasen árbores e, sen embargo, pola mañá todo estaba igual. Contan que se vía a figura dun cabalo mouro moi grande e que cando os paisanos berraban "ay Jesusiño!" o cabalo trotaba cara a o río e se guindaba á auga deparecendo.
Ultimamente o demo voltou ás fragas do Eume, calcinando carballos centenarios.

30/1/12

Cunqueiro en Ortigueira


Yo había leído a D. Federico Maciñeira, había leído su "Crónicas" y sus estudios de Prehistoria. Allá por el año 32, cuando yo leía mi Pomponio Mela, ir a Ortigueira sería para mi ir al país de los arrotrebas, una gens céltica y marinera, de la estirpe de Mill. Maciñeira, retratado y junto a un dolmen o a la cabeza de la fila india de un cromlech, me era una estampa familiar en libros y revistas de arqueología prehistórica. Las cosas se le montan a uno de endiablada manera en la cabeza y así, Ortigueira fue, para mí, antes de conocerla, una especie de exposición permanente de la prehistoria gallega. La comarca ortegana es sin duda una de las tierras más entrañables y significativas del país gallego; es una tierra antigua, de facies profundamente masculina, extendiéndose ante el mar desde el costado de altas sierras y desde el borde de dilatadas brañas. Pero Maciñeira y sus hallazgos prehistóricos le daban a su antigüedad y a la problemática de su paisaje un tono especial; porque al Maciñeira historiadorr más que Fajardos y Villarnovos, Saavedras y Pardos de Lama y el señorío del de Astorga y las viejas infantas góticas de las crónicas de los tiempos de hierro, lo que le iba era el celta, y el que le apasionaba era el hombre enterrado en el dolmen y el que oficiaba los ritos druidas en el cromlech propiciador. Mi primer encuentro con él, paseando en Ortigueira por la carretera, fue una larga disertación sobre el vaso campaniforme. Lo dibujaba, boschgimperianamente, en el aire, y yo me ponía a imaginar, siempre que recordaba a Maciñeira en su villa, una Ortigueira llena de vasos campaniformes, ella misma un enorme vaso campaniforme con el labio roto por el lado de la ría. Y en el fondo del vaso las campanas de la iglesia haciéndole vibrar. Un vaso de claro color, transparente y tibio.

Álvaro Cunqueiro: Mi Ortigueira. En Programa de festas Ortigueira 1951. In Álvaro Cunqueiro en Ortigueira. Santiago: Consello da Cultura Galega. 2011, páxs. 47-48.

17/12/11

Alembraivos de nós


O galeguismo cultural e político dos anos 20, da man do mesmo Castelao, entronizou o escultor Asorey coma o mellor artista galego do seu tempo, coma o escultor capaz de materializar a esencia da xentiña nosa coa marca das gubias na madeira ou na pedra.
A creba de 1936 forneceu a Asorey un novo tipo de público e, por ende, de clientela. O Estado nacionalcatólico inzaba o país de escenografías fascistoides, coma o “Monumento” de Cuntis. Inaugurado en 1945 e esculpido por Asorey, constitúe o exemplo máis claro desas cruces mastodónticas que tanto gostaron ao Rexime franquista, dende os fitos conmemorativos na paisaxe da batalla do Ebro até o “Valle de los Caídos”. Desa mesma época (1942) é unha obra menor, pouco coñecida, que se atopa na entrada do hospital vello de Pontevedra. Trátase da escultura en homenaxe a Manuel Barreiro Cabanelas, indiano benefactor que financiou a ampliación do antedito edificio sanitario. Coñecido coma o Conde Cabanelas, este potentado que fixera fortuna no Brasil, concretamente no Río de Janeiro, levou adiante todo un proxecto filantrópico na parroquia de Covelo, no concello montesío de A Lama. Por alá estivemos hai pouco nunha tarde outoniza de domingo. Nunha praciña, cruceiro, hórreo, cartel de “véndese mel” e unha señoriña de loito comparten o mesmo espazo. A señora Manuela ten noventa e catro anos e cóntanos a historia do conde, “xa sabedes que dos males do mundo a envexa évos o pior, e de el dixéronse moitas cousas despois da guerra, pero nós non tivemos queixa. Eu marchei ao Río de Janeiro de noviña, aínda estaba o rei Afonso en España, pero voltei e casei no ano 32. A todas as parellas recén casadas dábanos o Cabanelas cartos e unha casiña”. Este personaxe fixo unha inmensa fortuna co negocio dos carros e taxis en Río de Janeiro. As Américas fixéronlle soñar cunha sociedade máis xusta e elixiu Covelo para levar a cabo un proxecto arquitectónico orixinalísimo. Reurbanizou a parroquia cunha avenida a cuxas beiras erguía casas de perpiaño con fachadas decoradas polo seu curmán o escultor Alejandro Cabanelas, discípulo de Asorey. Coma un canteiro románico do século XX cicelou baixorrelevos nos que se denuncian as vaidades do home, como aquel frontispicio no que os comerciantes son representados como monos xogando coa balanza nas que se pesaban as primas de rico de entón.
Hai un arrecendo a idealismo masónico na obra do conde Cabanelas, que o diferencia do everxetismo indiano doutras zonas de Galicia e Asturias. Por riba da parroquia aínda se pode ver o edificio coñecido como As Colonias: unha escola erguida polo conde en 1915 ao estilo centroeuropeo, un centro docente con oito graos nos que os nenos que quixesen estudar maxisterio tiñan todos os seus estudos pagos até acadar a diplomatura. Trala guerra, en 1942 foi cedido ao Estado que chantou o escudo fascista na parede como símbolo de apropiación do ensino liberal de preguerra. Nas proximidades, entre rochas de granito consérvanse outros dous edificios inacabados, xemelgos: unha escola de nenos e outra de nenas, coa vivenda anexa dos mestres. Na fachada, seguindo o modelo brasileiro de Ordem e Progresso, represéntanse a ciencia e o saber, con referencias aos descubridores do Novo Mundo. Estas novas escolas quedaron paralizadas co golpe de Estado de 1936. Seica o conde Cabanelas, dende Brasil, soubo lidiar nos anos da guerra civil, como nos contou un paisano de Covelo, financiando tanto aos facciosos coma aos roxos. No ABC de Sevilla rexístranse algunhas destas doazóns á causa dos sublevados. O certo é que o conde Cabanelas morreu no Brasil sen nunca máis voltar a Galicia. Chámalle parvo.
O everxetismo idealista e filantrópico do conde Cabanelas contrasta coa demencial ostentación dos novos ricos dos indianos do presente, os “mexicanos” de Avión, Beade e Beariz. Este foi, á fin, o concepto de progreso que imperou nestas terras de emigración e de miseria. Cando marchamos de Covelo, ao solpor, aínda tivemos ocasión de parar nunha aldeíña na que destacan os reloxos de pedra de fermosas vivendas abandonadas, do primeiro terzo do século XX. Nesa aldea, outra muller con acento brasileiro remítenos á fonte monumental que sobrancea o espazo público da aldea. Ao carón da fonte, un enxebre e humilde peto de ánimas, cos cirios acesos, recolle unha abraiante inscrición, no galego dialectal da zona: Alembraivos de nós. 1861. Nese mesmo ano os primeiros Xogos Florais d’A Coruña supoñían o inicio simbólico dun tempo de esperanzas... o Rexurdimento.
As escolas inacabadas do conde Cabanelas son verdadeiras ánimas de pedra, ruínas dunha educación e dunha cultura que nos avisan nestes tempos de crise identitaria do que puido ser este país, do que non foi, e do que quizabes non sexa nunca. Alembraivos de nós.

Publicado orixinariamente en Galicia Confidencial.

2/12/11

O zunido lonxano do tren



O tren na historia da miña familia é importante, como non podía ser doutro xeito vindo da terra de Lemos. O meu bisavó, cando voltou de Cuba, decidiu exportar a Modernidade á aldea e fixo unha casa entre a recén estreada estrada de Quiroga a Monforte e a vía do tren. Unha aira ben sombreada detrás da casa servía de mirador para ollar o ferrocarril, que acabaría por marcar os ritmos e rutinas da xente da casa. O entusiasmo do meu bisavó non debeu ser unha actitude moi espallada nos anos antes en que se ergueu o camiño de ferro. Na casa da miña mai aínda lembran a que se armou coa chegada do primeiro tren, cando cuadrillas enteiras de labregos se adicaron a apedrear esa maquinaria infernal. As crónicas da época falaban de supersticiones vulgares del primitivo campesinado por el que aún circulaba sangre celta, pero como é evidente e aínda acontece agora, as expropiacións xeraron conflictos que derivaron nunha nova irmandade fusquenlla, afumada polo vapor e mailo carbón. A construción do tramo ferroviario dende o río Lor até Monforte non estivo tampouco exento de problemas técnicos, incrementados pola actitude de enxeñeiros fachendosos que non querían ver o que significaba o tóponimo Serra de Augalevada, malia as advertencias dos paisanos, tan salvaxes eles. Loxicamente houbo que desviar o trazado orixinario, incrementar os custes, presionar en Madrid... nada novo. Entre aqueles enxeñeiros tamén houbo persoal erudito, como aquel alemán que viu nas medorras das serras os túmulos celtas que tanto proliferan por Centroeuropa, e así se reflectiu na cartografía de Quiroga até décadas despois.

21/10/11

Pena Furada


O proxecto arqueolóxico dirixido por Antón Malde na Pena Furada de Coirós é excepcional por moitos motivos. Cando o sistema cultural galego está desnortado polo recurte nas subvencións, temos aquí un investigador que desenvolve unha intervención as fins de semana coa axuda de entusiastas voluntarios, cidadáns de toda caste e condición. Doutra volta, coa colaboración de Manuel Gago (aos mandos da estratexia de comunicación)acada amosar en tempo real o avance desta limpeza en área dun máis que posible santuario da Idade do Ferro. A Pena Furada é hoxe un espazo revalorizado aberto a todo o país. Toda unha lección de Arqueoloxía Pública comprometida nestes tempos de debacle. Parabéns e grazas polo agarimo e interés co que recibides as visitas.

http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2011/10/16/libro-de-visitas-de-pena-furada-xurxo-ayan/

Imaxe tomada de capítulo 0

13/10/11

Pasado incautado



A vila vella de Corbera d'Ebre foi destruída durante a guerra civil. Así quedou, coma unha lembranza material para as novas xeracións da trauma do conflicto. A vida detívose en 1938, co impacto das bombas, os derrubos dos muros, o sangue verquido nas rúas. Semella unha escenografía para un spaguetti western, un lugar no que se detivo o tempo, fosilizando até o presente accións humanas, xestos e mesmo palabras. Nesta vella portada case que medieval, aínda se rexistra arqueoloxicamente o peso do anarcosindicalismo de 1937 e 1938: Incautat C.N.T.

14/9/11

Castil Deixon


Un rapaz de Lillo chantou hai un par de anos colmeas ao sopé do cueto de Castiltejón. Malia o valado electrificado, o mel rematou nos beizos gorentosos do oso, que todo o mundo sabe que é moi larpeiro. Castiltejón é terra de osos, e osas. A primeira referencia documental que posuímos deste xacemento arqueolóxico atopámola no Libro de la Montería de Alfonso XI (1312-1350), no que aparece referenciado coma un outeadeiro excelente para apreixar aos úrsidos durante a caza. A cita inclúese nun paragrafo que resume a topografía da área, as vías de tránsito natural e os principais fitos na paisaxe, os mesmos que compartiron Gorete e outros para evitar a caza ao home ao que foron sometidos durante máis dunha década. O topónimo Castiel Texon, en uso no século XIV, é unha proba máis que remite a un poboamento antigo no monte, algo corroborado tamén polas lendas de moros y tesoros e pola propia fisionomía do cumio, inzada de socalcos e terrazas.

Yarga, et Rio de Ferreras, et Rio de Osos es todo un monte, et es bueno de oso en invierno, et en verano. Et son las vocerías, la una desde la Peña de Susaron por la collada de Barbadiello, et por la collada de Ferreros, et por la collada de Tolibia, et por cima de la Pedrosa, et por Campo Muelle, et a la Muesca de Lendil, et fasta Castiel Texon.

Fonte: José A. Valverde. 2009. Anotaciones al Libro de la Montería del rey Alfonso XI. Salamanca: Universidad de Salamanca.

10/9/11

El vellocino de oro


Non somos os primeiros en escavar en Castiltejón. Xa temos recollido unhas cantas versións das fochancas levadas a cabo por dous curmáns na procura do ouro que deixaron os mouros no cueto de Castiltejón. De todas elas, quedámonos co relato fornecido por Segundo García, de 76 anos:

Eran dos primos de Lillo, Pepe Cristo y Manolo, que se emperraron en buscar el vellocino de oro que dejaron los moros aquí antes de marchar. Excavaron ahí abajo una buena temporada. Gorete, desde aquel alto de allí, los veía cada día, Gorete tenía ahí una cueva que quemó la guardia civil. Tenía una entrada cubierta para el frío y una salida para el humo que daba para a atrás del monte, para que no se viera la humareda desde el pueblo. Pues bien, una noche bajó Gorete a Castiltejón y le smetió en el agujero una olla llena de herraduras viejas y la tapó con tierra. Al día siguiente la azada de los primos pegó en la olla, y ya los ves a los primos abrazados ¡Primo, que vamos a ser felices! Y las risas de Gorete retumbaron en toda la vega de Fuentealbilla. No volvieron a excavar más.

Fotografías: Gorete nun dos seus refuxios, probablemente o referido polas fontes orais, por riba de Castiltejón.

9/9/11

Fortificación





Cantas persoas facían falta para erguer un castro? A resposta a esta pregunta conleva unha manchea de consecuencias para comprendermos o grao de artellamento político, de coerción e cohesión social das comunidades da Idade do Ferro. Un poboado fortificado é unha obra monumental, algo que se apreixa a simple vista. Así e todo, a aplicación dos SIX e da Arqueoloxía da Arquitectura amosan ben ás claras o grao de monumentalización acadado co erguemento de foxos, parapetos e murallas, estruturas construídas, non o esquenzamos, cunha tecnoloxía premoderna. Doutra volta estes sistemas defensivos castrexos eran polisémicos e multifuncionais, xa que funcionarían como arquitectura de prestixio, signo de comunicación non verbal, ferramenta de control da poboación de dentro, defensa cara ao ataque inimigo no marco dunha sociedade guerreira, etc...
Avancemos no tempo. O Estado na Idade Moderna deu lugar a novos sistemas defensivos, axeitados ás novas tecnoloxías e estratexias poliercéticas. Un exemplo soberbio son as fortificacións do Baixo Miño, entre Galicia e Portugal, entre os séculos XVII e XVIII. De entre elas destacan polo seu interese os fortes erguidos con terra, verdadeiros castros pero que adoptan prantas xeométricas con forma de estrela. Cantas persoas facían falta para erguer un forte no século XVII? Neste caso xa non estamos a falar dunha sociedade segmentaria, de pequenas comunidades, senón de súbditos ao servizo dunhas monarquías que non defenden unha fronteira, senón que a crean a través da arquitectura. Como amosou Foucault, a arquitectura domestica. Nun sistema aínda feudal, El Rei ordea levas entre as comunidades locais que obrigan ao campesiñado a traballar na construción destas cidadelas, fortíns e atalaias, ás ordes dos gurús da Modernidade: os enxeñeiros militares.
Chegamos ao século XX. Durante a guerra civil deuse outro proceso de fortificación na Fronte Norte. A estabilización da liña de defensa levou ao Consejo de Asturias e León a inciar unha campaña de fortificación nos portos de montaña. A propaganda incidía unha e outra vez na necesidade de paralizar o avance franquista. Ordes gubernamentais obrigaban ás comunidades locais a colaborar nestes labores de fortificación.
Cantas persoas fixeron falta para construir o complexo defensivo do Cueto de Castiltejón entre 1937 e 1938, entre paisanos e Batallones de Fortificación?
Uhna fotografía moi coñecida destes tempos amosa en primeiro plano un vello cunha pá subindo unha costa, co xaruto nos beizos, seguido a curta distancia por un neno, camiño da fortificación na que estaban traballando, obedecendo as ordes republicanas. Pode haber mil historias detrás dese retrato, do mesmo xeito que existen mil historias detrás das trincheiras e dos refuxios. Pode ser que o vello quedase ao cargo do seu neto, trala marcha do pai á fronte. Intúese un fondo vencello entre avó e neto neses tempos duros. Quizabes ambos os dous andaban a rubir pola aba do Cueto de Castiltejón, a comezos do outono do 36. Tras picar toda a mañá, quizabes sentaron no alto do cumio a descansar, xentando unha mísera codela de pan e uns grolos de augardente, envolvidos pola paisaxe montesía. Eles saben que a rocha caliza é dura, fosilizada para sempre nas súas maos e no seu recordo. Esa tarde, o avó quixo que o neto escoitase e vise algo fermoso entre tanta guerra, tanta sangue e tanta xenreira. O vento agarimaba o oubear dos cervos chantados nas penas como esculturas eternas. Comezaba a berrea. Continuaba a guerra.

Na fotografía tedes unha vosta xeral do refuxio 1 de Castiltejón durante o proceso de escavación.

Her papa go to war
He gonna fight
But he don't know what for


U2, The Refugee, War

7/9/11

Lúa de lobos



Al atardecer cantó el urogallo en los hayedos cercanos. El cierzo se detuvo repentinamente, se enredó entre las ramas doloridas de los árboles y desgajó de cuajo las últimas hojas del otoño.
Entonces fue cuando, por fin, cesó la lluvia negra que, desde hace varios días, azotaba con violencia las montañas.


Así comeza Luna de lobos, de Julio Llamazares (1985), unha xoia literaria tecida cunha linguaxe fermosa e inzada de lirismo, que dá conta da epopea dos fuxidos nas estribacións dos Picos de Europa, na fronteira entre Asturias e León. O autor inspirouse na figura do mítico escapado Gorete, un dos últimos homes do monte que rematou por entregarse nos anos 50. Nestas terras montesías de Puebla de Lillo a lembranza de el e doutros remanece incólume na memoria colectiva e na propia paisaxe. Existen penedíos e covachas vencellados para sempre á súa loita pola supervivencia. Na nosa reunión cos representantes da Junta Vecinal (un milenario fenómeno asembleario 15-M lexitimado polo Dereito leonés) puidemos comprobar a vixencia do recordo dos tempos da guerra e da represión, no maxín e na paisaxe. Aquí non se dá o que demos en chamar en Galicia a paisaxe ausente. A guerra deixou a súa pegada material. Comezan a agromar as historias das bombas recollidas polos nenos das aldeas na postguerra, do armamento asoellado en covas e posicións militares abandonadas, dos espectáculos de luz e cor que supoñen os lumes destes montes nos veráns ao estouparen granadas e obuses deitados para sempre sobre a caliza desta fermosa terra. Pero tamén xurde a trauma dunha represión que segue marcando a unha comunidade local hoxendía dependente da temporada do turismo de neve.

Fotografías: Gorete na súa época de fuxido.

A recta de Lillo



O complexo residencial no que nos aloxamos perto do Porto de San Isidro, ao sopé do cumio de El Toneo, é un auténtico non lugar, como diría Marc Augé. Semella un espazo abandonado, porque o é fóra da tempada de inverno, do turismo da neve. Estas escenografías apocalípticas son o produto material da chegada da Modernidade, dunha estación de esquí que se considerou no seu día un bo investimento e unha posibilidade para remarcar a distinción de clase por parte dos adiñeirados de León. O resultado é unha sorte de poboado trala febre do ouro que cae no esquencemento cando as raiolas de sol derreten as derradeiras folerpas de neve. Este non lugar destrúe a paisaxe e fálanos de intereses espúreos, especulación e pelotazo. Nós, pola contra, tenos que pedir unha recua de permisos para intervir neste paque natural. Mesmo temos limitado o número de sondaxes nun sitio no que non hai vexetación protexida. Semella que as restriccións de medio ambiente non surtiron efecto para chantar a 1 km do cumio do porto este sucedáneo de residencia soviética para vacacións en Ucraína. O colmo deste non lugar é que vaias por onde vaias, sempre topas cun sinal de prohibido o paso.
Un kilómetro ao norde, ultrapasada por centímetros a soleira do límite entre León e Asturias, o mundo troca de xeito radical. Do fondo da cantina escoa conversacións en bable e arrecendos que bulen pola cheminea de leña. Uns paisanos que están dando boa conta dunhas chiquitas no terrado, identifícannos e moi discretamente comezan a falar da ocupación en 1937, as foxas, as mortes, os achados de obxectos e outras chorradas da guerra. Aquí todo o mundo ten baixas na familia, entre mortos nos combates e represaliados na guerra e maila postguerra. Aquí todo o mundo fala na paisaxe, sinalando na mole rochosa de El Toneo, regatos, covachas, montes, gabias e trincheiras, guindando microtopónimos na conversa como se recitasen un canto épico á memoria dos devanceiros. De sotaque, a imaxe que temos diante nosa, as pistas de esquí orfas agardando o inverno (un parque de atraccións postmoderno) comezan a esvaerse para xurdir a paisaxe real que se agocha, que non é outra cá paisaxe agraria e gandeira tradicional e a paisaxe traumática da guerra. Os bombardeos da Lexión Cóndor ás posicións republicanas nos cumios que dominan este acceso natural a Asturias. Os camións inzados de cadavres que eran basculados para o lago de Isoba, segundo contan nestas terras. A cresta rochosa dende onde os represores esfragaban xente ao fondo dun barranco, chegando aos poucos días os cans ás aldeas com carne humana entre os dentes. As reviravoltas da guerra, entre Lillo e San Isidro, coa Peña del Águila como referente microhistórico. A Peña del Águila é a posición franquista que se atopa xusto diante do Pico de Castiltejón. A fronte dispúñase pola fermosa veiga que se extende antes da afamada recta de Lillo, onde soldados franquistas tiraron as fotografías que vedes arriba, en setembro-outubro de 1936. O que non sabían eses mozos, moitos deles galegos, é que detrás da recta lles podía estar agardando a morte. Esta recta de Lillo, crebada pola fronte durante un ano, é todo un lugar de memoria, parafraseando a Pierre Nora.

26/8/11

Way to Castiltejón


O vindeiro 5 de setembro daremos inicio á primeira escavación arqueolóxica na Fronte Norte, dirixida polos compañeiros neixonenses Eduardo González Gómez de Agüero e Víctor Bejega García (Universidade de León). Xa tedes información no blogue www.guerraenlauniversidad.blogspot.com, portal que servirá de voceiro ás intervencións integradas no proxecto de Arqueoloxía da guerra civil dirixido por Alfredo González Ruibal. Mentres nós estamos a máis de 1000 metros, outro equipo seguirá ao mesmo tempo cos traballos en Abánades, en posicións vencelladas á batalla de Guadalajara. O 21 de setembro xuntarémonos todos para irmos aos escenarios da batalla do Ebro.

Fotografía: Posición republicana no cumio de Castiltejón, onde terá lugar a escavación.