30/10/07

Neixón dixital


Eis un modelo dixital de elevacións recuberto con orto-foto aérea dos Castros de Neixón. Toda unha península en tres dimensións, elaborada polo noso compañeiro Pastor Fábrega do Laboratorio de Análise Territorial do LAr do IEGPS (CSIC-XuGa).

23/10/07

Xornadas Castrexas


A vindeira fin de semana terá lugar a 5ª edición das Xornadas Castrexas organizadas en Cambre polo Concello e mailo Museo do Xacemento romano alí ubicado. Trátase dunha proba máis do bo facer de Ramón Boga, xerente deste centro que leva moitos anos turrando pola divulgación e difusión do coñecemento arqueolóxico e o seu achegamento á sociedade.

O sábado 27, no marco destas Xornadas daránse dúas conferencias:

10:30 Francisco Javier González García (LPP,USC): Eran celtas os castrexos?

12:00: Xurxo M. Ayán Vila (IEGPS, CSIC-XuGa): Todo queda na casa: a vida nas cabanas dos castros.

19/10/07

B.I.C. azul


Como se lembra nunha reportaxe do suplemento Luces de El País de hoxe (A prehistoria da ordenación territorial) no pasado mes de setembro a Concellería de Cultura declaraba iniciados os trámites para outorgar a categoría de Ben de Interese Cultural, a máxima figura de protección cultural do Patrimonio, a 20 castros da xeografía galega. Entre os candidatos a tan meritoria distinción están os Castros de Neixón. Agardemos que sexa un paso máis na protección e potenciación dunha paisaxe cultural na que conflúen moitos intereses.

11/10/07

Libro


O libro De Sancti Vicentii de Sispalona a San Vicenzo de Cespón, Cadernos Culturais de Boiro, 9 xa está á vosa disposición en formato PDF no presente blog (producción científica).

5/10/07

Educación para a cidadanía


Tenda de xoguetes para nenos no centro de Zadar. Póster reivindicativo dun dos militares croatas reclamados polo Tribunal da Haia por crimes de guerra.
Ou como educar patriotas en vez de cidadáns.

Dubrovnik


Nunha das entradas monumentais á cidadade de Dubrovnik, Patrimonio da Humanidade, pendura este plano no que se detallan tódalas afeccións sofridas polo ataque levado a cabo polo Exército federal iugoslavo, os serbios e mailos montenegrinos en 1991 e 1992. Todo un recurso mnemotécnico ao servizo da causa nacional.
Patrimonio histórico. Política. Guerra. Memoria.

Zadar 2007


O venres 21 de setembro presentamos a comunicación Landscape, Material Culture and Social process along galician Iron Age: the architecture of Castros de Neixón no marco do 13th Annual Meeting da Asociación Europea de arqueólogos celebrado en Zadar, Croacia (18-23 de setembro de 2007) (www.unizd.hr/eaa2007). A nosa intervención formou parte do conxunto de ponencias que integraron a sesión Architecture as material culture and social process: beyond the phenomenological, coordinada por Rachel Pope (University of Cambridge) e Benjamin Edwards (University of Durham).