21/5/12

Tabaco e rúa!



Nestes tempos de crise, e mesmo de testalán enfrontamento, gosto de maxinar esta feira do viño de Vilachá do ano 1900 coma unha herdeira fidel do espírito da Grecia clásica, coma unha réplica viva da animosidade do banquete galaico, coma un remedo do concello baixo o piñeiro de Brollón, coma unha ágora aberta a toda a xente, de aquí e de acolá. Como reza outro refrán: O que non ten casa nin viña, en calquera parte se aveciña.
Libación é liberación, por riba de todas as orixes, de todas as diferenzas, de todas as bandeiras, porque A cuba do bo viño non necesita bandeira. Deste xeito nolo recordan os Yellow Pixoliñas:
E non temos bandeira
nin himno nacional,
pero temos moito viño,
e augardente artesanal.
E falando de música popular, mentres rebule nesta feira o son de Salta no Cribo, dos Cuchufellos, da Cé Orquestra Pantasma e de Aires da Poxa, remato co recordo do meu avó, o Xesús da Corenta, caixista do cuarteto Os Agarimos. O gaiteiro do grupo segue sendo o Rubén de Castelo, o meirande facedor de palletas de Europa. Mentres el dálle ben á palleta o meu avó pegáballe mellor a mollar a palleta. Nas súas xiras musicais sabíase pronto se a parroquia de turno tiña bo viño: só había que escoitar á caixa do Xesús, no pasarrúas do serán. Se o viño era bo, o tambor d’O Corenta repenicaba con forza súpeta, sentíndose a caixa como se se achegase polo val todo un destacamento de húsares napoleónicos posuídos por unha poción máxica.
E antes de mollar a palabra, guímaros e guímaras, recordade esa vella sentenza que tantas veces teño sentido ao Corenta, pai e fillo, fideis amadores do viño de Vilachá:
O queixo cego,
o pan que vexa
e  o viño que eschameza…

E agora berrade todos comigo:
Viva o viño de Vilachá! Viva a Pobra de Brollón!
Saúde e República!

No hay comentarios: