28/10/09

O castro de Elviña



O sábado fomos ás Xornadas Castrexas que cada ano organiza Moncho Boga dende o Museo Arqueolóxico de Cambre. Pola tarde cursamos visita ao castro de Elviña nun día frío de choiva e néboa. Hai dez anos o noso Laboratorio andaba a definir un Plan Director para a musealización e posta en valor deste xacemento, base do que despois se deu en chamar proxecto Artabria (http://digital.csic.es/bitstream/10261/16118/1/2003_Planear%20el%20pasado_CriadoGonzalez.pdf)
Nós participamos daquela facendo un estudo da arquitectura doméstica e un proxecto de deseño da réplica dun castro en miniatura. Dende 1999 trocaron moitas cousas, agás a torreta de alta tensión e esta árbore de película de terror no interior da croa. É curioso voltar a áreas do castro nas cales un loitaba coa maleza, para apreixar espazos míticos como a Casa da Exedra ou o Templo Fálico. Tempus fugit.

Castro enmaquetado


Velaquí tedes unha maqueta dun castro galego segundo o alumnado do colexio público Brea Segade de Taragoña. Hai escasos días fomos testemuñas do bo facer duns docentes e colaboradores que van máis alá da aula, e que procuran actividades extraescolares de carácter cultural que dean vida ao centro. Todo iso xunguido cun impresionante coñecemento do medio e cunha entrega apaixoada da que adoece grande parte da comunidade de mestres e profes do noso país. Noraboa á Asociación de Nais e Pais de Alumnos do colexio, ao Museo Pedagóxico Castelao, á Biblioteca Brea Segade e noemeadamente ao mestre e musicólogo José Luís do Pico Orjais. Grazas.

27/10/09

Romanization


O profesor Richard Hingley da Universidade de Durham vén de dar unha conferencia maxistral en Santiago sobre a recepción da cultura clásica e a creación da Sociedade Inglesa. Este autor amosa como a posición dominante de Inglaterra na Gran Bretaña con respecto a escoceses, galeses e irlandeses, podería definirse coma o resultado da pioneira Romanización das terras baixas inglesas e o fracaso da chegada de Roma ao N e W. After all, English gentlement have always drawn very directly on their classical roots, emphasizing classical norms and languages. Dentro destas coordenadas, os británicos fundamentaban a conquista dos pobos indíxenas esparexidos polo Imperio, en parte para levarlles a civilización, donada aos britanos polos romanos. As accións imperiais (conquista, dominación e explotación) en Asia, África, Australia atopaban a lexitimidade neste discurso ideolóxico. Richard Hingley considera que o termo Romanización mantén estreitos vencellos con asuncións modernistas acerca da continuidade histórica do imperialismo na época victoriana, momento no que se configura a Arqueoloxía británica como ciencia. Toda unha investigación interdisciplinar que concilia Historia Antiga, xeografía política, Arqueoloxía, crítica historiográfica e historia das mentalidades. Aconsellamos para quen queira saber máis:

Hingley, R. 2005. Globalizing Roman Culture: Unity, Diversity and Empire. London: Routledge.

Hingley, R. 2008. Not so Romanized? Tradition, reinvention or discovery in the Study of Roman Britain. World Archaeology, 40: 428-44. http://pdfserve.informaworld.com/742525_771412208_901476416.pdf

Fotografía: un tramo do Muro de Adriano.

23/10/09

De Big Man a Big Brother


O estranxeiro convertido nunha verdadeira atracción de circo. No século XIX os empresarios circenses levaban de xiras a xentes das colonias, que eran exhibidas nos parques zoolóxicos. En 1897 un grupo de ashantis africanos eran amosados ao público no seu hábitat natural, nunha aldea prefabricada nos xardíns do Retiro en Madrid. Tódalas tardes acodía alí a burguesía da Villa y Corte, a ver os salvaxes. Seica algúns tiñan até medo de achegarse non fose que mordesen, segundo a prensa local. Anos antes nunha macroexposición sobre as colonias asiáticas españolas, 45 indíxenas da Micronesia e de Filipinas ocuparan o mesmo escenario. De feito, o famoso lago que está diante do Pazo de Cristal no Retiro, fabricárase para que os asiáticos remasen coas súas canoas, para deleite do público da metróple. Estes etnoshows, esta humillación de barraca dáse agora en 2009 en Telecinco nun Gran Hermano no que a presentadora (ese-ser-extrano) afirma entusiasmada que vai entrar na casa unha familia recén chegada de Papua Nova Guinea, "directamente desde el Neolítico". Amigos e amigas, este é o país de merda no que vivimos.

21/10/09

Gambela's day


No volume Presentación de excavaciones en el exterior 2008. Informes y Trabajos, 3: 53-62 podedes consultar un avance dos resultados de parte do traballo desenvolto na última campaña na que participamos en Etiopía occidental, dirixida por Alfredo González Ruibal. O artigo titúlase: Arqueología de los pueblos nilóticos: una prospección arqueológica y etnoarqueológica de la región de Gambela (Etiopía occidental) Moito do que aquí se amosa sonaravos aos que seguides arqueoneixon: os nuer, os añuak, os opuúo...

http://www.mcu.es/patrimonio/docs/MC/IPHE/Publicaciones/IT/N3/3_gambela.pdf

Fotografía de Xurxo Ayán: a alfareira Fatura Munay facendo un cacharro (sih) diante da súa casa no poboado de Pokong.

Castros irmanados


O Castro do Vieito presenta concomitancias interesantes co nivel de ocupación altoimperial do Castro Grande de Neixón. Emprazamento costeiro, na bacía dun río navegable (Lima, Ulla) polo que accedían produtos foráneos cara ao interior da Gallaecia; unha grande concentración de ánfora Haltern 70 procedente da Bética; papel activo nas redes comerciais atlánticas... Se ben o castro do Vieito é unha fundación ex-novo, o Castro Grande é un deses vellos emporia que seguen a manter o seu papel comercial coa chegada de Roma ao NW. Dous castros irmanados que de seguro van axudar a artellar novas narrativas sobre a transición entre a Idade do Ferro e a romanización.

Fotografí: promenor das escavacións no Castro do Vieito (2005). En www.castrodovieito.co.cc

Máis alá do río do Esquecemento


Os arqueólogos temos boa memoria. Non está tan lonxe o tempo no que a Arqueoloxía de Urxencia, Preventiva ou de Xestión era considerada como unha prática nociva alonxada da investigación. Moitos compañeiros que daquela nos criticaban por traballar en Obras Públicas hoxendía levan unha longa traxectoria gañando o pan en avaliacións e correcións de impacto. Cousas da vida. Aínda así, en certos sectores da Academia segue a considerarse esa práctica como non xeradora de coñecemento. Poderiamos falar moito deste tema. Unicamente quería traer aquí un excelente traballo de investigación que xurdiu na escavación en área dun castro no marco dunha obra pública. Refírome á tese de doutoramento (Coimbra, marzo de 2009) de António José Marques da Silva Vivre au de-la du fleuve de l'oublie. Portrait de la communauté villageoise du Castro do Vieito au moment de la integration du NO de la péninsule ibérique dans l'orbis Romanum (estuaire du río Lima, NO du Portugal)(http://www.castrodovieito.co.cc/). Unha impresionante escavación en área de dous terzos dun poboado fortificado de curta vida na bacía do Lima, vencellado co comercio en época augustea e xulio-claudia. Puidemos coñecer de primeira man esta investigación nunhas xornadas de traballo co grupo de investigación da Universidade de Coimbra liderado pola profesora Conçeiçâo Lopes. Temos certa envexa de que non exista unha Arqueoloxía Clásica así na Galiza. O castro do Vieito vai dar moito que falar, polo seu excelente rexistro e pola calidade dos seus investigadores.

15/10/09

VII Xornadas Castrexas


O benquerido Moncho Boga, dende o Museo Arqueolóxico de Cambre, volta organizar unha nova edición das exitosas Xornadas Castrexas. Este ano tocan o 23, 24 e 25 de outubro. O sábado 24 pola mañá están previstas as seguintes ponencias:

10:30. Lois Ladra Fernández: O Castro de Chandebrito (Nigrán).
11:15. Ángel Concheiro Coello: O castro de O Achadizo (Boiro). A Idade do Ferro na Península do Barbanza.
12:15. Xosé Lois Armada: Os banquetes no mundo castrexo
16:30. Visita guiada ao castro de Elviña.

Toda a información en http://www.cambre.es/gal3/index.html

Collage


En Galicia actualmente os carteis do Plan E non deixan mirar o bosque. Ao carón dun destes fitos propagandísticos de arranxo da pista de non sei que na aldea de Grava en Silleda, topamos cun lavadoiro multiusos. Somos dos que defenden o carácter avangardista da arquitectura rural galaica, coa súa abraiante apropiación simbólica de espazos e restos do pasaso. A Virxe de Fátima, unha peza gótica e unha cabeza coroada. Un lavadoiro-capela-cruceiro para o século XXI.

13/10/09

Documental


Este venres 16 de outubro ás 20:00 horas proxectarase no colexio Brea Segade de Taragoña (Rianxo, A Coruña) a longametraxe documental O'Neixón: historia viva dun castro. Esta actividade aberta ao público xurde da iniciativa da ANPA do colexio Brea Seagde e do Museo Pedagóxico Castelao, en colaboración co Laboratorio de Patrimonio do CSIC. Unha boa oportunidade para esa xente do Barbanza que aínda non puido ver este docuemental, nomeadamente todos os boirenses que grazas ao seu Excmo. Concello aínda non puideron desfrutar dunha exhibición pública do mesmo. Agardámosvos alí.

Toda a información en
http://ilhadeorjais.blogspot.com/2009_10_01_archive.html
http://certo.posterous.com/rianxo-petando-nas-portas-da-historia-no-brea

Microhistoria


Os socios e socias da Asociación O Faiado 2 son historia viva desta terra. Aí van algúns retallos:

Papá fixera a guerra de Melilla cos moros. Que dicía que a Franco o querían moi mal que por iso iba sempre de paisano. Despois axudárono na guerra de aquí, que lles decían aos moros que se morrían en España volvían nacer alá en África.
Os abuelos toparan un tesouro alá arriba; era un pote aberto por riba cheo de ouro, baixárono a casa, pero mentres foron dar aviso non quedara ninguén na casa e roubárano. Dixeran daquela que caíra unha maldición sobre a nosa casa. E non foi broma que días despois ardeu a palleira e case arde a casa toda, e morreu dentro queimado un borracho que entrara a durmir. Si hom, iso recórdao todo o mundo.
Eu quixen ir a Venezuela que tiña dúas irmás alá e fun co meu home, no ano 73, pero claro, eran dous barcos gemelos e un foi para Caracas e o noso para Costa de Marfil alí estuvemos tres meses. Habíache un millo alí crecido e unha terra rubia boísima, se chovía, chovía a cachón. As mulleres non lles deixaban andar por aí, así que eu me puña de cando en vez os pantalóns do home e iba dar unha volta por aí, hasta o meu home me encarghaba tabaco e todo.
A lápida romana de Rianxo, que se atopou nos anos 20, marchou a Pontevedra por intermediación de Castelao, que era colega de Casto Sampedro. Levárona en carro de bois a Padrón e de alí en tren a Pontevedra.

Fotografia: Socias do Faiado 2 diante da boca dunha mina de estaño e wolfram en Boiro.

Chimpín is dead


As VIII Xornadas de Patrimonio Etnográfico do Barbanza remataron cun paseo morriñento por unha vella calzada boirense. As relacións entre pasado e presente, entre Tradición e Modernidade apálpanse nas vías de tránsito. Socios da Asociación O Faiado 2 á procura dos camiños antigos, a punto de ser rebasados por outro indíxena en quad co seu remolque multiusos para os labores do monte. De camiños de ferradura a camiños de carro, de camiños de carro a camiños de tractor, de camiños de tractor a camiños de chimpíns, de camiños de chimpíns a pistas de quads. Así é moi difícil non ser un evolucionista redomado.

9/10/09

Na procura dos camiños antigos


Os que esteades interesados no Patrimonio barbanzónico tedes unha interesante cita mañá na Pobra do Caramiñal grazas ao bo facer unha vez máis da asociación O Faiado 2, unha entidade que segue a traballar na concienciación da xente, malia crises económicas e demais excusas que poñen os políticos, verdadeiros responsables da xestión e alomenos protección e potenciación do Patrimonio Cultural. Máis ca educación para a cidadanía deberían ser os cidadáns quen deben educar aos políticos. En fin. Mañá falaremos de vías de tránsito, dende a Prehistoria Recente deica a actualidade, de proxectos en curso (etnoarqueoloxía do wolfram) e doutros en preparación (castelo de Vitres).

Fotografía: escavación arqueolóxica dun tramo do Camiño de Santiago (Vía da Prata) en San Fiz de Xesta (Dozón-Bendoiro). O nivel máis antigo está datado por C-14 calibrado no século XI d. C. Escavación de 2008 dirixida polo noso compañeiro Roberto Aboal (LAPA, CSIC).

8/10/09

Lixo, mentiras e cintas de vídeo


A páxina web do Centro Arqueolóxico de Barbanza, no apartado novas do centro, reproduce con data de comezos de outubro novas de hai un mes. Ou os sistemas informáticos xogan malas pasadas ou xa non se sabe que facer para estar en el candelabro como dicía a outra. Aproveitaremos esta trasnada para comentar unha noticia do 4 de setembro que aparece con data de comezos de outubro. Xa sabedes que os políticos son eses seres vaidosos que aparecen de cando en vez por un sitio prometendo cifras estratosféricas. Velaquí tedes a visita cursada polo Delegado do Goberno Antón Louro. A fotografía resulta tentadora. Os políticos ollando cara a un burato. Toda unha área arqueolóxica con dous recintos fortificados e estruturas restituídas e teñen que sacar a foto neste burato, seguindo as indicacións do sabio técnico do CAB. No perfil podemos ver claramente un sedimento alaranxado correspondente a sucesivas tongadas do verquedoiro de lixo de comezos dos anos 80 (botellas de gasosas Rianxeira, botellas de Soberano e todo iso). Debaixo un depósito de transición e despois a colmatación do foxo. Nada novo. Políticos enriba do lixo, nada ao que non estean acostumados. Teñen que estarlle agradecidos a ese magnífico técnico-arqueológo do CAB, un fenómeno mediático. Esta fotografía acompaña notas de prensa oficiais e noticias da prensa local nas que se publicita o seguinte: O Ministerio de Cultura investirá 150000 euros para ampliar o Centro Arqueolóxico de Barbanza. Pola súa vez, o proxecto de recuperación mediomabiental da costa está presupostado en 359.245 euros. Coma en cifras e letras, os cidadáns e cidadás deberiamos recordar estas cantidades, por se acaso. Como dicía o meu avó, sábese o que pasou, pero non o que pasará. Por agora, lamentablemente, en Neixón só hai un burato con lixo sobre o que posan os políticos. Toda unha metáfora da crise económica.

Fonte: Gobierno de España, Ministerio de Política Territorial http://www.mpt.es/ministerio/delegaciones_gobierno/delegaciones/galicia/actualidad/notas_de_prensa/notas/2009/09/2009_09_4.html

7/10/09

O poder do ouro


A primeira parte da antedita exposición recolle a historia do achado do tesouro do Carambolo. Estas metahistorias adoitan reflectir moi ben toda una época, como ben sabe Beatriz Comendador (pasadoreciclado). Unha fotografía amosa ao seu descubridor o medievalista Carriazo (Comisario de Excavaciones Arqueológicas) amosando no Concello sevillano as pezas do tesouro ás autoridades franquistas do momento. Algo moi semellante ao que aconteceu co tesouro de Elviña no seu día. Trala inauguración desta exposición a semana pasada, reanudouse a polémica entre a Junta de Andalucía e o Concello de Sevilla; este último pretende expoñer o tesouro permanentemente na Casa Consistorial, o que implicaría a súa marcha do Museo Arqueolóxico Provincial. O escintileo do ouro reflicte a ambición política.

Fotografía: Detalle da Exposición El Carambolo. 50 Años de un tesoro. Museo Arqueolóxico de Sevilla.

Un tesouro de Carambola


No Museo Arqueolóxico de Sevilla podedes ver até xaneiro de 2010 unha exposición sobre o celebérrimo tesouro do Carambolo atopado na década de 1950. Aparte de poder ver as pezas orixinais do tesouro, podedes coñecer de primeira man os resultados das recentes escavacións levadas a cabo no outeiro do Carambolo e que permitiron contextualizar perfectamente ese antigo achado. Un rexistro minucioso permite reconstruír a evolución construtiva e funcional do templo, vencellando as estruturas cultuais co patrón de relixiosidade fenicio. A destrución violenta do edificio acompañouse do soterramento intencional do tesouro na extrema do adro. Moi interesante resulta a nova hipótese sobre o uso orixinal de parte das pezas do tesouro, que servirían para adornar os touros sacrificados na honra dos deuses.

Fotografía: reproducción das pezas do tesouro e hipótese tradicional de uso.

6/10/09

Arqueocampo


O Laboratorio de Patrimonio do CSIC vén de abrir o prazo para inscribirse no Arqueocampo, unha actividade didáctica dirixida ao público en xeral na que se amosa o traballo arqueolóxico con recreación de escavación incluída. Unha boa oportunidade para os mestres preocupados polos seus alumnos e fartos de perfís curriculares aburridos.

5/10/09

VIII Xornadas de Patrimonio Etnográfico


A Asociación O Faiado 2 organiza o vindeiro sábado as VIII Xornadas de Patrimonio Etnográfico adicadas este ano aos camiños do Barbanza. O noso equipo de traballo presenta a comunicación: Entrámbalasdúas rías: Arqueoloxía, vías de tránsito e paisaxe no Barbanza. As Xornadas terán lugar no Museo Valle Inclán da Pobra do Caramiñal.

Programa e información en http://certo.es/index.php?page=xornadas_patrimonio_etnografico

Fotografía: Xornal Certo.

Documental


Este mércores 7 de outubro ás 20:00 do serán presentarase no Salón de Actos do IEGPS (Santiago de Compostela) o documental Los narradores del Caraguatá dirixido por Gabriel de Souza. Esta produción audiovisual xurde no seo do proxecto dirixido pola nosa compañeira Camila Gianotti (LAPA, CSIC) en Uruguai. Paga a pena ver este bo exemplo de Arqueoloxía social e crítica.