24/2/12

Albricias


O proxecto de Arqueoloxía Pública desenvolto polo noso equipo de traballo en Neixón entre 2003 e 2008 artellouse a partir da implicación coa comunidade local, a transmisión da información en tempo real (da escavación á Rede, así xurdiu este blogue)e a transparencia, convertendo as escavacións un campo aberto a todos. Quizabes por iso é un proxecto que chamou a atención de universidades do mundo enteiro, quizabes por iso aínda nos chaman para falar desta experiencia en congresos por toda Europa, quizabes por iso o proxecto europeo Archaeology in Contemporary Europe rematará en Franfurt este ano cun seminario sobre Arqueoloxía Pública no que amosaremos a iniciativa de United Neixons. Esta historia rematou en 2008 cando o excelente profesional do CAB, Víctor Barbeito, decidiu que aquilo non era bo para os castros de Neixón e apostou por outro modelo de xestión. O seu éxito é evidente, chega con ir a Neixón a ver as ruínas hoxe mesmo. Dende aquela nin unha soa conferencia nin actividade para a comunidade local, nin un só artigo nin pequena nota escrita ou na Rede. Dende aquela un total secuestro da información e do xacemento por parte dos científicos. Mañá despois de case tres anos, na VIª edicion dos encontros arqueolóxicos do Barbanza, divulgaranse por vía oral e por primeira vez os resultados das camapañas de escavación 2009, 2010 e 2011, que sen dúbida aportarán cousas interesantes, senón non se entende esa demora na divulgación do traballo feito na Punta de Neixón. Tampouco se entende que non sexa o prestixioso Víctor Barbeito quen dea a charla, xa que é el quen di onde hai que escavar e onde non, quen goberna os castros de Neixón de xeito brillante.
Alí estaremos mañá, ávidos de información. Por certo, faremos unha crónica da xornada de mañá para o Xornal Certo.

1 comentario:

Antón Malde dijo...

Mais os pousos xermolan