O zunido lonxano do tren
O tren na historia da miña familia é importante, como non podía ser doutro xeito vindo da terra de Lemos. O meu bisavó, cando voltou de Cuba, decidiu exportar a Modernidade á aldea e fixo unha casa entre a recén estreada estrada de Quiroga a Monforte e a vía do tren. Unha aira ben sombreada detrás da casa servía de mirador para ollar o ferrocarril, que acabaría por marcar os ritmos e rutinas da xente da casa. O entusiasmo do meu bisavó non debeu ser unha actitude moi espallada nos anos antes en que se ergueu o camiño de ferro. Na casa da miña mai aínda lembran a que se armou coa chegada do primeiro tren, cando cuadrillas enteiras de labregos se adicaron a apedrear esa maquinaria infernal. As crónicas da época falaban de supersticiones vulgares del primitivo campesinado por el que aún circulaba sangre celta, pero como é evidente e aínda acontece agora, as expropiacións xeraron conflictos que derivaron nunha nova irmandade fusquenlla, afumada polo vapor e mailo carbón. A construción do tramo ferroviario dende o río Lor até Monforte non estivo tampouco exento de problemas técnicos, incrementados pola actitude de enxeñeiros fachendosos que non querían ver o que significaba o tóponimo Serra de Augalevada, malia as advertencias dos paisanos, tan salvaxes eles. Loxicamente houbo que desviar o trazado orixinario, incrementar os custes, presionar en Madrid... nada novo. Entre aqueles enxeñeiros tamén houbo persoal erudito, como aquel alemán que viu nas medorras das serras os túmulos celtas que tanto proliferan por Centroeuropa, e así se reflectiu na cartografía de Quiroga até décadas despois.
No hay comentarios:
Publicar un comentario