9/9/11

Fortificación





Cantas persoas facían falta para erguer un castro? A resposta a esta pregunta conleva unha manchea de consecuencias para comprendermos o grao de artellamento político, de coerción e cohesión social das comunidades da Idade do Ferro. Un poboado fortificado é unha obra monumental, algo que se apreixa a simple vista. Así e todo, a aplicación dos SIX e da Arqueoloxía da Arquitectura amosan ben ás claras o grao de monumentalización acadado co erguemento de foxos, parapetos e murallas, estruturas construídas, non o esquenzamos, cunha tecnoloxía premoderna. Doutra volta estes sistemas defensivos castrexos eran polisémicos e multifuncionais, xa que funcionarían como arquitectura de prestixio, signo de comunicación non verbal, ferramenta de control da poboación de dentro, defensa cara ao ataque inimigo no marco dunha sociedade guerreira, etc...
Avancemos no tempo. O Estado na Idade Moderna deu lugar a novos sistemas defensivos, axeitados ás novas tecnoloxías e estratexias poliercéticas. Un exemplo soberbio son as fortificacións do Baixo Miño, entre Galicia e Portugal, entre os séculos XVII e XVIII. De entre elas destacan polo seu interese os fortes erguidos con terra, verdadeiros castros pero que adoptan prantas xeométricas con forma de estrela. Cantas persoas facían falta para erguer un forte no século XVII? Neste caso xa non estamos a falar dunha sociedade segmentaria, de pequenas comunidades, senón de súbditos ao servizo dunhas monarquías que non defenden unha fronteira, senón que a crean a través da arquitectura. Como amosou Foucault, a arquitectura domestica. Nun sistema aínda feudal, El Rei ordea levas entre as comunidades locais que obrigan ao campesiñado a traballar na construción destas cidadelas, fortíns e atalaias, ás ordes dos gurús da Modernidade: os enxeñeiros militares.
Chegamos ao século XX. Durante a guerra civil deuse outro proceso de fortificación na Fronte Norte. A estabilización da liña de defensa levou ao Consejo de Asturias e León a inciar unha campaña de fortificación nos portos de montaña. A propaganda incidía unha e outra vez na necesidade de paralizar o avance franquista. Ordes gubernamentais obrigaban ás comunidades locais a colaborar nestes labores de fortificación.
Cantas persoas fixeron falta para construir o complexo defensivo do Cueto de Castiltejón entre 1937 e 1938, entre paisanos e Batallones de Fortificación?
Uhna fotografía moi coñecida destes tempos amosa en primeiro plano un vello cunha pá subindo unha costa, co xaruto nos beizos, seguido a curta distancia por un neno, camiño da fortificación na que estaban traballando, obedecendo as ordes republicanas. Pode haber mil historias detrás dese retrato, do mesmo xeito que existen mil historias detrás das trincheiras e dos refuxios. Pode ser que o vello quedase ao cargo do seu neto, trala marcha do pai á fronte. Intúese un fondo vencello entre avó e neto neses tempos duros. Quizabes ambos os dous andaban a rubir pola aba do Cueto de Castiltejón, a comezos do outono do 36. Tras picar toda a mañá, quizabes sentaron no alto do cumio a descansar, xentando unha mísera codela de pan e uns grolos de augardente, envolvidos pola paisaxe montesía. Eles saben que a rocha caliza é dura, fosilizada para sempre nas súas maos e no seu recordo. Esa tarde, o avó quixo que o neto escoitase e vise algo fermoso entre tanta guerra, tanta sangue e tanta xenreira. O vento agarimaba o oubear dos cervos chantados nas penas como esculturas eternas. Comezaba a berrea. Continuaba a guerra.

Na fotografía tedes unha vosta xeral do refuxio 1 de Castiltejón durante o proceso de escavación.

Her papa go to war
He gonna fight
But he don't know what for


U2, The Refugee, War

No hay comentarios: