15/5/12

O viño chispeiro non precisa de pregoeiro



En Vilachá de Salvadur évos ben certo aquel refrán que di: O viño chispeiro non precisa de pregoeiro… Así e todo velaquí van estas verbas dun guímaro arqueólogo  de Cereixa que gosta de mollar a palabra. A xenial novelista de misterio Agatha Christie sempre aconsellaba ás súas amizades casar cun arqueólogo ou arqueóloga porque canto máis envelleces máis atención che presta. Por iso eu son máis de viño vello ca de viño novo. O viño vello axuda a vencer as saudades entre a vendima e a castañeira. Xa se sabe, ao vello, o viño, faino mociño. E viños e amores, os vellos son os mellores.
Os arqueólogos esculcamos as pedras, as ruínas e as cousas de antes. Unha adega abandoada é a imaxe máis tristeira da morte dunha casa. Como reza aquel verso da poetisa Xiana Arias: as casas morren máis cando non se derruban. Pola contra, unha viña coidada na Ribeira é símbolo máxico do rexurdimento cíclico da vida. O petrucio das Letras Galegas, don Ramón Otero Pedrayo, xeógrafo que definiu como ninguén a paisaxe da bocarribeira, escribiu en 1929 unha obra de teatro popular alcumada A Lagarada. Nesta farsa tráxica, un arqueólogo arriba na época da vendima a unha parroquia a rentes do Miño co gallo de encetar unha escavación no mouro e enfeitizado monte Medelo. Nestas páxinas, don Ramón de Trasalba fai un canto á tradición, facendo falar ós vellos trebellos abandonados, dende unha pipa arcada de carballo até unha vella alquitara que se queixa magoada do seu pasado glorioso:
Son un chisme doutro tempo, astrolóxico, noxento, pantasmal. Coma o vello Ciprianillo viñen no tempo de millo, pra iste chan. Sei segredos de licores, sei de cencia, sei de amores, que sei eu! Mais no tempo que corremos só fago medo aos nenos. Vou morrer! Ese mozo de alambique falangueiro e atolado fai esa podre augardente que lle gosta á parva xente...
Don Ramón tiña razón. As paisaxes teñen vida, as cousas falan e a terra ten memoria. O alcumado Patrimonio Cultural non é outra cousa que o resultado da loita entre o esquencemento e a memoria. O mestre Álvaro Cunqueiro, deixou escrito en La cocina cristiana de Occidente: El vino hace siempre un gran esfuerzo por hacerse amigo del hombre, por habitarle los sueños, por despertarle la memoria. Se bebe para recordar, que no para olvidar.

2 comentarios:

paideleo dijo...

Gustoume muito este posteo sobre o viño e ditos.

El Ayán dijo...

pois continúa, é o pregón de Vilacha por entregas