16/5/12

ólas do mar de Vigo, se vistes meu amigo



Por iso recuperamos estas vellas adegas de Vilachá, aquelas ruínas do pasado que hoxe son para todos nós bens patrimoniais e símbolo material da nosa identidade. Porque bebemos para lembrar, vivimos para non esquencer. Tal facían hai máis de dous mil anos todos os pobos galaicos. Estes antergos habitantes dos castros non tiñan vides pero coñecían o viño grazas aos navegantes mediterráneos. Os barcos cartaxineses chegaban ás Rías Baixas cangados de perfumes, aceite e, sobre todo, anforiñas de viño.
Segundo Strabon as xentes dos castros embriagábanse en bebedelas nas que rulaban as xerras en rolda seguindo a orde da idade e mailo rango. A obra de arte máis fermosa e acabada feita polas maos das alfareiras dos castros é a alcumada xerra Toralla, chamada deste xeito porque foi descuberta por primeira vez no castro da illa de Toralla, nesa portela natural aberta ao mundo que é a ría de Vigo. Ólas do mar de Vigo, se vistes meu amigo… Esta xerra que vedes ten dous mil cincocentos anos de antigüidade, e nela quedaron estampadas as ondas do mar, os parrulos das xunqueiras, lagoas e gándaras da costa. É aquí onde se rexistra por vez primeira a querencia polo naturalismo da arte galega. O mesmo amor pola natureza que agroma en cada patao da Ribeira.
Os barcos procedentes do Sur rubiron tamén polo Miño arriba pousando o viño nos castros do interior. Así coñeceron por vez primeira os lemavos o sacro líquido de Baco. No século I a. C. a burguesía mercantil de Gadir, a mesma que financiou a campaña militar galaica de Xulio César inzou o noso país de viño de purrela. Quizabes por iso, por moito Medulio que mediase, Roma conqueriu grande parte de Galicia sen necesidade de batallar. Co viño chegou a pax romana. Daquela o río Sil servía de limíte entre a Galicia romana do Sur, máis desenvolta, e a Galicia lucense, seica máis tradicional e arcaica. Atrasados serían, pero os pícaros lemavos quedaron coa ribeira boa, coa aba quente do canón do Sil. Os lemavos non elaboraban viño antes da chegada de Roma, mais soñaban con el. Velaquí novamente o poder creativo da imaxinación e a forza dos soños no devalar histórico do noso país.

1 comentario:

Archeoten. dijo...

Confesso que assi agarrada a ola toralha dá-se-me um aquele de OktoberFest que ...