18/5/12

Ryvoira Sacrata


 Existe un vencello estreito entre as cóbregas, os castros e as vides. Todos tres procuran o sol con teimosía. Os nosos castros, como o Castro de Piño, Castrosante e Castroncelos, A Coroa do Castro e o San Lourenzo en Cereixa, a Eira dos Mouros da Brence, a Roda do Castro de Salcedo ou o castro da Lama en Barxa de Lor son verdadeiras solainas prehistóricas que como xirasois envorcan o seu corpo cara ao sol. As abas dos nosos castros serían despois o solar propicio para as mellores cepas das parroquias que non contaban co tesouro da Ribeira. Nesas viñas vellas, hoxe esmorecidas, convivía a area sedimentaria depositada polo escoar lene de ríos pleistocénicos, coas camisas das serpes e coas cepas vellas, esas cepas que trouxeron de Franza os monxes bieitos na Idade Media.
A milagre da Rivoyra Sacrata foi obra de xeracións antergas, de homes, mulleres e nenos que escacharon a lousa, ergueron as adegas, os cómaros, os socalcos e os pataos, que pagaron as rendas aos señores da terra e do ceo co suor da súa pel, que apenas sabían a onde ía o viño ribeirán, durante séculos cobizado nas Illas Británicas e no Norde de Europa. Este labrado de xentes traballou arreo para que herdaramos unha paisaxe monumental que xa non é patrimonio de frades, cregos, mosteiros ou condes, senón de toda a humana xente. Esta masa anónima de canteiros do pobo foi a que ergueu tamén estas adegas de Vilachá que veñen sendo unha pétrea versión de xisto, seixo e lousa do Monte Testaccio de Roma, erguido durante séculos polo verquido a rentes do porto de Ostia de millóns de ánforas de viño.
Ao longo da historia o viño foi ferramenta do colonialismo, excusa para a explotación social do campesiñado, mecanismo de ostentación da riqueza, pero nunca deixou de ser un vencello de unión, unha ferramenta para o diálogo, o goce e o lecer. Na sociedade grega o acontecemento social máis importante era o alcumado symposium, un encontro no que comensalidade, banquete e viño servían de chanzos para soster a escada do diálogo e o divertimento.  
O viño acompaña dende sempre ao concilio, ao consello, ao consenso. Como os vascóns coa súa árbore de Guernika, as xentes da nosa terra contaban co lanzal e rumoroso piñeiro de Brollón, á sombra do cal se reunía a asemblea do pobo. Este esteo da liberdade quedou para sempre reflectido no emblema heráldico do concello da Pobra de Brollón. Este escudo podería amosar unha serpe enroscada na cortiza do piñeiro, como símbolo da opresión feudal dos condes de Lemos. Mais non. No brasón a que agarima o piñeiro centenario é unha fermosa cepa de vide.

4 comentarios:

Anónimo dijo...

As olas do Testaccio son de aceite...

Anónimo dijo...

Son de aceite e isto e unha metafora meu rei!

Archeoten. dijo...

De feito como todos sabemos são olearias porque ao contrario que as vinarias, não se podiam reutilizar, deixavam-lhes demasiado resíduo nos poros e isso não havia Hercules-Mr Propper que o limpase por muito que lhe frotaras e frotaras, e ao serem de um só uso cada vez que um carrego chegava aos horrea, cedo votavam "o casco" na campeiro de ahi o lado ...e o resto é já "arqueologia historica"

Cuidado coas metáforas que a gente é-che muito mal pensada ;-)

El Ayán dijo...

Certamente, pero como todo é máis complexo, o 3 % do monte Testaccio (e iso é bastante) correspóndese con ánforas vinarias gálcias e itálicas, así como algunhas tipoloxías orientais.