2/12/11

De burgo a Cidade



Sexa como for, o Deus da Modernidade trocou para sempre a paisaxe lemava. Monforte era daquela unha pequena vila medieval, capital de bisbarra, pendurada na aba do antigo castro Dactonio, que contaba cun mercado e pequenas industrias artesanais en declive. A chegada do tren supuxo a ruína do vello burgo: a poboación comezou a descender ao fondo de val. O tren trouxo negocio e atraeu nova poboación: pequenos empresarios, xoves emprendedores, potentados de Lugo e Ourense foron conformando unha burguesía mercantil que cambiou a fisionomía da poboación, que levou a cabo o Ensanche, abríronse vías como a Rúa do Progreso, paseos e se construíron casas en estilo modernista seguindo o modelo da cidade de Vigo, a Barcelona do Atlántico. Este acelerado desenvolvemento levou a que a monarquía concedese o título de cidade a Monforte e que, en poucos anos, se convertese no segundo núcleo de poboación da provincia en número de habitantes. Por outra banda, na contorna da estación de tren foise conformando todo un barrio, cunha notable idiosincrasia, no que vivían as familias dos obreiros e dos funcionarios da RENFE que traballaban tanto na estación como en traballos vencellados co comercio e distribución xenerados polo tráfico ferroviario. Este barrio obreiro e de clases medias albergou unha notable actividade sindicalista de esquerdas que gañou visibilidade na 2ª República e foi duramente reprimida co golpe de Estado de xullo de 1936. Mesmo a revolución do 34 tivera incidencia nas parroquias veciñas, onde a xuventude militante chegara a izar a bandeira soviética no alto do campanario da igrexa de Ribasaltas. Non debía ser casualidade que o ancho dos camiños de ferro fose o mesmo en Rusia ca en España...

No hay comentarios: