13/1/12

Apartheid patrimonial


A profesora da Universidade de Stanford, Lynn Meskell, ten estudado recentemente os conflictos entre o Patrimonio Cultural e mailo Patrimonio natural o Parque Nacional Kruger en Sudáfrica. Con razón esta investigadora plantexa a consumación dun verdadeiro apartheid patrimonial: a Administración dese país xestiona o medio ambiente pero non conta coas comunidades locais como protagonistas desa paisaxe cultural. Do mesmo xeito, as comunidades locais seguen sendo marxinadas da xestión do Patrimonio en Galicia. Os arqueólogos estamos máis interesados nos habitantes dos castros de hai 2500 anos (que non coñecemos en persoa) ca na xente que vive sobre e a rentes destes xacementos arqueolóxicos. Somos expertos en confiscar materiais, fosilizar o pasado e converter espazos vivos en ruínas arqueolóxicas. Esta política de apartheid patrimonial recrudeceuse na última década. A participación cidadá seguiu sendo nula en dous eidos sobranceiros da actividade arqueolóxica: o control de impacto arqueolóxico de grandes obras públicas e maila posta en valor de xacementos arqueolóxicos. No primeiro dos casos, o hermetismo é absoluto. O contexto de obra atópase á marxe totalmente da sociedade. Podemos afirmalo de cheo porque nós mesmos temos participado en varios destes proxectos (autoestradas, parques eólicos e gasoductos) sen ter recibido na escavación a un só veciño nin asociación local. Por descontado, a publicación e divulgación de resultados non se considera unha prioridade, polo que a posibilidade dunha Arqueoloxía en comunidade nestes contextos é impensable. Nin a Administración, nin as construtoras, nin as empresas de Arqueoloxía plantexan tal, empregando para iso excusas peregrinas. Cabería preguntarse por que en Irlanda levan facendo as cousas de xeito tan distinto a Galicia no eido da Arqueoloxía das obras públicas, como é o caso concreto da construción de estradas e autoestradas estatais.
No segundo eido de actuación, o da valorización de xacementos, a necesidade de amortizar recursos na pasada década explica en parte a popularización dos campos de traballo para voluntarios como ferramenta de recuperación do Patrimonio arqueolóxico en Galicia. Durante anos ten sido unha das poucas fórmulas que potenciaba a participación na investigación de xente sen formación arqueolóxica. Na meirande parte dos casos esta fórmula era considerada coma un mal menor pola dirección das escavacións que non cría na rendibilidade social e científica deste modelo, imposto pola Administración autonómica ou local na meirande parte das ocasións.
Na actualidade, mentres a Administración autonómica deseña, planea e executa motu propio infraestruturas vencelladas co Patrimonio Cultural de Galicia, como a Cidade da Cultura ou a Rede do Patrimonio Arqueolóxico Galego, constátase, pola súa vez, a activación do asociacionismo de base denunciando agresións sobre o Patrimonio arqueolóxico, reclamando o seu uso social e un rol activo na súa xestión e desfrute. Nos tempos do Facebook e do Twitter as comunidades locais e a cidadanía en xeral están tecendo redes entre o pasado, o presente e o futuro, á marxe da Arqueoloxía oficial e a Administración, rexeitando actitudes condescendentes propias dos tempos da escopeta nacional. Entrando no século XXI o Patrimonio arqueolóxico galego segue en maos de burócratas e expertos que secuestran a información, titorizan o acceso ao patrimonio arqueolóxico e adoptan unha actitude paternalista minusvalorando a acción dunha sociedade civil que ten todo o dereito a reclamar o seu papel na Xestión dun Patrimonio que é de todos.

Imaxe: Perímetro de protección dos castros de Neixón, incluído na declaración de Ben de Interes Cultural.

No hay comentarios: