10/11/11

A escopeta nacional


A caza como prática ritual e xesto de autoafirmación de xénero e status xa se documenta na Idade do Bronce deste recanto do Atlántico, hai máis de 3000 anos. Na arte rupestre das Rías Baixas contamos coas afamadas escenas de monta de bestas, coas representacións figurativas de cervos de cornamentas descomunais, asediados por guerreiros repoludos armados até os dentes. Alabardas, granito, pedra, guerra e poder son teselas dun mesmo mosaico que se manterá con diferentes sentidos e significados no culto aos xabaríns e os verracos na época dos castros, nas monterías feudais dos tempos medievais e nas cacerías fidalgas do Antigo Rexime. A guerra da francesada, entre outros eventos, impediu que a gillotina revolucionaria fixese o seu traballo, remanecendo a caza coma un eido desa fidalguía decadente decimonónica, tan ben descrita por Ramón Otero Pedrayo e Emilia Pardo Bazán A burguesía temperá, alóctona, comezaba a guindar aos lindeiros da historia aos vellos señores da terra. Ninguén recorda en Galicia a un comerciante maragato astorgano, a un indiano retornado ou un catalán conserveiro asentado no noso país termar dunha escopeta de caza. Iso seguían a ser cousas dos parásitos señoritos rendistas, que termaban dos alicerces da primeira Restauración borbónica. Un magnífico exemplo desta escenografía do Poder vén sendo o acontecido na illa de Cortegada co gallo da súa entrega a El Rei Alfonso XIII. Mentres as familias labregas son obrigadas a abandoar Cortegada en 1907 (anticipando a política fascista de deportación por mor dos encoros a partir dos anos 40) as elites locais puxan por gañar posicións perante a inminente chegada do maná monárquico traducido en cartos estivais. Neste contexto, organízase unha cacería na illa de Cortegada, o 17 de setembro de 1910. Reproduciremos aquí un paragrafo íntegro da crónica xornalística do acontecemento:
El Domingo se verificó en la isla de Cortegada una cacería a conejos sin perros. Tomaron parte de ella el Excmo. Sr. Marqués de Aranda, Comandante del Hernán Cortés y los señores don Benito Cuesta, don Luis Patiño, don Juan Oubiña, don Manuel Casulleras, don Ricardo Colmeiro, don Pedro Piay y don Ramón Sanjurjo. La caza de pelo es esta isla abundantísima y lo prueba esta cacería en donde se cobraron 128 piezas en menos de tres horas y sin perros. Algunas de las piezas cobradas fueron entregadas por oden del señor Marqués de Aranda al cura párroco de Carril para que las distribuyera entre los pobres de dicho pueblo.
A xente de orde que se beneficiaba do sistema caciquil chantado por Montero Ríos e adláteres segue nutrindo hoxe os nomes das rúas da Boa Vila de Pontevedra, os mesmos que adoptaban esta postura colonial e paternalista coa xente do común, en compañía de nobres e membros da Armada española. Cuspidiño ao que se vei cada ano na Escola Naval de Marín no século XXI, sen ir máis lonxe. Por que esta continuidade? O golpe de 1936 vai supoñer unha permanencia da caza como símbolo da xente de orde baixo o nacionalcatolicismo. Este poder de cartucho foi maxistralmente analisado por Delibes en los Santos Inocentes, na súa vertente tráxica, e por Berlanga na súa faciana patética e cómica.
Nestas coordeadas sitúase a xestión de parte do Patrimonio galego durante o franquismo. A escopeta nacional non só remataba coas masacres bercianas e ancaresas lideradas polo ministro dos paradores de turismo no tardofranquismo. Tamén guiaba os modelos de xestión de espazos hoxe considerados paraísos naturais, Patrimonio de todos, pero que daquela eran coto privado de caza. Para ilustrar esa cuestión voltaremos á ría de Arousa, centrando a nosa ollada en todo un personaxe: Alfonso Otero Goyanes, o Marqués de Revilla. Este home empregou os seus excelentes contactos para amasar capital na postguerra, na liña doutros potentados que medraron coa España nacional. O marqués investiu en minería de estaño e wolframio, foi o administrador de don Juan de Borbón na zona e fíxose coa illa de Sálvora na que recreou un pazo galego entre kitsch e gore onde daba renda solta ás cacerías cos colegas e socios capitalistas. Na memoria colectiva quedou marcado a lume a presenza de personaxes ao estillo John Balan disparando ao chou aquí e acolá coas pistolas Luger alemás da IIª Guerra Mundial. O mesmo modelo de caza se trasladou á illa de Cortegada, onde se soltaban pavos reais, faisáns, pegas e toda raza de especies voadoras abatibles. Todo un zoolóxico, como nos dixo unha vella de Carril, nada en Cortegada, ao servizo dos que mandaban, dos señoritos de Pontevedra. Da illa só importaba o seu mentireiro valor cinexético; as persoas foran deportadas e o Patrimonio histórico saqueado, vendéndose incluso por enteiro, pedra a pedra, o hospitalillo do século XVII anexo á ermida, hoxe esborrallada.
Este mundo da escopeta nacional contaba con moi boa saúde xa no primeiro franquismo, no seo do nacionalcatolicismo fascistoide das décadas de 1940 e 1950. Neste tempo desenvolvéronse as primeiras escavacións arqueolóxicas no veciño xacemento de A Lanzada (Sanxenxo, Pontevedra) da man do director do Museo de Pontevedra, o franquista J. Filgueira Valverde. Naquela época, as escavacións arqueolóxicas en castros de Galicia eran realizadas por operarios do país sagazmente dirixidos por uns directores urbanitas que seguían apostando na meirande parte das veces por dar la orden de proceder a la apertura de zanjas exploratorias. Como testemuño gráfico impagable deses anos dispoñemos de fotografías inéditas desas campañas, gardadas no Arquivo do Museo de Pontevedra e que son un fidel reflexo desa Arqueoloxía clasista e colonial xerada neste universo da escopeta nacional. Arqueólogos e académicos (sempre homes) con garabata, traxe e zapatos escintileantes discuten sobre a area da duna mentres mozos e vellos da parroquia de Noalla desenvolven os traballos de escavación. Os habitantes da zona son meros espectadores pasivos aos que ás veces se acode para que actúen como reproductores de audio lembrando contos e lendas. Pola contra, os agradecementos oficiais na publicación académica dos resultados irán dirixidos ás forzas vivas do lugar: Al cerrar este diario por la presente campaña, es justo agradecer al reverendo señor cura párroco de Noalla; a los marqueses de Riestra y a sus hijos Antón y Mercedes Pita Arechavala; a la Sociedad Anónima La Toja y a sus funcionarios los señores Pfaf, Uría y Yordi; a don Pedro Castiñeiras y a los señores de Bugallo, sus constantes atenciones. Como en Cortegada en 1910, marqueses, fidalgos, señores, cregos e funcionarios debuxan un panorama de postguerra que pouco difería do caciquismo pontevedrés da Restauración. Así e todo, os directores da intervención arqueolóxica amosan sui generis un certo interés pola concienciación patrimonial da poboación, por aquilo que hoxendía denominaríamos Arqueoloxía Pública: Rogamos al señor cura párroco, que tanto interés demostró por nuestra labor, que desde el púlpito haga ver a los feligreses el interés de la conservación de lo descubierto. Otra gestión hacemos con la Guardia Civil.

Fotografía: ruínas do posto de Carabineiros na illa de Cortegada, do primeiro terzo do século XX.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Ola,

O texto parece interesante, pero co formato, seguido, sen espazos, é MOI difícil de ler, e a simple vista, un ladrillo (que non o é, pero o parece). Estoy mal da visto e así non vou mellorar

El Ayán dijo...

En breve estes textos verán á luz nun libro en papel, que será maís doado de ler, ou non.