21/10/11

Dombáter


Eu era pequeno. Debeu ser polo verao de 1985. Despois dunha copiosa comida campestre por terras de Soneira a miña familia decidiu ir ver o castelo de Vimianzo e mailo castro da Cidá de Borneiro. De volta, ao pondaliano de meu pai deulle por porfiar que quería ver o dolmen de Dombate. Foi pouco antes das primeiras escavacións arqueolóxicas científicas no monumento megalítico a fins dos oitenta que permitiron localizar as súas afamadas pinturas e os idoliños líticos no corredor.
Pero daquela, a anta remanecía orfa e silandeira entre os piñeiros, semellaba um mollón prehistórico en leiras de ninguén, en terras de ningures. Nunca esquencerei aquela imaxe. O paso do tempo quizabes mitifique a estampa, pero desde logo semelloume a vella arca unha mole pétrea soberbia e un bo lugar para mexar.
Non volvín a Dombáter até hai pouco, a piques de rematar a seca primavera de 2011. Vai unha calor abafante, nunha tardiña de San Xoán na que non corre nin unha pisca de aire. O coche deténse nun ermo de brea que vén sendo un enorme aparcadoiro, orfo entre as leiras inzadas de millo. Silenzo. Poderïamos estar nunha vila anónima de Arkansas á hora da sesta, pero non, estamos na zona cero do megalitismo galego, no dolmen de Dombate, propiedade da Deputación Provincial de A Coruña. A escenografía arquitectónica que ocupa este espazo desde marzo lembra eses mastodónticos e feos supermercados Lidl da Europa do Leste, a xeito de sartegos nucleares no medio da chaira loéssica. Semella unha nave nodriza extraterrestre degoldrada sobre a arca de Breogán. Xa chegaron os marcianos e tamén che son galegos, canta razón vos tiña Antón Reixa.
As escavacións arqueolóxicas desenvoltas nos últimos anos descubriron a existencia de estruturas vencelladas a un amplo asentamento neolítico, entre as que destaca unha grande gabia escavada no sustrato rochoso. Quizabes por manter ese aquel prehistórico pola segmentación espacial, o proxecto arquitectónico do actual Dombate conlevou o erguemento dese elemento tan característico do Patrimonio Arqueolóxico galego visitable: o valado, esa verxa que coa excusa de protexer o ben cultural serve para controlar aos de dentro e remarcar a diferenza entre os científicos/especialistas e a xente do común.

Antes, os proxectos arqueolóxicos eran doutra maneira. A Universidade de Santiago, na IIª República, da man de Sebastián González García Paz (exilado en 1936 a Porto Rico) levou a cabo escavacións arqueolóxicas no castro de Baroña e na cidá de Borneiro, veciña de Dombate. Nestas intervencións traballou como técnico Xaquín Lorenzo. Ademais de debuxar o plano do castro, de escavar e estudar os materiais, este mozo estudante limiao fixo un estudo detallado da arquitectura e as tradicións propias da parroquia de Borneiro, empregando como informadores aos veciños que traballaban como peóns escañando no vello castro. Pola súa vez, en Baroña encetou un pioneiro estudo sobre as embarcacións tradicionais de Porto de Son. Vemos como nestes anos de 1932 e 1933 estábase facendo en certa maneira Arqueoloxía Pública no Barbanza e na Terra de Soneira, grazas a unha actitude de convivencia e respecto entre a Arqueoloxía galeguista que se estaba a institucionalizar na Academia e a comunidade local, eses mineiros da Cidá que compuxeron coplas como:

Dailles gracias aos señores
por nos poñer no retrato:
vinte e dous traballadores
e iles dous, vinte e catro.

En Borneiro hai boas mozas,
en Vilaseco a flor de elas,
en Dombate son chorosas
e no Briño micaelas.

O que podemos decir
dentro de catro chavolas.
Que non atopamos mais
que uns anacos de cazolas.

Estas cantigas formaban parte dun novo volume dos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos, no prelo na imprenta de Ánxel Casal en xullo de 1936. O golpe de Estado explica moitas cousas e de aí vén o complexo de autoafirmación gremial dos científicos sociais deste país, o control político, a xestión da información, a interesada separación entre ciencia e sociedade, todos eses prexuízos que fan que no século XXI a posta en valor do Patrimonio marxine a unhas comunidades locais que o único que poden facer e peregrinar en manada a visitar o Museo do Pobo Galego, o seu museo. Se Xaquín Lorenzo erguese a cabeza...
Ao cruzarmos a soleira adentrámonos no universo gris cemento, no formigón armado máis frío e inhumano que se poida maxinar. Dous seres humanos, a xeito de resistentes da lagarteira serie V, reciben ao visitante: o garda xurado e o guía, un arqueólogo indíxena con retranca da boa. Seguindo a vesánica tradición das deputacións provinciais, o complexo foi inaugurado xusto antes das eleccións... sen nada dentro. De pouco lle valeu ao ex-presidente da Deputación. Non renovou cargo. De nada lle valeu tampouco ao propio dolmen. Non hai persoal de limpeza, os aseos están coma o primeiro día, as paredes están orfas de información, agás unha temporeira exposición sobre o propio proxecto arquitectónico. Un exemplo magnífico de metadiscurso escenográfico postmoderno. O guía, Anxo, vate arcanxo de Dombate, guíanos entre a selva de herba cara ao monumento megalítico. Un gato amodorrado bota unha soneca á sombra da cristaleira que conforma a parede vítrea da nave nodriza. Aposta sobre seguro. Anxo cóntanos que os paxaros se despistan e acostumados como estataban a voar entre os ortostatos do dolmen non reparan na mampara cristalina e escachan os miolos sen remisión. O gato só ten que facer a ronda, coma un sereno, para manxar o menú do día. Unha magnífica integración entre espazo natural e patrimonio arqueolóxico, o que comunmente chamamos paisaxe cultural.
Dentro do OVNI a sorpresa non pode ser máis grande. O dolmen está tal cal quedou ao remataren as escavacións de hai vinte anos, cos perfis das cuadrículas, as gabias valorativas e o verdín comendo as pedras. A imaxe lembra á área de recepción dun gran hotel francés, con xardinería incorporada na ambientación de deseño.
Anxo relátanos os comentarios recorrentes duns turistas que pensan que o dolmen o trouxeron doutro lado para metelo aquí, as contradicións dun discurso arquitectónico que seica procura un diálogo entre o visitante e o monumento megalítico. Esta conversa, de existir, debe ser moi semellante á que mantén o gato cos cadavéricos estorniños que se estampan contra o OVNI (quizabes os OVNIs sexan os propios paxariños, quen sabe).
Alí mesmo, ao límite da combustión espontánea, enterámonos que esta cobertura millonaria resposta á necesidade de preservar as pinturas do dolmen, unhas liñas e ziguezagues que non son visibles para o público. Para compensar, os ideólogos deste búnker pretender facer unha réplica a escala real do monumento dentro da sala expositiva. Vendo tamaño despropósito, un prefire lembrar o Dombáter dos 80, e non custa maxinar ao petrucio dolmen exclamar, coma um artista de monólogos: Mexan por nós e dicimos que chove!

Publicado orixinalmente en Galicia Confidencial

2 comentarios:

Anónimo dijo...

En realidad Dompáter...

Y de aquellos polvos y alegrías jacarandosas estos lodos...

Anónimo dijo...

Eu estou desolado, non visitei aínda o centro de Dombate. O que vin en imaxes decepcionoume moito. É unha cuberta que aplasta completamente o monumento. É moi bruta a pesar da amabilidade da madeira. O arquitecto estaba máis preocupado en deseñar unha cuberta de madeira que do Dolmen. É un proxecto sen alma ningunha. Acabo de ver as fotos aéreas e decateime de que modificaron o trazado da carretera aumentando o área perimetral do museo. Eso foi boa cousa.

E resulta que o que había que cubrir era tan so un cadrado de 30 metros de luz. Eso cunha cercha e uns paneis brancos translúcidos ou unha lona ben resistente cúbrese perfectamente. Sen que o leve todo o vento. A carpa primeira daba unha luz ó dolmen maravillosa e dignificaba moito o monumento, sendo unha cubrición liviana.


Algo non funciona neste país, algo está a pasar moi grave coas burocracias e o poder. Cando para cubrir un simple cadrado de 30 metros de luz móntase un OVNI de madeira horrible. Ou estamos pasados de rosca ou nos gusta complicarnos a vida. Xa sabemos que Francisco Vidal é agora un experto en madeira laminada, pero o proxecto de Dombate é unha MERDA.