31/7/12

Fozando nos castros


Hoxe falaremos do mundo dos castros nas XVII Xornadas de Historia Local de Foz organizadas pola Asociación Pomba do Arco. Alí vos agardamos, na Casa de Cultura Manuel María, ás 20:30 do serán.

30/7/12

Errantes, Atlantes e xentes de antes



No bar Louro de Lira, onde se gardan as chaves da igrexa parroquial, tivera lugar a primeira barferencia do proxecto da Torre dos Mouros. O que todo o mundo sabe é que dende moi cedo, os petrucios do lugar imparten barferencias as vintecatro horas. Este domingo pasado, mentres damos conta do primeiro café da mañanciña, os paisanos tertulianos interésanse polo que está a acontecer estes días por alá arriba. Un señor xubilado, emigrado no seu día nun cantón suízo, ten moi claro que os mouros nada teñen que ver cos moros. Outro home, que leva  a voz cantante dentro e fóra da barra, expón a súa versión da historia da humanidade. Segundo el hai tres fases principiais no devalar histórico; o primeiro período sería a época na que a xente andaba errante polo mundo. Aquí sitúa o noso interlocutor o sitio arqueolóxico da Torre dos Mouros. Despois da agricultura e a gandería chegaría a revolución da máquina de vapor, até chegar a hoxendía coa informática e a tecnoloxía, a un novo tempo no cal os pícaros aprenden aos maiores.
Da historiografía a conversa vai derivando cara á introdución da cocaína nestas terras, a mediados da década de 1970. Emigrantes en Venezuela traían pola festa kilos de café e de algo máis, pós branqueciños que nin na alfándega do aeroporto de Barajas sabían moi ben que era. Moi sonado era o caso dunha vella emigrante a Caracas que levaba canda si unha imaxe da Virxe da que non se desprendía durante o voo, para curar o pánico. Esta devota enchía a virxe de porcelana de farlopa colombiana. Historias trasatlánticas.
-“Antón que queres ser de maior?”
-“Mouro”.
Así comeza unha nova mañá de encontros e experiencias coa xente que se achega á Torre dos Mouros, a eterna vixía dos aconteceres da terra de Lira. Unha señora xubilada oriúnda de Madrid achégase para preguntar pola existenza de auga na Torre do Mouros. A pregunta é acaída; sen embargo, a curiosa señora non quere que lle falemos de mananciais nin de posíbeis alxibes. Ela ten clara a súa hipótese: “Este es un sitio de los antiguos, con una fuerza y energía que todo el mundo conoce. Recinto circular y agua en medio, no hay duda, esto es muy anterior a los castros y los castillos, esto es obra de… los Atlantes”. Para chegar a este discurso cómpre ler bastante, a Platón,a esgrevios representantes da literatura paracientífica como Sánchez Dragó ou J. J. Benítez. Un exemplo máis da pluralidade de visións que conflúen no Patrimonio arqueolóxico. No Curro do Medio da Torre dos Mouros lidiamos con distintos enfoques que compiten nun mesmo mercado. Mais que criminalizar aos seguidores da Atlántida cómpre escoitalos e amosarlles outros discursos, máis alicerzados. Non serei eu quen lle quite o soño dos mouros ou dos atlantes a ninguén.
Pola noite, a barferencia no bar Illa no peirao de Lira dá paso a un debate que deriva na existenza ou non da Galiza celta. Xente do público equipara a literatos e científicos, ten tanta validez o que di Suso de Toro có que di un especialista na Idade do Ferro. Mesmo parte do público arríncase con bravos e ovacións cando alguén reafirma a identidade celta galaica. Toda una leción que amosa de novo como a etnicidade e a identidade se construén nunha democracia participativa. Durante a barferencia un borrachín que non gosta do silenzo amosa o seu disgusto, érguese e cando cruza a soleira da porta do bar, abaneándose, co mapa da Rioxa na faciana, berra cun aquel de wester: “Eu aquí non aprendo nada”.
Un rapaz novo, camareiro  en Louro e comuneiro en Lira, cóntanos como o seu avó o levaba de pequeno á Torre dos Mouros. Hoxe el ten una concesión para reutilizar o Curro do Medio para gardar cabras e ovellas. Expectante co que poida pasar trala escavación arqueolóxica, pregúntanos polo futuro. Sen dúbida, o futuro será diferente, porque a Torre dos Mouros é agora un sitio arqueolóxico que será catalogado e protexido. Loxicamente o Patrimonio non conleva sempre historias apaixoadas senón que tamén xenera conflictos en países tan apegados á terra como a vella Galicia. Así e todo, as cabras son un magnífico remedio para manter limpa a Torre dos Mouros.
Estrella, una moura de Lira de 53 anos, cóntanos como evoluciona o cadeliño Caravel, que sufriu o outro día un accidente de tráfico. Como recordo inesquencible da Torre dos Mouros, pídenos que lle regalemos nós unha pedriña, “un símbolo”, como a pedra que pousan os xudeus nas tumbas ou os pelegríns nos milladoiros a rentes dos camiños xacobeos. Como Estrella, vagalume de ilusión e de esperanza, todos fomos adoradores e  carretadores) de pedra este mes nas terras de Lira.
Moncho, o pai de Simón, xove promesa arqueolóxica deste país, cóntanos o abraio que lle causara a súa primeira participación como voluntario nunha escavación arqueolóxica., sendo el mociño. Un equipo do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento traballara na Cova de Moura en Argalo (Noia). “Dende a cova da Moura ata a Ponte de Argalo hai os saberes de sete reinados”, dicían os vellos do lugar. Moncho atopou  no corredor do dolmen un dos afamados idoliños de pedra de Argalo e lembra o achado como se os anos non borraran a súa paixón xuvenil polas cousas e as pedras de antes. Coméntolle que parte deses idoliños se expoñen na exhibición “Gallaecia Petrea” na Cidade (baldeira) da Cultura. A última vez que el os vira fóra nos baixos do local antigo do IEGPS, entre San Xerome e Fonseca, gardados en caixas de froitas. Pouco ou nada sabemos dos resultados daquela intervención arqueolóxica, seguindo esta vesánica alerxia á palabra escrita por parte da Arqueoloxía galega. Moncho fálame da atracción que se sinte polo contacto físico co pasado, exhumando obxectos antigos e remexendo na terra. Esta sensación non pode ser substituída nin por centros de interpretación, nin por aulas didácticas, nin por reconstrucións virtuais.
Mentres escribo isto coas mans aínda enzoufadas na terra moura da Torre dos Mouros, lembro a frase lapidaria guindada ao aire por un señor cando marchaba tras participar na última visita guiada á escavación arqueolóxica: “Os galegos miramos coas mans”. Fermoso e certo.

24/7/12

O'Pirata



Simón achégase á escavación arqueolóxica de Torre dos Mouros, en Lira, Carnota, acompañado de seu pai, amador e amante do Patrimonio Cultural deste país noso. Simón quere ser arqueólogo, e cunha mistura de timidez, curiosidade e sabedoría pregunta polos cadrados marcados no chao, co gallo de coñecer a metodoloxía do traballo arqueolóxico. Eu tamén fun Simón. Con doce anos, meu pai conseguirá levarme a ver a  escavación do castro de Penalba en Campolameiro no que traballaba o equipo dirixido polo malogrado Antonio Álvarez. E alí tamén preguntei polas cadrículas Wheeler e o sistema de rexistro arqueolóxico. “De aquellos polvos vienen estos lodos”. Naquela época e na nosa non resulta tan doado atopar intervencións arqueolóxicas abertas a unha sociedade que é a lexítima propietaria dese Patrimonio. Abrir á xente unha escavación arqueolóxica é garantir a preservación do sitio, fomentar a concienciación patrimonial e mesmo facer canteira arqueolóxica, estimulando ou consolidando vocacións.
Unha señora duns sesenta anos arriba á Torre dos Mouros acompañada de seu irmao poeta e do seu cadeliño victoriano, alcumado Caravel.
A señora, coma unha moura renacida, esparexe bicos, retrata os compañeiros, canta garimosa e ofrécese a subirnos a vindeira fin de semana cafeliño rico e biscoitos caseiros. Exconcelleira de Xuventude nunha importante vila galega amósase orgullosa da mocedade galega que adica o seu tempo voluntariamente a recuperar o vello monte chantado a rentes da casa da súa mai. De cando en vez bérrale ao cadeliño: “caravel, escarva, caravel!”

Caravel, caraveliño,
caravel, caraviñol,
o día que non te vexo,
para min non raia o sol.

Helena vén dunha familia de canteiros de Cuntis, descendente do arredista Xoán Xesús González asesinado vilmente en 1936. Dende o comezo traballou con paixón e entrega na recuperación e investigación arqueolóxica do castro de Castrolandín. Helena converteuse nunha das mellores arqueólogas de campo que coñezo, é unha desas voluntarias que semellan preocupar a uns cantos arqueólogos supercientíficos preocupados pola profesión. O comentario de Helena, trala visita guiada a Torre dos Mouros ofrecida polo Xosé Gago de Cool-Touring, foi: “Desgraciadamente hai xente que non comprende, nin comprenderá nunca, a tremenda xenerosidade de todos os que estades aquí”.
Un hosteleiro de Lira con restaurante cabo da praia queda abraiado cos metros cúbicos de terra negra que inzan os pantalóns raídos do equipo de arqueólogos. Emigrado toda a vida a Nova Iorque, coma moita xente de Muros e Carnota, retornou hai catro anos á terra. Así e todo quedoulle un aquel ianqui na xestión do negocio. En cinco minutos ofrécese a colaborar co proxecto e ofrece unha churrascada a todos os voluntarios para o vindeiro sábado, de balde. Para el é unha honra que xente de fóra se preocupe polas pedras de Lira. Este home ten outro irmao en Nova Iorque, latinista investigador nunha Universidade da cidade: “Ti non sabes o que é estar aquí comendo o día da festa con toda a familia, e que che veña o irmán e che diga ‘por certo, non sei se sabes algo moi curioso, resulta que Carnota vén de Carnotum…’, pero vai ao carallo hom, que estamos comendo déixate de latines e andrómenas…”
“Castelao predicou en Lira cun espigón na mao”, iso sentínllo á miña avoa moitas veces antes de morrer. Quen nolo conta é un rapaz novo que traballa nos parques eólicos e mesmo ten viaxado á India coa empresa. Fala dos avós xa mortos co mar de Lira envorcado nos seus ollos, e non cansa de repetir que facemos ben, que sempre lle dixera o avó que alí arriba había un cabaliño de ouro e outro de veleno, que había que dar ben co bo que senón estouraba todo. Dicímoslle que polo momento só contamos cun cadeliño chamado Caravel.
O canteiro Cernadas leva máis de dúas décadas turrando da arte rupestre de Carnota, denunciando agresións, recuperando petróglifos, publicando as estacións rupestres. A súa barferencia no Rúa da zona vella de Carnota é o mellor exemplo para termos un chisco de confianza no futuro. Acosado pola Administración no seu día, Cernadas deixou un testemuño inesquencible do amor que un canteiro sinte polas pedras e as cousas de antes. Nunha visita a un petróglifo parcialmente destrozado por unha obra realizada pola administración, Cernadas chegou a pegar con loctite os anacos esparexidos para que se preservase un motivo decorativo. Todo un delincuente.
A excelente biblioteca da Casa de Cultura de Carnota serve para desenvolver actividades cos nenos. O obradoiro de arenoglifos organizado pola restauradora Yolanda Porto é todo un éxito. Os pícaros desbarallan sobre os cervos, os barcos da Laxe Escrita e a Arqueoloxía. Unha nena ergue a mao e afirma fachendosa: “Pois unha vez o meu pai atopou na leira unha moeda de cen pesetas”, pois que a garde muller, que deseguro coa que está caíndo igual aínda a vai ter que usar.
Jordi ten un pub en Caldebarcos, O’Pirata, unha casa de pedra restaurada con cheminea monumental e boa música pop-rock. Jordi é un pirata bo. Traballa até ben entrada a madrugada, durme case nada e alí está a primeira hora na Torre dos Mouros, movendo pedra, e orientándonos no traballo coa súa intelixencia natural e o seu amor pola terra dos seus avós. Baixa para xogar un campionato de fútbol-sala a golpe de domingo, e aínda volta a seguir traballando, cargado de cervexas para os voluntarios. Coleccionista de antigüidades, coñece palmo a palmo Carnota, sabe dos achados que se gardan dentro das casas e empotrados nas paredes, dende canóns a Virxes de pedra, pasando por botóns de uniformes napoleónicos que agroman co paso do arado nun curuto no que houbo un enfrontamento cos franceses. Outro delincuente máis.
Tatuaxe, mirada de fronte e pinta de pirata malote ligón, Jordi ten o corazón máis grande có hórreo de Carnota.                                                

Geronimo Stilton





Este venres pasado rematamos o ciclo de obradoiros para nenos do campamento organizado polo Concello de Carnota no marco do proxecto arqueolóxico de Torre dos Mouros. A actividade consistiu nun obradoiro de arenoglifos e no modelado de potes semellantes aos dos castros. Unha experiencia marabillosa para coñecer a percepción do mundo que teñen os pícaros desta terra e doutras, coma o Sahara occidental. Obviamente, sen o agarimo e bo facer de Yolanda Porto, a restauradora do INCIPIT, todo sería moi diferente. O anecdotario é variado:
"A miña avoa ten un diamante"
"O meu pai atopou unha vez na leira unha moeda de cen pesetas"
"Pois a min non me gustan os petroglíficos"...
Así e todo, eu quedo co caso de Xián,. un neno entusiasta e retranqueiro que se alcumaba a si mesmo Xián "o artístico". Quedou tan fascinado do primeiro obradoiro que debeu dar a vara na casa coa Arqueoloxía toda a semana, tanto que lle caiu un dente e o ratonciño Pérez tróuxolle como agasallo un libro ambientado no Neolítico protagonizado por outro rato detectivesco, Geronimo Stilton. Con esta bibliografía Xián chegou sobrado á Torre dos Mouros na visita-contacontos que levou a cabo Soledad Felloza o pasado sábado.
Hai canteira.

19/7/12

Herdeiros pola Forza en Carnota


Tralos paso por Ponteceso este venres, o sábado presentaremos o libro ás 20:30 na Casa de Cultura de Carnota. O poxecto de Torre dos Mouros non é outra cousa cá materialización do modelo de xestión do Patrimonio Arqueolóxico que defendemos en Herdeiros pola Forza. Alí vos agardamos, alumando entre a néboa.

Fotografía de Andrea Lozano.

Xudeus búlgaros


O terror volta estar presente na vella Europa. En Budapest veñen de apresar, en 2012, a un dos responsables da cacería nazi contra os xudeus de Centroeuropa. Doutra volta, o atentado en Burgas contra turistas israelíes volta recordarnos a historia desta comunidade xudea búlgara, única no contexto do Holocausto. Na nosa estancia en Bulgaria soubemos da forte presenza sefardita nestas terras; de feito o idioma estáse perdendo agora co abandono das novas xeracións. A vella sinagoga de Sofía semella quedar fosilizada dende os anos 40. Cando Bulgaria era un país satélite de Hitler deuse un caso curioso de proteción á poboación hebraica, por parte da monarquía, da administración e da Igrexa ortodoxa. Tralo primeiro envío ás cámaras de gas das comunidades de Macedonia e do SW do país, foron os propios búlgaros quen bloquearon o proceso, detido até a liberación en 1944. Todorov ten analisado polo miúdo este proceso en La fragilidad del bien: el rescate de los judíos búlgaros (ed. or. búlgaro). Loxicamente a historia ten moitas facianas, xa que contrasta co papelón da monarquía aliada da ultradereita, botada do país trala guerra. Tamén habería que preguntarse por que a inmensa maioría da poboación xudea búlgara abandonou o país na postguerra para marchar ao recente estado de Israel. Historias da vella Europa, de rabiosa actualidade como dirían os xornalistas de raza.