6/9/10

Arqueoloxía do Pasado Rural



Pero non todo foi festa en Den Haag. Poucas veces un congreso resultou tan proveitoso. Na sesión onde presentamos o noso traballo en Neixón e A Lanzada puidemos escoitar a Andrew Dutton, da Royal Comission on the Ancient and Historic Monuments (UK) quen no falou do abraiante Proxecto do Pasado Rural de Escocia. Esta iniciativa conta co apoio económico da Lotería Nacional, dunha petroleira e de varios Bancos escoceses. O grande capital investindo non xa en investigación, senón en divulgación e formación patrimonial sobre a paisaxe rural tradicional. Cuspidiño ca no noso país, verdade? Dende Outubro de 2006 esta xente fornece cursos de Arqueoloxía de campo a todo o público, dende escolares até xubilados, que participan nos labores de prospeción, catalogación e investigación histórica dos asentamentos rurais abandonados. A todo isto engándese exposicións intinerantes, visitas guiadas, escavacións abertas a todos, etc... Como sinalou o propio Andrew: "Este proxecto amosa claramente que as comunidades locais teñen unha inmensa capacidade non só para contribuír á xeración do coñecemento sobre o pasado, mais tamén para convertérense en adalides da xestión do Patrimonio arqueolóxico local. Pola súa vez, demostra como as comunidades toman a iniciativa para promoveren e investigaren o seu Patrimonio Cultural".
Os que levamos anos traballando en Arqueoloxía da Paisaxe e Arqueoloxía rural en Galicia botamos en falta iniciativas como esta. Vendo isto, outros modelos democráticos e participativos de Xestión Integral do Patrimonio Arqueolóxico de Galicia, son posibles.

3/9/10

Mi rollo es el Arqueorock






Xa comeza a ser tradición organizar un concerto no Annual Meeting da man de bandas de música formadas por arqueólogos e arqueólogas de profesión. Aquí tedes en rigoroso directo ao afamado investigador escandinavo Kristian Kristiansen nos teclados do grupo Hazenberg Archeologie (Leiden, Holanda), onte pola noite.
E por suposto non podía faltar o hevay metal, que converteu a sala nun mar de cornos grazas ao bo facer da banda arqueolóxica Diggeth.

Arqueoloxía do Pasado Contemporáneo


Foi un placer falar con Francis, vello arqueólogo holandés que con oitenta anos segue prospectando e estudando o mundo das necrópoles neolíticas e da Idade do Bronce. Este home ofreceunos unha lección maxistral da Historia moderna dos Países Baixos. Cando lle preguntamos polos tempos da ocupación nazi, respostounos que claro que se acordaba, pero que fora unha época moi dura, que compría superar o recordo dese tempo para seguir adiante. A faciana cambioulle de socate, amosando na mirada toda a trauma da violencia e do medo. Deseguido continuou a falar das Provincias Unidas no século XVII. Holanda, como acontece noutros países como Francia, aínda non pechou páxina de 1940-1945 e segue presente a ignominia do colaboracionismo dalgúns e a pasividade de moitos durante a ocupación nazi e o exterminio dos xudeus. Toda esta realidade refléxase de diferente xeito nas películas O soldado de Orange (1977)e O Libro Negro (2006) ámbalasdúas de Paul Verhoeven, e O Asalto (1980) de Fons Rademakers.

Arqueoloxía Pública





Na promoción turística de Den Haag podemos ler un paragrafo dabondo significativo: In The Hague, the past dances with the present. The future is stirring in the rich glow of history. The shock of the new in the shadows of the old. The Hague is open to what moves the world. That's why the world is here.
A Arqueoloxía está na rúa. Unha fermosa e impactante exposición (Archaeology in The Hague) ábrese ao público no espazo central da Casa do Concello. Pezas orixinais, grandes cartaces amosando os avances da Arqueoloxía urbana, actividades didácticas para todos... fan disto un paradiso da Arqueoloxía Pública. Como non podía ser menos, o acto de recepción do congreso tivo lugar aquí, co representante do Concello (descendente de colonizados das Indias holandesas) acompañado de titiriteiros, algo non moi común tampouco no noso país, quizabes porque en Galicia e España os políticos son eles os titiriteiros.

Arqueoloxía postcolonial



En vindeiros posts iremos desgranando o noso paso por este congreso na Haia. Como adianto cómpre dicir que o comité organizador plantexou un programa científico apegado á realidade, abogando por unha Arqueoloxía crítica. Así pois contamos con sesións e mesas redondas adicadas a analisar a relación da Arqueoloxía cos mass media, coa realidade virtual, cos retos da multiculturalidade e a globalización. Poucas veces un programa dun congreso europeo reflectiu tan ben a realidade do país de acollida. Ás veces Holanda é noticia pola acción dalgún grupúsculo fascista, como acontece en toda Europa. Pero basta con darse un paseo pola Chinatown da cidade ou mesmo compartir espazo co alumnado da sé do congreso (o Conservatorio Real) para decatarse que moitos dos debates que temos no noso país, aquí se solucionan co máximo respcto ás minorías. Eritreos, paquistaníes, indonesios, caribeños, mozas con pano na cabeza, mozas sen pano na cabeza. Toda unha ex-potencia colonial que soubo integrar xente de África, Sudámerica e Asia. Hai moitísimas parellas interétnicas. Pola contra, en España mantéñense a endogamia, os guettos étnicos e o racismo consciente e inconsciente dunha porcentaxe alta da poboación indíxena.

Community Archaeology


No Mauritshuis podemos ver un curioso contraste. O nacemento da Modernidade, materializado nese impresionante cadro de Rembrandt que é a famosa Lección de Anatomía e, ao mesmo tempo, o retrato da máis enxebre cultura popular dos Países Baixos por autores quizabes menos coñecidos como Adriaen van Ostade, Jan Steen ou Adriaen Brower. Estes cadros eran encargados pola elite burguesa con conciencia de clase e que quería amosar o seu distanciamento económico, pero tamén ético e moral con respecto aos palurdos labregos suxeitos ás baixas paixóns dos inocentes salvaxes. O discurso dos potentados holandeses semella que foi asumido por eses críticos de arte que falan de pintura de xénero. Este contraste, xurdido nos albores da Modernidade, obsérvase na Arqueoloxía de hoxendía, como defendimos onte no 16th Annual Meeting da European Association of Archaeologists na sesión European Communities: Models for Participation in Archaeology in Europe, coordenada por Phil Richardson (Archaeology Scotland) e Suzie Thomas (Council for British Archaeology). A través dos exemplos dos nosos proxectos en Neixón (2003-2008) e A Lanzada (en curso) amosamos o predominio aínda hoxe dunha Aarqueoloxía que marxina ás comunidades locais, que secuestra o Patrimonio arqueolóxico á sociedade en aras dun falso cientificismo. Lamentablemente, o acontecido en Neixón nos dous últimos anos é un exemplo de manual perante o cal os asistentes á sesión quedaron abraiados, pero claro, isto é Holanda e aquilo, Galicia, para ben e para mal.

Den Haag


Un país no que o despacho do primeiro ministro está nunha torreciña que semella do castelo de Playmobil non debe ser coma o noso. O Poder en Holanda está perto dos cidadáns, que poden ver un ministro en bicicleta cada día, do Ministerio á súa casa. Non esquezamos que un fato de provincias e cidades burguesas venceu a todo un Imperio. Sen nobreza e sen Igrexa, as Provincias Unidas foron campo abonado para o pensamento libre e as liberdades. E iso nótase.
Na foto podedes ver o despacho oficial do primeiro ministro holandés, nun extremo dos edicios do Parlamento e ao carón do Museo do Mauritshuis, onde se garda unha impresionante colección de pintura holandesa e flamenca dos séculos XV-XVIII.
Na fotografía tedes á esquerda o Mauritshaus e á dereita a torreciña que alberga o despacho do primeiro ministro neerlandés.