6/9/10

Arqueoloxía do Pasado Rural



Pero non todo foi festa en Den Haag. Poucas veces un congreso resultou tan proveitoso. Na sesión onde presentamos o noso traballo en Neixón e A Lanzada puidemos escoitar a Andrew Dutton, da Royal Comission on the Ancient and Historic Monuments (UK) quen no falou do abraiante Proxecto do Pasado Rural de Escocia. Esta iniciativa conta co apoio económico da Lotería Nacional, dunha petroleira e de varios Bancos escoceses. O grande capital investindo non xa en investigación, senón en divulgación e formación patrimonial sobre a paisaxe rural tradicional. Cuspidiño ca no noso país, verdade? Dende Outubro de 2006 esta xente fornece cursos de Arqueoloxía de campo a todo o público, dende escolares até xubilados, que participan nos labores de prospeción, catalogación e investigación histórica dos asentamentos rurais abandonados. A todo isto engándese exposicións intinerantes, visitas guiadas, escavacións abertas a todos, etc... Como sinalou o propio Andrew: "Este proxecto amosa claramente que as comunidades locais teñen unha inmensa capacidade non só para contribuír á xeración do coñecemento sobre o pasado, mais tamén para convertérense en adalides da xestión do Patrimonio arqueolóxico local. Pola súa vez, demostra como as comunidades toman a iniciativa para promoveren e investigaren o seu Patrimonio Cultural".
Os que levamos anos traballando en Arqueoloxía da Paisaxe e Arqueoloxía rural en Galicia botamos en falta iniciativas como esta. Vendo isto, outros modelos democráticos e participativos de Xestión Integral do Patrimonio Arqueolóxico de Galicia, son posibles.

No hay comentarios: