27/4/12

Neixón: Just do it


Despois de case nove anos de traballo por parte dun amplo equipo de investigadores e profesionais hoxe culmina o proxecto arqueolóxico dos castros de Neixón levado a cabo polo CSIC (147.000 euros investidos na investigación) co depósito definitivo no Centro Arqueolóxico de Barbanza dos materiais asoellados nas nosas escavacións (2003-2008). Cómpre facer balance. Dos erros cometidos (nosos e doutros) e peripecias experimentadas xa demos boa conta na serie Neixón: A Nosa Torre no Xornal Certo. Polo tanto aquí falaremos dos obxectivos acadados. 
Dende o comezo do noso compromiso con esta área arqueolóxica aceptamos e aplicamos o Código de Práctica da European Association of Archeologists aprobado en Ravenna o 27 de setembro de 1997. Seguindo ese código de conducta asumimos a obriga de encetar os pasos necesarios para informar ao público xeral de todos os obxectivos e métodos da nosa prática arqueolóxica, empregando todos os medios de comunicación dispoñibles. Doutra volta, asumimos a obriga de preparar e facer accesible á comunidade arqueolóxica (e non arqueolóxica) as nosas investigacións co mínimo retraso posible, a través de publicacións e/ou medios electrónicos. Asemade, tanto o rexistro arqueolóxico exhumado coma as nosas investigacións quedaron sempre á libre disposición de estudosos, estudantes e especialistas, seguindo a lexislación vixente na materia.
A este respecto, no noso equipo de investigación teñen participado 32 investigadores e especialistas de diferentes disciplinas e institucións (CSIC, Universidade de Santiago, Universidade de Vigo, Universidade de A Coruña, Universitat Pompeu Fabra, Universidad de León, Universidade de Río Grande do Sul, Universitat Pompeu Fabra de Barcelona, Universidad Complutense de Madrid, Universidad de la República del Uruguay, Universidad Católica de Santiago de Chile, universidad sueca de Uppsala…).
Deste proceso de construción do coñecemento científico sobre os castros de Neixón participaron de cheo os 320 voluntarios procedentes de todo o mundo que gozaron deste campo de traballo arqueolóxico.

No hay comentarios: