17/12/11

Alembraivos de nós


O galeguismo cultural e político dos anos 20, da man do mesmo Castelao, entronizou o escultor Asorey coma o mellor artista galego do seu tempo, coma o escultor capaz de materializar a esencia da xentiña nosa coa marca das gubias na madeira ou na pedra.
A creba de 1936 forneceu a Asorey un novo tipo de público e, por ende, de clientela. O Estado nacionalcatólico inzaba o país de escenografías fascistoides, coma o “Monumento” de Cuntis. Inaugurado en 1945 e esculpido por Asorey, constitúe o exemplo máis claro desas cruces mastodónticas que tanto gostaron ao Rexime franquista, dende os fitos conmemorativos na paisaxe da batalla do Ebro até o “Valle de los Caídos”. Desa mesma época (1942) é unha obra menor, pouco coñecida, que se atopa na entrada do hospital vello de Pontevedra. Trátase da escultura en homenaxe a Manuel Barreiro Cabanelas, indiano benefactor que financiou a ampliación do antedito edificio sanitario. Coñecido coma o Conde Cabanelas, este potentado que fixera fortuna no Brasil, concretamente no Río de Janeiro, levou adiante todo un proxecto filantrópico na parroquia de Covelo, no concello montesío de A Lama. Por alá estivemos hai pouco nunha tarde outoniza de domingo. Nunha praciña, cruceiro, hórreo, cartel de “véndese mel” e unha señoriña de loito comparten o mesmo espazo. A señora Manuela ten noventa e catro anos e cóntanos a historia do conde, “xa sabedes que dos males do mundo a envexa évos o pior, e de el dixéronse moitas cousas despois da guerra, pero nós non tivemos queixa. Eu marchei ao Río de Janeiro de noviña, aínda estaba o rei Afonso en España, pero voltei e casei no ano 32. A todas as parellas recén casadas dábanos o Cabanelas cartos e unha casiña”. Este personaxe fixo unha inmensa fortuna co negocio dos carros e taxis en Río de Janeiro. As Américas fixéronlle soñar cunha sociedade máis xusta e elixiu Covelo para levar a cabo un proxecto arquitectónico orixinalísimo. Reurbanizou a parroquia cunha avenida a cuxas beiras erguía casas de perpiaño con fachadas decoradas polo seu curmán o escultor Alejandro Cabanelas, discípulo de Asorey. Coma un canteiro románico do século XX cicelou baixorrelevos nos que se denuncian as vaidades do home, como aquel frontispicio no que os comerciantes son representados como monos xogando coa balanza nas que se pesaban as primas de rico de entón.
Hai un arrecendo a idealismo masónico na obra do conde Cabanelas, que o diferencia do everxetismo indiano doutras zonas de Galicia e Asturias. Por riba da parroquia aínda se pode ver o edificio coñecido como As Colonias: unha escola erguida polo conde en 1915 ao estilo centroeuropeo, un centro docente con oito graos nos que os nenos que quixesen estudar maxisterio tiñan todos os seus estudos pagos até acadar a diplomatura. Trala guerra, en 1942 foi cedido ao Estado que chantou o escudo fascista na parede como símbolo de apropiación do ensino liberal de preguerra. Nas proximidades, entre rochas de granito consérvanse outros dous edificios inacabados, xemelgos: unha escola de nenos e outra de nenas, coa vivenda anexa dos mestres. Na fachada, seguindo o modelo brasileiro de Ordem e Progresso, represéntanse a ciencia e o saber, con referencias aos descubridores do Novo Mundo. Estas novas escolas quedaron paralizadas co golpe de Estado de 1936. Seica o conde Cabanelas, dende Brasil, soubo lidiar nos anos da guerra civil, como nos contou un paisano de Covelo, financiando tanto aos facciosos coma aos roxos. No ABC de Sevilla rexístranse algunhas destas doazóns á causa dos sublevados. O certo é que o conde Cabanelas morreu no Brasil sen nunca máis voltar a Galicia. Chámalle parvo.
O everxetismo idealista e filantrópico do conde Cabanelas contrasta coa demencial ostentación dos novos ricos dos indianos do presente, os “mexicanos” de Avión, Beade e Beariz. Este foi, á fin, o concepto de progreso que imperou nestas terras de emigración e de miseria. Cando marchamos de Covelo, ao solpor, aínda tivemos ocasión de parar nunha aldeíña na que destacan os reloxos de pedra de fermosas vivendas abandonadas, do primeiro terzo do século XX. Nesa aldea, outra muller con acento brasileiro remítenos á fonte monumental que sobrancea o espazo público da aldea. Ao carón da fonte, un enxebre e humilde peto de ánimas, cos cirios acesos, recolle unha abraiante inscrición, no galego dialectal da zona: Alembraivos de nós. 1861. Nese mesmo ano os primeiros Xogos Florais d’A Coruña supoñían o inicio simbólico dun tempo de esperanzas... o Rexurdimento.
As escolas inacabadas do conde Cabanelas son verdadeiras ánimas de pedra, ruínas dunha educación e dunha cultura que nos avisan nestes tempos de crise identitaria do que puido ser este país, do que non foi, e do que quizabes non sexa nunca. Alembraivos de nós.

Publicado orixinariamente en Galicia Confidencial.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Impresionante é Gaxate e Anceu (coa súa capela da Virxe de Lupeque ou Guadalupe, que segundo di a tradición a deixaron alí os arrieiros que levaban o ouro e a prata de América para Madrid, de cando a descarga dos galeóns de Rande), nunca esquecerei a visita a eses lugares, parecía un conto de fadas. Era moi pequeno cando os visitei, pero deime de conta de que había cousas de Galicia que non nos contaran, e que Galicia foi máis que a periferia da periferia. Nesa zona a emigración ó Brasil é moi importante.