11/10/11

Os caídos



Rajoy leva anos defendendo a idea de que á xente non lle preocupa o pasado, que iso da memoria histérica é para pailáns que non queren progresar. Pois ben. A escasos meses das eleccións semella que un aspecto básico do seu programa eleitoral é reabrir o Valle de los Caídos para o goce dos patriotas súbditos do Rei das Españas.
O sangue verquido polos republicanos españois na construción dese tétrico mausoleo quixo ser camuflado en plena tecnocracia tardofranquista mediante o seu uso como osario dos caídos nos dous bandos. Esta estratexia materializaba a idea da traxedia da guerra civil coma unha tola e inevitable loita entre irmaos, coma un exemplo máis do espírito cainita dos españois. Na Fatarella recordan moi ben aquela campaña. Eduard ten sesenta e tantos anos; cando neno botaba ao rego os cranios e ósos humanos que medraban da terra, mentres a súa mai esbagoaba sen consolo. A outros raparigos non lles deixaba xogar nas leiras, nos terrados e nos eidos, e mentíanlles os pais dicindo que aqueles ósos eran de animais. Eduard lembra cando chegaron as brigadas de Madrid a comezos dos anos sesenta, abriron a saco os campos e encheron camións enteiros de anacos de esqueletos. Homes sen nome que pasaban a ser unha masa anónima, exército de terracota para acompañar ao máis alá ao ditador, no Valle de los Caídos.
Os labregos e as labregas da Fatarella e destas terras altas do Ebre souberon velar con dignidade os mortos nos campo de batalla. Durante dous, tres anos, os cadavres quedaban estrados nas trincheiras até que unha persoa decente guindaba cachotes de caliza para cubrir os corpos. Soldadiños de chumbo. Carne de canón. Como os soldados franquistas abatidos na contraofensiva final cuxos corpos eran esmagados polos seus propios tanques. O asasino Yagüe tiña moita présa por entrar en Barcelona.
Durante o franquismo, os veteranos do bando nacional inzaron a bisbarra de monolitos en homenaxe aos seus compañeiros, monumentos conmemorativos que se respectaron en Catalunya, malia a típica pintada grafiteira de turno. Aquí podemos ver o tributo en pedra ás brigadas navarras (requetés traizoados por Franco despois) ou mesmo o monolito ao Tercio de Monserrat, co seu texto en catalán. Fronte a trincheira que estamos escavando, outra pedra recorda a un panzerführer alemán abatido cando sobranceaba o seu tanque. A familia deste soldado nacionalsocialista acode cada ano a depositar un ramo de flores e renderlle homenaxe.
Durante corenta anos foi imposible facer este tipo de cousas cos caídos pola República. A chegada da democracia non acabou con esta actitude miserable. A iniciativa levada a cabo dende a Generalitat de crear unha rede de Espais de Memòria por toda Catalunya conlevou a apertura dun pequeno museo adicado aos brigadistas internacionais nesta vila de La Fatarella. Dentro podemos ver como se equiparan vidas e traxectorias, a bandeira nazi e maila republicana, como se tenta homoxeneizar o conflicto, igualando a mercenarios italianos, a comisarios políticos estalinistas, á Lexión Cóndor e aos voluntarios chegados de todo o mundo para defender as liberdades. Este patético discurso complementa o Memorial de Les Camposines, onde se gardan os restos daqueles soldados republicanos mortos na batalla do Ebre. O sitio sepulta con formigón armado a dignidade desa xente, vén sendo un tanatorio sen vontade ningunha de recuperar a historia persoal deses mortos. Unha copia barata do Valle de los Caídos. Ambas as dúas escenografías procuran o mesmo resultado: agochar o pasado e a realidade dese conflicto.
O caso de Charly, o esqueleto do soldado republicano exhumado por nós na trincheira de Raïmats, na serra da Fatarella, estes días pasados, é todo un exemplo deste modelo de xestión da memoria, un modelo cercano a aquela adicatoria firmada por Camilo José Cela introducindo o seu volume San Camilo 1936: “A los mozos del reemplazo del 37, todos perdedores de algo (...) Y no a los aventureros foráneos, fascistas y marxistas, que se hartaron de matar españoles como conejos y a quienes nadie había dado vela en nuestro propio entierro”. Para este Premio Nobel os brigadistas internacionais eran unos cursis seudoliterarios que vinieron hasta aquí­ para recibir estopa.
Si efectivamente, os arqueólogos coma nós reabrimos feridas do pasado. Charly, en efecto, recibiu moita estopa; e nós documentamos as feridas: ten a man dereita mutilada, a perna dereita fracturada, metralla en todo o costado dereito... O que é seguro é que Charly non morreu para que setenta e tres anos despois a extrema dereita española reabra o Valle de [algunos] de los Caídos, nunha España supostamente democrática.

Publicado orixinariamente en Galicia Confidencial

2 comentarios:

Nemigo dijo...

penso que se visitas (debera dicirse se vas ver) os campos de batalla da guerra civil ou te fas republicano ou toleaches

por todas partes pódense ver trincheiras, metralla, restos da loita, ata latas de sardiñas hai! A guerra civil deixou unha onda pegada neses áridos pobos. Como dicían da prat de comté e a serra: pedras de alma morta e aristas vivas tras de cada unha morreu un heroe

http://www.flickr.com/photos/nemigo/104610033/

Anónimo dijo...

Pois non che digo nada, se agora que ainda non están no poder, dan esos atisbos do seu pensamento, como será cando por dereito "democrático" teñan unha maioría absoluta aplastante, preparémonos para un cura en cada esquina confesando. É increible o parecido a situación da Alemaña de preguerra, crise económica galopante e ascenso da ultradereita ultra-nazi-onalista, ¡¡que medo!!.