9/5/11

Tu primer castro, chispas


O castro da Torre é especial porque foi alí onde participei na miña primeira escavación arqueolóxica. Os que traballamos nisto manexamos todo un código gremial, como en todos os traballos, e temos as nosas propias leis de murphy e ritos de paso. Os arqueólogos e arqueólogas estamos afeitos a ter un vencello coa materialidade, o espazo e o territorio. Mentres nos empeñamos estupidamente sen remedio en viaxar polo tempo, o que facemos é afincarnos todavía máis nun sitio ao que pedantemente alcumamos xacemento, esa palabra que ninguén entende. Este vencello fenomenolóxico cos sitios é unha das grandes satisfacións da Arqueoloxía a diferenza doutros traballos. Pasamos moito tempo tentando comprender un sitio, falando coa comunidade local, participando dunha redescoberta colectiva... todo iso vai conformando unha lembranza idealizada, como a que eu teño da escavación en 1995 no Castro da Torre. Na fotografía podedes ver a casa na que estiven escavando por primeira vez. Como bo novato, cargueime parte dun pavimento sen decatarme. Esa foi a miña gloriosa entrada no mundo do espazo doméstico castrexo. Dezaseis anos non son nada, ou si, depende. O tempo pasa. Antonio Álvarez, o arqueólogo que me deu esa primeira oportunidade de facer o único que ao final sei facer, xa non está connosco, pero o seu recordo perdura tanto ou máis que as milenarias pedras do castro da Torre. STTL.

No hay comentarios: