9/5/11

Sinais de identidade





Un traballo de investigación interesante sería abordar a realidade da sinaléctica arqueolóxica e patrimonial en Galicia. Esta pescuda de campo falaría moito máis de NÓS que calquer congreso de transición Bronce Final-Idade do Ferro, sen dúbida. Os carteis que vedes atópanse nas terras montesías de outos e tesos cumes do Courel Unha vez máis, exemplifican perfectamente o despróposito das políticas turísticas con fondos europeos, e mailas obsesións da Arqueoloxía profesional en Galicia. Ese non pisen os muros evidencia a concepción do público coma un perigo potencial. Nun congreso hai poucos anos en Betanzos, uns arqueólogos galegos presentaban o seu traballo de documentación e protección dunha área arqueolóxica. O traballo fíxose loxicamente con fondos europeos. A atración do turismo empregouse como excusa perfecta para atraer financiamento, cousa que facemos todos os arqueólogos deste pais. O problema é que cando chegan os turistas, os arqueólogos comezan a verlle as orellas ao lobo e procuran por todos os medios evitar a democratización dese Patrimonio alegado criterios conservacionistas. Eses arqueólogos que vos digo propuxeron sen ningún pproblema que aos visitantes se lles puxese unha pulseira que permitira mediante un sinal telos controlados. Como volo conto, nin Constitución española nin ostias. Este é o panorama. Hai anos, no 1999 fixeramos unha proposta para o Plan Leader, para a posta en valor da paisaxe do Courel. Porque O Courel non é un espazo natural, senón que en grande medida é unha paisaxe modelada pola minería romana. Este valor engadido permitiría facer un discurso precioso sobre esta terra de lobos e lendas, fomentando a participación activa do visitante. En troques, o que temos son sinais con patéticas visións sobre a cultura castrexa, carteis abocados ao lixo cando informan da vida cotiá hai 2000 anos, como este que vedes na foto, en Seoane. Demasiado triste para unha paisaxe na que os castros deixaron unha fonda pegada, como anunica outro dos carteis en Froxán.

No hay comentarios: