15/3/11

1997: Neixón Pequeno sae á luz



Moitos coñecedes a Tito Concheiro, un dos profesionais máis comprometidos coa Arqueoloxía Pública en Galicia. Doutra volta, Tito ten o don da divulgación, de transmitir a paixón que sinte polo que fai en cada artigo, en cada conferencia e, o que ten máis mérito, en cada memoria de escavación. Tito é un dos grandes amantes de Neixón, onde traballou nos anos 90 e un dos garantes da memoria arqueolóxica do lugar. Deixamos aquí un fermoso texto seu colgado en arquestudio:

1997: Neixón Pequeno sae á luz

Eu sempre chamareille así, Neixón pequeno, coma un persoaxe entrañable de Cousas ou Retrincos, seguindo esa tentación tan propia dos arqueólogos de humanizar xacementos, lugares e ata teodolitos ou paletíns. Na arqueoloxía galega dous son os xacementos escravos da súa propia historia, e os dous atópanse moi próximos: Baroña e o conxunto de Neixón. Por eso, e porque fun eu quen retomou a práctica profesional nestes dous enclaves magníficos, alá a mediados dos 90, causoume desasosego e mágoa a problemática que os envolveu este verán. No caso dos xacementos boirenses foi ainda máis triste, porque afectaron a colegas e amigos polos que sinto grande aprezo, ainda que nos vexamos moi pouco.
O Neixón pequeno, e o seu irmán maior, por descontado, eran lugares comatosos alá polo ano 1996. Agás para citalo con pretensións eruditas, era un xacemento esquecido para a comunidade científica e descoñecido para o gran público. Nunha visita que fixen á punta, alá polo outono daquel ano, comisionado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para coñecer o estado real de conservación do xacemento, mesmo valorei a posibilidade de que se atopase definitivamente perdido para a arqueoloxía.
Durante aqueles tres anos (1996, 1997 e 1998) fixemos un traballo descomunal e duro, pero tamén moi emotivo. Sacamos aos lendarios Castros do Neixón do tobo no que se agochaban había máis de trinta anos. Pagou a pena. A primeira foto que acompaña a entrada mostra un aspecto de parte do recinto do Castro Pequeno na calurosa segunda quincena de xullo de 1996. Lucía, Bolívar e Xurxo limpan con mimo unha das construcción escavadas no seu día polo Sr. Acuña. Ao fondo pode albiscarse o reticulado Wheeler da vella escavación, testemuña muda dunha metodoloxía xa superada. Na outra, Lucía, auxiliada por Bolívar, deseña a planimetría dos restos que sobreviviran ao naufraxio.

http://arquestudio.blogspot.com

Fotografía (histórica) de Tito Concheiro.

No hay comentarios: