26/2/11

Malabaristas




No voo Madrid-Malabo podemos facer unha primeira valoración encadrable naquilo que se podería chamar Etoloxía Humana. En Business Class temos algún mozo diplomático español que comeza a súa andaina en destinos con pouco glamour como Guinea Ecuatorial e uns cantos homes ben ubicados no rexime de Obiang. No galiñeiro van os estudantes guineanos de Madrid que loitan por chegar a ocupar nalgún intre os asentos dos primeiros, fieis membros do Partido Democrático de Guinea Ecuatorial. Entre os asentos tamén se identifican doadamente os empresarios (e algúns tiburóns) españois con ampla experiencia na excolonia ou desexosos de abrir novos negocios neste pequeño país que comeza a nadar no petrodólar. As misioneiras ecuatorianas tampouco pasan desapercibidas, así como as recuas de cooperantes entre as que nos ubicamos nós. O pequeno aeroporto da antiga Santa Isabel (hoxe Malabo), capital de Fernando Poo (hoxe Bioko), garda na pista exemplares tuneados e repintados dos avións soviéticos Antonov, relicto da axuda soviética ao rexime paranoico e sanguinolento de Francisco Macías (1968-1979). Para coñecer esa época e o que veu despois é fundamental ler ese libro mítico do xornalismo español que é “La tribu”de Manu Leguineche. Como corresponsal para cubrir a caída de Macías e o ascenso de Obiang en 1979, o autor recolle a realidade do país con anécdotas exemplificadores, como aqueles nenos (Bioko é unha mistura de fernandinos, bubis, liberianos, ghaneses, fang, crioulos) que lle preguntan ao chegar: “¿Y tú de qué tribu eres, íbero o celta?”.
O golpe de libertad de Obiang en 1979 deu paso a tres décadas resumidas en senllos carteis propagandísticos nada máis saír do aeroporto: Por una Guinea mejor, Treinta años de libertad, Feliz año nuevo hermano Presidente, Hermano militante y Presidente Fundador, etc... A enorme recta que conduce á cidade de Malabo resulta un bo resumo da realidade deste país. Como acontece en toda África, o barrio rico comeza a espallarse en dirección ao aeroporto, ese símbolo da Supermodernidade. Pseudopazos en construción crioulizando ordes dórica, xónica e corintia conviven con campos de fútbol nos que proliferan os escudos do Barça, o Real Madrid ou o Atlético de Madrid. Técnicos e topógrafos chineses, braceiros do Progreso, dirixen as obras de sumidoiros, rúas, canalizacións e beirarrúas. Chegamos ao hostal Impala onde a televisión da recepción cuspe a Paula Vázquez recordando a banda sonora de anuncios publicitarios da súa infancia na Televisión Española: tu primera colonia, Chispas! Filvit champú, filvit mamá. Enriba do mostrador unha revista promocional de Guinea Ecuatorial na que se recollen as ceas de Nadal e fin de ano de empresas europeas como Lufthansa, fondos de investimento británico, constructoras marroquinas; en todas as fotografías aparece o detentador do Poder.
A tarde de domingo en Malabo é unha españolísima estampa. Os homes vendo sesión doble de fútbol nas cafetarías rexentadas por libaneses: nunha pantalla o Manchester United-Totthenam e na outra o Real Madrid-Almería. O primeiro gol dos andaluces é saudado con aplausos e berros pola maioría da bancada, namorada de Messi, Xavi e Iniesta. A cervexa San Miguel, certamente, por onde vai trunfa, cuspidiño ao brandy Tres Cepas. Como señores.
Deixamos o templo do fútbol e facemos unha primeira aproximación á vella cidade colonial, unha mistura entre vila africana e caribeña. A malla reticulada que serviu de base á organización urbanística manténse na actualidade. Hai rúas nas que se conservan casas que son coma un libro aberto da arquitectura colonial; aquí e acolá unha casa de influencia alemá, outra francesa, outra con detalles modernistas e mistura de madeira e forxa, outra na liña historicista, outras de inspiración fascista dos anos 40... O conxunto formado polo pazo do Gobernador Ángel Barrera (1910-1926), a praza, o pazo arcebispal e a catedral, á beira do antigo porto é unha estampa abraiante, ao sopé do vello porto e unha pequena baía hoxendía rechea de cemento. O templo neogótico fora construído en parte cos miles de pesetas enviados polo Marqués de Comillas no seu día. Mulleres e rapazas cantan na misa mentres na entrada, aberta de par en par, unha voluntaria de Cáritas reparte folletos sobre actividades deste mes. Unha fotografía de Ratzinger sobrancea o palco dos oradores. Nunha capeliña, un Cristo crucificado é venerado por rapaces axeonllados e outro de pé que nun ataque de misticismo lle bica fervorosamente os pés ao Nazareno. Na camiseta, o emblema do PDGE, o oficial Partido Democrático de Guinea Ecuatorial. Noutra capela durme o sono eterno o claretiano Armengol Coll, Prefecto Evanxélico de Fernando Poo falecido en 1918.
Malia o paso dos anos e dos diferentes reximes, dende á colonia até a actualidade, Malabo ofrece un interés indubidable para os interesados na Arqueoloxía do Pasado Contemporáneo. Na mesma rúa pode un atopar un memorial de 1969 en lembranza dos patriotas cubanos deportados a Fernando Poo na segunda metade do século XIX, un banco de azulexo da época da colonia na que se ilustran escenas de El Quijote, os almacéns Mallo dos anos 20 ou un pazo de estilo herreriano no que se atopaba a antiga Biblioteca Nacional. Con todo, o Progreso vai destruíndo esas ruínas arqueolóxicas seguindo o lema oficial de “Por una Guinea mejor”. Dentro deste proxecto de modernización destaca a construción, precisamente, da nova Biblioteca Nacional,dirixida por Guillermina Mekuy Mbá Obomo, unha rapaza nova formada en Madrid. A felicitación do novo ano enviada por esta institución recolle unha foto do Presidente (coa pucha do partido e unha camisa co seu propio retrato reproducido varias veces) e un poema escrito por Guillermina:

Qué será de Guinea, ¡Oh, Excelencia!, qué será
Qué será de tu Pueblo en tu Marcha, qué será
Qué será de la Paz, la Unidad y la Justicia, qué será
Qué será de las Ovejas sin su Pastor, qué será
Qué será del Futuro, qué será del Mañana, que será
Oh Guinea, Guinea Ecuatorial
¿Serás capaz de seguir adelante sin su Resplandor?
¿Serás capaz de Agradecérselo?
Sólo el Tiempo lo dirá.

Rematamos a xornada ceando nun afamado garito familiar onde fan o peixe á grella máis famoso da illa de Bioko. Na televisión o Barcelona-Málaga. Mentres arrexuntamos mesas e cadeiras de plástico, unha boa e longa mesa de madeira no centro do local remanece incólume. Na parede unha pintada: “Mesa 1 reservado” ao carón do retrato de Obiang. Máis ca cooperantes ou arqueólogos, en Malabo cómpre ser malabarista para lidiar coa realidade. De camiño ao Impala, na contra dunha fiestra dunha casa abandonada, medio camuflada, aínda se pode ver unha pequena pegatina cunha foto do único deputado da oposición no Parlamento guineano dende 2008: “Vota Plácido Micó, El voto libre”. O medo tamén é libre.

Publicado orixinariamente en Galicia Confidencial.

No hay comentarios: