28/2/11

Insula Barataria





Uns rapaces pescan nun caiuco non moi lonxe da praia situada ao sopé da residencia da cooperación española en Bata, vixiada por desestresados wochimen. De veciño temos o megapalacio de Obiang Junior, o afamado Teodorín, afeccionado á música rap e moi amigo da familia Jackson, até o punto que o irmao maior do malogrado Michael, vén a Guinea Ecuatorial a promocionar a ruta do escravo. Cousas que pasan ao ter catro mansións en Malibú.
O pazo ocupa hectáreas de terreo en primeira liña de praia. Unha verdadeira muralla con postos de vixiancia no barrio de Asonga. Dende fóra albíscase nas construcións unha mistura de arte exipcia e ordes dóricas, xónicas e corintias. Vendo o percal, temos sospeitas de que construtores galegos de segundas residencias no rural poderían ter algo que ver nesta arquitectura kistch. Tamén comezamos a dubidar quen foi o artífice do modelo de paseo marítimo que existe en Bata, verdadeira capital da Guinea continental, se Papá Obiang ou Paco Vázquez. Neste caso, semella que estamos n’A Coruña ou en Alacant. Aquí e acolá agroman os kioskos traídos dende Madrid pola directora da Biblioteca Nacional, porque dan boa imaxe. Obviamente non hai un só xornal, unicamente revistas do corazón e panfletos propagandísticos do estilo da Gaceta de Guinea Ecuatorial. O dar boa imaxe preocupa e moito ao rexime. Derrubouse un mercado tradicional enteiro para facer un edificio moderno, para dar boa imaxe. Nun hotel botan a bronca por pendurar a secar roupa na terraza, porque dá mala imaxe, mentres en recepción secretarios de ministros corruptos firman acordos con empresas chinesas e as prostitutas enchen a cafetería. Pero iso non dá mala imaxe, porque dá cartos.
O Centro Cultural Español atópase fronte a este Paseo Marítimo, no mesmo sitio no que hai un par de anos desembarcaron dous caiucos con xente armada. O tiroteo colleu aos españois, como non, no bar. A estampa foi de spaguetti western, seica. Os invasores atracaron uns bancos e levaron um xeitoso botín. O desconcerto foi tal que a poboación local sentía o arrepío do grande medo, do temor innomeable: un golpe de estado. Dende o “golpe de liberdade” de Obiang en 1979 este home herdou a paranoia dos dictadores de todo tempo e lugar, esa sospeita de que alguén, incluso próximo, faga o mesmo que fixo el no seu dia, traizoando ao seu tío Macías, con quen tanto colaborou chegando a ser alcaide do tétrico cárce de Black Beach.
Esta paranoia explica o que aconteceu tralo desembarco dos mercenarios en Bata, un auténtico chiste de guerra de Gila. Resulta que os soldados do Rexime non tiñan balas. O propio Obiang desconfía da súa xente, ou sexa que as balas e resto do arsenal estaban baixo chave, e a chave só a tiña Teodorín, quen non estaba na cidade. Garantida a impunidade dos invasores os soldados fuxiron cara á selva. Así se explican as tentativas de golpe de Estado acontecidas nos últimos anos, organizadas a partir do reclutamento de ducias de mercenarios. Velaí está o caso do fillo de Margaret Thatcher, por exemplo. O desembarco en Bata puxo de manifesto que o rexime de Obiang está collido con pinzas. Un par de meses despois, os invasores, ultramotivados trala experiencia en Bata, atrevéronse con Malabo e o mesmísimo pazo de Obiang. Chegaron ao seu cuarto e ametrallaron a cama. Con sorte, o Supremo Líder non estaba. Ao final a garda do Presidente matou un dos asaltantes. Novamente, a seguridade do Estado posta en entredito. A reación do Goberno foi arrestar de paso uns cantos opositores, aproveitando o tirón, e botar a culpa a unha ameaza exterior protagonizada por inimigos da nación, encarnados, por exemplo, na guerrilla do Delta do Níxer. Sen embargo, no ambiente quedaba ese sabor a axuste de contas de mafiosos que fan negocios xuntos.
No Centro Cultural Español hai uns cantos cadros e pinturas feitos por alumnos e alumnas guineanos que resumen a historia do país. No cadro sobre a independencia vemos soldados guineanos apuntando a un militar español na praia recollendo a bandeira, mentres a poboación española marcha en caiucos cara a barcos fondeados a unhas cantas millas. Así foi a repatriación dos colonos, moitos dos cales se sentiron traizoados por España. Moi famosa é a foto esa dos gardas vivís que con présas tentan levarse o lema de “Todo por la patria” do cuartel de turno.Gila, de novo, aparece na historia do colonialismo español. Ese lema de todo por la patria aparece precisamente no segundo cadro que tenta amosar o que foi a explotación colonial, con patriotas guineanos que son fustigados mentres outros son empregados como man de obra escrava nas explotacións de cacao. O terceiro cadro resume a implantación do poder español. Un gobernador co seu uniforme de gala desembarca na praia sobre unha cadeira transportada por guineanos. Á dereita, aparece unha ceiba, a árbore nacional do país, rodeada dunha cadea. Esta humillación simbólica non valeu de nada. A ceiba medra moi rápido e rematou por rachar a cadea colonial. Na pintura esta liberación aparece suliñada cun anaco de cadea en primeiro plano. O 12 de outubro de 1968 parecía que as cadeas escachaban para sempre. Non foi así. O artífice do “golpe de libertad” en 1979 está erguendo en Bata unha Torre Libertad, unha imitación da Torre Eiffel. Seica van comezala de novo porque ao Papá Obiang lle semella demasiado pequena.
A aparición destes persoeiros demenciais igual se explica polo clima tropical ou os danos cerebrais da malaria. Un precedente bo foi o do gobernador enviado pola 2ª República española á lonxana illa de Annobón, o señor Castilla. Este home era un libertario totalitario que converteu a illa nunha insula Barataria, nun paradiso liliputiense en vez dunha Arcadia socialista. Chegou praticamente a escravizar á poboación local obrigándoa a erguer unha estatua monumental demencial en homenaxe á República. A guerra civil non se notou aquí e a insula Barataria remaneceu até que a comezos dos anos 40 mandaron dende Malabo un continxente da Guardia Civil. Xa vedes que o da illa Perejil ten o seus precedentes.
Cae a noite. O taxista novo non se decide entre a radio de Cabo Verde, a radio camerunesa ou a radio local. Apenas fala español. A Guinea ecuatorial do continente, de maioría fang, é cada vez máis francófona e francófila. Os galos, aparte das súas embaixadas culturais son os que de verdade invisten con bancos, axencias de seguros, importación de coches e infraestruturas. A moeda dende os anos 80 é o franco cefa. Os bafles tuneados do taxi van perforando os tímpanos paseniñamente. Andy y Lucas a todo volume: amores que matan, amores en Bata...

Publicado orixinariamente no Galicia Confidencial

Gracias


Nuestros compañeros de Arqueoneixón, recogen la celebración de los V Encontros Arqueoloxicos de Barbanza, en los que, un año más, Neixón no está presente. Pero más allá de ésta ausencia, ilógica por otra parte, nos encontramos especialmente indignados por la campaña de difamación llevada a cabo desde las instituciones de Boiro y más concretamente desde el CAB, en las que se ocultan las intervenciones arqueológicas desarrolladas entre los años 2004 y 2008, o, en el peor de los casos, se visten de un halo de mediocridad, oscurantismo o falta de rigor científico.
Desde aquí, y como miembros del Equipo Técnico de dichas intervenciones, no podemos más que sumarnos a la labor de nuestro compañero Xurxo Ayán, director de las excavaciones arqueológicas anteriormente citadas, para contrarrestar esta campaña de desinformación. Se puede estar más o menos de acuerdo con el planteamiento del proyecto desarrollado, pero lo que no se puede hablar es de una falta de rigor científico ni de falta de información sobre los resultados de las excavaciones. Entre otras cosas, y en el marco de dicha intervención, se desarrolló la primera tesina de licenciatura de arqueomalacología en Galicia desde los años 90. Un yacimiento olvidado, del que apenas se conocían unas páginas de principios del siglo XX y 3 páginas de finales del mismo, se convirtió en un yacimiento presente en los más prestigiosos congresos de arqueología nacional e internacional, en múltiples publicaciones y trabajos de investigación académica.

Por tanto, no podemos consentir que declaraciones como éstas sigan produciéndose al amparo de la cobardía y la mentira. Hasta el momento, aún no sabemos absolutamente nada de lo descubierto en los nuevos trabajos arqueológicos, pero lo que sí sabemos es como los últimos descubrimientos realizados por nuestro equipo no son incorporados al discurso expositivo y didáctico del CAB. Eso si, copiar párrafos sin citar las fuentes bibliográficas se nos da de maravilla.

Víctor Bejega
Eduardo González

http://arqueomalacologia.blogspot.com/

Despilfarro innecesario


Manuel Gago no seu blog capítulo 0 publica unhas notas en tempo real sobre os V Encontros Arqueolóxicos de Barbanza. No debate conseguinte apunta a seguinte opinión, que compartimos plenamente como se pode ver nas continuas denuncias verquidas nos dous últimos anos dende arqueoneixon:
Por certo, o que si se evidenciou tamén foi a inutilidade da ampliación do Centro Arqueolóxico de Neixón, cando menos a súa función como auditorio. Desta volta, as xornadas non foron no centro arqueolóxico (facelo alí era inviable con tanta xente, moi incómodo), senón no auditorio da casa de cultura de Boiro. Un bo auditorio, con moita capacidade, e no centro urbano, ideal para ir xantar á mediodía no medio das charlas. Ao estar alí un se dá conta do dispendio irracional e o malgasto do proxecto de ampliación do Centro Arqueolóxico de Neixón, en Boiro, a penas a catro quilómetros deste auditorio: unha das principais xustificacións da alcaldía era construír preto do castro un auditorio para acoller o Encontro Arqueolóxico (¿¿anual???), canda a obtención de metros e condicións técnicas para a instalación dunha colección permanente de pezas dos castros -obxectivo este máis razoable, pero para que non eran precisos tantos metros, e ao meu ver, menos nesa dirección. Agora está parado na fase de cimentación, despois de cargarse unha gabia da II Idade do Ferro pertencente ao recinto arqueolóxico do propio Castro Grande: así que temos un enorme fochanco cheo de barro á espera de que alguén meta diñeiro nel. De levarse as mans á cabeza, señores.

Sentín alí resumido neste xesto, no xesto dun pequeno concello que quere duplicar infraestruturas culturais porque si, boa parte da explicación do colapso económico das nosas administracións. Hai que inventar outra política e outro xeito de controlar eficaz e intelixentemente as decisións dos políticos, porque mal nos vai ir.


http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2011/02/26/v-encontros-arqueoloxicos-do-barbanza-notas-en-vivo/#more-15161

27/2/11

Como si de un campamento se tratase


A política de damnatio memoriae patrocinada polo suposto técnico-arqueólogo do CAB Víctor Barbeito traspásase mimeticamente aos medios locais, quen se fan eco dun suposto cambio de rumbo científico do proxecto de Neixón en 2008. Aquí tedes un demencial paragrafo de El Correo Gallego do 25 de febreiro de 2011:

En Boiro está otro icono de la arqueología: el Castro de Neixón, el primero excavado en Galicia. Las primeras prospecciones se hicieron ya en la primera década del siglo XX, aunque fueron más intensivas en los años 70 y 80.
Su puesta en valor tuvo lugar en el año 2000. En aquel momento estaba convertido en basurero, hasta que se señalizó y se empezó a excavar de nuevo. En el año 2003 supuso un espaldarazo para este yacimiento la construcción del centro de interpretación (actualmente pendiente de una segunda fase para su ampliación); ese año empezaron a celebrarse allí campos de trabajo.
Posteriormente, en 2008, se cambió de estrategia y, el verano siguiente, pasó de ser excavado como si de un campamento se tratase (los participantes acudían atraídos más por la convivencia que por el interés científico) a ser un lugar de prácticas universitarias para el que se conceden créditos de libre configuración.


A ciencia chegou a Neixón cando o Consello Superior de Investigacións Científicas deixou de escavar alí, como se de un campamento se tratase. Os científicos-políticos de verdade son os que plaxian aos que escavaban como se dun campamento se tratase, os que destrúen o sitio arqueolóxico de Neixón, os que non publican unha soa liña sobre o seu labor tan científico, os que de-forman a estudantes de Arqueoloxía, os que minten sistematicamente, os que ningunean aos habitantes de Cespón, os que pasan olimpicamente da sociedade. Como ben dixo o alcalde de Boiro na apertura da V edición dos Encontros Arqueolóxicos de Barbanza: os límites do que é ciencia e non é ciencia non están claros.

http://www.elcorreogallego.es/galicia/ecg/espaldarazo-tecnologico-castro-neixon-universidad-arizona/idEdicion-2011-02-25/idNoticia-643545/

26/2/11

Malabaristas




No voo Madrid-Malabo podemos facer unha primeira valoración encadrable naquilo que se podería chamar Etoloxía Humana. En Business Class temos algún mozo diplomático español que comeza a súa andaina en destinos con pouco glamour como Guinea Ecuatorial e uns cantos homes ben ubicados no rexime de Obiang. No galiñeiro van os estudantes guineanos de Madrid que loitan por chegar a ocupar nalgún intre os asentos dos primeiros, fieis membros do Partido Democrático de Guinea Ecuatorial. Entre os asentos tamén se identifican doadamente os empresarios (e algúns tiburóns) españois con ampla experiencia na excolonia ou desexosos de abrir novos negocios neste pequeño país que comeza a nadar no petrodólar. As misioneiras ecuatorianas tampouco pasan desapercibidas, así como as recuas de cooperantes entre as que nos ubicamos nós. O pequeno aeroporto da antiga Santa Isabel (hoxe Malabo), capital de Fernando Poo (hoxe Bioko), garda na pista exemplares tuneados e repintados dos avións soviéticos Antonov, relicto da axuda soviética ao rexime paranoico e sanguinolento de Francisco Macías (1968-1979). Para coñecer esa época e o que veu despois é fundamental ler ese libro mítico do xornalismo español que é “La tribu”de Manu Leguineche. Como corresponsal para cubrir a caída de Macías e o ascenso de Obiang en 1979, o autor recolle a realidade do país con anécdotas exemplificadores, como aqueles nenos (Bioko é unha mistura de fernandinos, bubis, liberianos, ghaneses, fang, crioulos) que lle preguntan ao chegar: “¿Y tú de qué tribu eres, íbero o celta?”.
O golpe de libertad de Obiang en 1979 deu paso a tres décadas resumidas en senllos carteis propagandísticos nada máis saír do aeroporto: Por una Guinea mejor, Treinta años de libertad, Feliz año nuevo hermano Presidente, Hermano militante y Presidente Fundador, etc... A enorme recta que conduce á cidade de Malabo resulta un bo resumo da realidade deste país. Como acontece en toda África, o barrio rico comeza a espallarse en dirección ao aeroporto, ese símbolo da Supermodernidade. Pseudopazos en construción crioulizando ordes dórica, xónica e corintia conviven con campos de fútbol nos que proliferan os escudos do Barça, o Real Madrid ou o Atlético de Madrid. Técnicos e topógrafos chineses, braceiros do Progreso, dirixen as obras de sumidoiros, rúas, canalizacións e beirarrúas. Chegamos ao hostal Impala onde a televisión da recepción cuspe a Paula Vázquez recordando a banda sonora de anuncios publicitarios da súa infancia na Televisión Española: tu primera colonia, Chispas! Filvit champú, filvit mamá. Enriba do mostrador unha revista promocional de Guinea Ecuatorial na que se recollen as ceas de Nadal e fin de ano de empresas europeas como Lufthansa, fondos de investimento británico, constructoras marroquinas; en todas as fotografías aparece o detentador do Poder.
A tarde de domingo en Malabo é unha españolísima estampa. Os homes vendo sesión doble de fútbol nas cafetarías rexentadas por libaneses: nunha pantalla o Manchester United-Totthenam e na outra o Real Madrid-Almería. O primeiro gol dos andaluces é saudado con aplausos e berros pola maioría da bancada, namorada de Messi, Xavi e Iniesta. A cervexa San Miguel, certamente, por onde vai trunfa, cuspidiño ao brandy Tres Cepas. Como señores.
Deixamos o templo do fútbol e facemos unha primeira aproximación á vella cidade colonial, unha mistura entre vila africana e caribeña. A malla reticulada que serviu de base á organización urbanística manténse na actualidade. Hai rúas nas que se conservan casas que son coma un libro aberto da arquitectura colonial; aquí e acolá unha casa de influencia alemá, outra francesa, outra con detalles modernistas e mistura de madeira e forxa, outra na liña historicista, outras de inspiración fascista dos anos 40... O conxunto formado polo pazo do Gobernador Ángel Barrera (1910-1926), a praza, o pazo arcebispal e a catedral, á beira do antigo porto é unha estampa abraiante, ao sopé do vello porto e unha pequena baía hoxendía rechea de cemento. O templo neogótico fora construído en parte cos miles de pesetas enviados polo Marqués de Comillas no seu día. Mulleres e rapazas cantan na misa mentres na entrada, aberta de par en par, unha voluntaria de Cáritas reparte folletos sobre actividades deste mes. Unha fotografía de Ratzinger sobrancea o palco dos oradores. Nunha capeliña, un Cristo crucificado é venerado por rapaces axeonllados e outro de pé que nun ataque de misticismo lle bica fervorosamente os pés ao Nazareno. Na camiseta, o emblema do PDGE, o oficial Partido Democrático de Guinea Ecuatorial. Noutra capela durme o sono eterno o claretiano Armengol Coll, Prefecto Evanxélico de Fernando Poo falecido en 1918.
Malia o paso dos anos e dos diferentes reximes, dende á colonia até a actualidade, Malabo ofrece un interés indubidable para os interesados na Arqueoloxía do Pasado Contemporáneo. Na mesma rúa pode un atopar un memorial de 1969 en lembranza dos patriotas cubanos deportados a Fernando Poo na segunda metade do século XIX, un banco de azulexo da época da colonia na que se ilustran escenas de El Quijote, os almacéns Mallo dos anos 20 ou un pazo de estilo herreriano no que se atopaba a antiga Biblioteca Nacional. Con todo, o Progreso vai destruíndo esas ruínas arqueolóxicas seguindo o lema oficial de “Por una Guinea mejor”. Dentro deste proxecto de modernización destaca a construción, precisamente, da nova Biblioteca Nacional,dirixida por Guillermina Mekuy Mbá Obomo, unha rapaza nova formada en Madrid. A felicitación do novo ano enviada por esta institución recolle unha foto do Presidente (coa pucha do partido e unha camisa co seu propio retrato reproducido varias veces) e un poema escrito por Guillermina:

Qué será de Guinea, ¡Oh, Excelencia!, qué será
Qué será de tu Pueblo en tu Marcha, qué será
Qué será de la Paz, la Unidad y la Justicia, qué será
Qué será de las Ovejas sin su Pastor, qué será
Qué será del Futuro, qué será del Mañana, que será
Oh Guinea, Guinea Ecuatorial
¿Serás capaz de seguir adelante sin su Resplandor?
¿Serás capaz de Agradecérselo?
Sólo el Tiempo lo dirá.

Rematamos a xornada ceando nun afamado garito familiar onde fan o peixe á grella máis famoso da illa de Bioko. Na televisión o Barcelona-Málaga. Mentres arrexuntamos mesas e cadeiras de plástico, unha boa e longa mesa de madeira no centro do local remanece incólume. Na parede unha pintada: “Mesa 1 reservado” ao carón do retrato de Obiang. Máis ca cooperantes ou arqueólogos, en Malabo cómpre ser malabarista para lidiar coa realidade. De camiño ao Impala, na contra dunha fiestra dunha casa abandonada, medio camuflada, aínda se pode ver unha pequena pegatina cunha foto do único deputado da oposición no Parlamento guineano dende 2008: “Vota Plácido Micó, El voto libre”. O medo tamén é libre.

Publicado orixinariamente en Galicia Confidencial.

Neixón en Guinea




Mentres nos Encontros Arqueolóxicos de Barbanza non se fala de Neixón, nós seguimos explicando o proxecto de Arqueoloxía Social neixonense polo mundo adiante. Desta volta, no ciclo de conferencias impartido no Centro Cultural Español en Malabo e Bata(Guinea Ecuatorial) a finais de xaneiro deste ano. Como preludio ao noso traballo de campo na illa de Corisco levamos a cabo unha serie de charlas sobre diferentes temáticas, dende Prehistoria de África Central (Alfredo González Ruibal), pasando pola evolución humana (Igancio de la Torre) e maila Arqueoloxía da Paisaxe (Carlos Otero). No noso caso expusemos unha introdución á Arqueoloxía Pública a partir de proxectos levados a cabo por nós en Galicia, centrando a nosa atención n'A Lanzada e n'O Neixón. Estas experiencias serven de base para o desenvolvemento de traballos semellantes nun contexto tan diferente como o da illa de Corisco, como iredes vendo en vindeiros posts aquí en arqueoneixon.

24/2/11

Encontros barbanzónicos


Esta fin de semana ten lugar unha nova edición dos Encontros de Arqueoloxía do Barbanza. Sen dúbida trátase dunha boa iniciativa impecable dende o punto de vista do márketing arqueolóxico (Atapuerca é unha boa escola) e non seremos nós que a critiquemos por iso. Tamén resulta evidente que a Casa de Cultura de Boiro ten un aforo dabondo para acoller a centos de participantes, condición que non se dá no CAB. Así e todo é unha mágoa que Neixón quede marxinado espacialmente, cando debe ser este tipo de eventos unha ferramenta para obrigar á xente a ir á área arqueolóxica de Neixón. En todo caso, o que si reulta chamativo é a ausencia, por segundo ano consecutivo, dunha comunicación que presente publicamente datos, resultados... algo das intervencións arqueolóxicas desenvoltas en Neixón en 2009 e 2010. Da divulgación en tempo real pasamos á clásica arqueoloxía elitista á marxe da sociedade, ao secuestro de información arqueolóxica por científicos que pasan da comunidade local, da cidadanía e dos propios arqueólogos. Igual resulta que están agardando polos norteamericanos para publicar unha soa liña, aínda que sexa no Gallaecia de 2012. País.

Imaxe tomada do Xornal Certo