10/12/10

Patrimonio tanxible


Fermosa historia neixonense a recolleita por Manuel Gago no seu blog Capítulo 0 (con vídeo incluído):

A semana pasada tiven a oportunidade de participar na avaliación dunha experiencia piloto: un paquete turístico para discapacitados visuais en Arousa Norte, ou sexa, no Barbanza Sur ;-). A Mancomunidade formada polos concellos de Ribeira, Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo están a traballar na creación dunha oferta turística moi diferenciada que potencie o Barbanza como un destino singular, no que as praias non sexan o único argumento que constrúe a oferta e na que a cultura e a natureza desempeñan un papel fundamental. Unha destas potencialidades é a creación dun paquete turístico para cegos. En culturagalega.org tedes unha reportaxe que describe o paquete: pareceunos unha historia moi interesante para ver de que xeito comunicar o patrimonio natural e cultural.
A xornada incluíu actividades moi distintas. Os paquetes turísticos da Mancomunidade sempre se inician no maxestuoso mirador da Curota, desde o que se ve case todo dos catro concellos. Hai unha oferta gastronómica a un prezo moi razoable da que falei a semana pasada. A maiores, o traballo con discapacitados visuais presentaba algunhas actividades específicas.
Por exemplo, o bautismo de buceo. Debido á invernía, o bautismo non se realiza no mar, senón nunha piscina, pero a idea final é ofrecelo directamente na ría, no verán. Leonor Muñoz, xornalista cega que traballa en Servimedia, en Madrid, foi a “cobaia” do experimento. É marabilloso observar o comportamento dun cego que aprende a desprazarse baixo a auga. Tentei imaxinar o que acontecerá cando se introduzan na ría, e o contorno aséptico da piscina se convirta nun espazo salgado cheo de texturas e biodiversidade. Suxerinlle á Mancomunidade o feito de probar a explorar tactilmente ese microcosmos que son as furnas con marea baixa, co seu arneirón, caramuxos, lapas, anémonas, algas ou camaróns. Mesmo pechando os ollos todo iso para min é luz e cor.
Pero como todos coxeamos de algún lado, a miña coxeira é a arqueolóxica. Para min, a experiencia máis fermosa foi a visita ao Centro Arqueolóxico de Neixón. A guía, Pitusa, é pedagoga especializada en discapacitados psíquicos e físicos. No vídeo que publico no post pode apreciarse as técnicas que emprega para facer ver aos invidentes o patrimonio. Agarrando a man de Leonor, Pitusa convertiuna na Península do Barbanza. Sobre o ela representou a serra, representou a liña de dólmenes, debuxou preto do dedo gordo os petróglifos de Rianxo; e cando chegou á puntiña de Neixón, a man convertiuse toda ela en Neixón e Pitusa debuxou os dous castros e os dous parapetos que aló temos. Outro momento emocionante é o momento no que Leonor axeónllase e recoñece unha lauda da época romana, chea de motivos indíxenas. É a pedra que o rianxeiro Urso ordenou esculpir para o seu amigo Rufino, “nado libre”, como precisa a lauda. E Leonor percorría cos dedos esas grafías do século II d.C., aló onde un escultor seguiu ese mesmo camiño hai 1800 anos. E cos seus dedos entendía os símbolos solares vinculados á morte na Galicia prerromana, e aquela inscrición na que se consignaba, como elemento máis importante da vida do morto, o seu nacemento en liberdade. Non a riqueza, e a penas a familia. A liberdade.
Estou convencido de que algo desa liberdade pasou estes días polos dedos de Leonor.

No hay comentarios: