28/12/10

A boca do inferno



Os portugueses viron gazes que subian da boca do inferno. Chegaron aquí e converteron esta illa en fornecedora de madeira para as embarcacións coas que levaron a cabo a dourada época das descobertas, cando no continente a deforestación masiva remataba cos bosques de toda a vida. A illa de Madeira estivo vencellada a América, incluso antes de que fose descoberta polos europeos. Resulta abraiante poder ver como se instaura o feudalismo nun espazo virxe a comezos do século XV. As familias dos tres descubridores (Zarco, Vaz Teixeira e Perestrelo) organizarán o territorio dende 1420 e darán lugar a unhas castas nobres que se manterán no Antigo Rexime. Cristovo Colón estivo varios anos en Porto Santo como comercial dunha empresa azucareira xenovesa; mesmo o seu fillo Diego naceu aquí en 1482. Madeira é o proxecto motor, o campo de experimentación da odisea portuguesa en África e Asia. O bispo de Funchal sería o metropolitano de todas as colonias lusas de África occidental nos séculos XV-XVII. As familias dos colonos de Madeira estiveron presentes en todas as exploracións e conquistas trasatlánticas portuguesas.

No hay comentarios: