11/11/08

A terra dos prodixios


A terra dos prodixios é o nome dun programa surrealista, dirixido polo gurú Gayoso, para elixi-la xoia do patrimonio cultural galego. Radio Estrada informaba onte sobre a iniciativa de fletar buses dende a capital taberiola para apoia-la candidatura do pazo de Oca... O que si é certo é que este vello país é unha terra prodixiosa, ao estilo de Cunqueiro ou de Fole. Nestes últimos días andamos detrás da memoria dos canteiros de Cuntis, debullando conversas, recordos, ferramentas, verbos e cantares. Na aldea cuntena de Gontade demos cun tipo de hórreo peculiar dunhas poucas parroquias: a graneira, de pranta cadrada e tres andares, que imita en parte a arquitectura de prestixio das igrexas e mosteiros. No baixo, dentro dunha artesa, a familia Torres conserva toda a ferramenta dos canteiros devanceiros. Como complemento de punteiros, acodadeiras, pinchotes e ferros do monte topamos cun sable agochado durante décadas enriba do forno da casa e que fóra empregado como aguillada para leva-las vacas ao monte. Todo semella indicar que este sable é un recordo da francesada, que tanto se fixo notar nestas terras, con emboscadas, atropelos e incendios. Un sable da Grande Arméé dentro dunha artesa, dentro dunha graneira. Bonecas rusas desta terra dos prodixios. Por suposto, o cadelo da casa chámase Ney.

1 comentario:

gg dijo...

quen lle lo pillara