12/6/07

Benvid@s

Dende o ano 2003 un amplo equipo de técnicos e especialistas vencellados ao Laboratorio de Arqueoloxía da Paisaxe do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (CSIC-Xuga) de Santiago de Compostela estamos traballando na recuperación da área arqueolóxica de Os Castros de Neixón (Boiro, A Coruña). Un dos obxectivos prioritarios do proxecto é a divulgación á comunidade local e toda a sociedade de todo o coñecemento científico xenerado polas nosas investigacións. Nesta liña, este blog de Neixón constitúe un novo chanzo nesta tarefa de difusión e comunicación social do noso traballo. Pasamos a engrosar, deste xeito, o amplo abano de blogs centrados no eido da Arqueoloxía aparecidos recentemente na Rede. No noso caso, pretendemos que sexa unha ferramenta útil que satisfaga as diferentes demandas de todas aquelas persoas interesadas no proxecto de Neixón: futuros participantes no campo de traballo internacional, estudantes universitarios, investigadores, afeccionados, veciños de Boiro, turistas, viaxeiros, posibles patrocinadores...
Iniciámo-la nosa andaina na véspera do inicio da 5ª campaña de escavacións arqueolóxicas no Castro Grande de Neixón. Pretendemos facer deste blog un espello que reflicta en tempo real, día a día, os avances do traballo de campo, do campo de traballo, as actividades realizadas, os achados máis sobranceiros, as publicacións máis recentes. Asemade servirá de escenario virtual para tentar transmitirvos o noso enfoque (lexítimo e discutible) sobre o que é e debe se-la Arqueoloxía, unha prática social (e apaixoada) no presente que debe contribuír a forma-lo espírito crítico da cidadanía e transforma-la realidade. Que non é pouco.




O equipo do proxecto arqueolóxico dos Castros de Neixón

3 comentarios:

Anónimo dijo...

Noraboa, está estupendo este blog!!! encántame!!!

Unknown dijo...

Boas, rapaces!!!

Entro neste blog coa mesma familiaridade coa que entro na miña casa. O certo e que esta é a miña segunda casa.

Este si que é un punto de encontro e non o dos aeroportos!

Espero que nos vexamos moi pronto nese lugar que chaman Neixón, no que un día me atopei cara a cara conmigo mesmo e no que tamén tiven a sorte de atoparme coa maior parte dos que frecuentan este blog, e iso si que foi un achádego que supera calquer descubrimento arqueolóxico.

Un saúdo a toda a Kalaña.

Anónimo dijo...

Parabéns pola iniciativa, por achegarnos á arqueoloxía dende a actualidade inmediata, por facernos imaxinar vivencias dos devanceiros, por descubrirnos a historia en forma de conto, por dedicar tempo a recuperar a identidade do país...