29/9/11

Pascual e Salvador


Seica no primeiro terzo do século XX uns emigrados de Puebla de Lillo a México voltaron ao pobo portando nas maletas moreas de cartos e no maxín ideas anarquistas. O primeiro que fixeron foi unha grandiosa biblioteca, fornecendo a cada casa duns cantos ferrados de libros, sobre todo clásicos da literatura universal, cunha certa querencia polos autores gregos, franceses e rusos. Pascual e Salvador medraron nese ambiente, e as leituras servíronlle para abrirse camiño na vida, un como Garda de Asalto e o outro como aprendiz de mestre.
Cando se subleva o exército de África, no pobo non saben o que está a acontecer. Nas últimas eleccións gañara a Fronte Popular, grazas sobre todo aos votos dos militantes da Unión Repblicana do leonés Odón. Tamén axudaran os azañistas e os socialistas. Comunistas apenas había. E a dereita contaba con boa saúde. Naqueles días do golpe de Estado, o centro informativo radicaba na estafeta de correos, dende onde enviaron a Salvador en bicicleta a por novas da guerra, á vila de Boñar. Nada máis chegar os falanxistas aplicáronlle un litro de aceite de ricino. Non fixeron falla máis avisos. Antes da chegada da centuria dos falaxistas e o tabor de regulares, rapaces como Salvador e Pascual buliron cara aos portos de Tarna e San Isidro para formaren parte do Exército Popular. A fronte quedou estabilizada cun valado electrificado que discorría ao sopé do Peña del Águila, en mans franquistas, e da dorsal da Granda, sobre a aldea de Cofiñal. En toda esta paisaxe militarizada sobrancea como eixo vertebrador do espazo un cumio penedío que se ergue coma un volcán no fondo de val dun pequeno afluente do río Porma: o cueto de Castiltejón. Castro da Idade do Ferro, oteadeiro de osos nos tempos baixomedievais e escenario mítico de lendas de mouros, ouros e tesouros agochados, foi reocupado no outono de 1936 por unha posición militar republicana. Os batallóns de fortificación do Consello Rexional de Asturias e León así como a comunidade local traballaron arreo para escavar liñas de trincheiras que aínda gabean polas abas do vello asentamento prerromano, rachando o monumental trazado de socalcos, cómaros e murallas. Varios pozos de tirador coroan os puntos máis estratéxicos, mentres nun rechao superior, fronte á Peña del Águila, se escañou unha sorte de observatorio e punto de comunicación cuberto cunha placa de formigón, mistura de morrillo, coios e cemento ruín. O sistema defensivo completouse cunha cova escavada na rocha, con senllas galerías rematadas en troneiras (rosetóns de caliza e lume) orientadas cara ás posicións franquistas. Estas covas-refuxio foron unha innovación poliercética levada a cabo polos mineiros asturianos, bercianos e leoneses, moi efectivas contra os ataques da superior aviación inimiga. Mesmo nas memorias dun membro da Lexión Cóndor se cita a efectividade deste tipo de solucións defensivas.
No mes de maio de 1937 ten lugar a última ofensiva republicana co gallo de conquerir Puebla de Lillo. Na Peña del Águila morreron homes a mancheas. Os moros levaron todas as de perder até darse o caso de que as últimas cargas para desaloxar aos republicanos facíanse cos sarxentos apuntado coas pistolas aos marroquinos. Cousas da guerra colonial. O fracaso da ofensiva supuxo o comezo da fin. Franco dá orde de solventar a Fronte Norte antes do inverno. Salvador e Pascual saben que pouco queda por facer. Aillado o Consello de Asturias e León os problemas de suministro son insalvables. E a non falemos de armamento. Mentres eles contaban con excedentes da Primera Guerra Mundial (como as balas ianquies Western de 1916, 1917 e 1918, vendidas aos franceses que despois revenderon aos rusos e despois os xa soviéticos enviaron como axuda á República española) os sublevados contaban con balas nazis (alemás e austríacas) do trinque.
Estas dúas semanas atrás fixemos unha escavación arqueolóxica no refuxio ocupado, entre outros, por Salvador e Pascual. Bombardeado pola Lexión Cóndor en maio de 1937 foi reocupado até a batalla final de setembro do mesmo ano. As posicións de Castiltejón e Arboleya quedaron copadas por unha manobra envolvente dirixida, entre outros, por Muñoz Grandes, futuro xeneral da División Azul e ministro de Franco. Chegou o intre da derrota. Salvador e Pascual quecen as maos nunha pequena fogueira improvisada dentro do refuxio, lamben as últimas pingueiras do leite condensado na lata de La Rosita (empresa madrileña confiscada polos milicianos), abren a última lata de sardiñas “Importé d’Espagne”. Manda truco. Se tivesen chegado suministros de armas da Francia da Fronte Popular en vez de sardiñas outro galo cantaría, pensa Pascual. E Salvador replica: e por riba as sardiñas xa eran nosas, mecago en mi manto!
Botan unha soneca e ao abrente deciden entregarse na recta de Lillo. Salvador guinda pola aba abaixo o seu casco checoslovaco, afuracado, orfo. Un grupo de falanxistas e outro dunha brigada navarra fanse cargo deles. Tan pronto como estran o Mauser ao chao, cáelles unha malleira. Nesta fronte, non se cumpriu a idílica orde de non represaliar a aqueles que non tivesen “delictos de sangue”, segundo a terminoloxía dos sublevados. Os soldados republicanos que se entregaron foron torturados e afusilados sen compaixón. Con Salvador e Pascual ían dous irmáns asturianos, cantareiros que gravaran un disco de cantos populares no tempo das Misións Pedagóxicas. Tivéronos cantando toda a tarde e pola noite asasináronos na tapia do camposanto, xunto cos dous amigos de Castiltejón. Aquela noite os regulares acendían unha nova fogueira na fría noite botando man da biblioteca das casas. As faíscas escoaban no ar xunto coa cinsa degoldrada sobre os restos queimados de obras de Platón, Sófocles e Esquilo.
Na cova do cueto de Castiltejón aínda se poden ver hoxe gravadas a lapis na rocha caliza os nomes de Salvador e Pascual, ao carón duns números posiblemente correspondentes á calibración dunha peza de artillería. A caída da fronte dos Portos conlevou a conquista definitiva de Asturias, caíndo Xixón a fins de outubro de 1937. A República española comezaba a perder a guerra.

Fotografía de Víctor García Rodríguez.
Publicado orixinalmente en Galicia Confidencial.

25/9/11

Homenaxe



Esta é a primeira exhumación con metodoloxía arqueolóxica do corpo dun brigadista internacional no Estado español. Como comenta Jacinto Antón, a emoción chegou a todos os membros do equipo, por moitas razóns. Por rexistrar cada detalle da morte cruel dun mozo. Polo estado de conservación dos restos. Porque é un paso máis no recoñecemento da utilidade científica, social e crítica da Arqueoloxía do pasado contemporáneo. Porque é un paso máis que anima aos voluntarios de Lo Riu, Associació per l'Estudi del Patrimoni Arqueológic i Històric de les Terres del Ebre a seguir traballando pola memoria histórica do seu berce. Porque non todos foron iguais. Porque non abrimos feridas. As únicas feridas reais son as que se testemuñan no corpo destrozado deste voluntario anónimo.
En Luna de lobos, de Julio Llamazares, os guerrilleiros protagonistas apresan a un crego delator e obrígano a rezar na foxa na que foi soterrado un compañeiro: ¡No es un perro, coño, es un hombre! berra o irmao do falecido. Charly non é un can. Recuperar o seu corpo é a mellor homenaxe que lle podemos facer. Posiblemente os seus restos vaian acougar para sempre no memorial de Les Camposines.
Saúde e República, Charly.

Fotografía de época: fotograma dun documental gravado polos membros da Brigada Lincoln en Catalunya e Aragón pouco antes do inicio da batalla do Ebro. Cinta descoberta en Nova Iorque en 2010.

115 días




Unha vez levantado o cadavre de Charly, a base da trincheira amosa o seu último intre con vida. Unha recua de casquillos fálanos das últimas ráfagas disparadas a discreción contra os atacantes. Dous peines enteiros amosan que Charly ía armado até os dentes para o combate final. Non tivo tempo de utilizalos. O mesmo aconteceu coas dúas granadas de man, unha ebaixo do seu cranio. A distribución dos caquillos evidencia que estes homes da mítica brigada Lincoln foron copados nunha manobra envolvente. Charly disparaba cara atrás, de aí que os casquillos e a súa propia posición se ubiquen contra o perfil exterior da trincheira. Unha bomba de man posiblemente acabou coa súa vida e cos seus 115 días de loita ininterrumpida no Ebro.

Onde Charly perdeu o seu fusil


Charly quedou estrado contra o perfil da trincheira, mutilado e acribillado pola metralla. Conserva praticamente todo o equipamento, incluíndo un frasquiño de medicina no que se preservou incluso o tapón de corcho. Botamos en falla o fusil soviético Mosin-Nagant e o casco, de seguro recuperados polo inimigo. Charly foi un dos cincocentos brigadistas elixidos por Tagüeña para defender a serra da Fatarella e permitir o paso ordeado do Ebro pola ponte de Flix. Os cincocentos foron aniquilados polas tropas moras, brigadas navarras e tercio de requetés de Montserrat, superiores en artillería, aviación, suministros e armamento. Hoxe Jacinto Antón firma en El País unha reportaxe sobre o noso Charly, na edición de Catalunya.

http://www.elpais.com/articulo/cataluna/ultimo/heroe/batalla/Ebro/elpepuespcat/20110925elpcat_1/Tes

24/9/11

UE012


O noso compañeiro Alfredo González Ruibal deunos a posibilidade de vivir unha experiencia arqueolóxica abraiante no marco do seu proxecto de Arqueoloxía da Guerra Civil Española. Estes dous últimos días escavamos, entre outras cousas, a UE012, nunha posición republicana en La Fatarella (Tarragona). UE012. Un aséptico número que, normalmente, pasa a formar parte das memorias arqueolóxicas e dos diagramas Harris. Nalgúns casos, ese código correspóndese con restos humanos, distantes de nós no tempo. Pero que pasa cando ese esqueleto (o que seremos nós algún día en algures) é o dunha persoa cunha historia que podemos lembrar? Daquela deixa de ser unha seria, rigorosa, falsamente obxectiva unidade estratigráfica. O que lle gostaría a eses arqueólogos cientificistas que pensan que política e ciencia non teñen nada que ver. Isto é o que acontece co brigadista internacional que atopamos ao sopé do corte dunha trincheira en zigue zague. Entre nós preferimos chamarlle Charly antes ca UE012.
Déixovos co maxistral post de Alfredo para adentrarvos na historia dun rapaz novo que faleceu de xeito cruel. Un mangallón que morreu demasiado novo. A historia dun heroe estrado coma un can nunha trincheira. Entrementes, a douscentos metros, nun outeiro cercano un coidado monolito recorda a una panzerführer alemán abatido no seu tanque en 1938.

El último soldado del Ebro
Estamos excavando una trinchera que fue testigo de duros combates a mediados de noviembre de 1938.
Son los últimos días de la Batalla del Ebro. Un grupo de hombres valientes permanece en las fortificaciones de La Fatarella, las cuales constituyen la última barrera republicana en la margen derecha del Ebro. Su misión es vital: si no logran retener el tiempo suficiente a las tropas de Yagüe, decenas de miles de soldados leales serán aniquilados. Ningún defensor sobrevivirá al ataque franquista, pero la bolsa del Ejército Popular se salva.
Las fortificaciones en las que trabajamos en el lugar de Reïmats han sido muy alteradas por los trabajos agrícolas. De la trinchera superior del cerro donde excavamos apenas se conservan los vértices de los zigzags, porque un canal de irrigación la ha destruido en su mayor parte. Nos concentramos en el escasísimo espacio que nos queda y no albergamos muchas esperanzas.
Pero nada más comenzar a limpiar el corte del canal, nos llevamos una enorme sorpresa.
En uno de los vértices del zigzag, salvado milagrosamente de la pala excavadora, encontramos in situ e intacto el cadáver de un defensor republicano. La exhumación va revelando poco a poco detalles de este soldado y de su muerte.
Sabemos que cayó bajo la metralla: un fragmento seccionó en dos su fémur derecho y se incrustó profundamente en el hueso; nueve trozos de metralla están alojados en el interior de su caja torácica, igualmente en el lado derecho. La explosión debió seccionarle la mano del mismo lado: el cúbito aparece seccionado y no hemos encontrado restos de los dedos. El pie izquierdo se encuentra retorcido en una posición imposible bajo la pierna derecha.
El soldado se derrumbó de espaldas, sobre su mochila, en la misma posición donde había estado disparando frenéticamente. El suelo apareció cubierto de casquillos de Mosin Nagant. Es fácil imaginarse a las tropas de Yagüe avanzar inexorablemente ladera arriba, mientras el suelo de las trincheras republicanas se colmata de vainas expulsadas por los fusiles de los defensores. En otro de los zigzags que excavamos aparece medio centenar de casquillos, mezclados con cartuchos de Mosin y de Máuser español.
El soldado que exhumamos se derrumbó con todo su equipo y nadie se molestó en recogerlo: trinchas de lona (cuya huella ha quedado marcada en el óxido de los pasadores y hebillas), cinturón, chaqueta, botas, macuto, bolsa de costado, tres cargadores sin usar de Mosin, dos granadas de fragmentación polacas, escudilla para el rancho, una taza metálica, una botellita de vidrio verde tapada con un corcho (de licor o de medicina) que se hizo añicos al desplomarse el cuerpo. Otros objetos corroídos que aún no hemos podido identificar.
El soldado de Reïmats es una persona que sacrificó su vida para que miles de sus compañeros pudieran salvarla. Excavar su cuerpo es recordar su muerte y honrar su memoria.


Fotografía de Alfredo González Ruibal.
http://guerraenlauniversidad.blogspot.com/

16/9/11

Furtivos e furtificacións


Unha das cousas que máis nos chaman a atención desta estadía por terras de Lillo é a grande cantidade de afeccionados á Arqueoloxía, furtivos e amantes dos detectores de metais que hai por estes lares. Este tema, o da relación entre científicos e esta xente, é delicado, e interesante. Polo momento temos identificado varios tipos de persoas. Hoxe vánvos tres:
O castrólogo chungo. Home gris, erudito local xubilado que ten adicado a súa vida ao estudo da historia da comarca de turno. Mal educado, adopta unha postura de desconfianza e recelo cara aos arqueólogos oficiais. Con todo, a súa curiosidade pode máis, comeza a durmir mal pensando que farán estes guajes no seu territorio. Por suposto, parte da base de que non temos nin puta idea. A nosa primeira conversa foi así: Sen saúdar nin nada. Quién sóis? Para quién trabajáis? Que buscáis? Trala resposta ao interrogatorio, pregunta se utilizamos detector de metais. No... A súa lacónica resposta: Pues entonces es difícil. Este home dínos que da guerra non sabe nada. Por suposto, ten escrito dous volumes sobre a historia da zona cuns cantos folios sobre a guerra. Volumes que non pensa dar a coñecer e supoñemos levará canda a el á tumba. Dende aquela, nin saúda, pero se preocupa polas novas de prensa que reflicten o noso traballo. Unha tarde, aparece na terraza do bar no que estamos e con ese estilo mafioso tan característico, limítase a afirmar: O sea que encontrásteis una fíbula. E cunha cara de tolo, repite varias veces ¿Dónde salió, dónde salió, dónde salió? Quiero verla, aunque sea para dibujarla. Un compañeiro, experto nos castros astur leoneses fornécelle información sobre a peza, paralelos, cronoloxías e demáis e el interrompe cunha frase lapidaria: No me digas nada de eso, no me cuentes historias, a mi sólo me interesa el formato (sic). Este erudito local fetichista é un auténtico delincuente que ten todo un museo ilegal na casa. Un furtivo dos pés á cabeza.
O castrólogo riquiño. Xubilado, de esquerdas, que coñece o territorio como a palma da súa mao, cunha intelixencia natural fóra do común. Artista e autodidacta, a súa paixón son os castros. Non ten problema en amosar no móbil os seus achados, dende unha máscara antigás da guerra, pasando por pinturas románicas nunha ermida esborrallada no monte ou un machado plano calcolítico. Cando fala, gosta de empregar termos como datación, habitáculo, estructura, etnogénesis... Este home leva tempo convencido de que o cueto de Castiltejón é un castro, el castro madre de esta zona. Sabe ler a paisaxe e afirma que si yo digo que es un castro, es un castro, no hay otra. Por suposto, visita a escavación e procura unha historia detrás de cada pedra. Cidadán concienciado sempre pon en coñecemento da Arqueoloxía oficial e da Administración os seus achados e os seus coñecementos cando se enceta unha obra que afecta a restos arqueolóxicos. Por suposto, está totalmente desencantado con estes axentes patrimoniais. Non o escoitan, e el sabe, sabe ler as pedras. Por iso, mentres non hai confianza dosifica a información para tantearnos, para ver como respiramos. A xente da montaña seica é así. Aparte da guerra, a súa paixón son os verdes castros. Por iso nos levamos ben, porque todos somos, no fondo, castrólogos aos que lles gustan as pedras e as cousas de antes, como dicía meu avó.
O castrólogo peliculeiro: home do mundo audiovisual que xa ten no maxín a película que quere gravar, inspirándose en realidades evidentes: que hai unha calzada romana que pasa ao sopé do castro, pois é unha proba da conquista augustea do poboado fortificado, e así sucesivamente. O castro valórase pola profundidade á que se atopa, os castrexos de Castiltejón controlaban as minas de talco. Non importa que as minas sexan dos anos 1920, seica os astures xa tiñan pó de talco para aliviar os males do cú.

Fotografía: el castro-posición republicana de Castiltejón. Panorámica desde una posición secundaria en las minas de talco. Fotografía de Víctor García Rodríguez.

14/9/11

Castil Deixon


Un rapaz de Lillo chantou hai un par de anos colmeas ao sopé do cueto de Castiltejón. Malia o valado electrificado, o mel rematou nos beizos gorentosos do oso, que todo o mundo sabe que é moi larpeiro. Castiltejón é terra de osos, e osas. A primeira referencia documental que posuímos deste xacemento arqueolóxico atopámola no Libro de la Montería de Alfonso XI (1312-1350), no que aparece referenciado coma un outeadeiro excelente para apreixar aos úrsidos durante a caza. A cita inclúese nun paragrafo que resume a topografía da área, as vías de tránsito natural e os principais fitos na paisaxe, os mesmos que compartiron Gorete e outros para evitar a caza ao home ao que foron sometidos durante máis dunha década. O topónimo Castiel Texon, en uso no século XIV, é unha proba máis que remite a un poboamento antigo no monte, algo corroborado tamén polas lendas de moros y tesoros e pola propia fisionomía do cumio, inzada de socalcos e terrazas.

Yarga, et Rio de Ferreras, et Rio de Osos es todo un monte, et es bueno de oso en invierno, et en verano. Et son las vocerías, la una desde la Peña de Susaron por la collada de Barbadiello, et por la collada de Ferreros, et por la collada de Tolibia, et por cima de la Pedrosa, et por Campo Muelle, et a la Muesca de Lendil, et fasta Castiel Texon.

Fonte: José A. Valverde. 2009. Anotaciones al Libro de la Montería del rey Alfonso XI. Salamanca: Universidad de Salamanca.