28/10/09

O castro de Elviña



O sábado fomos ás Xornadas Castrexas que cada ano organiza Moncho Boga dende o Museo Arqueolóxico de Cambre. Pola tarde cursamos visita ao castro de Elviña nun día frío de choiva e néboa. Hai dez anos o noso Laboratorio andaba a definir un Plan Director para a musealización e posta en valor deste xacemento, base do que despois se deu en chamar proxecto Artabria (http://digital.csic.es/bitstream/10261/16118/1/2003_Planear%20el%20pasado_CriadoGonzalez.pdf)
Nós participamos daquela facendo un estudo da arquitectura doméstica e un proxecto de deseño da réplica dun castro en miniatura. Dende 1999 trocaron moitas cousas, agás a torreta de alta tensión e esta árbore de película de terror no interior da croa. É curioso voltar a áreas do castro nas cales un loitaba coa maleza, para apreixar espazos míticos como a Casa da Exedra ou o Templo Fálico. Tempus fugit.

Castro enmaquetado


Velaquí tedes unha maqueta dun castro galego segundo o alumnado do colexio público Brea Segade de Taragoña. Hai escasos días fomos testemuñas do bo facer duns docentes e colaboradores que van máis alá da aula, e que procuran actividades extraescolares de carácter cultural que dean vida ao centro. Todo iso xunguido cun impresionante coñecemento do medio e cunha entrega apaixoada da que adoece grande parte da comunidade de mestres e profes do noso país. Noraboa á Asociación de Nais e Pais de Alumnos do colexio, ao Museo Pedagóxico Castelao, á Biblioteca Brea Segade e noemeadamente ao mestre e musicólogo José Luís do Pico Orjais. Grazas.

27/10/09

Romanization


O profesor Richard Hingley da Universidade de Durham vén de dar unha conferencia maxistral en Santiago sobre a recepción da cultura clásica e a creación da Sociedade Inglesa. Este autor amosa como a posición dominante de Inglaterra na Gran Bretaña con respecto a escoceses, galeses e irlandeses, podería definirse coma o resultado da pioneira Romanización das terras baixas inglesas e o fracaso da chegada de Roma ao N e W. After all, English gentlement have always drawn very directly on their classical roots, emphasizing classical norms and languages. Dentro destas coordenadas, os británicos fundamentaban a conquista dos pobos indíxenas esparexidos polo Imperio, en parte para levarlles a civilización, donada aos britanos polos romanos. As accións imperiais (conquista, dominación e explotación) en Asia, África, Australia atopaban a lexitimidade neste discurso ideolóxico. Richard Hingley considera que o termo Romanización mantén estreitos vencellos con asuncións modernistas acerca da continuidade histórica do imperialismo na época victoriana, momento no que se configura a Arqueoloxía británica como ciencia. Toda unha investigación interdisciplinar que concilia Historia Antiga, xeografía política, Arqueoloxía, crítica historiográfica e historia das mentalidades. Aconsellamos para quen queira saber máis:

Hingley, R. 2005. Globalizing Roman Culture: Unity, Diversity and Empire. London: Routledge.

Hingley, R. 2008. Not so Romanized? Tradition, reinvention or discovery in the Study of Roman Britain. World Archaeology, 40: 428-44. http://pdfserve.informaworld.com/742525_771412208_901476416.pdf

Fotografía: un tramo do Muro de Adriano.

23/10/09

De Big Man a Big Brother


O estranxeiro convertido nunha verdadeira atracción de circo. No século XIX os empresarios circenses levaban de xiras a xentes das colonias, que eran exhibidas nos parques zoolóxicos. En 1897 un grupo de ashantis africanos eran amosados ao público no seu hábitat natural, nunha aldea prefabricada nos xardíns do Retiro en Madrid. Tódalas tardes acodía alí a burguesía da Villa y Corte, a ver os salvaxes. Seica algúns tiñan até medo de achegarse non fose que mordesen, segundo a prensa local. Anos antes nunha macroexposición sobre as colonias asiáticas españolas, 45 indíxenas da Micronesia e de Filipinas ocuparan o mesmo escenario. De feito, o famoso lago que está diante do Pazo de Cristal no Retiro, fabricárase para que os asiáticos remasen coas súas canoas, para deleite do público da metróple. Estes etnoshows, esta humillación de barraca dáse agora en 2009 en Telecinco nun Gran Hermano no que a presentadora (ese-ser-extrano) afirma entusiasmada que vai entrar na casa unha familia recén chegada de Papua Nova Guinea, "directamente desde el Neolítico". Amigos e amigas, este é o país de merda no que vivimos.

21/10/09

Gambela's day


No volume Presentación de excavaciones en el exterior 2008. Informes y Trabajos, 3: 53-62 podedes consultar un avance dos resultados de parte do traballo desenvolto na última campaña na que participamos en Etiopía occidental, dirixida por Alfredo González Ruibal. O artigo titúlase: Arqueología de los pueblos nilóticos: una prospección arqueológica y etnoarqueológica de la región de Gambela (Etiopía occidental) Moito do que aquí se amosa sonaravos aos que seguides arqueoneixon: os nuer, os añuak, os opuúo...

http://www.mcu.es/patrimonio/docs/MC/IPHE/Publicaciones/IT/N3/3_gambela.pdf

Fotografía de Xurxo Ayán: a alfareira Fatura Munay facendo un cacharro (sih) diante da súa casa no poboado de Pokong.

Castros irmanados


O Castro do Vieito presenta concomitancias interesantes co nivel de ocupación altoimperial do Castro Grande de Neixón. Emprazamento costeiro, na bacía dun río navegable (Lima, Ulla) polo que accedían produtos foráneos cara ao interior da Gallaecia; unha grande concentración de ánfora Haltern 70 procedente da Bética; papel activo nas redes comerciais atlánticas... Se ben o castro do Vieito é unha fundación ex-novo, o Castro Grande é un deses vellos emporia que seguen a manter o seu papel comercial coa chegada de Roma ao NW. Dous castros irmanados que de seguro van axudar a artellar novas narrativas sobre a transición entre a Idade do Ferro e a romanización.

Fotografí: promenor das escavacións no Castro do Vieito (2005). En www.castrodovieito.co.cc

Máis alá do río do Esquecemento


Os arqueólogos temos boa memoria. Non está tan lonxe o tempo no que a Arqueoloxía de Urxencia, Preventiva ou de Xestión era considerada como unha prática nociva alonxada da investigación. Moitos compañeiros que daquela nos criticaban por traballar en Obras Públicas hoxendía levan unha longa traxectoria gañando o pan en avaliacións e correcións de impacto. Cousas da vida. Aínda así, en certos sectores da Academia segue a considerarse esa práctica como non xeradora de coñecemento. Poderiamos falar moito deste tema. Unicamente quería traer aquí un excelente traballo de investigación que xurdiu na escavación en área dun castro no marco dunha obra pública. Refírome á tese de doutoramento (Coimbra, marzo de 2009) de António José Marques da Silva Vivre au de-la du fleuve de l'oublie. Portrait de la communauté villageoise du Castro do Vieito au moment de la integration du NO de la péninsule ibérique dans l'orbis Romanum (estuaire du río Lima, NO du Portugal)(http://www.castrodovieito.co.cc/). Unha impresionante escavación en área de dous terzos dun poboado fortificado de curta vida na bacía do Lima, vencellado co comercio en época augustea e xulio-claudia. Puidemos coñecer de primeira man esta investigación nunhas xornadas de traballo co grupo de investigación da Universidade de Coimbra liderado pola profesora Conçeiçâo Lopes. Temos certa envexa de que non exista unha Arqueoloxía Clásica así na Galiza. O castro do Vieito vai dar moito que falar, polo seu excelente rexistro e pola calidade dos seus investigadores.