29/9/09

A Nosa Cinza


O noso equipo non só traballou na área arqueolóxica dos castros de Neixón ao longo dos últimos anos, senón que nunca perdeu de vista o seu contexto social, económico e simbólico: a parroquia de San Vicenzo de Cespón. O noso vencello con esta realidade fai que sintamos como propio o que lle acontece á comunidade local desta pequena república independente. Dende Arqueoneixon queriamos transmitir publicamente a nosa solidariedade aos afectados (propietarios, veciños e traballadores) polo incendio da nave de Chicolino en terras cesponcenses. Se a arqueoloxía nos ensina algo é que as xentes do pasado sempre renaceron das cinzas que documentamos en moitas ocasións nas nosas escavacións arqueolóxicas. Por esa vontade de mirar ao futuro, por eses anceios de esperanza, existe o devalar histórico. Non cabe dúbida que esa empresa renacerá das súas cinsas coma o Ave Fénix, coma tódalas empresas da Ría de Arousa que están a pasar serios problemas nestes tempos de crise.

Wine High Tech


Vendima na ribeira do Eivedo, na parroquia de Vilachá, no canón do Sil, fronte á empoleirada aldea de Torbeo. Entre a néboa, ao romper o día, un desfruta da tradicional arquitectura dos casetos, dos bancais e dos pataos. Aquí a tecnoloxía moderna ten un valor relativo. Non hai cobertura, pero temos teléfono fixo. Non se colle a Sexta nin hai TDT, pero si temos televisión. Arquitecturas, escenografías, perfomances. Toda unha metáfora dos fracasos e reinterpretacións rurais da Modernidade.

Punicada



No apartado de produción científica tedes en formato PDF un resumo da comunicación que imos presentar mañá no Congreso de Sevilla baixo o título: Buscando a los púnicos en el Noroeste.

Fotografía: anaco de aryballos documentado no Castro Grande en 2007 (Yolanda Porto, LAPA, CSIC).

25/9/09

Machu Pichu


Panorámica arqueolóxica (na forma e no fondo) da paisaxe de Machu Pichu. A xentiña da dereita seica son newagers australianos invocando a non sei cantas forzas telúricas, ctónicas, etc... Nada que envexar ao castro de Baroña ou á concentración de newagers en Ribeira polo solsticio de verán.

Caderno de campo de Felipe Criado (LAPA, CSIC)

23/9/09

Santiago 1909


Até o 18 de outubro podedes visitar a exposición que conmemora o centenario da Exposición Rexional Galega de 1909 no Colexio de Fonseca en Santiago de Compostela. A Arqueoloxía decimonónica anticuarista estivera presente nesa exhibición. O coengo da catedral de Santiago, o carlista acérrimo López Ferreiro, deixara escrito en Arqueología Sagrada (obra de leitura obrigada nos Seminarios de toda España):

Arqueología es aquella rama de la Historia, que estudia, examina y describe los antiguos productos no sólo de las Bellas Artes propiamente dichas, sino también los de la Industria en lo que puedan tener de artístico. Así, por más que el objeto primario de la Arqueología sean las obras arquitectónicas, esculturales, pictóricas y musicales, que son las que pertencen a las Artes antonomásticamente llamadas Bellas, caen, sin embargo, también dentro de su esfera, los productos de la Glíptica, del Mobiliario, de la Indumentaria, de la Numismática, de la Paleografía, de la Epigrafía, y de la Heráldica.

Este enfoque foi o que aplicou López Ferreiro como responsable da Sección Arqueológica da Exposición regional de Santiago de Compostela, da que se celebran agora 100 anos. Grazas á colaboración con outros tradicionalistas católicos como Blanco Cicerón, quen contaba coa meirande colección privada existente no país, os composteláns e as compostelás da época puideron ver pezas arqueolóxicas procedentes de toda Galicia.

17/9/09

Casas revividas


As recreacións arquitectónicas de casas castrexas é unha das estratexias de posta en valor de xacementos máis extendidas no NW durante os últimos 15 anos. Destacan sobre todo as unidades domésticas erguidas in situ no norde de Portugal en Sanfins (Paços de Ferreira), San Lourenço (Esposende) e Cossourado (Paredes de Coura). En Galicia contabamos co precedente do castro de Elviña na década de 1950 e coas dúas cabanas de Santa Trega (finais dos sesenta e comezos dos 70). A cabana reconstruída no interior do Centro Arqueolóxico de Barbanza tamén resposta a esta dinámica. Malia un fato de proxectos de parques arqueolóxicos nunca encetados, esta recreación do castro de Vigo (da man Terra Arqueos, S.L.) vai ser a primeira levada á práctica nun xacemento arqueolóxico visitable. A polémica e o debate está servido sobre as solucións adoptadas.
Sobre a cuestión das recreacións arquitectónicas en castros podedes ver un vello traballo noso (páxinas 52-74) en http://www-gtarpa.usc.es/descarga/CapaTapa/TAPA/TAPA23.pdf

Plan E


O Goberno de España tenta impulsar a economía e modificar o modelo produtivo, modificando a dependencia do sector do ladrillo e a construción, apoiando ás innovacións tecnolóxicas, o I+D+I, etc... O plan E para rescatar a economía, en teoría, móvese nestas coordenadas estratéxicas. Finalmente, paradoxos da vida, bótase man da construción ex novo dun barrio castrexo no castro de Vigo, para promocionar o emprego e o Turismo Cultural.