30/3/09

Encerados de lousa


Na Biblioteca Municipal de Cuntis expónse até o 1 de maio a recreación dunha escola franquista da postguerra, en colaboración co Museo Pedagóxico de Galicia. Sobre o carácter fidedigno e auténtico da mostra só apuntaremos dúas anécdotas que nos contou Mario, o bibliotecario. Un vello de oitenta e pico anos, socialista de toda a vida queixouse amargamente de que se recordase esa época, cos retratos de José Antonio e Franco, e non entendía a razón pola cal se amosaba iso á xente nova. Outro home, de cincuenta e tantos anos de idade, entrou na sala da exposición e sentou nun dos bancais da aula: alí estivo un rato largo, esbagoando coma un meniño, lembrando as malleiras e acoso brutal do seu mestre. Dous exemplos do poder da cultura material, da materia sensible e trumática de que está feita a memoria, individual e colectiva. Sobran as palabras, pero fan falla os obxectos.

27/3/09

Sociedades contra o Estado?


Algúns pensamos que o proceso seguido polas comunidades da Idade do Ferro é un camiño con idas e voltas marcado pola resistencia á aparición do Estado, seguindo aportacións de, entre outros, Pierre Clastres. Pois ben, nesta zona de fronteira entre Etiopía e Sudán, tras todas estas fotografías máis ou menos anecdóticas, agóchanse diferentes estratexias adoptadas por diferentes grupos étnicos: resistencia contra o Estado cunha reafirmación da identidade tradicional, asimilación, aculturación, hibridación... procesos que se poden seguir analisando a cultura material.

Foto: cabanas no poboado añuak de Iliya coroadas pola bandeira etíope.

25/3/09

Capítulo 0


O blog Arqueoneixón é unha simple ferramenta de divulgación e difusión que xurde da Arqueoloxía oficial e académica, coas súas miserias e as súas potencialidades. Pola súa banda, o blog de Capítulo 0 de Manuel Gago é, sinxelamente, ARTE, con maiúsculas. Parabéns e grazas por ensinarnos a SENTIR a Arqueoloxía e o Patrimonio Cultural, material e inmaterial, deste país.

Fonte: Capítulo 0.

II Jornadas Arqueológicas

No blog amigo de pasado reciclado fanse eco das II Xornadas Arqueolóxicas a celebrar na Facultade Historia de Ourense o 29 e 30 de abril de 2009. Estes encontros están organizados polos alumnos, toda unha garantía de debates, crítica e gañas de aprender. Alí estaremos.

Day to day style


Velaquí tedes o interior da cabana precedente, tan tradicional, tan añuak de toda a vida. É o dormitorio dunha rapaza nova con tres fillos, que utiliza muíños barquiformes e cabazas decoradas pero que vive nun mundo globalizado con referentes suxerentes. A tradicional decoración das paredes interiores é substituída por xornais chineses, a cama sudanesa por colchóns convencionais, o vestido de toda a vida pola camiseta do Barcelona patrocinada por UNICEF. Os adolescentes de Iliya óllannos mal, con desdén, porque son modernos e non lles gusta que veñamos aquí á procura do bo salvaxe. A plasmación gráfica dese conflito entre Tradición e Modernidade que se dá non só en Etiopía, senón tamén na ría de Arousa.

24/3/09

Unha volta por Iliya


Hai poucos anos houbo enfrontamentos tribais entre nuer e añuak nesta zona de Gambela. Os añuak viene en conxuntos de habitación idénticos ás casas-patio dos oppida galaicos. O interior dos conxuntos está impoluto, inmaculado, varrido ao detalle. Os cinsais e verquedoiros atópanse fóra, ao carón dos camiños. Como dicía o outro: onde hai basura hai todo un sistema, toda unha cosmovisión detrás. Mais as impresións polas veces enganan. Esta cabana añuak, fermosamente pintada, remite a unha arquitectura ancestral chea de trasfondos simbólicos... Como serían as cabanas castrexas, pintadas e decoradas?

23/3/09

VIII Xornadas Blanco Freijeiro



Hoxe ás 20:00 horas na Biblioteca municipal de Marín ábrense as VIII Xornadas Blanco Freijeiro Arqueoloxía Cultural nas Rías Baixas coa exhibición do documental O'Neixón: historia viva dun castro. Para o noso equipo constitúe unha ledicia presentar nese foro a nosa forma de ver a Arqueoloxía, en grande medida non moi diferente -nalgúns aspectos- da de Blanco Freijeiro, quen aconsellaba a un amigo: Cuando vayas a Roma, tócalo todo; en muchos casos los dedos te transmitirán sensaciones tanto o más profundas que los ojos. A mellor definición do que se sinte nunha escavación arqueolóxica.