12/9/07

Alfredo González Ruibal


Alfredo González Ruibal (1976) é un dos máis brillantes e prestixiosos investigadores xurdidos das novas xeracións da Arqueoloxía española e galega. Na súa longa traxectoria ten participado como codirector nas escavacións do Castro Grande en 2004 e, dende aquela, mantén unha colaboración estreita co proxecto de Neixón. A súa intelixente ollada sobre a práctica arqueolóxica, o seu espírito crítico e o seu talante respectuoso inza o enfoque asumido neste blog desde o seu inicio.
Como responsable desta iniciativa solidarízome con Alfredo González Ruibal e con Dionisio Pereira, profesionais honestos que levan á practican unha ética da que carecen moitos.

Finalmente, só sinalar que os que foron asasinados en 1936 en adiante tamén foran denunciados por alguén no seu día. As denuncias, as de onte e as de hoxe, nunca poderán agochar a verdade.

Xurxo M. Ayán Vila.

Empanada mental


1. Hai escasos días a polícia israelí detiña a un grupúsculo de neonazis xudeus de orixe rusa.
2. O historiador Dionisio Pereira e mailo arqueólogo Alfredo González Ruibal foron demandados pola familia do xefe da Falange en Cerdedo nos anos 40, denunciando os seus traballos sobre a represión franquista nesa zona da Terra de Montes.
3. Nos anos 30, antes da guerra, a organización xuvenil Ultreia, liderada polo profesor de Noia Álvaro de las Casas, xa facía gala de brazais co trisquel a xeito de swásticas. Cousas daquel tempo.
4. Atopámonos agora con este lema de Gallaecia aos Galaicos, unha proba máis da mala utilización (manipulación) política do pasado protohistórico do país.
5. O M.R.A. nacionalsocialista non merece nin condenas, nin críticas nin parabéns, o que merece é un sketch dos Tonechos ou unha improvisación do entrañable John Balan.

[Figura tomada de http://www.my-forum.org/descripcion.php?numero=153648&nforo=73809]

5/9/07

Testaccio


O Testaccio é un outeiro artificial do S da cidade de Roma, formado por toneladas dos anacos das ánforas chegadas á capital do Imperio entre os séculos I-III d. C. Un verquedoiro monumental que comezou a ser estudado a finais do século XIX por eruditos coma o padre L. Bruzza ou H. Dressel, investigadores que sistematizaron os diferentes tipos e ánfora e maila súa cronoloxía. No Castro Grande de Neixón atopamos sobre todo ánforas Haltern 70, procedentes de Andalucía, se ben tamén rexistramos Dressel 2-4, Dressel 20, Lomba do Canho e ánforas tardías palestinianas, entre outras.

Este puzzle de cerámica fornece informacións abraiantes. Por exemplo, sabemos que algunhas delas veñen de Campania, da rexión do Vesubio porque se empregaron como desgraxantes areas volcánicas.

Ecos de cidades perdidas, feitas barro.

Ronsel do Neixón


Na fasquía dos barcos anónimos
postos a flote pola madrugada
extraviados no roteiro do serán
persistiron sempre
a mesma foula e o mesmo ronsel


[Manoel Antonio.
Extracto do poema Travesía,
en De catro a catro
]

Terra Sigillata


Un fondo dun prato de Terra Sigillata. Catro anacos recollidos no sector 01 en 2004, 2006 e 2007 voltaron xuntarse para reconstruír parte dun cacharro esquencido. As vieiras, se ben eran motivos decorativos que se facían daquela a escala industrial, anticipáronse ao boom xacobeo medieval da ría de Arousa.

Descoberta


QUEN fechou esta noite
a fenestra azul do Mar?
Este Mar fuxitivo
de tódalas ribeiras
Náufrago do neboeiro
que desviou o rumbo
dos puntos cardinaes

Ficaron as gavotas
tres singladuras a sotavento
Desourentáronse os arroaces
intrusos e impunes

Hoxe ninguén dá ca relinga
pra aferrar panos do horizonte
E este serán tampouco
engaiolarémo-lo Sol

O Sol era un paxaro triste
que se pousaba no penol.


(Manoel Antonio, De catro a catro)

Que nivel!


Perfil estratigráfico no sector 01. Como dirían os xornalistas con olfato, aquí hai unha historia. Os arqueólogos traballamos con refugallos, con camadas de terra e pedras. Interpretamos as capas da cebola, no dicir de Günter Grass. Podemos viaxar no tempo, do máis antigo ao máis recente, ou viceversa, do máis novo cara ao máis vello.
Flashbacks, dejá vú, revivals.
Arriba de todo vedes unha camada de cachotes e terra de cor clara. Isto correspóndese coa muralla do Castro Grande, disposta sobre un depósito de cunchas. Este concheiro atópase por riba dunha terra negra moi orgánica, que vén sendo a pegada que deixaron os primeiros habitantes do Castro Grande de Neixón. Consecuencias: o recinto superior do Castro Grande, nun primeiro momento, non estivo amurallado. Alí vivía xente que empregou esa zona como verquedoiro das mariscadas que se metían e, posterirormente, construíron a muralla de terra.
Microhistoria fosilizada na terra que pisamos.