15/4/11

Arqueoloxía da guerra civil



Este ano o Seminari Arqueologia i Ensenyament incluíu o eido da recuperación da memoria histórica en Catalunya e a súa integración en proxectos educativos. Pol Galito e Rosa Solsona amosaron o amplo proxecto de musealización e difusión realizado na fronte de guerra da cabeza de ponte de Balaguer (Lleida). Antes da batalla do Ebro todos agardaban unha macroofensiva franquista pro esta zona o que conlevou a conquista dunha cabeza de ponte, a estabilización da fronte e a consecuente construción de grandes infraestruturas bélicas, tanto do lado fascista coma do republicano. La Associació d’estudiosos del front del Segre y el Camp d’Aprenentatge de la Noguera colaboraron para abordar todo este Patrimonio e proxectalo na sociedade. Toda unha combinación de amateurismo, didáctica e participación cidadá. As actividades comezaron en 2005 coa realización de exposicións sobre o cnflicto, sempre con materiais orixinais (non traballan con reproducións), a musealización da Cota 305, El Merengue, actividades cos sobrevivintes da Quinta do Biberón, a localización, rexistro e sinalización dos espazos da guerra, dos lugares emblemáticos da guerra, a represión e a loita antifranquista nas bisbarras de Lleida. No ano 2006 leváronse a cabo escavacións arqueolóxicas tanto de posicións franquistas coma republicanas. Entre 2009-2011 procedeuse á recuperación doutros espazos na fronte do Segre, a petición doutros concellos que viron o éxito acadado no caso do proxecto pioneiro de El Merengue. Os espazos intervidos (Sentiu de Sió, Tossal de les Forques, Trinxeras dels Tossals en Mongai) van dende refuxios, a trincheiras, niños de ametralladoras, pozos de tirador, búnkers, etc... Incluso se recuperou un tanque T-26 dentro do río en Vilanova de la Barca agora exposto ao público nalgo semellante a unha rotonda.

14/4/11

Noraboa, doutor Kaal


Onte o noso compañeiro Joeri Kaal defendeu na Universidade de Santiago de Compostela a súa tese de doutoramento centrada na análise dos procesos de pirólese na área arqueolóxica de Campolameiro. Trátase dun estudo interdisciplinar que fornece unha grande cantidade de dados para trocar a nosa visión da paisaxe prehistórica galega, do modelo de ocupación do espazo das comunidades que crearon a arte rupestre das Idades do Bronce e do Ferro. Joeri é holandés e representa o último chanzo dunha curiosa conexión galego-neerlandesa. Nas nosas escavacións en Neixón escoitamos máis dunha vez falar á xente de Nine e Cespón dos holandeses que foran escavar con Acuña Castroviejo ao Castro Pequeno nos anos 70. O mesmo nos pasou na Lanzada o ano pasado, cando paisanos nos falaban de holandeses entre os arqueólogos que alí estiveron nos anos 70. A sospeita confimouse falando coa profesora de Xeoloxía da USC, Carlota García Paz, quen nos falou do grupo de investigación en xeoloxía galega establecido dene hai décadas na Universidade de Leiden. Entre 1955 e 1973 xeólogos estruturais e petrólogos desta Universidade fixeron os mapas xeolóxicos provinciais a escala 1:100.000. Sedimentólogos, paleontólogos e xeomorfólogos fixeron estudos intensivos na ría de Arousa e arredores recollidos en tesiñas de licenciatura e teses de doutoramento. Mesmo a revista Leidse Geologische Mededelingen recolle un monográfico sobre xeoloxía galega no tomo 37 (1966-1970). Esta colaboración entre a escola de Leiden liderada polo profesor Den Tex e o laboratorio Xeolóxico de Laxe débese ao labor inxente a prol deste país noso do galeguista Isidro Parga Pondal, membro do SEG, escavador do castro de Borneiro nos anos 30 e expulsado da USC en 1936.
No século XXI, dende Holanda, novamente, chegan novas perspectivas que concilian Arqueoloxía, Xeoloxía e Edafoloxía. De aquellos polvos viene estos lodos.

Fotografía de Antonio de la Peña: escavacións na Lanzada na segunda metade dos anos 70.

12/4/11

Monte do Castro


Hoxe impartirase unha conferencia sobre o avance das escavacións arqueolóxicas no castro de Besomaño (Ribadumia, Pontevedra) dirixidas polo noso compañeiro Roberto Aboal no marco do proxecto Pousadas do Salnés. Estades todos convidadors. Comprobaredes que escavar no castro de Besomaño é un gustazo.

11/4/11

O modelo andaluz de xestión do Patrimonio: versión 2.0


Margarita Sánchez Romero (Directora de Bens Culturais da Xunta de Andalucía) amosou no Seminari Arqueologia i Ensenyament o traballo de remodelación e reflexión crítica levado a cabo na propia Aministración, na política pública de xestión do Patrimonio. O modelo andaluz de xestión do Patrimonio dos anos 90 foi todo un referente que se amosaba como exemplo mesmo nos nosos cursos de Posgrao, alá polos anos 2001 e 2002. A sociedade andaluza cambiou moito dende aquela e Margarita defende a necesidade de reflexionar sobre os novos procesos de patrimonialización, nun diálogo constante cos técnicos da Dirección General que formularon as Leis de 1991 e de 2007. A administración andaluza aboga pola inclusión dos Patrimonios emerxentes e das iniciativas cidadás implicadas na protección e difusión, formando parte da identidade. O modelo tradicional de xestión oficial de bens inmobles xa non vale hoxendía. Na exposición de motivos da Lei o Patrimonio Cultural concíbese coma unha expresión relevante da identidade do pobo andaluz. O sentimento de identificación co Patrimonio é un alicerce básico da propia identidade andaluza. Da exposición de Margarita cómpre destacar unha serie de ideas-chave:
• A xestión do PC andaluz artéllase no triángulo Patrimonio, Territorio e Sociedade.
• A administración non dirixe nin intervén, unicamente tutela, centrando o seu traballo na difusión, documentación, cooperación e formación.
• A Administración non fai investigación, se ben xenera coñecemento nos expedientes de proteción e divulgación e conservación. A investigación é tarefa das universidades, outra cousa é a xestión do coñecemento xenerado.
• Documentar non é arquivar, é sistematizar, facer accesible a información, actualizar bases de dados abertas a todos, promover a trasparencia e a comunicación á cidadanía. A mellor forma de protexer é que a cidadanía recoñeza eses xacementos, sexa consciente do que tén, porque forma parte da súa identidade. A Administración forma, non programa másters pero os técnicos e técnicas imparten cursos, másters, seminarios.. iso tamén é relación coa cidadanía.
• Administración aberta a todos os axentes: universidades, grupos de desenvolvemento local, industrias culturais, público en xeral, sector educativo, medios de comunicación e centros de investigación. Pola súa vez, a xestión dos bens culturais incorpórase a procesos sociais organizados por axentes externos.
Este último punto é un dos compoñentes da xestión que debe ser revitalizado con meirande intensidade nesta reformulación do modelo andaluz de xestión do Patrimonio, no chamado III Plano Xeral de Bens Culturais. Os axentes identificados son os seguintes:
1. Os que conservan.
2. Os que ofrecen servizos técnicos.
3. Os que xestionan o coñecemento.
4. Os que xestionan tecnoloxía.
5. Os que comunican.
6. Os que utilizan Patrimonio con fins educativas e de lecer.
7. Os que ofrecen servizos para o uso social.
8. Os que promoven a utilización como recurso de desenvolvemento.
9. Os que capacitan.
10. Os que colaboran na tutela do Patrimonio.
A ponencia rematou cunha breve síntese dos Planos Directores deseñados para os conxuntos da Alcazaba de Almería, Alhambra e Xeneralife en Granada, dólmenes de Antequera, Baelo Claudia, necrópole de Carmona e cidade romana de Itálica. Estes documentos de actuación a oito anos, inclúen elementos de vencello directo coa cidadanía, incorporando novas disciplinas, unha metodoloxía interdisciplinar e requiren a participación de axentes externos. Doutra volta, materializan unha estratexia social que redimensiona os xacementos como lugares de encontros, espazos de debate e de creación, para o desenvolvemento social e a participación cidadá. Lugares de encontro entre o público e a cultura.
En definitiva, as liñas fortes do discurso asumido pola Administración andaluza son:
• Pasar da difusión á participación cidadá.
• Fortalecemento do sistema de documentación e acceso á información: en breve vanse poder tramitar telematicamente os expedientes de Patrimonio na páxina que están deseñando, aberta ás redes sociais e ás suxerencias da cidadanía.
• Da difusión á relación coa sociedade baixo unha estratexia planificada.
• Impulso radical da cooperacion con outros axentes.
• Achegamento ao local.
• Reforzamento dos Gabinetes Pedagógicos promocionados pola investigación.
Cuspidiño ca en Galicia, verdade?

8/4/11

Listillos


A forma de proceder do Concello de Boiro é lamentable. Montan un cristo e depois procuran axuda para desfacer o entuerto. Un novo exemplo. Organizan un campo de prácticas para estudantes de Arqueoloxía, firman un convenio con ianquies e despois lles buscan aloxamento pretendendo que a Administración autonómica se faga cargo, tentando poñer á súa disposición o campamento de Espiñeira. O argumento é o seguinte:

Al parecer, no hay problema en que los estudiantes ocupen las instalaciones en agosto, pero en julio la Administración autonómica suele hacer uso del recinto organizando programación propia. Con todo, el regidor se mostraba ayer optimista y confía en poder utilizar el campamento para dar alojamiento a los jóvenes que trabajarán en Neixón. Esto ahorraría una suma importante al Concello en la organización de la campaña de este verano, una iniciativa que no cuenta con demasiado apoyo por parte de las Administraciones pese a que se trata de un campo de trabajo consolidado. De hecho, este año solo la Diputación ha hecho una aportación para que se celebre.

Entre 2003-2008 levouse a cabo un verdadeiro campo de traballo en Neixón para xoves voluntarios de todo o mundo, dentro do programa verán da Xunta de Galicia que aloxaba aos participantes no campamento de Espiñeira. En 2009 Víctor Barbeito acabou con ese modelo, botou ao CSIC de alí e apostou por un campo de prácticas para estudantes de Arqueoloxía, poñéndollo en bandexa aos seus colegas dunha Universidade e dunha empresa de Arqueoloxía. Por que? Entre outras cousas por que non cren no voluntariado e na Arqueoloxía social, tan científicos eles. Acaban co campo de traballo de Neixón e agora utilizan ese nome para referirse a unha cousa moi diferente. E por riba reprochan ás administracións que non os apoien, manda truco. E para máis INRI din que o campo de traballo está consolidado cando o mandaron á merda en 2008. Sonche ben mentireiros.

http://www.lavozdegalicia.es/barbanza/2011/04/06/0003_201104B6C9995.htm

Fotografía: campo de traballo internacional de Neixón, agosto de 2008.

7/4/11

Neixón no comercio castrexo-púnico


Lembraredes a nosa asistencia ao VI Coloquio Internacional del Centro de Estudios Fenicios y Púnicos (Sevilla, 30 de setembro, 1- de outubro de 2009) cunha comunicación titulada Buscando a los púnicos en el Noroeste. Nuevas aproximaciones a la presencia mediterránea en Galicia y el Norte de Portugal durante la Edad del Hierro. Estes días acaban de saír publicadas as actas do congreso. O noso artigo podedes consultalo no apartado de produción científica.

González Ruibal, A.; Rodríguez Martínez, R. e Ayán Vila, X. M. 2010. Buscando a los púnicos en el Noroeste. Mainake, XXXII(I): 577-600. Málaga.

Neste traballo incorporamos datos das nosas escavacións en Montealegre, Neixón e A Lanzada así como materiais inéditos do castro de Alobre. Por suposto non atoparedes nada disto no discurso expositivo e museístico do Centro Arqueolóxico de Barbanza onde vos dirán que non hai nada publicado das nosas escavacións (2003-2008). Ides avisados.

Fotografía: algúns dos materiais púnicos atopados no foxo S da entrada SE ao recinto superior do Castro Grande de Neixón. Campaña de 2005.

Buscando a los Púnicos en el Noroeste

Buscando a los púnicos en el Noroeste