6/4/11

A loita libertaria e efectiva dunha Mesa Cidadá



Marabillosa a intervención no Seminari de Arqueologia i Ensenyament de José Ignacio Artillo, membro da plataforma Mesa Ciudadana en Defensa del Paisaje Protegido y yacimiento de Valencina-Guzmán. Este cidadán deu unha lección maxistral sobre as estratexias de resistencia deseñadas pola sociedade civil hoxendía contra as agresións patrimoniais fomentadas pola Administración nunha área na que os dólmenes quedan abandonados entre centros comerciais e demenciais proxectos de construción de centros de interpretación do estilo do de Neixón. Esta xente acadou desviar tramos enteiros de autovías, que se di rápido. Diferentes colectivos se confederan en plataformas formadas da noite para a mañá, actuando como lobby de presión no eido político. Existe toda unha estratexia de agregación e desagregación, coma unha rede social na que cada colectivo non perde a súa independencia e autonomía. Gañada a causa, desvertébrase a rede e a outra cousa. Interesante tamén o seu control dos ritmos na loita, de coñecemento perfecto do funcionamento dos medios de comunicación. O impacto mediático das súas accións é realmente incrible, e botan mao dun activismo gracioso. Por exemplo, para protestar pola construción dun campo de golf, montan un mini campo na rotonda de acceso á vila e explican aos conductores de que vai o asunto, ou se chantan no despacho do alcalde vestidos de golfistas. Esta posta en escena non se queda na anécdota, senónque se alicerza en todo un aparello teórico e nunha fonda reflexión crítica. Esta plataforma simplemente non existiría en Galicia (ou si?, onde serían vistos por algunhas administracións coma unha rama de Al Qaeda ou un grupúsculo anarcoide libertario. A diferenza está loxicamente na existencia dunha verdadeira sociedade civil e nunha traxectoria histórica moi diferente entre Galicia e Andalucía.

5/4/11

Arqueoloxía italo-galega en Mongolia


A nosa compañeira Cecilia dal Zovo (LAPA, CSIC) impartirá hoxe ás 18:00 horas no salón de actos do IEGPS unha charla de investigación sobre o seu proxecto arqueolóxico en Arte Rupestre dos Altai en Mongolia. Unha excelente ocasión para coñecer unha realidade abraiante, baixo todos os puntos de vista.

4/4/11

O proxecto de Guinea en culturagalega.org




Nos vindeiros días iredes coñecendo en arqueoneixon os detalles do proxecto Arqueoloxía no estuario do Muni dirixido polo noso compañeiro Alfredo González Ruibal (LAPA, CSIC). Polo momento, como primicia, tedes un pequeno vídeo editado polo excelente equipo do portal culturagalega.org no que aparecemos resumindo os obxectivos do proxecto.

http://www.culturagalega.org/noticia.php?id=18698

1/4/11

Ai Pepiño por Dios non te vaias


Que previsible todo. Alá vai o Ministro a Neixón, nun acto que non é outra cousa ca un acto electoral camuflado:

José Blanco pronunciará una charla titulada Reformas para el progreso económico. Una vez que finalice su intervención, el ministro responderá a las preguntas que, por escrito, le planteen los asistentes. El foro concluirá, según las previsiones, sobre las 22.00 horas.
Previamente, el ministro podría visitar el centro de interpretación de los castros de Neixón en compañía del teniente de alcalde Juan Jesús Ares (secretario general de los socialistas de Boiro y candidato a la alcaldía), quien aprovechará para pedir la colaboración de su departamento para poder continuar con la ampliación del complejo.
Ares le solicitará una subvención con cargo al 1% cultural del Ministerio.
Cabe recordar que esta actuación permanece parada tras una primera fase en la que se llevaron a cabo los trabajos de cimentación.


http://www.elcorreogallego.es/comarcas/ecg/jose-blanco-llega-sabado-boiro-hablar-reformas/idEdicion-2011-03-31/idNoticia-654455/

Espazo doméstico



Do discurso expositivo do Museu d'Història de Catalunya hai cousas discutibles e cousas moi ben feitas, ao noso modo de ver. Unha das que máis nos gusta é a utilización do espazo doméstico, da casa como recurso didáctico no fío argumental ao longo da visita. Temos dende unha recreación dunha casa do Bronce final do século VI a. C. até as cociñas dos anos 1960 e 1970 nas que nos criamos, pasando pola cabana de campesiños pobres da época altomedieval. Arqueoloxía do espazo doméstico.

Fotografías: recreacións no Museu d'Història de Catalunya.

Conflicto lingüístico


Intereconomía e a dinastía baltárida deron un espectáculo bochornoso no Teatro principal de Ourense. No entanto, é bo que esta xente reproduza o seu traxicómico discurso en teatros. Esta ultradereita, entre outras cousas, manexa a leria da inmersión lingüística e a desaparición do castelán en Catalunya. Manda truco. Se queren saber o que é a persecución dun idioma que se pasen polo Museu d'Història de Catalunya e vexan a represión borbónica da lingua catalá cos seus Decretos de Nueva Planta. No carrer Hospital do Raval barcelonés, onde estamos aloxados, fálanse, alomenos, 20 idiomas.

Fotografía: lápida de mármore da catedral de Tolosa, século VI d.n.e. Texto escrito en latín,hebreo e grego. Museu d'Història de Catalunya.

Nunca vai haber un Museo de Historia de Galicia




Hai un par de anos encargáronos a uns colegas historiadores unha proposta de redefinición e re-deseño dos contidos do futuro Museo de Historia de Galicia da Cidade da Cultura. Non sabemos se algunha idea foi tida en conta ou non, quizabes sexa mellor non sabelo. O que si sabemos é a decisión e vontade da Xunta de Galicia, que eliminou iso de Historia. Para que un Museo de Historia de Galicia? Para abrir a porta a discursos coma o do Museu d'Història de Catalunya, para enfrontarse ás pantasmas da guerra civil, para repensar criticamente sobre nós mesmos? Nin de coña. Por iso nunca vai haber un Museo de Historia de Galicia, porque somos un pobo sen historia. Lóxico, non? Pero hai máis. O conselleiro de Cultura do PP vai máis alá e manifestou hai pouco que o edificio abrirá as portas unha tempada, sen nada dentro. Que non pasa nada porque en Alemaña xa o fixeran antes, así a xente pode contemplar a grandiosidade do edificio, do contedor cultural. Do mesmo xeito o presidente da Diputació de Castelló defende a apertura dun aeroporto sen avións para que axente pasee polas pistas. A banalidade do mal combinada no caso galego cun curioso medo ao baldeiro. Eu de ser o conselleiro collía a necrópole de debaixo da catedral compostelá e a mandaba en bloque ao Museo de Galicia, alomenos para ver no baldeiro os ángulos mortos.

Fotografías: Museu d'História de Catalunya.