21/9/10

Arqueoloxía retranqueira




Levamos trinta anos reproducindo o mesmo discurso sobre as comunidades dos castros. Resulta abraiante analisar o enfoque verquido nos manuais escolares nas últimas tres décadas, ou nas grandes obras de divulgación. Nada cambiou. A Arqueoloxía vai polo seu lado e o mundo vai por outro: redes sociais, tecnoloxías 3D, novos medios de divulgación, demandas de contacto físico e virtual co pasado, unha sociedade multicultural, información en tempo real... todo iso lla sopla a grande parte do gremio, que prefire a típica solución galaica para estes casos: escarallarse da risa (3ª actitude). O sentido do humor e a retranca son básicos e tiñan que vir de serie. O que pasa é que en moitos casos a ignorancia é moi atrevida e ridiculizamos experiencias antes que poñernos a matinar: como facer atrativo o discurso arqueolóxico á sociedade? como recrear relativamente ben un castro? En vez diso seguimos coas nosas estratigrafías, tipoloxías e camadas 3db. Como se fosen spaguetti western ou romanadas cutres pasámolo ben sinalando en trailers, documentais e películas os anacronismos, as cafradas de atrezzo e ambientación, reseñando os prexuízos verquidos nas ambientacións (de xénero, por exemplo), ou regodeándonos no noso saber hiperespecializado. O problema é que non adoitamos facer o mesmo coa nosa produción científica, tamén inzada de apriorismos, marxinacións herdadas e ideas preconcebidas.

Dúbida metódica



A segunda actitude denota medo ao descoñecido. Algúns arqueólogos e arqueólogas recoñecen valor a estas iniciativas audiovisuais, sempre que teñan unha total rigurosidade científica e conten con asesoría de especialistas. Nada que obxectar ao respecto. O que pasa é que moitas veces se agocha un sentimento de autoafirmación gremial, algo do que facemos gala acotío (non temos colexio pero si un vesánico complexo de inferioridade). Ademais, obviamos algo básico: a Arqueoloxía ten as súas reglas e o cinema, o discurso audiovisual, as súas. E os arqueólogos non adoitamos flexibilizar e relativizar os nosos presupostos tentando comprender outras realidades alleas á nosa. Por que? Porque cremos que somos os únicos detentadores da verdade sobre o pasado.

Arqueoprexuízos



As persoas desapareceron durante moitos anos da historia da Idade do Ferro como consecuencia destas actitudes tan científicas. Este xeito de pensar inflúe notablemente nas reacións arqueolóxicas perante o cine, que se poden resumir basicamente en tres: rexeitamento total, medo/incertidume e ironía retranqueira. A primeira delas apela á seriedade da disciplina arqueolóxica, á súa natureza científica, ao método. A mesma excusa que lexitima o secuestro dos xacementos, o control da información, a prohibición expresa de que nenos e xente non formada poida escavar ou ter experiencias didácticas nunha intervención arqueolóxica, etc., etc., etc...

Un castro de película




Na Museística e en boa parte da Arqueoloxía galega segue vixente o patrón de racionalidade positivista dos anos 70. Eu só creo o que escavo é a falacia que rixe esta forma de re-pensar o pasado. Os restos materiais conservados son os que nos permiten coñecer algo as sociedades do pasado, pero nada podemos dicir da sociedade, a relixiosidade, etc... E como non hai esqueletos castrexos, non sabemos como eran esas persoas. A consecuencia lóxcica é presentar maniquíes ou figuracións en museos e unidades didácticas nas que os homes, mulleres e nenos dos castros non teñen faciana. Vendo isto, dan gañas de facer como na película Airbag, e poñer un lehendakari castrexo negro coma o pez.

Revivindo castros


O anuncio da realización dunha película titulada Galaicus desatou todo un debate na Rede que exemplifica perfectamente o tipo de Arqueoloxía que se concibe e fai neste país. Podemos facer toda unha análise psicoanalítica do noso gremio fixándonos nas reaccións dos arqueólogos e arqueólogas perante este tipo de recreacións.
Onte estivemos toda a tarde e serán no castro recreado en Punta Couso (Ribeira) como ambientación de escenas que formarán parte dun documental de Prehistoria Recente e Protohistoria de Galicia dirixido por José Manuel Novoa. Neste proxecto adoptamos o título grandilocuente de asesor científico, un título que enche de orgullo a moitos académicos que sofren de angueira porque o seu nome apareza en comités científicos, comités editoriais, comités honoríficos e demais galóns. Loxicamente a nosa asesoría é moi sui generis, pero contesta de facto á primeira pregunta que vos lanzamos:
Debe a Arqueoloxía entrar no mundo da recreación, da imaxinación, do pouco fundamentado empiricamente, do indemostrable?

13/9/10

Cambio Arqueoloxía por un Ikea?


Unha reportaxe recente no Xornal de Galicia analisa a situación da Arqueoloxía profesional no mercado empregando fundamentalmente os datos do traballo desenvolto pola nosa compañeira Eva Parga Dans. Algunhas das cuestións plantexadas na noticia son claramente discutibles ou cando menos matizables. Para contextualizar mellor esta realidade aconsellamos vivamente a leitura do volume Archaeology and the global economic crisis. Multiple impacts, possible solutions editada por ACE and Culture Lab Editions. Podedes baixarvos o libro en http://ace-archaeology.eu/fichiers/25Archaeology-and-the-crisis.pdf.
Doutra volta, segue a ter plena vixencia a análise en clave marxista do mercado da Arqueoloxía levada a cabo polo noso colega do CSIC Pedro Díaz del Río: Arqueología Comercial y Estructura de Clase no volume CAPA 12, coordenado por Mª. Mar Bóveda López: Gestión patrimonial y desarrollo social: 7-18. http://digital.csic.es/bitstream/10261/5636/1/CAPA12.pdf

Noticia orixinal en http://www.xornal.com/artigo/2010/08/31/cultura/cambio-escavacion-ikea/2010083100194600320.html

Neixón en culturagalega.org


No portal don Consello da Cultura Galega publicouse a primeira entrega dos achados máis senlleiros atopados nas escavacións desenvoltas en Galicia durante estes meses de verán. Aquí fálase das nosas escavacións no Campo d'A Lanzada e da intervención nos castros de Neixón dirixida por Andrés Bonilla.

Secadeiros de polbo e peixe en Neixón

Os Castros de Neixón son clásicos da arqueoloxía galega, con numerosas intervencións no pasado e nos últimos anos, por parte da USC, o Laboratorio de Patrimonio do CSIC e agora de novo a USC. Nesta segunda campaña que dirixe Andrés Bonilla no castro de Neixón continuou a prospección do foxo do Castro Grande que iniciaran o ano anterior e abriu dúas áreas no espazo intermedio entre os dous castros desta pequena península da parroquia de Cespón (Boiro). En Neixón o Castro Pequeno, situado na punta, corresponde ao Ferro inicial, século VI ou V a.C. e o Castro Grande encrávase na segunda Idade do Ferro.

O equipo abriu dúas áreas, unha próxima ao Castro Pequeno e outra próxima ao grande. “Na área do Castro Pequeno”, sinala Bonilla, “apareceron cimentacións de terra e pedra xunto a buratos de poste. Eran moitísimos, máis de 60 buratos nun espazo moi reducido. A interpretación preliminar é que sería unha zona de traballo, como un secadoiro de peixe ou polvo, ou unha zona para tratar os produtos do marisqueo. O que si se pode dicir é que non sería un lugar de habitación, senón un espazo estacional, no que cada tempada os habitantes do castro irían facer os seus traballos. Esa estrutura perecedoira non aguantaría dun ano para outro, e de aí o feito de que nun espazo tan pequeno haxa tantos buratos”. O achado, aínda que non se traduza en pezas espectaculares, é moi relevante, porque a penas sabemos nada sobre que había alén das murallas dos castros, e da organización do traballo e dos recursos destas xentes.

A segunda área escavada, máis próxima ao Castro Grande, abunda nas funcionalidades agropecuarias ata agora pouco coñecidas na Idade do Ferro. “Na zona intermedia entre o castro grande e pequeño apareceu unha superficie de uso”, indica Bonilla, “unha plataforma artificial. Escavámola parcialmente porque ten unha superficie considerable. Estaba cercada por unha empalizada, e podería ser algún tipo de estábulo do gando, pero non temos paralelos para nada disto noutros lugares.


Fotografía en http://www.lavozdegalicia.es/barbanza/2010/08/18/0003_8674664.htm